Onte 698: Coa «Causa Lueiro» en Fornelos de Montes

En día tan sinalado como o do comezo das festas do San Lourenzo presentamos no salón de plenos do concello de Fornelos de Montes o libro de homenaxe ao escritor Manuel Lueiro Rey. Un acto que resultou moi interesante e concorrido, ao que non foi allea a implicación de Carme Carreiro Montero, a presidenta da Asociación Veciñal O Cruceiro da Laxe e infatigable promotora cultural nesas vizosas terras do Oitavén. Tras as palabras de benvidas de Emiliano Lage, alcalde de Fornelos, foi Carme Carreiro que interviu para salientar que «a recuperación da figura de Manuel Lueiro Rey, un home excepcional, constituía un soño para Asociación O Cruceiro da Laxe.»

Tras a intervención do editor, falou Ramón Nicolás, o coordinador do volume, para salientar «a importancia que para Lueiro sempre mereceu Fornelos, onde naceu en 1916, sobre todo nos seus artigos en Faro de Vigo durante os anos cincuenta». «Son desta época, concretamente de 1956, artigos como “Nueva carta a Mario”, nos que Lueiro relata como se chega a Fornelos, por unha carretera estreita, camiño da ucha do Brasil, onde tantos dos seus veciños emigraron, preguntándose ao remate “por que emigrarón tanto?”» «Artigos nos que adoitaba referirse a personaxes como “Antonio o campaneiro” ou “A miña amiga cega”, protagonistas dunha obra de ficción que quedou inconclusa.» Rematou Nicolás lembrando a referencia que Lueiro dedicou a Fornelos nun artigo que a finais da súa vida, no ano 90, publicou tamén en Faro de Vigo: «Volverei a aldea onde nacín, onde non se esquecen as sentenzas do campaneiro e a figura do pai.»

Modesto Hermida, colaborador do libro e compañeiro de Lueiro, comezou o seu discurso lembrando o artigo que publicara na revista Dorna «Lueiro Rey unha paixón silenciada». «A figura literaria de Lueiro foi en vida insuficientemente coñecida e máis tarde inxustamente silenciada. Unha consideración á que creo non foron alleas a súa condición de comunista e ao feito de que escribiu moi ben en castelán.» Porén, salientou Hermida que «despois da súa morte comezou a facérselle xustiza e a situalo onde lle corresponde. Inicious eun proceso de divulgación e coñecemento da súa obra.» Rematou Hermida expresando a súa confianza na «continuidade deste proceso de divulgación da obra de Lueiro entre o gran público, especialmente no eido escolar.»

Puxo cabo ás intervencións o discurso do profesor Xesús Alonso Montero, actual presidente da RAG e un dos máis afervoados defensores da «Causa Lueiro». Tras agradecer ao alcalde e a Carme Carreiro a organización desta homenaxe en Fornelos e realizar un retrato humano de Lueiro, Xesús Alonso Montero defendeu a actualidade da súa obra, «Manolo é un dos escritores que debería estar máis de moda hoxe». «Lueiro foi un dos escritores máis indignados, intransixentes e críticos que eu coñecín, sobre todo despois da morte de Franco. Intransixente, cando a realidade era tan podre. A súa intransixencia era a resposta acaída á podredume daquel momento.» Alonso Montero reclamou «un esforzo para poñelo outra vez de moda. Cómpre escolmar os dez ou doce mellores poemas e relatos, e facer unha nova edición de Manso, unha das mellores novelas sobre a Guerra Civil, protagonizada por un cabalo no que todos mallaban, metáfora do pobo español.» Lembrou despois don Xesús o seu segundo encontro con Lueiro, en París, coincidindo no seu caso cunha conferencia á que fora convidado polo Partido Comunista para celebrar o 17 de maio de 1968, dedicado a Curros Enríquez, o poeta do proletariado do rural galego, e no caso de Lueiro cunha viaxe coa súa dona Maruxa Lores na procura de editor para Manso.» Rematou o seu discurso Alonso Montero sinalando que para «Manolo Lueiro escribir era a súa respiración, a súa vocación e as súas facultades.» «Lueiro era un escritor en solitario, un antifranquista de esquerdas que escribiu con autocensura para o público dos xornais nos que nunca deixou de colaborar. Non esquezamos que daquela o grupo Galaxia non vía con simpatía aos escritores fóra dos seus cenáculos. No 68, cando Lueiro viaxa a Buenos Aires, convidado polr Amigos do Grove, cando reedita alí Manso e pronuncia varias conferencias, comete o erro de “falar con moita sinceridade” diante da policía da embaixada española. Así era Lueiro.»

