Campo de Fragoso CXXXI

MAGOS CELESTES

Na matinal de reis, os magos celestes agasallaron á bancada cunha contundente e merecidísima vitoria fronte ao Valladolid, un equipo sempre moi incómodo para os nosos, un rival directo co que temos librado mil e unha batallas decisivas. Durante a semana xa advertira Herrera da importancia de sacar adiante este encontro con Pucela e evitar o perigo de ocupar as posicións de descenso, moito máis aínda cando empezan a bulir algúns dos competidores da nosa liga pola salvación coma o Deportivo ou o Español. Razón pola que o noso adestrador sacou de cara un equipo moi atacante: en liña avanzada, tres dianteiros (Aspas, Park e Bermejo); detrás deles lanzando o xogo a Álex López e Krohn Dehli, deixando a Oubiña toda a responsabilidade no medio centro, como facía antes da lesión, sostendo, a estrutura, marcando os tempos de xogo e realizando as coberturas defensivas.

Dende o asubío inicial, o Celta foi a polo partido, non manexou ningunha outra hipótese nin reservou na manga carta táctica ningunha. Aos dous minutos, o xutazo de Krohn Dehli dende a frontal saíu un chisco desviado. Foi o primeiro aviso das intencións galegas. No minuto seis, tras unha xeitosa combinación da dianteira, Álex estragou un servizo magnífico de Aspas. Dous minutos despois Iago abriría o marcador, tras unha recuperación de Krohn Dehli na frontal da área galega e un pase longo de precisión excepcional do danés que permitíu ao noso Messi superar en velocidade ao seu marcador, conducir durante uns metros e case na área pequena superar a saída de Dani. Un golazo vibrante, tras un pase maxistral. Porén, o agarimoso agasallo celeste en día de reis chegaría tamén dous minutos despois, cando Javi Varas marrou un despexe diante do perigoso Javi Guerra, obrigando ao gardarredes sevillano a cometer un penalti que sería transformado por Bueno. Un partido que comezara de marabilla semellaba complicarse por unha fatalidade só atribuíble a un exceso de confianza. A pesar deste detalle, o Celta non perdeu en momento ningún a fé nas súas posibilidades e buscou no fútbol directo de contragolpe a fórmula para volver marcar. Park e Bermejo tiveron a súa oportunidade no minuto vinte e cinco. Pouco despois chegaría a mellor xogada do partido. Foi unha grande apertura de xogo atacante dende a dereita do campo propio, coa participación de Bermejo e Álex López que cun pase longo mudou de banda sobre Roberto Lago que dende a esquerda centrou en carreira sobre Aspas que cando ía rematar de cabeza á altura do poste dereito foi derrubado por un defensa. Un penalti de libro que o de Moaña nunha mañá afortunadísima e plena de confianza transformaría nas dúas ocasións que o lanzou.

Desta volta, a segunda parte tamén foi propicia para os de Herrera. A clave estivo, sen dúbida, aos cinco minutos, no golazo de Álex López, na súa estrea como goleiro en primeira división. Un cacheirón dende a frontal a unha distancia de vinte metros da portería. Un fabuloso xutazo que confirma a Álex como un dos nosos chegadores de segunda liña. Co marcador xa mais despexado, o Celta continuou enunciando o verbo combinar como o seu preferido até o derradeiro cuarto de hora no que como é adoito esta tempada encolleuse protexendo a Varas. Durante este período sempre tan delicado para os de Herrera, os pucelanos buscaron a súa oportunidade, mais a defensa céltica funcionou con disciplina e rigor e Varas (recuperado do seu esvarón) parounas todas. O partido estaba máis ca ben gañado. O Celta inicia o ano con confianza e enxerga o segundo treito da tempada con esperanza. Gran xornada dos magos celestes onde brillaron Álex, Aspas, Oubiña, Bermejo, Krohn Dehli, Cabral e compañía, todos nun excelente nivel.

Espolio para Galicia

No artigo da semana de Faro de Vigo alerto sobre o futuro moi incerto da Fundación Novacaixgalicia.

A liquidación das caixas de aforros galegas é un dos temas que maior indignación e perplexidade cidadá provoca. Con todo o que choveu, xa é imposible negar o rotundo fracaso da operación de fusión, auspiciada pola Xunta de Galicia e tutelada polo seu presidente Alberto Núñez Feijoo, no marco do proceso de reestruturación e centralización do mapa do sector financeiro español reducido a catro ou cinco grandes bancos, onde non ten cabida unha entidade galega, a pesar de contar co 40% da cota do seu mercado e supoñer a súa actividade o 10% do PIB da nosa comunidade.

Como é imposible negar a responsabilidade dos grandes directivos (con soldos desorbitados e xubilacións millonarias) das dúas caixas, que conduciron (algúns durante décadas e de forma personalista) ás institucións á semellante desfeita, na que se leva reducido o cadro de persoal case nun sesenta por cento e na que se anuncia o despido doutras 2.500 persoas. Como é imposible non recoñecer un escándalo na estafa monumental das participacións preferentes e subordinadas, que poden arruinar a máis de 90.000 aforradores galegos, a pesar de contar coa defensa do Fiscal superior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do apoio cidadán nas súas mobilizacións. Como é xa moi difícil aventurar outro escenario para o futuro do banco hoxe nacionalizado que non sexa o de ser adquirido a prezo de ganga por unha das entidades sobreviventes para transformalo na súa franquicia no mercado galego.

