A artesanía de APAMP

No artigo da semana percorro a traxectoria de tres décadas de APAMP (Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral) a raíz da presentación esta semana do libro APAMP. El mundo de lo hecho a mano. A pesar dos importantes avances acadados, queda moito, moito por facer para obter a igualdade real de oportunidades de todas as persoas con discapacidade, queda aínda camiño por percorrer para atender as súas necesidades ou para que accedan sen dificultade ningunha a idénticos lugares e servizos que o resto dos cidadáns. Algo que non debemos esquecer.

A foto de X.C.G. (La Voz de Galicia) corresponde á presentación do libro celebrada o pasado venres no Verbum. Acompañamos a Daniel Varela (actual presidente de APAMP), Eli Regueira (fotógrafo, deseñador e produtor do libro), María Garrido (artesá, unha das protagonistas, presentadora da obra) e José Gabriel Barral (histórico voluntario de Auxilia e APAMP e colaborador do libro).

Abandonados

No artigo da semana abordo a situación das persoas sen teito que deambulan por Vigo, ao tempo que denuncio a inhibición da Alcaldía e da Xunta de Galicia, tras oito meses de debate retórico, para darlle unha solución á ubicación do asilo de emerxencia.

Pola volta da irmandiña

No artigo da semana pretendo achegar razóns que aconsellan a volta da Irmandiña. Non teño dúbidas de que a liquidación das seleccións absolutas de fútbol forma parte da estratexia da degradación identitaria acometida por Feijóo («deconstrución» ou «subtracionismo» no máis recente libro de Manuel Rivas). Triste goberno que até nos rouba a posibilidade de vivir durante noventa minutos ao ano a posibilidade de sermos donos de nós.

Os dilemas de Feijoo sobre a lingua

No artigo da semana abordo o que entendo é o dilema de Feijóo sobre a lingua: apoiar o negacionismo ou recuperar o espazo de consenso forxado arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística.

O futuro dos libros dixitais

Inevitablemente, o artigo da semana (misteriosamente non aparece este domingo na web de Faro) reflexiona sobre o futuro dos libros dixitais.

O libro dixital centrou esta semana o noso debate cultural. A celebración dun simposio, organizado pola Asociación Galega de Editores, sobre o presente e o futuro do libro dixital, e a publicación por Xerais e Galaxia dos seus primeiros títulos para dispositivos portables de tinta dixital (os popularmente coñecidos coma “e-books”) anuncian a chegada dos libros dixitais. Dúas boas noticias para a cultura galega que amosa a súa vontade de participar sen complexos no debate cultural contemporáneo e o seu interese por non perder o tren destes tempos.

Tras máis de cinco séculos de estabilidade do modelo de comunicación cultural, baseado na imprenta gutemberiana, lectores, autores e editores estamos convidados a participar das mudanzas provocadas pola irrupción do novo tipo de lectura urdido sobre as pantallas de diversos dispositivos tecnolóxicos (ordenadores, teléfonos móbiles, axendas electrónicas, videoconsolas ou libros de tinta electrónica). Iso suporá que os libros impresos teñen os días contados? Velaí o debate arredor do futuro dos libros dixitais.

Adianto que son dos que cre na irreversibilidade da mudanza do paradigma do libro e que máis cedo ca tarde, non son adiviño, as utilidades dixitais da lectura sobre pantallas triunfarán tamén no mundo da comunicación cultural. A razón do seu éxito residirá nas formidables potencialidades atesouradas pola prosa electrónica, que permite por medio dun clic enriquecer o contido dun texto enlazándoo con outros externos (o fenómeno coñecido como “intertextualidade”) ou con imaxes e sons interactúando con el (a chamada “multimodalidade” tan característica da internet 2.0, onde xunto aos textos aparecen fotos, vídeos ou arquivos musicais). Noutras palabras, esta nova forma de ler e escribir sobre pantallas (o que chamamos “literacidade electrónica”) permitirá novas e mellores posibilidades de creación e de acceso ao coñecemento e á información.