Onte 696: Manuel Portas na Feira do Libro da Coruña

No que foi o noso derradeiro serán este ano na Feira do Libro da Coruña, acompañamos a Manuel Portas na presentación de Faneca Brava, a súa novela máis recente. Iniciou o seu discurso Portas expresando «o papel complicado do autor nos actos de presentación xa que todo o que un pode dicir pode ir na súa contra; a fin de contas o que un quixo facer xa o fixo ao escribir o texto; hai, pois, un perigo de transgredir a proposición inicial que un fixo na súa cabeza.» «Ademais, o ideal sería valorar o texto só, superando os preconceptos sobre o autor, que arrastra das súas obras anteriores.»

Confesou Portas que considera Faneca Brava unha novela diferentes ás anteriores. «A diferenza de Denso recendo a salgado ou Un dedo manchado de tinta, que tiñan un protagonismo colectivo, onde non existían protagonismos destacados, un froito literario do realismo colectivo de despois dos anos cincuenta e sesenta, aquí a atención concéntrase no protagonismo da prima Concha.» «Concha é o foco de atención polo seu carácter rebelde e polo seu comportamento a contracorrente. Concha representa a represión sobre as mulleres do seu tempo. Ela é capaz de rebelarse contra todas aquelas pexas para afirmar a súa personalidade.» No obstante, Portas recoñeceu que na novela tamén ten o seu protagonismo todo o entorno familiar de Concha, «moi preocupado “polo que dirán” na súa sociedade rural e mariñeira; un comportamento hipócrita que oculta os abusos sexuais padecidos por esta rapaza.» Para Portas o esencial da novela «é que constitúe unha reflexión sobre como muda a percepción dunha muller, estereotipada como “ovella negra”, para o que foi necesario introducir na segunda parte a mudanza do punto de vista, por medio dun segundo narrador omnisciente.» Para o autor «a novela é en certa medida triste, a pesar de que Concha é unha loitadora, mesmo que acaba triunfando, que consigue finalmente algo que ten importancia nunha vida frustrada. Porén, o seu amor vaise deformando, é un amor insatisfeito, xa que se acostumou a vivir cos pés envoltos.»

Rematou a súa intervención salientando Portas a necesidade da polifonía artística da narrativa galega actual. «Aeste teor en Faneca Brava hai dous aspectos a salientar. Primeiro, a presenza da música. Aquí hai cancións de Fausto, Amancio Prada, Carlos Gardel e Vinicius de Morais. Segundo, as referencias  a algúns poemas de Rosalía de Castro.» «Creo que o futuro da literatura está en confabularse con outras expresións artísticas do noso tempo, a música, o cómic e o cinema. Os produtos culturais actuais deben ser redondos. Ademais, existen precedentes. Eis a nosa literatura que naceu da man da música. Non o esquezamos, a música, a danza e a literatura ía da man na nosa cultura medieval.»

Onte 694: Máis «Luzes» para Galicia

Seguín por twitter e streaming o acto de presentación do proxecto de refundación da revista Luzes. As intervencións de Manolo Rivas, Josito Pereiro e Iago Martínez expresaron que outro xornalismo é posible, tamén en Galicia e tamén na nosa lingua. A pesar das dificultades do tránsito comunicacional actual e do intento de suspensión das conciencias que sufrimos, onte na Coruña expresouse que «hai fame de xornalismo», que cómpre fuxir do ruído diario ofrecendo «un xornalismo transxénico que loite contra a vulgaridade» e permita unha lectura sosegada e reflexiva. Sei que o presentado foi apenas o xermolo do número Cero dun mensual en papel (de maqueta fermosa e contidos atractivos) que aposta polo protagonismo do lectorado e por unha axenda informativa aberta. Gustoume a definición sintética da intención dos promotores: «Luzes, revista aborixe e indíxena universal». Este (re)nacer de Luzes foi unha nova que encheu onte os nosos depósitos de esperanza. Beizóns a Manolo, Josito e Iago!