Se todo o anterior non abondase, o colofón de semellante desfeita púxoo o recente anuncio do FROB (institución controlada polo Banco de España e o Ministerio de Economía) de que “o valor económico de Novagalicia Banco dá un resultado negativo de -3.091 millóns de euros”, colocando á Fundación Novacaixagalicia ao bordo do abismo. A entidade que xestiona a obra social e cultural das caixas, até agora propietaria do 6,84 % de NCG Banco, no momento no que o banco reciba “a inxección de 5.425 millóns de euros” do estado, procedentes do rescate solicitado á Comisión Europea, perderá toda a súa participación na entidade e a partir de 2014 quedará á intemperie sen posibilidade de recibir dividendo ningún para o seu funcionamento. Sucederálles outrosí aos setenta accionistas privados galegos que de forma testemuñal entraron a formar parte do capital fundacional de NCG Banco. Falando en prata, se un milagre non o remedia, tras 132 anos desaparecerá a caixa de aforros que fundou o 15 de xaneiro de 1880 o primeiro conde de Torrecedeira e o concello de Vigo. Confirmaríase así un auténtico espolio para Galicia, que no proceso de remodelación financeira perdería tanto as súas entidades (alá foi tamén o Banco Pastor) coma a súa máis importante entidade sociocultural.

Neste contexto, non se pode minusvalorar de xeito ningún a trascedencia do labor social, asistencial, solidario, educativo e cultural dunha entidade como a Fundación Novacaixagalicia que no ano 2008 chegou a dispoñer para a realización do programa das súas actividades dun orzamento de 146 millóns de euros, cantidade reducida a 35 millóns en 2012. Quen aínda teña dúbidas a este respecto, aconsello que compare estas cifras coas partidas dos orzamentos da Xunta de Galicia ou do Goberno de España para finalidades semellantes.

Co escenario deseñado polos responsables do FROB para Novacaixagalicia agóirase un panorama desolador: a desaparición dos programas para maiores e dependentes e o peche dunha rede de vinte centros asistenciais, de catro bibliotecas públicas especializadas, ademais de media ducia de escolas infantís, tres grandes centros de formación profesional e media ducia de centros de formación empresarial (incluída a Escola de Negocios da avenida de Madrid). Outrosí é probabe que suceda coa rede de centros sociais e culturais, que ofrecen unha programación de referencia no eido das artes plásticas, da música e do teatro. Sen esquecer os programas de bolsas universitarias no estranxeiro ou de iniciación profesional, os programas de apoio directo ao voluntariado e ás organización non gobernamentais, vitais nun momento coma o actual no que a desigualdade medrou en Galicia á mesma velocidade de vertixe ca precarización e o desemprego. Por non falar da incerteza que neste contexto provoca o destino que poida ter a colección de Arte de Caixanova, parte do patrimonio galego, ou o futuro dos edificios emblemáticos da fundación nas diversas cidades.

A desaparición da Fundación Novacaixagalicia, un patrimonio construído co aforro de varias xeracións de galegos e galegas, constituiría unha catástrofe para Galicia da que non temos precedentes, un tsunami social e cultural diante do que non pode permanecer máis tempo indiferente e conformista o actual Goberno Galego e o seu presidente.

No centro do mundo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da aparición do libro Futbol es fútbol de Jacobo Buceta e da vitoria do Celta fronte ao Madrid, a criticar o relato centralista e reaccionario promovido pola caverna madrileña sobre as competicións de fútbol profesional.

Na presentación de “Fútbol es fútbol” (Xerais 2012) en Santiago de Compostela, Fernando Vázquez gabou o extraordinario humor co que está escrito o libro de Jacobo Buceta, ademais de insistir en que lle parecía insostible a actual estrutura dunha competición baseada na confrontación entre dous clubes, que reciben a maior parte dos cartos e atención das televisións, considerando ao resto dos equipos como meros comparsas ou figurantes. O seleccionador galego de fútbol –non esquezamos, tamén o adestrador do Celta que gañou dúas tempadas seguidas no Bernabeu– expresaba coa súa sutileza que era posible outra ollada do fútbol profesional en España, sen necesidade de centrar o foco na liorta entre madridistas e culés, semellante a desmitificadora que realiza no seu libro Jacobo Buceta.

No mesmo acto de presentación, o xornalista Xosé Hermida iniciou a súa intervención lembrando as palabras de Albert Camus, o escritor francés que xogara de porteiro, “todo o que sei con maior certeza sobre a moral e as obrigas dos seres humanos débollo ao fútbol”. Hermida enxalzou despois o divertido “das historias deste animalario de xentes que pululan polo fútbol actual, clasificadas por arquetipos”, ademais de agradecer que o libro estivese escrito dende Galicia, “evitando o espectáculo grotesco e cansino da eterna liorta entre Real Madrid e Barcelona, unha comedia interpretada sempre por persoas interpostas”.  Vázquez, Hermida e Buceta insistiron, pois, na necesidade dunha nova ollada distanciada do relato centralista, máis equilibrada e orixinal, sobre o mundo do fútbol español, xa que hai moita vida e ilusións máis alá dese eixo Madrid-Barcelona.

