Recuperar Samil

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo as dificultades de recuperación dos areais de Samil:

Pertenzo a xeración de rapaces e rapazas vigueses que gozamos dos areais de Samil en todo seu esplendor, esa liña de dous quilómetros de costa que vai dende o Laxón até a Foz do Lagares, que é o mesmo ca dicir dende o Cabo do Mar até o Cabo da Vella. Mociños que gozamos das marabillas das súas praias, dende a do Cocho das Dornas, pasando pola da Argazada, até a do Tiro das Artes, até que os últimos alcaldes franquistas as urbanizasen coa construción dun paseo de formigón, varios restaurantes e aparcamentos que en apenas catro décadas arrasaron a metade da superficie deste espazo intermareal, o que fora un dos monumentos naturais da nosa cidade de sal.

Mais é de xustiza lembrar que xa entón, cando o inefable Rafael J. Portanet xustificaba a construción do muro para «rematar coa anarquía» provocada polos restaurantes, polo cámping ou o estacionamento indiscriminado nos areais, na cidade erguéronse voces cidadáns afoutas, como as dos escritores Valentín Paz-Andrade ou a do propio Eduardo Blanco Amor, denunciando que esta actuación estragaría a praia, como sucedería en apenas dúas décadas.

Foi o de Samil outro erro urbanístico colosal de Portanet, como tantos outros daquela nefasta década «desarrollista» na que Vigo medraba ás toas, cometido tamén na praia do Vao co proxecto de urbanización «Playas blancas», ao que se opuxo con teimosía Antonio Nieto Figueroa «Leri», o valedor do «Vigo playas». Política sobre as praias que comezaría ser emendada décadas despois polas corporacións democráticas, sobre todo nas dos noventa, polas alcaldías de Carlos Príncipe e Lois Castrillo que asumiron os proxectos de rexeneración integral da praia do Vao e a audacia de propoñer a demolición do paseo de Samil como única saída para salvar o noso primeiro areal.

Solución que, unha década despois, sería recollida no Plan Xeral de 2008, o plan anulado en 2015, que no marco dunha reordenación xeral de toda a zona de Samil prevía a desaparición do actual paseo, así como a dos catro restaurantes e instalacións deportivas alí situadas, como a redución da actual avenida de Samil a un camiño de servizo de oito metros e o seu desprazamento detrás do hotel. Unha actuación moi ambiciosa que permitiría o retranqueo do paseo urbano até o que hoxe é avenida e que facilitaría nuns anos a rexeneración da duna e a recuperación da flora intermareal autóctona. Actuación rexeneradora que pretendía que o ancho do areal acadase os sesenta e cinco metros, ademais, enmarcada dentro das actuacións do Ministerio de Medio Ambiente de recuperación das marxes da beiramar, cando era secretario xeral do Mar o vigués Juan Carlos Martín Fragueiro que no verán de 2009, sendo xa alcalde Abel Caballero, anunciou o comezo do derrubamento do paseo unha vez que se contase cos estudos de impacto ambiental. E dende entón, coa excepción do derrubamento do restaurante As Dornas, tras o remate da súa concesión, pouco mais soubemos do futuro daquela actuación salvadora de Samil, coa excepción en 2015 da sorprendente e polémica nova concesión por trinta anos do que fora o restaurante Jonathan, agora como Marina Cíes Beach, o que só pode dificultala ou adiala outro par de xeracións.

Coñecemos agora que Abel Caballero a pasada semana lembroulle a Teresa Ribera, ministra de Transición Ecolóxica, a necesidade de recuperar o proxecto de rexeneración de Samil, o que en si mesmo debería constituír unha boa nova. Porén, non sabemos se este anuncio constitúe apenas outra serpe de verán, no marco das promesas preelectorais do derradeiro ano de mandato, xa que non despexa dúbidas principais: tras a anulación do plan xeral de 2008, como queda o ordenamento para Samil previsto naquel documento urbanístico?; sería posible comezar algunha daquelas actuacións, como o derrubamento do paseo?; en que medida sería compatible co calendario das concesións dos tres restaurantes abertos, alongadas a última até 2045?

O futuro de Samil debátese entre continuar afondando nun modelo de praia urbana, cada vez máis reducida e saturada de formigón e instalacións terciarias, ou mudar de vez e apostar estratexicamente, a longo prazo de forma decidida e paciente, pola recuperación do espazo intermareal, o que obrigará a importantes renuncias e a unha grande colaboración cidadán. A extraordinaria evolución da praia do Vao, cada ano máis ampla e cunha vexetación intermareal máis vizosa, na que a area remonta e a duna conseguiu colonizar un paseo de formigón e as instalacións deportivas, demostra que con vontade política e apoio cidadán esta rexeneración é posible. É imprescindible abrir un debate na cidade sobre cal debe ser o futuro do sistema dunar de Samil nos vindeiros cincuenta anos. É unha cuestión principal, xa que está en xogo a supervivencia dunha das iconas e alfaias viguesas.