Onte 692: Conversa de Dores Tembrás e Berta Dávila sobre «Raíz da fenda»

Na terceira xornada na Feira do Libro da Coruña, tras a presentación de Cancela aberta e de Aquel neno, os dous libros máis recentes de Xosé Neira Vilas, desenvolveuse a conversa interesantísima entre as poetas Dores Tembrás e Berta Dávila arredor de Raíz da fenda, o poemario coa que a segunda gañou a XV edición do premio Johán Carballeira do concello de Bueu. Un serán magnífico, no que na carpa coruñesa se visualizou a continuidade imparable do relato literario galego.

Antes de iniciar a conversa, Dores Tembras fixo un discurso contextualizador. Confesou que compartía con Berta «o amor por Valente e Pizarnik». Parabenizou despois a Xerais por incluír Raíz da fenda na súa recomendación de lecturas do vindeiro curso para Secundaria. Lembrou que «Berta Dávila é unha escritora que publicou moi nova. Gañou o Minerva. É unha autora premiada, mais nunca deixou de traballar coa palabra, iso para min é o máis importante.» Revelou que hai dous anos Berta lle enviara un inédito, a versión inicial de desta Raíz da fenda, para que realizase unha lectura de confianza e que ela, despois de facelo, lle escribirá un correo do que leu algunhas frases: «Poemas brillantes, magníficos. É un poemario fresco, con moita verdade detrás. Gustoume, tiven que lelo seguido sen parar.» Ocupouse despois Tembrás de comentar o poemario actual, o premiado no Johán Carballeira e editado por Xerais: «Son 103 poemas, organizados en cinco fisuras que constitúen un itinerario de raíces. Aquí cada poema ten latitude e lonxitude.» Gabou a estrutura do poemario e o esforzo por «escoller o poema como vinganza, sílaba a sílaba» e pola «severidade e disciplina da autora na medida da palabra exacta, xa que así se borda o encaixe da derrota.»

Na súa primeira intervención Berta Dávila agradeceu a lectura de Dores Tembrás. «Dores foi unha das lectoras primeiras. É importante confiar en algúen que se atreve a facer unha lectura honesta.» Referiuse despois as relacións que para ela existen entre o origami e a poesía presentes no libro, mesmo dende a súa imaxe de portada. «Na construción do paxariño as dobrezas e as normas son as mesmas que se deben respectar na construción do verso, sen trampas, sen cortes, sen pegamento.» «Acredito na lenda xaponesa que aventura que cando construímos un milleiro de origamis se cumprirán os nosos desexos. Construín un origami para cada un dos mil versos do libro. O verso é o que evoca o silencio.»

Dores Tembrás iniciou a conversa abordando a cuestión da estrutura. «Daquel inédito de Berta que lera hai dous anos ao editado hai un grande salto, unha procura voraz da exactitude, sei que a aparición de cada un dos textos non é casual, gostaría que falases de como decidiches esa escolla.» Berta Dávila contestou que cando subira o vídeo no que presenta como tiña pendurados os poemas con esparadrapo no corredor da súa casa explicara os criterios utilizados, unha escolla poema a poema, na que diferenciaba entre os poemas que quedaban e aqueloutros que naufragaban, «meditei moito a estrutura do libro, algo non que non traballara nos anteriores.»