Vinte e catro horas despois da magnífica presentación compostelá, o colosal partido de copa do Celta en Balaídos demostrou sobre a lameira o acertado das palabras dos tres oradores. Os de Herrera gañaron con claridade meridiana un partido no que foron moi superiores tanto na utilización das estratexias do xogo coma na intensidade da súa posta en práctica. Conducidos polo rigor excepcional no manexo dos tempos do seu capitán Borja Oubiña, os celestes foron capaces de reducir a arrogancia das figuriñas madridistas até transformalas en monecos caprichosos incapaces de entender o que lles estaba sucedendo. Os celestes reescribiron coas súas biqueiras o argumento de David contra Goliat, un dos relatos fundacionais da humanidade, o do asalto á fortaleza por parte de heroes humildes. Un argumento seguido en Balaídos con tanta verosimilitude, ao que nin sequera lle faltou o imprescindible elemento da fatalidade que supuxo o gol merengue nos minutos finais, un feito que deixa o castelo madridista menos ameazado e obrigará a un maior esforzo dos nosos no novo Chamartín.

Porén, semellante proeza futbolística galega foi considerada por algún medio da caverna mediática madrileña como unha manifestación “de paletismo de ardor nacionalista do Celta de Vigo, que nunca se repite contra o Barça, que é outro tipo de independentismo”, ademais da “típica patada ao destino desta nación sometida aos rexionalismos que á levaron á ruína, en plena época da globalización”. Semellantes barbaridades evidencian que para persoas como o seu autor, o xornalista Julián Ruiz, esta traballadísima vitoria celeste non ten cabida posible no seu relato único, onde equipos e afeccións “tan simpáticas” coma a celeste están apenas para baixar os brazos, deixarse golear, facer o corredor aos campións brancos e aplaudir abraiadas e “agradecidas” as carreiras e caneos de Cristiano e outras figuras fichadas pola “xenerosidade ilimitada” de Florentino. Un noxento relato reaccionario e fanático que oculta o brutal endebedamento do clube dos seus amores (tamén coa Facenda Pública), mais tamén os continuos privilexios horarios e “outras axudas” recibidas ao longo das competicións. Un relato deportivo centralista que admite modulacións aparentemente menos ferintes, como a da transmisión deste partido en Canal +, onde os locutores descoñecían os nomes dos nosos xogadores e confundían os dos estadios e cidades galegas, expresión simbólica de que para eles máis alá da capital todo semella terra conquistada.

Oubiña, Mallo, Aspas, Bermejo, Sergio, Krohn Delhi, Bustos e o resto de heroes celestes demostraron o mércores o seu protagonismo, evidenciaron que o Celta non é comparsa de ninguén e que Balaídos volveu ser o centro do mundo onde competir con dignidade cos rivais mais difíciles. Abondou confíar nas propias posibilidades e dosificar con intelixencia o esforzo que requiríu activalas. Como o apoio entusiasta que os xogadores recibiron demostra que o Celta é un patrimonio afectivo e identitario de todos e todas, por riba de calquera diferenza, sexa política ou xeracional, ou a pesar de calquera distancia física ou virtual. Ala Celta!

O galego ameazado pola LOMCE

No artigo da semana en Faro de Vigo analizo o segundo borrador da LOMCE, con particular atención ao que atinxe á modificación que introduce no estatus das linguas cooficiais distintas do castelán.

Como membro dunha xeración de profesorado comprometido coa renovacion pedagóxica e a normalización da lingua e cultura galegas sinto indignación pola deriva que o Partido Popular pretende imprimir na nova reforma do sistema educativo. Seguindo de pé a pa os principios do documento “La sociedad española ante la agenda de reformas”, presentado polo sociólogo José Ignacio Wert no Campus FAES de 2010, coa aprobación da Lei Orgánica de Mellora de Calidade da Educación (LOMCE) o goberno de Rajoy pretende desmontar o modelo de Escola Pública acuñado na LOXSE de 1990.

Neste texto, dispoñible en Internet co formato esquemático de presentación, Wert propón, entre outras reformas políticas económicas e sociais, a recentralización das administracións autonómicas e a recuperación dalgunhas competencias por parte do Estado, o desenvolvemento de políticas de “austeridade exemplarizante”, a baixa das prestacións de desemprego, así como a reforma da Educación “como a máis importante que a sociedade española deben afrontar” ao longo desta década.

Neste eido, lonxe de ser considerado un recén chegado, o actual ministro de Educación, Cultura e Deporte critica abertamente o concepto “abusivo de Comunidade Escolar”, base do modelo de organización escolar e participación da LOXSE, propoñendo “non deixar escapar unha crise tan boa” (boutade que lle rouba ao demócrata Rahm Emmanuel, actual alcalde de Chicago) para substituír no sistema educativo “o refluxo de aspiracións participativas en beneficio da restitución da autoridade e da esixencia”, así como un pulo cara “a recuperación do papel do Estado na xestión do sistema educativo”. Meu dito, meu feito. Medidas recollidas polo miúdo no segundo borrador da LOMCE, presentado na Conferencia de Educación, ás que engadíu un reforzamento do peso da Relixión, coa conseguinte desaparición da materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos (presente no primeiro borrador da lei como Educación Cívica Constitucional), así como no alongamento a seis anos dos concertos educativos, sen dúbida, froito da negociación de Wert coa Conferencia Episcopal.

Para pechar o círculo das súas reformas recentralizadoras, a última hora e de forma non exenta de sorpresa, Wert decidíu ir a por todas e modificar tamén o estatus das linguas cooficiais no sistema educativo non universitario, rachando de forma unilateral un consenso recollido tanto no texto constitucional como nos Estatutos de Autonomía catalán, vasco e galego. Coa consideración do castelán e da primeira lingua estranxeira como materias troncais en todas as etapas educativas obrigatorias (das que o alumnado será avaliado en  todas as reválidas) e o das outras linguas do Estado, como é o caso do galego, como materias de especialidade (da que habería a posibilidade de non ser examinado nas reválidas), pretende perpetrarse un golpe de morte ao estatuto de igualdade das linguas no sistema educativo. Máis alá do seu dubidoso encaixe constitucional, esta medida pretende rachar de raíz co eixo das políticas lingüísticas catalás e galegas baseadas na non segregación do alumnado en razón de lingua e no desenvolvemento para todos os alumnos e alumnas dunha dobre competencia semellante en ambas as linguas oficiais, imprescindible para asegurar a súa liberdade de elección.

