Campo do Fragoso CXXVI

SABOR AGRIDOCE

No regreso a Primeira gustoume o Celta, a pesar dese resultado tan ruín e decepcionante que supón encaixar un gol cando faltaban apenas seis minutos para o tempo de desconto. Con todo, o marcador foi xusto xa que este Málaga de Champions de Pellegrini procurou con maior convicción a vitoria que o Celta de Herrera que, debemos recoñecer, no treito final deu un paso atrás e non arriscou abondo conformándose co empate. Tras esta primeira derrota, a bancada celeste quedou con sabor agridoce nos beizos, o Celta ten valiosas potencialidades e algunhas eivas e fraquezas moi preocupantes. Non hai dúbida que posúe a solidez estrutural e a capacidade técnica propia dun equipo grande e competitivo, ao que non vai ser tan doado dobregar. Como tamén os celestes evidenciaron sobre a lameira unhas enormes carencias no remate, nun serán moi desgraciado para os seus dianteiros, sobre todo para Quique De Lucas, onde a pelota non quixo entrar na portaría que defendeu de marabilla e cun chisco de potra Willy Caballero.

O entusiasmo incansable dunha bancada feliz por este anceiado regreso sostivo ao Celta durante un partido moi igualado e intenso, onde os malagueños tiveron máis o control da pelota e os celestes utilizaron para nivelalo a velocidade do seu contragolpe. Comezaron os dez primeiros minutos cun excelente xogo de toque do Celta, case de claqué, conducido por Borja Oubiña e impulsado polos cambios de orientación de Álex López (un xogador que cremos estoupará esta tempada como unha auténtica figura) que procuraban a capacidade eléctrica de caneo e a mobilidade de Iago Aspas. Así naceron dúas oportunidades de certa entidade que prometían un Celta atrevido. Porén, a pesar de non perder o seu debuxo táctico, os nosos foron cedendo a pelota a un rival que xa puido marcar no minuto 12 cando Joaquín lanzou rasa e ben colocada unha falta que Javi Varas parou en dous tempos. O primeiro aviso de que os visitantes só se conformarían cos tres puntos. Foi tamén Joaquín quen sete minutos despois aproveitou unha paxarada de Bustos (a quen vimos un pouco xusto para a categoría) para fabricar un gol feito, estragado polo seu compañeiro Isco. Tras eses momentos de serios apuros para os nosos, o partido entrou na súa fase máis fermosa e emocionante. O Celta apostou por ampliar o terreo a base de pases longos. Foi primeiro Roberto Lago quen achegou un centro en parábola ao que non chegou por centímetros Quique De Lucas. Despois foi un saque de recanto moi ben ensaiado entre Aspas e Hugo Mallo o que provocou un remate de Túñez que debeu entrar. Con todo, a chave do partido para o Celta estivo no minuto 38, nese tremendo cacheiron de Álex que parou de forma milagreira Willy, tras un xogada de fantasía dun Aspas que pelexou con afouteza contra as dúas vigas andaluzas que lle asignaron. Remataba así un excelente primeiro tempo.

De Lucas debeu marcar no primeiro minuto do segundo, cando o defensa lle aguantou outra galopada sen facerlle penalti. Pouco tempo despois, tras unha combinación, dirixida outra vez pola luva de Álex, o extremo catalán puido marcar, mais o porteiro debeu tocar a pelota coas unllas para desviar a pelota ao poste. Coma sucedera na primeira parte, o Málaga comezou a opacar con paciencia o fulgor celeste e comezou a ter as súas oportunidades. Pellegrini utilizou axiña os seus tres trocos que mudaron o panorama. No minuto trinta os visitantes enviaron un cacheirón ao longueiro e no trinta e nove, cando Herrera se aturullaba na banda para facer os seus trocos, o camerunés Fabrice Olinga, un rapaciño de apenas 16 anos que acaba de entrar no campo, cunha bicicleta atopou por vez primeira as costas á nosa parella de centrais, Cabral e Túñez, que até entón construíran un muro infranqueable. Aínda así, o Celta puido empatar o encontro nos minutos de desconto, cando Cabral rematou ao longueiro no derradeiro minuto. En definitiva, mal resultado e mellor xogo, un balance entre o lusco e fusco, como pode ser a tempada deste Celta de primeira.

Onte 345: #EstamosdeVolta

Foi unha marabilla participar do entusiasmo co que a bancada celeste asumiu o regreso a Primeira. A pesar do resultado tan ruín e da decepción de enviar ao longueiro un balón no derradeiro minuto, o xogo do Celta foi moi esperanzador. #EstamosdeVolta e comezamos as rotinas da liga e do novo curso escolar. Tempus fugit.