Para Dores Tembrás «este interese pola estrutura é unha proba de madurez poética. Berta Dávila é unha poeta que sabe renunciar, consciente das limitacións dos textos que non estaban á altura da calidade do libro que quería. É unha autora que mide, que pesa moito os textos que deben estar. Este é un libro que amosa a unha Berta Dávila consciente do acto poético, do que quere dicir e de como quere facelo. Raíz da fenda é un gran libro, para demorarse, cheo de arestas, pero moi controladas. Un libro que fire elegantemente, que desarma. Hai unha vontade severa, pero emocionante ao final.» A este teor, Berta sinalou que o feito de que nas dúas primeiras partes non houbese adxectivos foi coa intención de «distanciarse da ferida, o tipo de texto que a min me chega, un intento, tamén, de seleccionar as palabras cunha distancia irónica.» Recollendo ese fío, Dores Tembras sinalou que «no libro hai unha certa asepse á hora de enfrontar o verso, non só o poema. Con este procedemento Berta é capaz de multiplicar a ferida, ofrenda as feridas con inocencia, e como lectoras enmudecemos e aplaudimos á poeta.» Antes de ler un poema, á proposta de comentar as citas que aparecen no texto, Berta confesou que o libro debería titularse como aqueloutro de Antonio Gamoneda Arden las pérdidas.

Onte 684: Feira do Libro en Rianxo

Recollemos o fío do traballo e viaxamos a Rianxo para participar nos actos da Feira do Libro instalada na praza do concello. Tras a desgraza tan grande de Angrois, que truncou a vida de dúas persoas veciñas de Asados, a programación prevista entre Noite Aberta de Rianxo e a Feira do Libro quedou reducida aos actos literarios que se celebraron no salón de plenos da vila: primeiro a intervención de  Xosé Neira Vilas, que presentaba os seus dous libros máis recentes, Cancela aberta en Xerais e Aquel neno en Embora; despois o debate «A noite no deserto», entre Antón Riveiro Coello e Chisco Fernández Naval, moderado por Xerardo Agrafoxo.

Diante dun público moi numeroso, que deixou pequeno o salón, Pepe Neira confesou estar moi ledo en Rianxo, «Anisia e mais eu vivimos oito días na casa de Rafael Dieste, despois do seu falecemento, acompañando a Carmen Muñoz». «Alédame tamén polo carácter literario de Rianxo, terra de grandes escritores dende Paio Gomez Chariño, Manuel Antonio, Rafael Dieste, Castelao até o poeta Faustino Rey Romero, a quen coñecín tamén en Arxentina». Referiuse despois a Cancela aberta, o quinto volume na colección Crónica de Xerais de compilación doutros cen artigos dos publicados en El Correo Gallego. Definiu o libro como «un cento de artigos de 1.500 matrices sobre temas variadísimos, galegos e internacionais, mais coa intención de que perduren, evitando que sexan efémeros». Tras lembrar unha frase de Miguel de Unamuno, «non teño tempo para escribir artigos curtos», confesou que «a brevidade e a limitación do espazo obriga a unha condensación e a utilizar un estrutura de conto, o xénero narrativo que máis me agrada».

Falou despois de Aquel neno, o libro publicado por Embora, «un libro que tivo un embarazo moi rápido, case setemesino, que acabei de escribir a pasada semana, que se acabou de imprimir onte e que vin por vez primeira hoxe». «O libro naceu da idea de que todo home leva de por vida un neno dentro de si, e toda muller unha nena». «Neste libro están todos os meus nenos literarios, Moncho, Toño, Lelo, mais tamén está a miña infancia, os meus soños e as miñas lembranzas. Sei como dicía o poeta José Hierro que cando falo de min, falo tamén dos demais». Antes de ler unha decena das 160 estampas, Neira Vilas gabou as viñetas coas que Xosé Vizoso ilustrou cada un dos textos. As súas palabras finais foron para lembrar que «cando un escribe ten que facer idioma, este foi tamén o meu esforzo con este libro».

Onte 683: Desgraza

O sucedido en Angrois amosa que o horror forma parte das nosas vidas. A pesar de que cremos ser conscientes desta finitude, a desgraza das vítimas do tren colleunos a contrapé, instalados na aparente comodidade das nosas rotinas. Enfrontándonos a hemorraxia de dor, que intuimos en cada unha das familias rotas pola traxedia, non podemos máis que celebrar o seguirmos vivos, agarimados polas persoas queridas. Ven ao fío o que escribiu Suso de Toro no seu artigo luminoso de onte: «a morte é a única e verdadeira medida das cousas da vida, esmaga as trivialidades, anula as distancias, devólvenos o sabor atroz de vivir e devólvenos ao que é primeiro, o asombro de estar vivos aquí. E o agradecemento por estalo». A de Angrois foi, sen dúbida, unha desgraza moi grande provocada por un terrible accidente que debe ser explicado. Con todos os abrazos para as vítimas e as súas familias e amizades, a nosa gratitude para os heroes de Angrois que intentaron mitigar tanta dor.