Como sinala a plataforma Prolingua, de aprobarse este segundo borrador da LOMCE as agresións á lingua galega do Decreto de Plurilingüismo, enmendado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no que atinxe á “liberdade de elección de lingua” do alumnado e das súas familias, veríanse “bendicidas e legalizadas”, mesmo podendo quedar en papel mollado os contidos da Lei de Normalización Lingüística da que estamos a piques de celebrar o trinta aniversario da súa aprobación. De non modificarse a redacción de Wert, no noso sistema educativo o estatus da lingua galega –non o esquezamos, definida como “lingua propia” no Estatuto de Autonomía– quedaría en absoluta inferioridade con respecto tanto ao castelán como á primeira lingua estranxeira (o inglés, na maior parte dos casos), xa que non tería idéntico valor académico para a traxectoria do alumnado. Unha humillación a nosa lingua racionalmente inxustificable. Un brutal retroceso que nos levaría a tempos anteriores á aprobación da Constitución de 1978.

Diante desta ameaza de morte para o galego, o presidente da Xunta ten a obriga de defender o futuro do idioma de noso, a lingua de toda a cidadanía galega, tanto dos que a utilizan como dos que prefiren non facelo, o patrimonio da humanidade máis valioso que quedou ao noso coidado. Feijóo debe instar a que o goberno de Rajoy recupere a sensatez nunha cuestión fulcral para o futuro de Galicia e para a convivencia da súa cidadanía.

Mártires de Sobredo

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar os acontecementos de Sobredo, con motivo do seu 90 aniversario. O texto recolle unha parte da miña intervención no Campo dos Mártires.

Cumpríronse noventa anos dos acontecementos de Sobredo, na parroquia de Guillarei, cando tres persoas foron asasinadas o 28 de novembro de 1922 pola Garda Civil cando defendían a dignidade dos labradores aos que se lles esixía un lucro da terra que eles traballaban. Cándida Rodríguez, veciña da parroquia de Pazos de Reis, Joaquín Estévez Besada, veciño de Soutelo do concello de Salceda de Caselas e Venancio González Romero, dirixente agrario de San Esteban de Budiño foron as tres persoas falecidas, xunto a outras sete que resultaron feridas de bala, cando a Garda Civil disolveu a balazos unha concentración de máis de dúas mil persoas que acudiran, convocadas a golpe de badaladas e de foguetes, dende diversas parroquias de toda a bisbarra, dende o Baixo Miño, a Louriña até o Paradanta en solidariedade cun veciño de Sobredo, a quen coa presenza do xuíz e a Garda Civil lle pretendían embargar os bens por negarse a pagar o foro ao rendista tudense José Sarmiento.

Unha negativa a pagar acordada no Congreso Rexional Agrario de Tui, celebrado do 28 ao 30 de xuño do mesmo ano, no que se acordou tamén fundar a Confederación Rexional de Agricultores Galegos baixo a presidencia de Basilio Álvarez. Un boicot, asumido por 133 sociedades agrarias parroquiais, co que se pretendía rematar cuns contratos forais, propios dun réxime escravista medieval, que obrigaban aos labregos a pagar unha renda anual, case sempre á altura do san Martiño, ben en especie (millo, viño ou animais) ou en cartos, aos donos da terra que traballaban. Unha reivindicación que provocaría o 6 de novembro a detención dos membros da directiva da Sociedade Agraria de Ribadelouro, o comezo dunha posterior folga na bisbarra e a clausura de locais das sociedades.

Dende entón, os acontecementos de Sobredo de 1922 quedaron fixados como símbolo da sociedade labrega martirizada, uníndose a xeira oprobiosa doutros semellantes que se produciron nesta loita agrarista noutras localidades do país, como Oseira (1909), Nebra (1916) e Sofán (1919). Particularmente estremecedores foron os desta última parroquia do Porto do Son, onde o 12 de outubro de 1916 foron abatidas cinco persoas, catro mulleres e un home, na ponte de Cans, tamén tras unha manifestación de labregos que berraban en contra do “defís”, un tributo que impuxera o concello para pagar unha débeda contraída coa deputación. Estes acontecementos foron inmortalizados por Castelao en 1931 no álbum “Nós”, cando escribíu ao pé dunha das ilustracións: “¡Un padrenuestriño pol-os que morreron en Oseira, Nebra e Sofán!”

Dende a derradeira década do século XIX e, singularmente, na primeira do XX, constituíuse o movemento agrarista galego co obxectivo principal  de eliminar os foros e trabucos que impedían a modernización do sector agrario, forestal e gandeiro e a liberación do réxime caciquil que os ateazaba. Na bisbarra baixomiñota foron pioneiras as Sociedades Agrarias de Salceda, constituída en 1897, do Porriño en 1900 e de Guillarei en 1901, presidida polo canteiro Ramón Castiñeira. O que provocaría no primeiro lustro do século pasado un rápido crecemento deste asociacionismo labrego por case todas as parroquias. O historiador Henrique Hervés Sayar sinala que as sociedades agrarias tudenses reiteraran unha serie de demandas verbo dos tributos, o que reflectía o descontento da poboación rural co sistema fiscal da Restauración.

