Onte 758: Agustín candidato ao ALMA 2014

Magnífica noticia a que coñecimos no serán de onte: Agustín Fernández Paz volve ser candidato por España ao ALMA (Astrid Lindgren Memorial Award), o que poderiamos denominar como o nobel da literatura infantil e xuvenil, concedido pola fundación sueca ene memoria de Astris Lingren. Non é a primeira oportunidade na que un autor ou autora galega son candidatos ao ALMA, en 2012 e 2010 foino Fina Casalderrrey, como tamén o foron Juan Farias en 2009 e o propio Agustín en 2011. Non hai dúbida que o ALMA é un premio que pode chegar a Galicia. Parabéns para Agustín recén chegado de Guadalajara, onde participou no xurado que outorgou a Jordi Sierra i Fabra o Premio Iberoamericano de LIX que el recibiu hai dous anos.

Onte 756: «Dióxenes en Dolorida», a presentación en Económicas

Excelente presentación na Facultade de Económicas da USC de Dióxenes en Dolorida, a novela de Ignacio Vidal Portabales gañadora da XXXª edición do Premio Blanco Amor de novela longa. Tras máis de tres décadas de funcionamento, a facultade compostelana acollía por vez primeira a presentación dunha novela, un fito que salientaron con gozo varios profesores do centro que acompañaban ao autor, profesor de Dereito Mercantil.

A intervención principal do acto correspondeu ao escritor Xesús Rábade Paredes, gañador do Premio Blanco Amor en 2006 por Mentres a herba medra. Comezou salientando que «a novela de Ignacio aborda un tema tan vello coma a humanidade con técnicas moi modernas e innovadoras». «Trátase dunha viaxe á fronteira do delirio, o dun Dióxenes en corentena, un Dióxenes en pelotas, un Dióxenes fuxindo para atoparse». Advertiu, despois, que esta era «a primeira novela publicada de Ignacio, mais non era a súa primeira aventura literaria; sei que detrás hai moita experimentación e unha formación literaria sólida, moita lectura do corpus literario galego». Citando a frase de Cunqueiro, «contar claro, seguido e ben», Rábade salientou que a novela podía lerse en dous planos, como unha entretida narración de aventuras ou como un auténtico manancial sobre a condición humana. «A novela aborda o fracaso dunha parella, a perda de autoestima dun dos seus membros, o liderado do protagonista sobre outros tres inestables, a desposesión e o regreso até os brazos da amada». «A escritura dos cadernos de Dolorida, as anotacións de cada un dos personaxes dende as marxes da realidade, permite unha actitude libre e desposuída para facer a crítica do mundo que lles arreorea».

Para Rábade, «a narración de Dióxenes en Dolorida amósase rica, variada, plural e moi complexa». «Unha narración polifónica, onde os puntos de vista, os xuízos contrastados relativizan e reestablecen as cousas ao seu xusto punto de equilibrio». Para o presentador «a novela ten unha firme arquitectura, onde o humor funciona coma unha estratexia narrativa, manifestándose en todas as súas gamas, ironía, retranca, sucesos levados ao absurdo, imaxes en esperpento. Como en Cunqueiro utilízase o sorriso comprensivo, que ilumina as difusas fronteiras entre o correcto e o incorrecto, entre a loucura e a cordura». Rematou Xesus Rabade resumindo que estabamaos diante dunha novela «ben contada e ben escrita, onde os sucesos flúen coma na vida mesma».

Ignacio Vidal Portabales na súa intervención expresou as razóns que o levaron a escribir unha novela «na que tratei de recoller as tensións veciñais nunha vila na que todo o mundo se coñece». Dióxenes en Dolorida será presentada o 15 de outubro en Fene, concello organizador da XXXª edición do Premio Blanco Amor de novela longa.

Foto: Helena Villar Janeiro (Moitas grazas).

Onte 755: «Matarte lentamente», nova novela de Ameixeiras

Foi para o prelo Matarte lentamente, a nova novela de Diego Ameixeiras. Aventuro que vai entusiasmar aos seareiros do autor de Tres segundos de memoria, mais tamén que vai sorprender a aqueloutros lectores e lectoras que aínda non se atreveron cun autor que está renovando e modernizando de raíz a novela negra.

Unha parella de xubilados preferentistas que escolle unha saída radical para a súa decepción. Unha rapaza ecuatoriana camiño de Compostela. Unha estudante do Rosalía desconcertada tras un embarazo imprevisto. Unha detective que vixía ao seu home. Un pai que procura solución para a doenza do seu fillo. Un narcotraficante enleado nos trámites de adopción. Dous náufragos que comparten soidades nun bar de Vista Alegre. O home máis respectable do edificio regresando do seu traballo… Personaxes deambulando pola Compostela dun tempo de derrota, vidas cruzadas que converxen nunha situación límite.