Grazas a Toni Seijas pola fermosa ilustración de homenaxe ás vítimas e heroes de Angrois.

Onte 680: A escola, para ser escola, debe ser pública

Ignacio Escolar chiaba onte unha interesante entrevista co noso admirado Francesco Tonucci con motivo da súa intervención hai uns meses en Sevilla. En momentos de apoxeo da escola segregadora, coa LOMCE no seu triste trámite parlamentario, é unha beizón ler opinións tan sensatas sobre temas educativos como estas de Tonucci, defensor teimoso do modelo de escola pública. «A escola, para ser escola, debe ser pública, de iguais e aberta á diversidade», afirma o pedagogo torinés, para engadir despois, «a escola debe ser, sobre todo, un lugar onde se aprenda a vivir. E a vivir ben», salientando o irrenunciable carácter formativo e integrador da educación obrigatoria. Máis claro, auga.

Se isto non abondase, o creador de Frato, non se acomoda á rotina do seu discurso, e propón reconsiderar o principio de «coetaneidade», a agrupación do alumnado por idade, como único modelo de organización escolar, abrindo así un debate que fende moitas das inercias do noso discurso educativo. Coma innovadora é tamén a súa reclamación da volta dos nenos á rúa e a súa autonomía a partir dos seis anos, idade a partir da que para el deberían ir sós á escola. Outra volta de torca para as dinámicas familiares. Dúas propostas que forman parte da cerna do seu ideario pedagóxico, que xa nos deslumbrou hai tres décadas, recollido no seu proxecto «A cidade dos nenos». Dende os anos oitenta, Tonucci reclama aos responsables municipais que «consideren aos pequenos como parámetros principais para mudar as estruturas urbanas e axeitalas ás súas necesidades». Propón aos alcaldes ollar a súa cidade cos ollos dos nenos e nenas, sen esquecer facelo, tamén, cos ollos dos avós e das avoas. Unha nova ollada que obrigaría a mudar moitas prácticas urbanas e o propio deseño das cidades, acometendo a auténtica «humanización» que precisan. Esta nova ollada interxeracional permitiría o regreso dos picariños e dos avós ás rúas, facendo as cidades máis seguras, xa que para o pedagogo italiano a razón pola que hoxe as rúas das cidades europeas sexan perigosas é nin máis nin menos «porque alí non hai nenos».

En tempos de conformismo educativo, no que termos como «eficiencia» ou «calidade» son utilizados coma un novo mantra para xustificar a privatización educativa e os recortes das politicas públicas, cómpre volver sobre os textos vivivificadores dos clásicos da renovación pedagóxica, como Tonucci, Rodari e Freinet. Léndoos é perfectamente posible recuperar o entusiasmo na educación pública coma a mellor panca para saír da crise. Beizón Tonucci, vello amigo!

Publicado en Galicia confidencial.

Onte 678: Do Irixo á Pedra de abalar

Foi a de onte unha xornada de viaxe polos vieiros do país de noso, de Vigo ao Irixo pola mañá, do Irixo á Pedra da abalar pola tarde, de Muxía a Vigo pola noite. Acudimos á convocatoria da #Festadapalabra da Fundación Ínsua dos Poetas, na que se entregaron os premios Setecarballas e Salvador García Bodaño, Víctor Campio e Arcadio López Casanova homenaxearon aos poetas do Rexurdimento. Foi o do Irixo un convivio promovido con moito agarimo polo «Che» Tosar, movido polos ideais da colaboración e a irmandade, nun espazo natural privilexiado, un xeito de Brocelandia ourensá. No serán apoiamos os actos organizados en Muxía pola Fundación Gonzalo López Abente (impulsada polos incansables irmáns Rivadulla) con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do escritor da Terra de Nemancos. Un serán histórico comezado coa presentación da edición da Poesía completa de López Abente, unha proeza bibliográfica (de máis seiscentas páxinas) do editor de Espiral Maior Miguel Anxo Fernán Vello e do editor literario Miro Villar destinada a poñer en valor, definitivamente, ao poeta muxián. Entusiasmo que continuou coa entrega a Daniel Salgado do premio de poesía López Abente por Dos tempos sombrizos (Diario). O poeta de Monterroso nunha gran intervención definiu a obra gañadora como «poemas sobre o medo escritos nunha lingua desprezada, amarrado a unha esperanza desesperada, un libro dos vencidos». Peche magnífico para unha xornada na que abalamos polo país entre a memoria e o futuro da poesía galega. Pagou a pena.

