Poema de hoxe 164: «Pero o camiño farémolo» de Darío Xohán Cabana
Pero o camiño farémolo
e o sol terá de alumar;
a meta será dos homes
e o corazón será mar,
terra, lume, berro e mar
Poema de hoxe 164: «Pero o camiño farémolo» de Darío Xohán Cabana/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Pero o camiño farémolo
e o sol terá de alumar;
a meta será dos homes
e o corazón será mar,
terra, lume, berro e mar
Nos últimos tres días andei os camiños do país de aquí para acolá apoiando varias presentacións e recepcións de premios de libros da editorial, nese labor imprescindible dos editores de contribuír a facer máis visibles as nosas novidades e catálogos. En todos estes actos percibín unha inequívoca intencón de actualización dos formatos dete tipo de actos e do seu eco nas redes.
Na cata literaria, celebrada no Museo Interactivo de Historia Lugo, onde presentamos no serán do xoves Tempo de bebidas isotónicas e fast-food de Álex Alonso, foron o viño e as tapas, servidos antes do inicio do acto literario, o engado para un público tan numeroso como atento. No caso da presentación de Galería de saldos, o libro co que debuta Diego Giráldez, celebrado o venres no Círculo Recreativo Cultural do Porriño, na que participaron 200 persoas, foi a actuación do croner Tony Lomba a que pechou un acontecemento inesquecible. Como tamén o foi no serán do sábado a celebrada no Ateneo Valle Inclán de Ribeira, onde se presentou As horas roubadas de María Solar, outro acto magnífico pechado con tres cancións a capela de Javi Maneiro, o cantante de Herdeiros da Crus.
Sabemos que a fusión da literatura coa gastronomía ou coa música, como os itinerarios e viaxes literarias, como o protagonismo dos lectores e lectoras nos clubes de lectura, contribúnen de forma decisiva á presenza do libro galego na axenda pública. Nesta semana seguiremos nos nosos camiños con novos actos de Xerais en Ourense, Vila de Cruces, Santiago, Vigo, Ribeira e na Feira do libro, que por vez primeira chega a Redondela.
Poema de hoxe 163: «Son aquel eu que sigue o meu camiño» de Xesús Crecente Veiga/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Son aquel eu que sigue o meu camiño
mirando arriba, ollando ós horizontes
e debullando nun cantar baixiño
tristezas de hoxe e alegrías de ontes.
Poema de hoxe 162: «Gastarei o meu corpo nos camiños» de Manuel María/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Gastarei o meu corpo nos camiños
até ser po, seixo e silveira
Poema de hoxe 161: “Camiño coas pálpebras pechadas” de María Xosé Lamas/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Camiño coas pálpebras pechadas
acompasando os pasos cos ecos da nostalxia.
Poema de hoxe 160: “Anda o Viaxeiro” de Xabier DoCampo/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Anda o Viaxeiro para volver,
pois son os camiños sempre regresos
para encontrarmonos os vieiros que nos levan
polos montes e chairas de nós mesmos.
Coincidindo coa súa súa chegada ás librarías, publicamos onte na rede o booktrailer d’ O espello do mundo, a novela coa que se estrea en «Xerais Narrativa» Ramón Nicolás. Tempo haberá de deternos nunha obra con feitío de novela histórica, enraizada no cenobio feminino de San Pedro de Ramirás, cuxa abadesa, Ona Guiomar Méndez, mantén unha apaixonante e inédita relación epistolar coa famosa Hildegarda von Bingen. Incorporando diversos materiais textuais de carácter documental (dende receitas a detalladas descricións botánicas), que ás veces son apenas fíos ficcionais, O espello do mundo reconstrúe con inusual alento narrativo unha época, o século XII, aínda esvaecida da historia de Galicia. O protagonismo destas dúas mulleres extraordinarias, rebeldes no seu tempo, ilumina as páxinas desta indagación tan reveladora. A novela presentarase o venres 1 de xullo na Feira do Libro de Vigo, data na que o autor estará acompañado polo medievalista José Yuste Frías, a escritora Marga Doval e o editor Fran Alonso.
Poema de hoxe 159: «Oh meus camiños brancos» de Aquilino Iglesia Alvariño/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Oh meus camiños brancos! Meus camiños.
Oh meus brancos camiños da ilusión!
Viaxei na tarde de onte a Vilalba para participar no acto de inauguración da Biblioteca Agustín Fernández Paz do IES Basanta Silva que este ano celebra o seu cincuentenario. Un acto escolar ben fermoso, unha homenaxe literaria ao autor das Fontiñas no seu propio barrio, coa memoria das abidueiras sempre presente. As intervencións musicais e literarias do alumnado debuxaron un retrato humano e literario moi atractivo e acaído de Agustín, a quen o centro acordou poñer o nome da súa revitalizada biblioteca. Emocionante foi a atención coa que o alumnado seguiu a mensaxe gravada na que Agustín en cinco minutos expresou a súa gratitude e contou algunha das súas andanzas de pícaro nas terras onde se construíu o edifico do instituto nos anos sesenta. O magnífico acto do IES Basanta de Vilalba, onde só escoitei falar galego, algo hoxe sorprendente, amosa que como dixo Agustín “unha biblioteca é un luz”; como demostra o papel dinamizador da biblioteca escolar na vida dun centro e a gran calidade de moitos dos traballos literarios que se realizan nos nosos centros educativos. Cando saín, chamei decontado a Agustín para contarlle esta marabilla.
Poema de hoxe 158: «Gris galego» de Alfonso Armada/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Unha nación nace dun desexo.
Vontade de ser
distinto
Alfonso Armada, «Gris galego» (2003)
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).