Onte 294: Na Biblioteca Pública da Coruña

Nas últimas semanas presentamos en dúas ocasións libros nas Bibliotecas Públicas. Onte foi As rapazas de Xan de Manuel Inglesias Turnes na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, onde se vive unha intensa actividade de fomento da lectura. Chamoume moito a atención a exposición de libros e catelaría con motivo do ascenso do Deportivo, que entendín como un xeito de manter o diálogo permanente da biblioteca coas preocupacións  e emocións da súa sociedade de lectores. Non puiden evitar fotografar os anuncios dos derbis («partidos da amizade») entre Coruña e Celta de 1960, excursións organizadas pola Peña Poucos per bos en auto-pullman de plástico que saía ás seis da mañá e regresaba, tras o partido, ás oito da tarde. Poucos espazos son máis axeitados, xunto ao da libraría cultural, para socializar e visibilizar as nosas novidades literarias. A Biblioteca Pública é o punto de encontro de todos os públicos lectores. Apostamos por colaborar coa s bibliotecas públicas.

Novo vídeo de Karpinha


Karpinha volve recoller toda a emoción do celtismo na xornada do ascenso. A vindeira tempada, xa en primeira, máis.

«De primeira»

«De primeira» é o título da reportaxe que o programa Reporteiros da TVG dedicou ao ascenso do Deportivo e do Celta. Recolleron algunha das miñas opinións celestes. Debe quedar no arquivo.

Onte 279: Paíño, o pichichi rebelde

Gustoume moito que as páxinas deportivas de Faro (sempre excelentes) sinalasen no pasamento de Manuel Fernández «Paíño» a súa condición de futbolista lector e rebelde. Efectivamente, o goleiro de San Paio de Navia, de quen nos falaba con saudades meu pai, pichichi que foi en primeira división co Celta (no 48) e co Madrid (no 52), sempre tivo que navegar a contracorrente pola súa condición de fillo de republicáns. A pesar de ser unha figura indiscutible, un home gol nato dunha afouteza temeraria, capaz de pelexar con aquelas defensas temibles, só puido participar na selección española en tres ocasións, xa que naqueles anos do medo foi identificado como o «futbolista rojo». Non foi convocado para participar no mundial de 1950, quizais por que non contaba coa certificación de «cojones  y españolía» reclamadas polos responsables deportivos do réxime. Mesmo Arriba  criticouno por ser lector dos novelistas rusos: «Que se puede esperar de un futbolista que lee a Tolstoi y a Dostoievski», preguntábase retoricamente o xornal de Falanxe. Paíño, un alcuño que facía referencia a máis cativa ave mariñeira, confesou nunha das súas últimas entrevistas, que como lector amaba a Ramón Cabanillas e Ernest Hemingwy, o que demostra as moi vellas relacións entre o mellor fútbol e a literatura. Upa, Paíño, grande!!!

Xuntos somos invencibles


Din que conmoveu a Paco Herrera e que serviu para motivar ao vestiario antes do partido co Córdoba, probablemente é a mellor peza da nosa admirada Karpinha08. Tamén recomendo moi vivamente a peza máis recente «Amos do noso destino, capitáns da nosa alma», hoxe gabada no Faro.

Onte 269: O Celta co galego

Balaídos fala galego dende hai décadas. O serán do ascenso foi outra manifestación da lealtade e respecto do Celta co noso idioma, xa que a lingua galega foi a vehicular na festa do ascenso. A cartelaría e sinalética, as intervencións do animador, dos membros de «A Roda» e do resto dos grupos musicais, foi todo en galego. Outrosí sucedeu coas entrevistas da maioría dos xogadores galegos na TVG ou a presenza de bandeiras galegas no campo, mostras de que o noso equipo ten raíces moi ben chantadas na terra. Este Celta galego é unha fachenda para todos.

Campo de Granada CXXV

ARRIBA, CORAZÓNS CELESTES!