 

Onte 675: «Costa da Morte», outro éxito de Zeitun Films

Costa da Morte (teaser 1) from lois patiño on Vimeo.

Soubemos onte que Costa da Morte, a primeira longametraxe (80 minutos) de Lois Patiño, foi seleccionada para participar na 66ª edición do  Festival Internacional de Cine de Locarno na súa sección competitiva «Cineastas do Presente». Un documental non estreado no que o realizador vigués realiza unha esculca sobre as relacións entre o ser humano e unha natureza impoñente utilizando as súas relacións visuais e sonoras. A participación de Costa da Morte en Locarno é unha nova proeza da produtora Zeitun Films, tras o éxito de Todos vós sodes capitáns de Oliver Laxe, Arraianos de Eloy Enciso e O quinto evanxeo de Gaspar Hauser de Alberto Gracia, películas multipremiadas en diversos festivais internacionais nos útimos tres anos. Un éxito ao que non é alleo o rigor e o coñecemento dos produtores, Felipe Laxe e Martin Pawley, que acreditan na «fantasía do novo cinema galego», simulando o eufemismo que decote utilizamos para referirnos ao noso sistema literario. A pesar da redución das axudas públicas e do escaso peso da creación fílmica nos estándares da cultura galega actual, as arriscadas propostas de Zeitun Films van abrindo o seu vieiro. Un síntoma esperanzador de vitalidade. Os nosos parabéns aos produtores e aos equipos de creación.

Onte 674: «Os xornalistas utópicos» de Manuel Veiga

Jaureguizar publicou onte un chío recomendando de forma entusiasta a lectura d´ Os xornalistas utópicos, a novela máis recente de Manuel Veiga. «Culta, divertida, estarrecedora, emocionante» foron os adxectivos utilizados para cualificar unha novela coa que Veiga acada a súa madurez como narrador achegándose a propostas de «ficción radical» como as de Roberto Bolaño, Enrique Vila Matas ou Ricardo Piglia, nas que se funden a vida e a literatura.

Unha novela que Manuel Romón no acto da súa presentación en Librouro emparentou coas de Christa Wolf e Thomas Bernhard e definiu como «cronica dun disidente que non renega, construída coma un mecano capaz de explorar casualidades e interferencias». No mesmo acto, Manuel Veiga recoñeceu que coa novela realizara un esforzo literario. «Escribín Os xornalistas utópicos baixo a influencia de Roberto Bolaño, os autores debemos ler xa que precisamos un pulmón grande para subir todas as cotas que require a escritura». Confesou que o consideraba o seu mellor libro e o «que máis esforzo me levou». «Teño a sensación que os meus libros anteriores non envolvían ao lector de forma suficiente para que tras a lectura acabase con algo novo. Isto é froito das condicións de precariedade do país que fai que as cousas queden á metade, que lles falte acabamento». Salientou despois a súa intención de «facer cada un dos meus libros á altura de calquera outro autor dos que poidamos atopar nesta libraría». «Estamos obrigados a esforzarnos. Xa non abonda con ofrecer unha novela mediana», asegurou, para confesar despois a súa intención de formar parte «do grupo daqueles autores que teñen intención de crear público». Rematou Veiga as súas palabras referíndose á oportunidade que o momento actual supón para a literatura. «Este é o mellor  momento, dende a Transición, para os escritores e o xornalismo. A sociedade con contradicións é magnífica para o traballo do escritor. Este momento debería ser aproveitado para sacar as ambigüidades da sociedade; é un magnífico momento, xa que non sabemos por onde vai saír».