A actitude rebelde, a solidariedade, a fraternidade, o esforzo colectivo amosado na longa loita antiforal ao longo de máis de dúas décadas conseguiron abrir unha saída política para o conflito que chegaría no mes de xuño de 1926 co decreto de redención foral do goberno de Primo de Rivera, que permitía cos labregos fosen donos das súas terras, mediante o pagamento dunha indemnización. Un sistema que custou ferro e fariña pagar a tantos dos nosos campesiños, que procuraron nos vieiros da emigración americana os cartiños para redimir os foros das terras de seu.

Coa conquista cívica da República e cos tempos de entusiasmo que suscitou, Sobredo convertiuse nun referente daquela loita antiforal e anticaciquil. O 29 de novembro de 1931 o escultor Camilo Nogueira puxo a primeira pedra do monumento aos mártires de Sobredo, que sería inaugurado o ano seguinte con motivo da celebración do décimo aniversario. Porén a intransixencia e o fanatismo fascista levou a dinamitar a obra de Nogueira no mesmo mes de xullo de 1936, coincidindo coa disolución das sociedades agrarias, o auténtico celme deste movemento a prol da dignidade campesiña. Por ventura, en 1986 celebrouse por vez primeira un encontro de lembranza daqueles sucesos e dous anos despois reconstruíse o monumento do escultor de Lavadores á dignidade campesiña. Unha cita anual que non perdeu actualidade.

Campo do Fragoso CXXX

O NOSO MESSI

O vitrasa no que regresamos de Balaídos era unha tarteira que fervía. Algúns seareiros celestes botaban por fóra a súa indignación polo troco de Iago Aspas, co marcador igualado e con máis dun cuarto de hora para poder conseguir a vitoria. Este severísimo castigo de Paco Herrera, entendo que xustificado pola tarxeta que o de Moaña recibira poucos minutos antes por protestar un fóra de xogo, pode aumentar esa perigosa fenda co adestrador que transcorrida unha cuarta parte da liga mantén unha parte da afección nosa. Tras a debacle da segunda parte en Vallecas, á que non foi allea a endeble proposta táctica do adestrador celeste e os seus trocos polémicos, a retirada da lameira onte de Iago Aspas, con moita diferenza o mellor xogador dos nosos en ambos os dous partidos, chove sobre mollado. Algo que descoñecemos non está funcionando ben no vestiario celeste cando o adestrador non semella empregar a mesma severidade disciplinaria con todos os xogadores, como se pode comprobar tras as dúas vergonzosas expulsións consecutivas do central Cabral, por senllos cartóns vermellos, arruinando as posibilidades do equipo cando tiña partidos en clara vantaxe.

Fronte ao Mallorca de Caparrós, a pesar do seu polémico troco, Iago Aspas foi o mellor dos celestes. Xa dende a súa primeira intervención no minuto dez, unha parede de tiraliñas sobre Hugo Mallo, a súa velocidade desequilibrante, o seu xenial control de balón, os seus caneos imprevisibles, os seus desmarques de fantasía crearon o pánico entre os membros da contundente defensa balear, que respiraron aliviados cando foi substituído. Unha vez máis, o que é considerado pola bancada como “o noso Messi”, demostrou que nas súas biqueiras ten un xogo que está un paso por diante do resto do equipo. Durante unha primeira parte decepcionante do Celta, foi dos poucos que mantivo o nivel. O Mallorca saíu coma un lobo famento, tras seis derrotas consecutivas, disposto a marcar o antes posible. Conseguiuno de forma merecida no minuto vinte, tras forzar seis saques de recanto e contar con varias oportunidades claras, ante unha defensa celeste desas de requeixo das Neves, que dá as maiores facilidades para superala polo seu carácter doce e brandiño Co marcador en desavantaxe, senllas xenialidades de Iago, puideron nivelalo, mais foron estragadas por un Augusto Fernández lento e ofuscado que no minuto 37 só diante de Aouate guindou a pelota a Marcador.

Tras a reanudación, o Celta saíu un chisco máis intenso. Desta volta o alustro de xenialidade de Aspas si que cundíu efecto, tras un contra iniciada pola esquerda por Kron e Belvís, centrando para que Park tivese apenas que empurrar o balón ás redes dende a área pequena. A euforia celeste durou pouco. Cinco minutos despois, noutro apretón mallorquín, Javi Varas coa axuda do longueiro salvou un remate de cabeza de Hemed á saída dun saque de recanto. Situación de perigo extremo que se repetiría quince minutos despois tras un cacheirón de Nsúe desviado polo noso porteiro nunha tarde moi afortunada. A entrada de Bermejo, Quique de Lucas e Joán Tomas, xa no derradeiro cuarto de hora do partido, non supuxo de maneira ningunha o revulsivo que precisaba o Celta, mais aínda cando por vontade do seu adestrador quedara fanado sen a súa mellor baza atacante. Diante das dificultades evidenciadas polos nosos en ambas as dúas áreas, froito do que podemos denominar “sindrome da frouxidade”, o empate non foi o peor resultado. No entanto, este Celta que con estes empates conformistas comeza a naufragar tamén en casa, transmite sensacións de notoria debilidade. Ás portas do mercado de inverno, eu apostaría por un central con experiencia. Boa falta fai.

Profesor Alonso Montero

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao profesor Xesús Alonso Montero con motivo do seu noeamento como fillo adoptivo de Ribadavia o vindeiro sábado, 24 de novembro.