Esa literacidade, presente nos blogs, nas edicións dixitais dos xornais coma nos espazos das exitosas redes sociais como Facebook, Tuenti ou Twitter, vai calando coma poalla nos hábitos do lector ou lectora contemporáneo, seguramente con maior facilidade na xeración dos nosos fillos (os chamados “nativos dixitais”) ca na nosa (a “dos emigrantes dixitais”) que precisamos dun maior esforzo para incorporarnos ao emprego destas utilidades. Razón pola que é probable que os lectores adoito de pantallas –sometidos á perigosa diabete informativa provocada por textualidade (o que require un lector máis crítico e mellor formado)– non teñan prexuízos ningúns para incorporarse como usuarios ás diversas modalidades nas que se presentan (polo momento) os libros electrónicos: como “e-books”, como obxectos educativos proxectados en encerados dixitais, como servizos de consulta en liña, como audiolibros ou como textos multimedia.

Porén, creo que, polo momento, non vai desaparecer de maneira ningunha a publicación de libros impresos. Máis aínda, fronte aos que agoiran a morte inminente do libro gutemberiano, nos vindeiros anos as edicións impresas e electrónicas convivirán no mercado e nos hábitos dos lectores, procurando cada unda delas os seus espazos de especialización. No entanto, na edición literaria ou de lecer dificilmente triunfarán os actuais “e-books” se non mellora a usabilidade dos dispositivos de lectura portables (ollo!, poden ser os móbiles de nova xeración), achegan “extras” multimodais atractivas e se artella unha cadea de valor que, fixando un prezo asequible por descarga ou subscrición, respecte o lexítimo dereito de autoría. E neste contexto de competencia, os libros literarios impresos máis fermosos e máis coidados serán os que máis posibilidades contarán de obter o apoio dos lectores, eis un reto para os editores que aposten continuar con este formato analóxico.

No entanto, se non se supera a actual identificación do dixital co gratuito (para unha boa parte dos usuarios de Internet todo o contido que alí aparece debe ser de balde, esquecendo o pagamento que realizan polo servizo de acceso ou polos caros consumibles das impresoras), non haberá posibilidade de reconstruír unha cadea de valor intersectorial para a edición profesional dos libros dixitais. Unha cadea que, respectando o protagonismo do autor, contemple as funcións de editores (centrados sobre o tratamento do contido) e libreiros (especializados na promoción do produto), profesionais sobre os que se asentou o noble oficio da edición dende que naceu na sociedade romana. Todo o sector do libro, como o da comunicación cultural no seu conxunto, está obrigado a iniciar esta mudanza de rumbo, na que convivirán libros impresos e dixitais e nas que haberá que responder a moitas preguntas e despexar moitas incerteza.

«Ramón Cabanillas 50»

No artigo da semana percorro as homenaxes que se lle tributan mañá, 9 de novembro, ao poeta Ramón Cabanillas con motivo do 50 cabodano do seu pasamento.

«A deleiba da lingua»

No artigo da semana, con motivo da manifestación de hoxe, recollo a liña argumental de Amin Maalouf sobre a diversidade cultural e lingüística como eixos dunha nova civilidade.

Amin Maalouf acaba de publicar A deleiba do mundo (Xerais 2009), un ensaio apocalíptico e ao tempo esperanzado no que identifica as razóns polas que neste inicio do novo milenio as nosas civilizacións emorecen e, ao tempo, propón as vías que puidesen evitar a regresión anunciada. O escritor franco-libanés –galardonado este ano pola Xunta de Galicia co Premio Compostela que recoñece o labor a prol da unidade europea e da preservación do seu patrimonio cultural– enuncia con toda a claridade o dilema que debe resolver a aventura humana ao longo deste século: “seguir pola vía das civilizacións enfrontadas, que se imitan e se uniformizan, ou crear unha soa civilización humana, pero que se desprega a través dunha infinita diversidade”. Para seguir a primeira, abonda con irnos á valga preguiceiramente, como facemos hoxe seguindo o modelo da homoxeinización cultural empobrecedora. Elixir a segunda vía precisa dun arreguizo, dun compromiso con dous principios, intanxibles e inseparables para Maalouf, “a universalidade dos valores esenciais e a diversidade das expresións culturais”.

