«Os televisores estrábicos», booktrailer
Este booktrailer con música de Ataque escampe é unha marabilla!
Os televisores estrábicos, o primeiro libro de relatos de Ramón Vilar, chegará ás librarías o vindeiro 6 de xuño. Promete.
Este booktrailer con música de Ataque escampe é unha marabilla!
Os televisores estrábicos, o primeiro libro de relatos de Ramón Vilar, chegará ás librarías o vindeiro 6 de xuño. Promete.
Chegaron onte os primeiros exemplares d’ A viaxe de Gagarin, a nova novela de Agustín Fernández Paz que publicamos en Xerais Narrativa. Xaora, Agustín abriu o Blog Gagarin coa intención de compartir cos lectores e lectoras da novela a rica e amplísima documentación (textual e audiovisual) utilizada na súa escrita. Sen dúbida, este blog constituirá un interesantísimo espazo de edición estendida, como ben se pode comprobar coa primeira das súas entradas dedicadas ao inicio da carreira espacial, no que quedará reflectido o campo sociohistórico sobre o que se sitúa a novela.
A viaxe de Gagarin é unha novela de formación que retrata o proceso de transición dun adolescente, fillo dunha familia antifranquista vencellada co mundo do libro (o seu pai é impresor, a súa nai libreira), no contexto da sociedade galega dos sesenta, anos aínda da ditadura de Franco, de represión e loita das liberdades, mais tamén de comezo da era espacial e da modernización das tecnoloxías domésticas, onde se produciron e xeraron cambios decisivos. Unha novela tamén da memoria na que se homenaxea a toda unha xeración de militantes antifranquista, que sufriron a persecución e a tortura da Brigada Política Social, enfróntándose aos procesos do TOP.
Sei que A viaxe de Gagarin é outra obra lograda, memorable e emocionante, dun mestre indiscutible da nosa narrativa. Non podo agochar a miña ledicia en podermos acompañar dende a editorial a Agustín neste novidoso, cremos tamén que inédito vieiro, do lanzamento dunha novela coa escrita dun blog no que se debulla e comparte a documentación do contexto e da ambientación. Pura edición estendida e compartida cos lectores e lectoras, xenuina narrativa 2.0.
Subimos outro excelente booktrailer, o do libro de Xabier P. Docampo A illa de todas illas, no que as ilustracións de Xosé Cobas e as imaxes dalgunhas das películas de aventuras sintetizan en pouco máis dun minuto o contido dunha obra que reivindica os grandes libros de aventuras como fulcrais na conformación da lectura literaria.
Sei que é unha fortuna contar con estas pezas audiovisuais xa que como onte chiaba Javier Celaya o seu uso ten un impacto directo na venda dos libros, segundo un ponente dunha sas actividades previas de The London Book Fair que abrirá hoxe as súas portas. O booktrailer é outra xanela de visibilidade para o libro galego. Paga a pena promovelos e viralizalos.
Espectacular é o booktrailer preparado por La Cosa Gráfica para o libro As meigas de Lupa de María Solar. Sobre a base da BSO de David Alonso Garzón, o equipo de Julio C. Seijas utilizou a técnica do teatro de sombras e dos libros pop up para recrear algunhas das secuencias da novela. Sobre fondos de papel recortado, os actores do grupo Achádego de Lugo recrearon os personaxes da obra. Poucas veces a edición dun libro (en papel e epub) convocou tantos elementos que contribúan a súa visibilización, unha banda sonora orixinal completa, un booktrailer con participación de actores e coidado tratamento da imaxe e unha exposición de espírito didáctico sobre este proceso no Museo Interactivo de Lugo. É difícil para o editor atopar as palabras para expresar a súa gratitude pola xenerosidade e o talento creativo de tantas persoas participantes nos tres proxectos arredor deste libro de María Solar. Beizóns.
O booktráiler que preparou Miguel Abad para a novela de Elena Gallego Sete Caveiras paréceme espectacular.