O serán de onte quedará na memoria, outro engrama celeste nas nosas vidas, o segundo ascenso do século XXI. É certo que o fútbol non compareceu na lameira, a pesar que o Celta foi o equipo con mellor xogo e máis goleiro de toda a categoría durante a maior parte da tempada, pero onte os afeccionados soubemos desculpar aos nosos xogadores xa que do que se trataba era de obter un puntiño da forma máis discreta posible. Os rapaces nosos nunca noutra semellante se viran, e como di a canción de Eladio como «o noso era a inxenuidade», non souberon disimular o seu nulo interese en dificultar o empate co que soñaba o Córdoba. Xa aos cinco minutos, o público, que ateigou o vello Balaídos, amosou que viña máis preparado para gozar da festa que para atender o que sucedía na lameira. A primeira onda foi inevitable para defenderse do recital de mediocampismo inane de salón de ambos os dous equipos. A pelota practicamente non saíu dos cincuenta metros centrais durante todo o partido. O espectáculo foi nefasto, case vergonzoso. Non houbo apenas xogadas que merecesen ser relatadas. O Celta non superou a liña de tres cuartos do campo andaluz até o minuto 25 do primeiro tempo. De Lucas, o noso único atacante centrou dúas veces dende a banda, cando non había na área ningún xogador noso para rematar. No minuto 37, Oubiña picou dende o seu campo un globo que chegou ao porteiro do Córdoba, nunha das poucas intervencións que puidemos contabilizar. Así rematou a unha primeira parte da nada, nada que temer para os celtistas. Non mudou o panorama na segunda, onde a bancada apenas tiña o aliciente de lembrar a mala sorte que persegue a Miroslav Djukic, o adestrador do Valladolid de corazón deportivista, ou entoar con moita prudencia, xa cando apenas faltaban quince minutos, “A rianxeira”. Así somos de prudentes os celtistas, xente paciente até o lirismo, educada agardando polo ano que vén, intentándoo cada tempada con azos renovados. Esa actitude de ferro foi a que nos permitiu resistir estas cinco durísimas tempadas en Segunda, unha división máis igualada e emocionante ca Primeira, a pesar de que nalgún momento deste lustro estivemos pendurados do arame, unidos apenas por un fío de seda ao territorio da desolación. Esa madurez é a que permite comprender a actitude diletante do noso equipo e desculpalo por ofrecer un espectáculo escasamente edificante, dos que non fan afección, un xogo que nada tivo que ver con aqueloutro vibrante, marabilloso, afouto, ofrecido no encontro anterior co Xerez, no que realmente se forxou o derradeiro treito deste grande ascenso. O desta tempada foi un éxito rotundo dun equipo de espírito atlántico, o máis galego que lembramos en décadas. Este ascenso é o triunfo do traballo calado e paciente da canteira da Madroa, da xente da casa, da madurez dunha xeración de futbolistas novos capaces de enfrontarse co futuro confiando nas propias forzas. O ascenso é froito do traballo de dous anos de Paco Herrera, un adestrador honesto que co seu compromiso se foi gañando xornada a xornada o agarimo dos afeccionados. Un míster sincero, que nunca intentou enganar a ninguén, que recoñeceu as dificultades e sinalou con determinación o obxectivo de gañar todos os dez últimos partidos, capaz de recoñecer que durante a última semana “a súa cabeza non parara”, un fermoso xeito de identificarse con cada un dos seareiros celestes. Un ascenso que, tamén, é froito do traballo social do club e do presidente Mouriño, que merece os maiores parabéns. Mais e sobre todo, este ascenso é froito en boa medida da actitude dunha afección teimosa que nunca desistiu, o activo máis importante cara o futuro. Este ascenso, en definitiva, é unha proeza colectiva dun club con raíces ben chantadas na súa cidade, na terra dos galegos, mais capaz de tecer unha rede celtista de simpatía no mundo, nesa diáspora celeste que con certeza vibrou onte en Internet a lume de biqueira, como logo lembraron os compoñentes de «A Roda» e o marabilloso Gonzo. Coa bandeira celeste no aire, por sempre, Celta! Arriba, corazóns celestes!

Onte 263: Corazóns galegos

Envexable a marea branquiazul celebrando o ascenso. Semella incrible ese entusiasmo desbordado para recuperar a posición perdida hai apenas un ano. Alédome moito por Juan Carlos Valerón, un futbolista de fantasía que saíu ovacionado no derbi de Balaídos. Abeizoo, tamén, aos milleiros de deportivistas que acreditan nese soño do fútbol galego, de espírito inequivocamente atlántico, de pase longo e caneo de claqué. Pola nosa banda, os celtistas, xente paciente até o lirismo, seguimos sumando con esforzo, dispostos con moita prudencia e humildade a rematar o domingo cunha angueira de cinco tempadas nas que chegamos a visitar as marxes do abismo. Aínda non o podemos crer! Arriba, corazóns galegos!