Esta concepción de Maalouf supón volver pensar o mundo dende a primacía da cultura e, sobre todo, dende a identidade cultural de cada comunidade, que ten como compoñente insubstituíble a súa lingua. As súas palabras son a este teor inequívocas: “respectar unha cultura é animar o ensino da lingua que a leva, é favorecer o coñecemento da súa literatura, das súas expresións teatrais, cinematográficas, musicais, pictóricas, artesanais, culinarias, etc.” Para Maalouf é posible unha humanidade consciente do seu destino común, reunida arredor dos mesmos valores esenciais, pero (e volvemos roubarlle as súas palabras) “seguindo a desenvolver, máis que nunca, as expresións culturais máis diversas, as máis abundantes, preservando todas as súas linguas, as súas tradicións artísticas, as súas técnicas, a súa sensibilidade, a súa memoria, o seu saber.”

Esta preocupación pola primacía da cultura e a conservación da diversidade lingüística xa se concretara o pasado ano no estudo “Un reto proveitoso. Como a multiplicidade de linguas pode contribuír á consolidación de Europa” (dende entón Informe Maalouf) que dez intelectuais encabezados por el presentaron á Comisión Europea. “Se Europa ten sentido é porque pobos libres decidiron vivir xuntos e agardan que as súas linguas e as súas culturas se expandan en vez de reducirse ou desaparecer” é a idea trabe sobre a que se propón un novo modelo de plurilingüismo europeo. Para contrarrestar unha tendencia aparentemente imparable de utilización dunha única lingua europea, o Informe Maalouf propón que xunto á aprendizaxe da “lingua materna ou identitaria” e da “lingua de comunicación internacional”, cada un dos europeos opte ademais por unha “lingua persoal adoptiva” para ser aprendida con paixón e permitir o acceso a outra cultura. Unha vez máis, Maalouf aposta polo plurilingüismo e pola diversidade cultural como o mellor investimento para a convivencia e, neste caso, para o proceso de construción europea.

Este modelo maaloufiano de linguas que suman e enriquecen a cada un dos individuos e ao acervo común das comunidades ás que pertencen foi tamén o que impregnou as políticas lingüísticas levadas en Galicia durante as tres últimas décadas. Políticas prudentes de converxencia e integración que pretenden conseguir idéntica competencia nas dúas linguas cooficiais para que logo cada cidadán escolla nos diferentes ámbitos a que sexa da súa preferencia. Sobre este modelo forxáronse os acordos da Lei de Normalización Lingüística de 1983 e o Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004, as dúas pezas senlleiras que recollen os consensos forxados por todas as forzas políticas e sectores sociais arredor do uso e da aprendizaxe das linguas que falamos os galegos.

Fronte a este modelo consensuado de integración e de aposta pola diversidade lingüística (que no caso noso non pode ser máis que de decidida promoción da lingua galega en todos e cada un dos ámbitos da vida social, xa que sofre un perigo real de desaparición motivado por un proceso acelerado de substitución lingüística) abriuse camiño en Galicia un modelo negacionista de monolingüismo en castelán (presentado baixo a falsa aparencia de “bilingüe”) que contando co apoio do Goberno Galego e do seu presidente pretende dinamitar sen contemplación ningunha todos os consensos acadados sobre o uso e a aprendizaxe das linguas en Galicia. Algo verdadeiramente inaudito e irresponsable.

Hoxe en Compostela, milleiros de cidadáns galegos camiñaremos para reclamar que non se dinamite a esperanza dun pobo milenario que ten na súa lingua e na súa cultura a súa mellor contribución á aventura da humanidade.

«Herta Müller, Nobel en Galego»

No artigo da semana volvo sobre a concesión do premio Nobel de Literatura 2009 á escritora alemá Herta Müller. Recomendo esta longa e excelente entrevista coa autora suaba, realizada en 2008 en México, que axuda moito a coñecer o seu posicionamento político e peripecia biográfica.