Campo do Fragoso CCXV

MOHAMED, ESTRATEGA

As coidadoras da lameira de Balaídos prepararon onte unha fermosa alfombra xadrezada para a batalla de estratexia entre Antonio Mohamed e Diego Simeone, dous amigos de infancia, que conciben o fútbol de xeito moi semellante. E a verdade que non hai dúbida ningunha que a pizarra preparada polo adestrador celeste resultou vencedora cunha claridade e unha facilidade que moi poucos agardaban na bancada do Fragoso. O Celta foi onte un equipo moi serio, sólido e vérsátil, alegre e disciplinado, moi ben armado dende atrás con tres (e ás veces até catro) centrais que controlaron todo o xogo aéreo, cun centro do campo extraordinario, no que Beltrán e Lobotka, unha parella de figuriñas que moito nos vai facer soñar, roubaron e teceron ao seu antollo en case todas as fases do xogo, e cunha tripla de dianteiros dispostos a enxergar sempre a porta. Un Celta excelente e ilusionante, contaxiado dende a banda por unha intensidade e un espírito colaborativo que Simeone non soubo contrarrestar nos case cen minutos do partido.
Tras apenas tres partidos de campionato, xa podemos afirmar que o Celta de Mohamed pretende afastarse daquel equipo curriño da tempada pasada, tan simpático en todos os estadios, xa que ofrecía o espectáculo dun fermoso xogo combinativo, mais no que non era difícil atopar furados provocados pola descontinuidade da súa intensidade e pola súa fraxilidade defensiva, sobre todo nas xogadas de estratexia a balón parado. Onte Mohamed demostrou que a clara e contundente vitoria celeste foi construída dende unha defensa poderosa en altura e moi solidaria nas axudas, na que traballaban todas as liñas, incluída a tripla atacante, para así forzar dende a propia liña de tres cuarto do rival, erros de pase ou perdas forzadas que puidesen crear superioridades decisivas. Esa foi a estratexia que lle preparou Mohamed a Simeoni: roubo, carreira e definición.
Durante a primeira parte o Celta controlou o xogo durante os primeiros vinte minutos, mais tivo moitas dificultades e apenas conseguiu achegarse á meta de Oblak en dúas ocasións. A primeira facilitada pola mobilidade de Pione Sisto en todas as posicións da mediapunta, e a segunda no minuto dezaoito nun xute lateral afastado de Aspas. Mentres que o Atlético nese período derramou máis posibilidades de gol: a que lle ofreceu un erro de confianza de Lobotka, bóla valiosa que aproveitou Diego Costa e Griezmann finalizou cun xute que lameu o pau; varias entradas que abriu pola banda Filipe Luis, un remate cruzado de Correa e un xute de Saúl desviado por Araújo, cando finalizaba este período, no que, sobre todo, no último cuarto de hora os colchoeiros foron superiores.
Mais xusto cando comezou o segundo acto, a estratexia do arteiro Mohamed estourou: un esvarón de Godín foi aproveitado polo seu compatriota Maxi Gómez, que encarou a Oblak, xutou ao primeiro pau e bateu por baixo ao gardarredes atlético. Un gol de libro da estratexia roubo-carreira-definición. Cinco minutos despois o dianteiro charrúa recuncou na súa recuperación e desta volta centrou para que Iago Aspas cabezase ao pau dereito entre os dous centrais atléticos, un caroliño de moitos estralos co que o Merlín de Moaña inaugura o seu taboleiro desta tempada.
Dous goles que abriron corenta minutos de xogo memorable dos celestes que co seu fútbol combinativo e potente («futbol de salón» cantou a bancada en varias ocasiós) noqueraron aos de Simeone e puideron marcar en varias oportunidades. A Pione faltoulle no 66’ un alento na área pequena para rematar outra combinación letal de Maxi e Aspas. No 70’ Cabral marcou de cabeza un saque de falta de alta precisión de Hugo Mallo, gol anulado polo VAR por un fóra de xogo deses de milímetros. No 80’ Mallo finalizou cun xute chapado por Oblak unha xogada coral longuísima. Cinco minutos despois Beltrán, incansable e finísimo toda a tarde, finalizou outra xogada colectiva cun xute frontal. Na xogada seguinte Maxi ensaiou o pase da morte na área pequena e non atopou rematador… Un auténtico recital celeste que Beltrán mereceu pechar con gol cando comezou un tempo engadido de sete minutos. E o Atlético de Simeoni? Desconcertado e case desaparecdo diante dun Celta que defendía coa posesión da pelota, apenas puido ensaiar cando esmorecía o partido un xute de Griezmann que quedou desviado.
Foi a de onte unha das mellores segundas partes do Celta que lembramos en anos. A estratexia de Mohamed funcionou as mil marabillas e todo o equipo estivo a un nivel de xogo excelente, especialmente a tripla de centrais (Araújo, Cabral e Roncaglia) sobre a que se construíu esta merecida e tan ilusionante vitoria.