En Matarte lentamente Ameixeiras profundiza nos procedementos abertos en novelas anteriores como Dime algo sucio, Historias de Oregón e Todo OK. Dosificación da información, economía expresiva, coidada estrutura de tramas e vidas que van encaixando coma un puzzle son características desta novela impactante e inesquecible que presenta con claridade problemas claves do noso tempo. A excepcional fotografía de cuberta de Paula Gómez del Valle axusta as mil marabillas nunha novela na que todo está dosificado coa precisión do técnico de laboratorio.

Onte 754: Con Dolores Redondo no Club de Espazo Lectura

Brillante iniciativa de Espazo Lectura a de convocar un vermú literario con polbo á feira arredor de Dolores Redondo, a autora d’ O gardián invisible. Desque entrou pola porta, Dolores non perdeu nin un minuto e entrou de cheo nas preguntas que lle formularon os membros do Club de Lectura de Espazo Lectura de Gondomar.

Comezou insistindo en que «o lector merece que a autora lle dea todo tipo de explicacións, máis aínda tratándose de novel negra.» Redondo non dubidou en cualificar a súa triloxía como novela negra «con todas as convencións do xénero». «Nas miñas novelas hai unha parte técnica calcada do que fai a Policía Foral de Navarra e outro dos procedementos forenses, caros e longüísimos, que na realidade non sempre se levan até o final.» Cualificou O gardián invisble como «novela policial cunha compoñente emotiva, moi presente nas novelas norteamericanas de misterio, que min moito me gustan. Interésame moito o matriarcado, unha forma de vida que coñezo ben, razón pola que quizais esta sexa unha novela moi de mulleres. Quixen ofrecer un detective co que me sentise identificada. Quería moverme nunha contorna onde puidese profundizar máis nas emocións e na nosa cultura».

Referiuse a súa avoa galega que «cando emigrou aos vinte anos levou con ela o coñecemento da tradición ancestral galega, que incorporou á que aprendeu e creu no País Vasco. Aquel mundo da avoa impregnoume a min dende os sete anos, fíxoseme crible. Quizais foi esta a razón principal pola que as novelas se desenvolven no Val de Baztan, onde se preservaron os costumes e crenzas do pasado, sen perder unha miga da súa identidade nin da súa conexión wifi.» Identificou semellanzas daquela cultura popular coa galega, sobre todo no esforzo por preservar a lingua e algunhas crenzas que no caso do Baztan teñen moito que ver coa potencia do bosque e do río, da propia natureza.» Confesou os seus medos de que lle poñan a etiqueta de «maxia» a súa próxima novela. «Non é maxia, é a forma coa que os baztaneros se relacionan coa natureza. Eles, sobre todo elas, as baztaneras pagaron por isto un tributo moi elevado de sangue e horror, queimadas na fogueira da Inquisición.»

Confesou que escribiu a triloxía coa esperanza de que funcionase entre os lectores, xa que «todos os escritores deben soñar que a súa novela pode chegar moi lonxe.» «A velocidade é unha das características do meu estilo narrativo. Odio a palla nas novelas. A xente le novela negra para saír do mundo real. A paz nas miñas narracións atópase no lugar.» Rematou as súas respostas expresando que «o pesadelo de todo escritor de crime é que alguén se lle ocorra poñelo en escena» e anunciando que «cando remate a aparición da triloxía, publicarei outra novela policiaca que non estará protagonizada pola inspectora Amaia Salazar.»

Magnífico e trepidante vermú con Dolores Redondo. A hora e media de conversa non deu para máis. Agardamos volver contar con ela en Galicia nos vindeiros meses para participar na promoción de Legado nos ósos, a segunda novela da triloxía, que Xerais publicará en galego o 19 de novembro, coincidindo coa súa aparición en castelán, catalán e éuscaro.

