U-lo albergue?

No artigo da semana en Faro de Vigo abordo a polémica arredor da ubicación do albergue de emerxencia de Vigo. Reprodúzoo, xa que non aparece nas páxinas electrónicas do decano.

Os lectores de “Faro de Vigo” coñecen de primeira man a polémica existente sobre o futuro do edificio da Gota de Leite, onde estaba previsto ubicar o albergue municipal para as persoas sen teito e, agora, se pretende instalar á policía local. E como sucedeu xa coa polémica (non resolta) sobre a ubicación da biblioteca estatal, semella que son a improvisación, a falta de planificación e a escasa capacidade de diálogo as variables coas que os nosos políticos locais participan no conflito.

Como entender, se non, que tras a decisión da concellaría de benestar social (BNG) de pechar o albergue provisional instalado dende hai catro meses na antiga Escola de Hostelaría, xa que non cumpría os requisitos mínimos de habitabilidade, unha situación que foi denunciada en varias ocasións pola vicevaledora do Pobo e responsables da Federación Veciñal, os trinta usuarios diarios deste servizo quedasen literalmente “na rúa”  dende a noite do pasado venres? Como explicar que, a pesar do peche deste albergue provisional e de estar finalizadas as obras de acondicionamento, a consellaría de Traballo e Benestar e a delegación metropolitana da Xunta de Galicia en Vigo (PPdeG) non autoricen a apertura do centro de emerxencia social do edificio da Gota de Leite, onde dende hai tempo está previsto dar servizo a esas cento cincuenta persoas sen teito que se estima viven na nosa área metropolitana? Como facer comprender á cidadanía viguesa a incapacidade dos dous polos do goberno municipal para acordar o uso do edificio da Gota de Leite, non o esquezamos, propiedade da Xunta de Galicia?: para o alcalde, o seu grupo socialista e o comité de persoal do concello, o lugar ideal para instalar a nova sede da Policía Local; para a concelleira de benestar social, o seu grupo nacionalista e a Rede Social Galicia Sur, que agrupa a máis de vinte ONG-s, a sede do centro de axuda a persoas desfavorecidas, que debe ser aberta coa maior urxencia.

Definido en termos políticos o problema, compréndese doadamente que son as diferenzas (polo momento insalvables) entre os tres partidos as que deixan á intemperie aos usuarios deste servizo de emerxencia provisional, utilizado por numerosos transeúntes, mariñeiros, inmigrantes e algúns dos máis pobres e desfavorecidos de entre todos os nosos concidadáns. A descrición que realizan as ONGs sobre a situación destas persoas é desacougante. Calculan que ao longo do último ano nas rúas e prazas de Vigo morreron abandonadas, na máis absoluta soidade, unha ducia destas persoas (24 o pasado ano!), por mor das doenzas que arrastran e da súa propia situación de precariedade. A vítima máis recente foi Igor, un aparcacoches ucraíno de cincuenta anos, que faleceu a comezos deste mes nun banco do Berbés, apenas a cen metros das instalacións do albergue provisional recentemente pechado. Unha situación gravísima que, dende hai tempo, denuncian teimosamente coas súas mobilizacións a asociación de autoapoio Imán e o programa asistencial Sereos, entidades que reclaman a creación dunha rede de albergues municipais que proporcione a estas persoas excluídas un pouco de abrigo e axuda. Situación que, alertan os responsables dos servizos sociais, os debastadores efectos do desemprego podería ampliar a un maior número de persoas.

Porén, non son estes os criterios que se empregan para dirimir a ubicación do albergue vigués de emerxencia. Utilizando a estratexia do manual de campaña que tan bos resultados lle proporcionou na súa oposición ao pasado goberno bipartito, o Partido Popular adía a mantenta a apertura do albergue da Gota de Leite xa que deste xeito profundiza na fenda existente sobre esta cuestión entre socialistas e nacionalistas, ao tempo que lle serve ao seu portavoz municipal para denunciar a existencia de dous gobernos en Vigo e a falta de autoridade do alcalde, que non é capaz de cesar a esta concelleira que defende un criterio radicalmente diferente ao seu. Outrosí, sucede co alcalde quen pensa que a el non lle falta razón na súa pretensión de ubicar as instalacións da Policía Local, situadas no garaxe do concello dende hai décadas, nun edificio próximo que, por riba, leva un período baleiro e que reclama mesmo o cadro da propia policía. Mentres, a concelleira de benestar, con enorme impotencia, vese obrigada a asumir a responsabilidade do peche do albergue provisional. Un cadro político para botarse a chorar. Quen ten a valentía de introducir as doses de racionalidade e diálogo suficientes para solucionar o problema da apertura inmediata do albergue dende a perspectiva dos intereses xerais de todos os cidadáns sen excepción? Cada noite máis na que estas persoas sen teito continúen baixos os efectos da intemperie, será unha xornada de vergonza para o conxunto da cidadanía viguesa.