Coincidindo co seu oitenta e catro aniversario, o vindeiro sábado 24 de novembro, o profesor don Xesús Alonso Montero será nomeado fillo adoptivo de Ribadavia por decisión unánime da súa corporación. Aínda que nacido en Vigo, onde vivíu até os nove anos, Xesús pasou parte da súa infancia e adolescencia en Ventosela de Sampaio, parroquia do concello de Ribadavia, onde nacera a súa nai. Foi no berce das terras do Ribeiro onde mamou a lingua galega e onde ten a súa matria da que nunca se desprendeu, como reza a placa que hai apenas uns meses se colocou na casa de Ventosela onde viviron os seus avós maternos: “A idade de nove anos, un mes e dous días o filólogo Xesús Alonso Montero iniciouse na aprendizaxe da lingua galega”; un feito que o protagonista cualifica retranqueiramente como “a primeira placa sociolingüística de Galicia”, xa que non se refire nin o seu lugar de nacemento nin de residencia. Como foi tamén en Ribadavia, onde sendo estudante de Filosofía e Letras na Universidade Complutense, obtivo o seu primeiro recoñecemento literario nos Xogos Florais de 1949, por un ensaio breve, que permanece inédito, titulado “Canto a Ribadavia”. Razóns abondas para tributarlle unha homenaxe a don Xesús na súa terra, á que se levan adherido, polo momento, máis de sesenta entidades culturais e cívicas de todo o país.

Non poderiamos entender a historia de Galicia e da lingua galega nas últimas seis décadas sen a achega esencial de don Xesús, tanto pola súa bibliografía monumental como investigador, estudoso, editor e publicista sobre os máis diversos eidos das letras e das humanidades, como polo seu compromiso inquebrantable coa causa da igualdade e da xustiza, a principal da humanidade, e contra calquera tipo de tiranía, empregando como armas a luz da palabra e a fouce da razón. O profesor, palabra que no seu caso transfórmase en metonimia da súa identidade, exerceu o seu maxisterio dentro e fóra das aulas como formador de bachareles en Lugo, onde deixou unha pegada extraordinaria no seu alumnado, como podemos comprobar cada vez que o acompañamos alí a presentar algún dos seus libros. Outrosí sucede cos seu alumnado do que foi aquel Colexio Universitario de Vigo e, máis tarde, da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, da que é catedrático emérito.

Como editor non podo negar a miña admiración polo traballo rigoroso até a extenuación de Xesús, na consulta de múltiples fontes que acheguen novos detalles (aparentemente eruditos), que lle permiten desvelar a memoria (oculta) republicana de Galicia, ámbito onde ven realizando unha achega excepcional, recollida en libros de referencia internacional como “Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948)” ou “Intelectuais marxistas e militantes comunistas en Galicia (1920-2006)”, un libro moi vencellado a súa militancia no Partido Comunista durante os últimos cincuenta anos. Como moi valiosas son as súas biografías intelectuais, nas que, sen dúbida, destaca a que preparou sobre Luís Seoane, “As palabras no exilio” (1994, 2002), como a máis recente sobre o filólogo “Aníbal Otero” (2011) con motivo do seu centenario, merecedora do premio Lousada Diéguez ao mellor traballo de investigación dos publicados o pasado ano, ou sobre a viaxe de “Castelao á Unión Soviética en 1938”, que presentamos ao longo destes meses.

Como tampouco podo agochar a miña admiración pola dimensión de don Xesús como brillantísimo orador de verbo rítmico e preciso, de erudición asombrosa, froito dunha curiosidade desborda. Orador que sabe dosificar o discurso a lume lento, introducindo pausas para a reflexión política ou literaria, co gume ben afiado da ironía e do escarnio cando o argumento do seu relato o fai preciso. Un orador que conquista decontado á audiencia, na xínea de Otero Pedrayo co que compartíu foros e formas, como testemuñan as fotografías do inesquecible xantar do Hotel Roma de Ourense en 1966 no que a cultura (a esquerda) galega despedía ao poeta Celso Emilio Ferreiro e iniciaba o combate cívico contra o encoro de Fenosa en Castrelo de Miño, asolagando tamén as súas terras nativas. Como tamén admiro a don Xesús pola súa conversa amenísima e documentada, sobre outras cuestións que poden parecer quizais máis triviais, mais non menos relevantes, para o futuro das artes e da cultura, como as goleadas do seu admiradísimo Lionel Messi, as xogadas memorables de Xavi ou as aliñacións históricas do noso Celta do corazón, onde é un grande experto. Este maxisterio oral do profesor, constitúe un macrotexto de dimensións extraordinarias, que permanecerá conservado na memoria e no corazón dos milleiros e milleiros de persoas que o temos escoitado ao longo dun país enteiro, que percorreu e percorre con enorme xenerosidade. A nosa maior gratitude para el.