Onte 749: A volta de Rosa Aneiros

Volve ás librarías Rosa Aneiros. Unha magnífica noticia. Tras aquela extraordinaria colleita dos Xerais de 2009, na que gañara o premio xuvenil e o de novela, Rosa comeza co Ámote Leo A. Destino xalundes un gran proxecto narrativo de máis dun milleiro de páxinas, presentado en tres novelas que publicaremos de tres en tres meses; en xaneiro aparecerá a segunda entrega (Ámote Leo A. Estación de tránsito) e en abril a terceira (Ámote Leo A. terminal de… chegadas?). Unha viaxe polo mundo enteiro que en seis meses levará a Leo, unha rapaza que remata os seus estudos de grao, por territorios e cidades que nunca imaxinara. Unha prosa fermosa, traballada con agarimo e dedicación para facer da narración unha lectura engaiolante na que se borran as fronteiras de xénero. É difícil aquí determinar cal pode ser o público preferente dunha triloxía que editorialmente ben pode ser encadadrada nos denominandos como os «crossover books» (libros para persoas adultas que len os mozos e mozas –O vixía no centeo– ou libros para mozos e mozas que len as persoas adultas –Alicia no país das maravillas–?). Tamén é moi importante na triloxía a presenza na narración das mensaxes dixitais como a resolución de incógnitas que se van presentando no camiño desta narración de aventuras e viaxes. Aventuro que este novidoso proxecto narrativo de Aneiros vai contar co apoio de moitos lectores e lectoras de moi diversas idades, o que constituirá un logro para a a literatura galega do noso tempo.

Onte 744: Dignidade para o Cantino

Cunha sorprendente versión no seu remate deste vídeo «Contra a impunidade» comezou onte Xerardo Agrafoxo a súa intervención na presentación en Noia do seu libro Quen matou o Cantino? Coma fixeran estes quince actores e actrices meténdose na pel de vítimas da represión franquista, un actor noiés meteuse na do Cantino, o camareiro do Café Argentino, declarándose culpable diante do pelotón que o fusilou en Boisaca aquel 10 de outubro de 1936. Tras tan impactantes imaxes, Agrafoxo preguntouse «por que di Cantino que é “culpable”?» Contestar a ese interrogante, como aqueloutro de saber quen foi ese mozo noiés, a quen Manuel Rivas retratara literariamente como «Dombodán« n’ O lapis do carpinteiro, foi un proceso que perseguiu a Agrafoxo dende hai dúas décadas, facilitado dende o momento en que o historiador noiés tivo acceso ao texto da causa por «rebelión militar» que levou ao mozo ao paredón. Para Agrafoxo non hai dúbida que «Ramón Mayán Ramos, o Cantino, era pobre, era un changuero, capaz de ser recadeiro e logo camareiro. Tiña unha ideoloxía, era da CNT, anticlerical, capaz de subirse a un camión ao servizo da República para ir requisar peixe a Muros. Estivo fuxido durante uns días no Couto. Sabía que virían por el.» Continuou Xerardo afirmando que «acreditei que o Cantino sabía quen foi o testigo de cargo máis importante que declarou contra el.» «Cantino era un calquera, si. Era pobre, si. Mais tiña unha ideoloxía. Grazas ao seu compromiso hoxe vivimos en liberdade», rematou. Foi moi emocionante participar, nun salón cheo, dun acto organizado magnificamente por Barbantia no que se recoñeceu a dignidade do Cantino. Lembrareino.

Onte 742: «Os xornalistas utópicos”, unha obra excepcional

Na presentación en Couceiro, a primeira da tempada de Outono, d’ Os xornalistas utópicos, a novela de Manuel Veiga, Mario Regueira defendeu que «contar dunha forma nova, procurando a participación dos lectores, é a baza que lle queda á literatura actual.» «Explotar formas innovadoras en colaboración cos lectores, facer do público máis ca un simple receptor dun discurso xa feito. Apostar por sorprender.» Comezou así Regueira un discurso no que despois confesou que «Os xornalistas utópicos é unha novela que me gustaría ter escrito, a maior gabanza que un escritor pode facer da obra dun colega.» «Unha novela que impugna a historia da Transición, unha manipulación do xornalismo de longo percorrido.» «É difícil facer unha historia da saída do franquismo sen falar dos mortos pola policía. Déusenos por pechado un período histórico. A impotencia de estar vivivindo unha manipulación está presente en toda esta novela.» Rematou Regueira cualificando Os xornalistas utópicos como «unha novela de temática subversiva, unha obra excepcional, porque non é doado atopala todos os anos nin sequera todas as décadas.» Foi a de Regueira unha oportunísima reflexión, que empata coa que Ferrín fai hoxe no seu artigo no Faro.