Vertebrar Galicia

No artigo da semana volvo sobre a necesidade de abordar a organización territorial como requisito para poder modernizar as administracións locais e crear as áreas metropolitanas. Sen solucionar ese debate estratéxico para a construción da nación, témome que nos fartaremos de participar en  enleadas localistas. Contaremos con esa estratexia de país?

Comezo do Vigo metropolitano

No artigo da semana valoro como positiva a noticia da creación da delegación da Xunta de Galicia en Vigo, ao tempo que reitero a necesidade dun acordo nacional arredor da organización do territorio. Rachar por vez primeira na nosa historia contemporánea a estrutura provincial da administración constitúe un feito moi significativo.

A estratexia de Feijoo

No artigo da semana analizo a que entendo é a estratexia de Feijoo: presentarse como modelo alternativo aos erros do bipartito. Presidencialismo acusado, ruptura coa cultura comunicacional do fraguismo, liquidación do sector da boina (por galeguista e ruralizante) e ataque constante aos adversarios políticos aí onde agora máis lles pode doer, os gobernos municipais das cidades, serían manifestacións dunha estratexia que en termos futbolísticos definiriamos como «claramente atacante».

U-la biblioteca

No artigo da semana crítico a falta de planificación estratéxica dos equipamentos sociocomunitarios en Vigo, ao tempo que rexeito adecisión do alcalde Caballero de ubicar a nova Biblioteca do Estado na Escola de Artes e Oficios.

Aconfesionalidade

Ao fío das procesións de Semana Santa no artigo da semana propoño unhas pequenas doses de laicismo no comportamento dos funcionarios e servidores públicos.

Identidades dixitais

No artigo da semana de «Campo de Granada» (non aparece na web de Faro de Vigo) abordo, dende un punto de vista xeral e divulgativo, a cuestión das  Identidades dixitais, unha das compoñentes, xunto a literacidade electrónica, do paradigma da comunicación cultural electrónica.

Durante a última década, debido aos avances das tecnoloxías da comunicación dixital, fomos incorporándonos ao emprego da telefonía móbil e das utilidades proporcionadas por Internet. Tanto as persoas que o fixeron de forma entusiasta, como as que arrastraban inevitables prexuízos ou medos sobre o emprego destas novas ferramentas convértimonos, con enorme rapidez e sen contar con ningún tipo de alfabetización específica, en lectores sobre pantallas e micropantallas. Temos a fortuna de ser testemuñas e actores da revolución comunicacional máis trascendental que a humanidade ideou, dende hai cinco séculos, tras a invención da imprenta de tipos móbiles: a da expansión mundial da comunicación electrónica.

Velaí os cambios de costumes que vivimos desde a revolución introducida pola telefonía móbil  da que moi dificilmente somos xa capaces de subtraernos. Eis a mudanza dos nosos hábitos de comunicación a distancia. No móbil recibimos mensaxes instantáneas que nos convocan a un acto cultural (como fan sistematicamente concellos como o de Soutomaior) ou nos recordan unha cita médica; dende o teléfono enviámolas para expresar intimidades ou para comunicar un resultado deportivo ou unha noticia que escoitamos na radio. Outrosí sucede coas utilidades de Internet que, a pesar da fenda dixital que aínda padecemos no noso país (Galicia continúa á cola pola súa porcentaxe de usuarios), xa son empregadas adoito por maior número de usuarios. Xa non fai falta ser un friqui nin un experto nos trebellos informáticos para utilizar o correo electrónico coma a nosa primeira identidade dixital (onde recibimos comunicacións persoais e institucionais), ou a navegación na rede para ler os nosos xornais e blogs preferidos (onde, e isto é moi importante, deixamos publicadas as nosas opinións sobre os seus contidos), consultar as nosas contas bancarias ou visionar as nosas series preferidas, mesmo adiantándonos a súa emisión polas canles de televisión.

