Poema de hoxe 185: «Chove» de Álvaro Cunqueiro (1958)
Se tódolos poetas
do mundo nos esquecéramos
da chuvia, quizabes
deixase de chover. O
mesmo pasaría coa guerra.
Quizabes.
Álvaro Cunqueiro, Outros poemas (Galaxia 2011)
Poema de hoxe 185: «Chove» de Álvaro Cunqueiro (1958)/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Se tódolos poetas
do mundo nos esquecéramos
da chuvia, quizabes
deixase de chover. O
mesmo pasaría coa guerra.
Quizabes.
Álvaro Cunqueiro, Outros poemas (Galaxia 2011)
Moi interesante resultou a presentación que onte fixemos na Feria do Libro de Vigo d´A dúbida de María Reimóndez, a novela gañadora do Premio La Voz de Galicia 2014. A psicóloga Gema Zunzunegui realizou unha certeira lectura dunha novela de intriga sobre os abusos sexuais a menores achegando datos sobre un fenómeno que se agocha na maior parte das ocasións. “O 40 % dos casos do abuso intrafamaliar son silenciados por ser motivo de vergonza ou culpa. Os datos amosan que unha de cada cinco menores sofren estes abusos ocultos, dos que se denuncian apenas o 2% dos casos”. Rematou a súa intervención Zunzunegui salientanto a importancia das mulleres valentes que tecen redes contra estes abuxos: “Muller bonita é a que loita”.
María Reimóndez confesou que lle resultara difícil escribir esta novela que “debía responder a un formato moi compacto, ao xeito dun reloxo suízo”. “O texto naceu a partir do premio de novela por entregas de La Voz de Galicia. Fíxeno para subverter a forma e para facer unha escrita estratéxica, aquela que utiliza as formas para dar a palabra. Utilicei un formato de escrita doada de intriga coa intención de contar unha historia distinta das que decote utilizan este formato”. “Aínda que formalmente sexa singular, tematicamente insírese nas preocupacións da miña obra. Para abordar o tema dos abusos sexuais, entre a escolla de centrar a narración na vítima ou na muller do agresor, decidín utilizar unha perspectiva oblícua, consciente de que os abusos se agochan. A miña intención foi crear a dúbida no lectorado. Que faría cadaquén se vivise un caso semellante? Remato anunciando que na súa web publicaranse vídeos nos que persoas relacionadas co tema dos abusos sexuais a menores falan da relevancia da novela para a visibilización deste tipo de violencia.”
Poema de hoxe 184: «Os oficios de Bran» de Álvaro Cunqueiro/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Deixaban o país onde anoitece
polo país onde amence.
Álvaro Cunqueiro, Herba de aquí e acolá (1980)
Poema de hoxe 183: «Cantiga nova que se chama riveira» de Álvaro Cunqueiro/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Toda a casa estaba chea
de espellos para soñar,
ai amante!
Álvaro Cunqueiro, Cantiga nova que se chama Riveira (1933)
Na Feira do Libro de Ribadeo fíxenme cun exemplar de balde de Tópicos sobre a lingua galega, un caderno do profesor Suso Fernández Azevedo sobre prexuízos lingüísticos publicado polo Concello de Ribadeo. Nacida nos textos que Suso foi publicando no blog El toupo que fuza, esta valiosa peza sociolingüistica pretende achegar argumentos que fagan fronte ás lerias (prexuízos e mentiras) utilizados con maior frecuencia contra a lingua galega e o seu proceso de normalización. Apenas trinta e dúas páxinas nas que se abordan cuestións relacionadas co respecto á diversidade lingüística, coa impostura da bautizada polos galegófobos como «imposición del gallego», co exercicio dos dereitos lingüísticos ou co papel das normas, fronteiras e subvencións no estado da nosa lingua. Unha obra na que se manexan argumentos sólidos e eficaces, capaces de contribuir a conformar ese novo discurso inclusivo e agarimoso que tanto precisamos os promotores da lingua galega. Un libro que, ademais, ten unha gran utilidade didáctica, tanto pola súa claridade expositiva como pola capacidade comunicativa dos exemplos e modelos presentados. Aínda que cheguei tarde a recomendar a súa versión impresa, aproveito para facelo agora e moi vivamente da súa versión dixital dispoñible en issue. Beizóns a Suso Fernández Azevedo por tan magnífica publicación.