Hai libros que traen un pan dentro das súas páxinas. A novela Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz é un deles. Aínda lembro cando lin o orixinal dunha sentada na mesa do meu despacho, o que é ben difícil. Quedara entusiasmado, sen alento. Coma recordo a sorprendente reclamación que recibimos dos propietarios dunha casa semellante á que aparecía na portada da primeira edición, un feito que nos fixo reflexionar sobre as fronteiras pouco definidas existentes entre a ficción e a realidade. Desque foi publicada, a comezos da primavera de 1995, cando a colección Fóra de Xogo estaba no seu limiar, esta novela de Agustín non cesou de contar co apoio do lectorado. Nestes días superamos os 90.000 exemplares vendidos e as trinta edicións (a cifra máis elevada da historia da editorial). O pasado ano, Antonio Seijas publico unha magnífica novela gráfica (tamén moi ben recibida) e ágora acabamos de publicar a edición da novela en epub. Foi traducida a media ducia de linguas e en todas triunfou, sobre todo en catalán. Para celebrar semellante proeza, onte subimos un booktrailer que preparou David Rodríguez. Cartas de inverno é un libro de medo que atrae coma o imán ao ferro. Si señor. Todos os parabéns para Agustín!
É unha marabilla o que está sucedendo coa banda sonora orixinal que David Alonso Garzón compuxo e gravou para As meigas de Lupa, a novela xuvenil de María Solar. Seleccionada primeiro e logo declarada finalista nos premios Jerry Goldsmith do Festival Internacional de Música de Cine de Córdoba, na categoría de mellor creación libre, onte coñecimos un vídeo de presentación deste orixinalísimo traballo audiovisual, no que colaboran de forma desinteresada un equipo de máis de 20 persoas entre técnicos e o grupo Achádego de teatro, unidos pola inspiración e o estímulo da lectura da novela de María Solar. Do que soubemos onte foi da peza de seis minutos na que se adianta o que será o booktrailer e a banda sonora, que acompañará a novela cando apareza a segunda edición, a comezos do vindeiro outono. É obrigado expresar a nosa gratitude a David Alonso Garzón por este incrible traballo que incita a mergullarse na lectura recuperando unha lenda do noso patrimonio de tradición oral. Paga a pena seguir este proceso creativo tan estimulante.
Nunha xornada memorable do Culturgal 2012, na que se bateron todas as marcas de afluencia de público, presentamos a campaña «SER LIBRIS» promovida pola Asociación Galega de Editores. Esta peza de 47 segundos, preparada polo equipo de Illa bufarda, é o eixo dunha iniciativa coa que os editores pretendemos contribuír a sensibilizar á cidadanía galega sobre as lecturas como agasallo de Nadal. Baseada no carácter transversal e interxeracional da lectura, a peza ofrécese ademais como un recurso con posibilidades de aproveitamento didáctico.
Foi onte día de análises e reflexións sobre o futuro que nos agarda. Ronseis publicou esta peza publicitaria da campaña chilena a prol do ive cero para os libros. Gustoume moito o guión argumental retranqueiro e a idea gráfica que lle imprime un ritmo trepidante para denunciar a situación de crise do sector cultural en Chile. Un recurso que paga a pena arquivar.
Tras tres xornadas seguidas do intenso Seminario sobre edición de libro electrónico, impartido por Antón Lado e no que participamos trinta editores galegos, é inevitable para os que gozamos co arrecendo dos libros expresar un aceno de perplexidade, entre unha doce melancolía e un ilusionante entusiasmo. Vivimos un momento de tránsito, onde a pesar das incertezas sobre o modelo da cadea de valor do sector do libro debemos desenvolver un catálogo de lecturas, tanto impresas como electrónicas. No obstante, preparar unha oferta de referencia en lingua galega en formato dixital é hoxe un dos retos principais do sector da edición privada en Galicia. Sen dúbida, o excelente ciclo formativo de Antón Lado moito axudará en impulsala e orientala. O noso maior recoñecemento para el.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).