Usuarios algo máis avanzados non teñen moitas dificultades para aproveitar as utilidades destas tecnoloxías que se «actualizan» (sería máis axeitado dicir que mudan e melloran o seu funcionamento) a unha velocidade de vertixe. Empregan as terminais dos seus móbiles para publicar os vídeos e fotos que tiraron con elas nos seus blogs ou no seu perfil de Twitter, o que lles permite compartilas de forma case inmediata con todos os seus amigos e amigas de Facebook ou Tuenti, dúas das redes de sociais onde teñen aberta a súa identidade dixital.  Outrosí sucede con eses case dous mil mozos e mozas entre os 16 e 35 anos que durante tres días desta fin de semana se reuniron no «Xuventude Galiza Net 09» (un encontro informático que vai xa na décima edición) para compartir de forma incansable arquivos e expresar a creatividade e a potencia informática da mocidade do noso país.

Dende estes usuarios máis avanzados até aquelas persoas que comezan a súa alfabetización na cultura dixital todas asumen unha nova literacidade, un novo xeito de ler e escribir sobre as pantallas, ao tempo que van construíndo unha identidade dixital, como parte da súa identidade persoal. Estes dous compoñentes, literacidade e identidade dixital son as dúas trabes do paradigma da comunicación dixital do que ningunha persoa, institución, administración, sociedade, empresa ou calquera tipo de entidade pode quedar alleo. Como salienta Juan Freire, o blogueiro Nomada e profesor da Universidade da Coruña, no marco dunha Internet que se está construíndo diante nosa e que pretendemos sexa un espazo de aprendizaxe e socialización, será necesario que neste futuro-presente cada persoa ou cada organización xestione a súa propia identidade dixital. Eis un reto ineludible.

Unha identidade dixital confórmase a partir das identidades fragmentarias que construímos a partir da nosa aprendizaxe das competencias da cultura dixital e das utilidades asociadas a ela que somos capaces de manexar. As identidades dixitais, tanto as individuais como as das organizacións, vanse conformando na conversa activa que mantemos na rede sexa na rede de blogs (como Blogaliza no caso noso) ou nos espazos multimodais (os vídeos en You-tube; a música en Last.fm; as noticias en Chuza, Delicious ou Technorati, as fotos en Flickr ou en Picassa). Conversa que agora se amplía e axiliza pola participación  nas redes de “status” (que estás facendo?) e “presenza” (onde estás?) conformadas polas utilidades de microblogueo (Twitter, Lareta ou Gmail Google Talk) ou as de participación social e de lecer (Facebook ou Tuenti). Como as abellas, na rede imos tecendo a nosa tea cos fíos que achegamos en cada un destes espazos. Eis o reto da nova Internet 2.0 ou 3.0, mais optar por unha denominación u outra é outro debate.

Os nosos índices de lectura

No artigo da semana reflexiono sobre os índices de lectura máis recentes dos que dispoñemos. O repunte dos hábitos lectores, o incremento da lectura en galego, a mobilización lectora da mocidade e o importante papel das bibliotecas escolares e do sistema escolar neste proceso son algunhas das cuestiónas abordadas.

Repensar a Reconquista

No artigo da semana (non aparece na web de «Faro de Vigo») propoño unha dupla proxección para a efeméride da Reconquista: como festa primeira do Casco Vello e como festa do Vigo futuro.

Non son un fanático da Reconquista nin tampouco teño fobia ningunha contra ela. A figura do capitán Bernardo González del Valle «Cachamuíña», o noso heroe local por excelencia e primeiro gobernador militar do novo Vigo, merecíame apenas o respecto de ser lembrado na balada que a el e a María Pita dedicou Siniestro Total («ron ron la botella de ron…»). O seu heroísmo na noitiña do 27 de marzo de 1809 desfacendo a machada a porta da Gamboa –canto menos así o relataba en 1810 José Fernández y Neira en Proezas de Galicia, a primeira crónica publicada en galego no século XIX, logo recollida e fixada por José de Santiago e Gómez na súa Historia de Vigo de 1896– considereino unha glorificación hiperbólica dun acontecemento que supuxo outro triunfo do pensamento absolutista fronte os valores republicanos (liberdade, igualdade e fraternidade) que representaban as tropas mercenarias ao mando de Jacques Antoine Chalot. 