Onte 432: Chapapote Prestige 10

Cando se cumpren dez anos da xornada do afundimento do Prestige, coincidindo coa declaración do capitán Mangouras no xuízo, non podo evitar acudir ao meu arquivo (daquela aínda non abrira estas brétemas) e comprobar o que sobre o asunto escribira no Campo de Granada do Faro. A verdade é que lembro aqueles días de outono, no que acompañamos a Manuel Rivas nas presentacións d’ As chamadas perdidas, con enorme desacougo, mais tamén como alborais dun tempo de mudanza, un engrama na nosa historia colectiva que marcaría (como así foi) un antes e un despois. Reler aqueles textos de urxencia, escritos a golpe de serena indignación, é inevitable que produza certa melancolía. Como hoxe provoca indignación e vergonza que os responsables  e incompetentes políticos da catástrofe ecolóxica dos que pediamos a demisión non sexan nin chamados a declarar na causa. Recupero, pois, en formato pdf, sen cambios ningúns, aqueles textos publicados nas páxinas de Faro de Vigo ao longo de cinco domingos consecutivos:

  1. “Chapapote Prestige” (24 de novembro)
  2. “Nunca Máis” (1 de decembro, coincidindo coa manifestación dos paraugas de Santiago)
  3. “Somos mariñeiros” (8 de decembro)
  4. “A flota da esperanza” (15 de decembro)
  5. “Corenta días alteza” (22 de decembro)

 

Un éxito colectivo

No artigo da semana de Faro de Vigo volvo sobre as orixes dos Premios da Crítica Galicia, que se celebrarán na edición 2012 o vindeiro sábado, 17 de novembro.

O pasado venres publicouse nestas páxinas de “Faro” unha reportaxe de Amaia Mauleón sobre os Premios da Crítica Galicia con motivo do seu 35 aniversario. Ilustraban o texto senllas fotografías de Magar e outra do desaparecido Llanos nas que puidemos identificar a relevancia que estes premios, creados en 1978 polo Círculo Ourensán Vigués, a entidade recreativa da rúa Venezuela daquela presidida polo libreiro Bieito Ledo, tiveron para a cultura galega.

Na primeira das fotos, a que máis me impactou, aparecen as sete persoas que formaron parte do primeiro xurado de creación literaria, o que escollería como gañador o poemario “Mar e naufraxio” de Alfonso Pexegueiro, editado polo Círculo de Investigacións e Estudos Sociales (CIES). Na foto de Magar aparecen arredor de dúas mesas rectangualres seis homes barbados e unha única muller, a profesora de literatura galega Pilar Vázquez Cuesta. O catedrático Emilio de Gregorio, secretario do xurado en representación do Círculo Ourensán, e Basilio Losada, profesor da Universidade de Barcelona, acompañaban a catro dos escritores máis relevantes da literatura galega das últimas cinco décadas Carlos Casares, Paco Martín, Xosé Luís Méndez Ferrín e o poeta Celso Emilio Ferreiro, un ano antes do seu pasamento. Este xurado de auténtica excepción afirmou no texto do seu ditame que no libro de Pexegueiro se realiza “un esforzo importante no camiño de conquerir unha renovación das técnicas expresivas da lingua poética galega”, ademais de salientar tamén o interese doutra obra que considerou longamente, “Silabario da turbina” do colectivo poético Rompente, “que mostra unhas especiais caraterísticas renovadoras no que facer poético”. Dende aquela, a creación literaria en galego, como o conxunto da oferta editorial galega, deu un chimpo de xigante. Paga a pena lembrar que entón se editaban en galego cada ano apenas 150 títulos, mentres que na actualidade, a pesar das dificultades das crises da industria editorial, son bastantes máis de dous mil. Foi, pois, aquel do Hotel Samil un decisivo momento alboral dun proceso de crecemento, ao que os Premios da Crítica nunca serían alleos.

Mais a foto de Magar, que sen dúbida pasará á historia da literatura galega, non informaba sobre o que sucedía extramuros daquel cuarto do Hotel Samil, onde se celebraron as deliberacións, ou do salón onde aquel 16 de maio tivo lugar a primeira “Cea das Letras”, na que é ben lembrar que cada un dos asistentes, o certo que de moi diversa condición, pagou as 800 pesetas do menú. Extramuros fervía o Vigo revolcado, que comezaba a enfrontar a primeira das súas nunca concluídas reconversións navais, unha cidade que sofría un momento de devalo económico, ao tempo que coas liberdades, aínda non completamente conquistadas, os partidos e forzas políticas abordaban o complexo debate do texto constitucional e das aspiracións da nación galega ao seu autogoberno e á recuperación plena da súa lingua e da súa cultura.

Nese fervedoiro social e político, que foi tempo de incertezas e oportunidades, cocéronse as primeiras edicións dos Premios da Crítica Galicia. Impulsados por unha xeración entusiasta de profesionais vigueses, pertencentes a un espectro político plural, mais vinculados coa esquerda e co galeguismo, os Premios da Crítica (nacidos primixeniamente co nome de “Premios Martín Codax”), como outras actividades organizadas polo Círculo Ourensán Vigués (Romería das Letras Galegas en Castrelos, Semana da Cultura Galega no norte de Portugal) acreditaron na potencia das iniciativas da sociedade civil e na consideración da cultura e a lingua galegas como un patrimonio de todos. Iniciativas todas as tres alicerzadas sobre un xeito mancomunado de entender o país e un traballo cultural “vivo e incitante”, co que se pretendía, lonxe de calquera intención elitista, “chegar a amplos sectores sociais”, por utilizar os termos dos seus textos fundacionais.

Ese espírito de galeguismo aberto, inequivocamente integrador e antiseitario, esa vocación de presentar a cultura galega na súa verdadeira estatura e diversidade (dende a creación literaria, a investigación, o ensaio, atá a iniciativa cultural, o disco, as artes plásticas, escénicas e audiovisuais), sen complexos nin chovinismos, permitíu a consolidación e a continuidade ininterrompida dos Premios da Crítica Galicia, a pesar das dificultades económicas e das circunstancias políticas de tres décadas e un lustro. A forza destes Premios, que na súa edición 2012 se fallarán o vindeiro sábado, 17 de novembro, debeuse tanto a ese espírito agarimeiro como á grande vitalidade da cultura galega, representada por esas máis de duascentas persoas e entidades que premiadas nas diversas modalidades ao longo da súa historia. Un éxito colectivo!