Poema de hoxe 182: «Isto é a poesía» de Berta Dávila/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía, Xerais/por bretemas
Isto é a poesía:
suxeitar a beleza talvez para exhibila
prendida de alfinetes sobre papel de inventario.
Berta Dávila, Raíz da fenda (Xerais, 2013)
Coincidindo co inicio do mes de xullo participamos nas Feiras do Libro de Vigo e de Ribadeo, dúas iniciativas para reconquistar o espazo público para os libros e a lectura. O venres acompañei a Ledicia Costas e a Pedro Feijoo nas súas presentacións en Ribadeo, onde Antonio Reigosa fixo un pregón memorable e onde María Lado e Lucía Aldao pecharon a xornada co seu recital «Sempre en Ibiza». As máis de tres horas de viaxe de Cíes á illa Pancha serviron para comprobar que «en Galicia todo é bonito», ademais de actualizar análises e compartir proxectos en marcha, o que un editor sempre moito agradece na conversa cos autores e autoras.
Unha xornada literaria moi intensa, coma a que sei se desenvolveu na Feira do Porta do Sol de Vigo, que abriu ao mediodía Antonio García Teijeiro co seu pregón e na que nun serán con moito publico participaron María Solar cunha longa sesión de alicientes e Ramón Nicolás coa presentación moi exitosa d’ O espello de mundo, a súa estrea como novelista. Unha feira viguesa que visitamos onte acompañando á asinatura de Pedro Feijoo e na que puidemos parolar devagariño cos libreiros vigueses esperanzados por esta mudanza de ubicación que devolve visibilidade á feira que hai máis de catro décadas creou na Alameda O vello Patiño.
Tanto no caso da feira viguesa coma na mariñá, a primeira organizada cos criterios e coa dirección da Federación de Librarías e a segunda pola concellaría de Cultura de Ribadeo, comprobamos a importancia a implicación das iniciativas locais para deseñar, compartir e visibilizar o programa de actividades e procurar a implicación dos públicos. Un compromiso entre librarías, editoras e poderes locais imprescindible para refundar estas convocatorias que levan os libros as nosas rúas e prazas.
Poema de hoxe 181: «O mar creador» de Xosé Otero Canto/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
O mar leva sempre ciceis de auga
porque o mar é creador.
Lambe, acaroa e busca as rochas
para dar forma coas súas linguas de aceiro.
Xosé Otero Canto, As Catedrais, portas do misterio (Concello de Ribadeo, 2016)
Poema de hoxe 180: “As estatuas” de Mario Regueira/en Autores, Xerais/por bretemas
Ese orgullo é outra insignia gardada por rutina.
Mario Regueira, O silencio (Xerais, 2012)
Manel Loureiro presentou onte As horas roubadas de María Solar na Libraría Paz de Pontevedra. O escritor pontevedrés, cuxas novelas están publicadas en trinta países, confesou que moito gozara lendo nunha “novela que coida moito os detalles, esas cuestións que dan cor ás narracións e son capaces de atrapar ao lector”. O autor de Fulgor salientou, despois, que “María Solar consigue trasladar a súa historia a un momento moi recoñecible, o de finais dos anos setenta, aquel dos sofás de escai e das televisións de cornos, o que constitúe un risco importante, xa que un pasado recoñecible e cercano convida ao lector a xogar coa súa memoria”. Rematou convidando de forma entusiasta á lectura d´As horas roubadas e abeizoando a autora pola súa capacidade por crear personaxes tan recoñecibles e, sobre todo, por ofrecer unha boa historia, o máis importante en calquera novela”.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