Onte 736: Sociofobia

«Ningunha tecnoloxía vainos librar da vertixe de poñérmonos de acordo.» Esta é unha das afirmacións ben atinadas da entrevista de Paula Corroto que publicaba onte Eldiario.es con César Rendueles a raíz da aparición do seu libro Sociofobia. El cambio político en la era de la utopia digital publicado por Capitán Swing. As opinións deste profesor de Socioloxía da Complutense sobre o pánico actual á deliberación en común, así como a incapacidade de xestionar os conflitos poden parecer aparentemente contraditorias coa ciberutopía na que cremos vivir, na que permancemos sempre (inter)conectados polas redes sociais. Porén, a súa diferenciación sutil entre individualismo ético e fragmentación social (esa incapacidade de darlle sentido e cohesión ás nosas vidas) serve para explicar a paradóxica dificultade actual de acometer grandes proxectos colectivos. Vivimos as vinte e catro horas conectados por Twitter ou Fb a milleiros de persoas que descoñecemos, mais continúa sendo imprescindibles para as nosas vidas o abrazo das persoas queridas e o agarimo dos nosos veciños ou compañeiros de traballo. Ben interesante son tamén as afirmacións de Rendueles sobre os debates arredor da propiedade intelectual, a súa proposta de recuperación das editoras públicas, a súa convicción de «que non hai xeito de financiar a produción dos bens dixitais a través do mercado» ou a súa profecía de que «a industria do libro é a próxima industria discográfica». Unha entrevista moi suxestiva que convida a comprar un libro que semella útil para reflexionar de forma desprexuizada sobre o proceso de tránsito e desconcerto social que vivimos.

Onte 735: Unha historia literaria de referencia

Para os editores sempre é motivo de fachenda e satisfacción a chegada ás librarías de obras que consideramos de referencia, as chamadas a perdurar e a gañar importancia co paso do tempo, eses títulos que engalanan o noso catálogo durante anos e anos. Obras arriscadas para autores e editores neste tempo de tránsito da edición, onde a fraxilidade do dixital envellece o soporte escrito no momento da súa publicación. Esa mesma fachenda e convicción foi a que sentimos onte coa chegada do primeiro volume (dos catro previstos) da Historia da Literatura galega de Xosé Ramón Pena, máis de catrocentas páxinas nas que se reconstrúe con detalle o relato da produción literaria galega dende a Idade Media até os inicios do Rexuridmento, coincidindo coa publicación d’ A Gaita Gallega de Xoán Manuel Pintos. Sei que  cómpre agardar a publicación dos tres volumes restantes, prevista a un ritmo dun por ano, mais creo non equivocarme considerando que as achegas metodolóxicas, historiográficas e bibliográficas do proxecto de Moncho Pena están á altura das grandes (tamén escasas) historias literarias de noso, como a do seu mestre Ricardo Carballo Calero. Foi e continuando sendo o de Pena un esforzo individual enorme, teimoso, constante, diario, propio dun gran maratoniano da nosa investigación literaria. Unha actitude que merece a nosa maior gratitude como editores. Tanto polo seu enfoque comunicativo e polo novidoso de moitas das súas interpretacións e lecturas (onde creo está a cerna da obra) como pola importancia concedida ao estudo das circunstancias políticas e sociais sobre o feito literario e sobre o devir da lingua galega, esta obra de Xosé Ramon Pena posúe ese carácter perdurable, dunha historia literaria de referencia, por riba de soportes impresos e dixitais. Agardamos con expectación a recepción deste primeiro volume por parte da comunidade académica e polo conxunto do noso sistema literario.

Onte 730: Diada en Vilarón

Ao mediodía viaxei con Agustín Fernández Paz até Vilarón, nas terras do concello da Capela, onde Xabier DoCampo nos preparou o xantar. O mestre (narrador e cociñeiro) agasallounos cunha coidada antoloxía das súas especialidades máis sabedeiras, entre as que destacou a súa «pescada ao itálico modo», unha receita, coma outras do autor d’ O libro das cidades imaxinarias, que xa forma parte do canon (aínda non publicado) da cociña galega de entre séculos. Rematou a longa sobremesa de libros, contos, falares e pesares xa na tardiña coa cerimonia da plantación do carballo viaxeiro, unha galla que María Reimóndez entregara no inverno pasado na presentación de En vías de extinción e que para sorpresa de todos prendeu no balcón da miña casa. Foi esta a contribución nosa a celebración da #Diada, unha xornada que seguimos con emoción e esperanza. O carballiño quedou en Vilarón, ben abrigado dos ventos do nordés, para gañar o futuro.

Como se pode ver nas fotos acompañounos na plantación Secundino García Mera, o noso benquerido mestre da Capela, que gardará memoria do sucedido onte en Vilarón.