Ao fío das Autonómicas en Vigo

No artigo da semana en Faro de Vigo analizo os resultados das eleccións autonómicas en Vigo e as súas consecuencias políticas.

Ninguén pon en dúbida a amplitude da vitoria do Partido Popular de Galicia nas Autonómicas do 21 de outubro. A diferenza da convocatoria anterior obtivo a maioría absoluta tanto de escanos (mesmo aumentando en tres actas) como de votos (quince mil máis que as tres forzas da oposición parlamentaria). No entanto, o éxito do partido de Alberto Núñez Feijoo non pode agochar nin a perda de 135.000 votos con respecto ás eleccións de 2009 (un descenso do 17 %) como o seu retroceso na maioría das cidades nas que a pesar de gobernar nalgunhas con maioría absoluta, coa excepción de Lugo e Ferrol, empeora os seus resultados. De podérense extrapolar a unhas eleccións municipais, o que sempre é moi arriscado, os seus resultados dificilmente lle permitirían contar coa alcaldía nalgunha delas, quizais coa única excepción de Lugo.

Especial relevancia ten o fracaso dos populares en Vigo, a maior cidade de Galicia, onde o partido presidido por José Manuel Figueroa perde 17.000 votos, o que supón unha diminución do 25 % con respecto á pasada convocatoria. O PP vigués obtén co 34,21 %, un dos resultados máis baixos da súa historia e a peor porcentaxe do partido de Feijoo nas sete cidades, catro puntos menos ca en Pontevedra e Ourense, as dúas cun resultado máis aproximado. Fracaso compartido pola agrupación viguesa do PSdeG-PSOE liderada polo alcalde Abel Caballero que perde máis de 16.000 votos, o que supón unha baixa do 31,15 %, a pesar de que co seu 24,51 % foi a cidade na que o partido de Pachi Vázquez obtivo o seu mellor resultado. Outrosí sucede co BNG do que en Vigo é responsable Santiago Domínguez que perde máis de 13.000 votos, unha diminución do 49 % dos seus apoios con respecto a 2009, sendo co 9,70 % a cidade, xunto con Pontevedra, onde mellor porcentaxe obtivo. É dicir, en Vigo o PP perdeu un de cada catro dos seus votantes anteriores; o PSdeG-PSOE, un de cada tres; e o BNG un de cada dous.

Perdas que evidencian o fracaso sen excepcións das tres forzas políticas con representación actual na casa do concello do Campo de Granada, ao que probablemente non foi allea a irrupción fulgurante da AGE, a coalición formada por Anova e Esquerda Unida. Os seus 28.441 votos en Vigo, un 19,48 %, multiplican por dez os obtidos nas autonómicas anteriores por Esquerda Unida, situando á coalición de Xosé Manuel Beiras e Iolanda Díaz da noite para a mañán como terceira forza política viguesa, apenas a sete mil votos do PSdeG-PSOE e duplicando os obtidos polo BNG. Resultados que permiten ao conxunto da esquerda e do nacionalismo en Vigo acadar un 53,69 %, unha porcentaxe moi significativa que sinala o sentir dunha maioría social que non apoia a proposta triunfadora no conxunto do país galego.

Non desboto que estes resultados poidan explicarse dende unha certa clave de política local viguesa. Quizais non foi alleo ao fraco resultado do Partido Popular a súa torpeza no que respecta á imposición da Lei da Área Metropolitana de Vigo, o fracaso do proceso de fusión da caixas ou o bloqueo obsesivo da Xunta e da Deputación de Louzán dos investimentos na cidade. Como creo que non beneficiou ao Partido Socialista o espírito de localismo a ultranza da dirección da actual agrupación viguesa. Como tampouco resultou moi exitosa a política do BNG de apoiar a alcaldía de Caballero, sen comprometerse no labor de goberno. No entanto, creo que foi moito máis decisivo para a conformación dos resultados, o incremento da abstención nun 5 % e dos votos nulos en case un 2 %, cifras que amosan o malestar, a fatiga ou o desinterese de parte da cidadanía coas propostas políticas que até agora gozaban de representación institucional. Como en idéntica liña pode explicarse o entusiasmo sucitado en Vigo pola AGE, capaz de recoller boa parte das perdas tanto do PSdeG-PSOE como do BNG, co seu discurso político rexeneracionista e de defensa das conquistas da sociedade do benestar e dos servizos públicos.

Estes resultados do 21-O abren unha nova etapa política. Tamén en Vigo. A pesar de que a maioría social de esquerda semella cómoda, os dous partidos que sosteñen a Alcaldía deberán, antes das vindeiras municipais, acometer senllas e complexas refundacións dos seus proxectos políticos, un proceso non exento de riscos, do que as súas organizacións viguesas non poden permanecer alleas. Como tampouco vai ser doado para os membros da AGE, sen dúbida hoxe os triunfadores en Vigo, dotarse dunha estrutura organizativa estable, dunha proposta programática verosímil e dun liderado que faciliten a súa entrada na corporación. Mentres, o PP vigués deberá enfrontarse o seu dilema histórico e preparar unha nova candidatura e liderado local capaces de conectar coa maioría social, algo que non consigue dende que gobernou o alcalde Manuel Pérez. Tempos de incerteza na política viguesa.