Porén, despois de douscentos anos, aquel levantamento contra a invasión do exército francés, que despois supuxo o recoñecemento como tal da nosa cidade e a concesión por parte do consello da rexencia en 1810 do título de «fiel, leal, e valerosa», compréndese con maior obxectividade. Fronte as fabulacións, erros e manipulacións interesadas (froito da historiografía romántica do século XIX), que se foron transmitindo acriticamente dunhas a outras obras da nosa historia local,  a actual historiografía salienta unha nova perspectiva nos acontecementos: a Reconquista viguesa foi un levantamento dos paisanos que sen axuda de estado ningún se mobilizaron para defender a vida e as propiedades das súas familias.

Así o argumentan con datos e documentos as obras publicadas máis recentes sobre a cuestión: os libros de Eduardo Rolland (Reconquista. Vigo en armas) e Xosé Ramón Barreiro Fernández (Historia social da Guerra de Independencia en Galicia), ambos os dous editados por Xerais este ano, e a serie diaria de Antonio Giráldez Lomba sobre o «Bicentenario da Reconquista» e a semanal de Javier Mosquera sobre «Protagonistas da Reconquista de Vigo», ambas as dúas publicadas en Faro de Vigo. Fronte a inexistencia dun exército regular, o pobo galego (labregos, mariñeiros e cregos), organizouse en 261 alarmas comarcais que, dispostas ao longo da costa e da raia portuguesas, se comunicaban dende lugares estratéxicos mediante sinais de fume e fogo. Segundo Barreiro Fernández, as alarmas mobilizaron por este sistema a 200.000 persoas e 17.000 oficiais, elixidos polo pobo, que fixeron fronte á invasión das tropas napoleónicas para defender o seu e aos seus.

Esa foi a clave política da primeira revolución popular galega do XIX e esa debería ser a chave coa que en Vigo deberíamos abrir, fóra de calquera exacerbado localismo ou da exaltación de glorias e enseñas militares (que non veñen ao caso), este ano a efeméride da Reconquista e o vindeiro o bicentenario do recoñecemento da cidade como tal. A Reconquista non pode ser máis ca unha festa cívica e popular compartida por todos os sectores sociais vigueses. Dende esta perspectiva é posible repensar o modelo de celebración da efeméride proporcionándolle unha dupla proxección: a primeira a de intensificar o ritmo do proceso de reconquista cívica do Casco Vello como un espazo urbano identitario de encontro e convivencia; a segunda a de convertir esta data no referente cívico e popular da planificación estratéxica da cidade e do seu carácter metropolitano.

Afortunadamente a primeira proxección xa está en marcha dende hai anos, grazas ao esforzo dos veciños do Casco Vello que promoven contra vento e marea a invención dunha festa civil que constitúe un pretexto necesario para que o resto dos vigueses reconquistemos durante unhas horas as ruelas dun barrio que o desarrollismo franquista e a desidia das corporacións democráticas abandonaron no esquezo e na degradación. Esta festa popular e laica (algo tamén moi meritorio) constitúe unha oportunidade para descubrir as mudanzas que se están producindo no Casco Vello, para coñecer as edificacións patrimoniais recuperadas ou en proceso de selo, para gozar da peonalización ou para visitar o renovado tecido comercial e hosteleiro do barrio. A Reconquista é a festa primeira do Casco Vello.

Porén, a segunda proxección está por desenvolver. O acto institucional  artellado arredor da entrega dos títulos de «Vigueses distinguidos» non abonda para acadala. Precísase un acontecemento de maior calado que facilite a participación popular no deseño do Vigo do novo século. A posibilidade de artellar un grande foro, congreso ou rede social virtual sobre o Vigo do 2030 ou 2050 (a cidade dos nosos netos) podería ser unha posibilidade a considerar. A Reconquista debería ser a festa do Vigo futuro.

A responsabilidade dos bipartios municipais

No artigo da semana reflexiono sobre a responsabilidade decisiva dos bipartitos municipais para visualizar a existencia dunha alternativa ao poder conservador. Creo que ineludible abandonar o seu modelo bipolar, apostando polo transversalismo e o consenso. 

Ilustración: Vigoblog.