San Bartolomeu, o espantamedos

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo aos medos contemporáneos, ao fío da romaría de San Bertolomeu e da exhumación dos restos do ditador Francisco Franco:

O pasado 24 de agosto devotos de san Bartolomeu camiñaron cinco quilómetros, dende a igrexa de san André de Valadares até a ermida do Monte Alba, acompañando a imaxe do santo encargado de espantar os medos. Seguían o camiño que o 15 realizara a imaxe da Virxe do Alba e que á inversa farán o 8 de setembro cando estas imaxes e a da virxe do Rosario sexan baixadas a súa igrexa parroquial. Romaría celebrada na capela do monte Alba, nun espazo natural que conta cunhas asombrosas vistas sobre a ría de Vigo, na que algúns poxaron por galos e galiñas ofrecidos como exvotos ao santo e centos de participantes procuraron bater «os tres croques» co soporte da imaxe do apóstolo, que liberou do demo á filla do rei Polimio, razón pola que seguindo a tradición lles espantaría aos seus devotos todos os seus medos e atendería as súas peticións.

San Bartolomeu é festexado noutras parroquias da área metropolitana, como na de Taboexa, nas Neves, preto do castro de Altamira, onde se celebra a «romaría do Medo», ou na de Rebordáns en Tui, xunto a san Roque, na que os romeiros repiten un rito semellante ao da capela do Alba. Como pervive tamén na parroquia mariñeira de Meira de Moaña, onde na illa de Samertolomeu se celebra unha romaría na honra de catro santos, a virxe do Carme, san Roque, san Fernando e o noso santo espantamedos, representado alí cun coitelo na man, xa que foi martirizado quitándolle a pel, aínda que noutras lugares apareza agarrando ao demo polos cornos ou suxeitando cunha cadea a unha dema. Sexa dunha forma ou doutras, no imaxinario popular, san Bartolomeu sería entre os santos milagreiros o responsable de axudar aos que sofren de medos e das doenzas da alma, xa que posúe a capacidade de botar fóra os temores do corpo.

A advocación a san Bartolomeu non perdeu actualidade xa que os medos son inherentes á fraxilidade da condición humana non sendo este un aspecto que distinga o noso tempo dos anteriores. Existen e existiron medos «básicos» dos que nacen os temores imprescindibles para conformar a nosa autonomía persoal e estrutura emocional: o medo da morte, o da perda da liberdade, o da soidade e o desamparo ou o de perder a integridade física ou mental nosa ou das nosas persoas queridas. Xaora, tamén é certo que no entorno actual da mundialización capitalista, agromou un «medo ao futuro» alizerzado sobre os temores comprensibles provocados pola saúde moi precaria do propio planeta, o que provoca o amplo catálogo de medos relacionados co cambio climático e o medio ambiente (desertización, desxeo, os sismos e tsunamis, as ondas de calor, os temporais a destempo…), mais tamén outros que teñen a súa orixe na incerteza das mudanzas provocadas polas novas tecnoloxías dixitais, sexa polos efectos que puidese ocasionar o proceso imparable de robotización, tanto nas máquinas ferramentas como na propia toma de decisións, como pola dificultade actual para manter ou transmitir aos nosos fillos e fillas, canto menos, o noso status social.

Como foron agromando outros medos no seo dunha sociedade marcada por unha incertidume e unha desigualdade cada vez máis acentuadas, na que os individuos son cada vez máis fráxiles e se senten peor representados nas institucións políticas, onde as promesas doutrora foron substituídas polos medos de hoxe. Vivimos no que o sociólogo Heinz Bude chamou «sociedade do medo», o que constitúe un caldo de cultivo óptimo para que prendan os medos aos ataques terroristas, os medos «a invasión dos emigrantes» ou a unha «inevitable guerra planetaria» de orixe incerta. Expresións apenas do triunfo das políticas populistas (eis os éxitos de Trump, Salvini ou do Brexit) que neste entorno e para o noso abraio se presentan como as valedoras das nosas identidades e as únicas capaces de achegar unha repostas a estes temores.

E o que non deixou de abraiarme, como se fose un aceno da providencia laica, é que o 24 de agosto no que se espantan os medos da man de san Bartolomeu, o consello de ministros aprobase o decreto polo que se exhumarán do Valle de los Caídos os restos do ditador Francisco Franco, a expresión máis brutal do medo co pasado, unha anomalía democrática arrastrada para vergonza colectiva dende a Reforma Política. Unha exhumación que constitúe un requisito imprescindible para enfrontarse á normalización democrática e ao inicio dunha etapa de fomento da memoria histórica como un progreso moral colectivo.

O medo ao asumir o pasado, como o de enxergar o futuro, como todos os medos baseados en emocións sociais son oportunidades para diferenciar a información rigorosa e o discurso racional da propaganda e da sofística populista, cuestións nas que o bo de san Bartolomeu, que me desculpen os seus devotos, ben pouco pode axudar. Aposto por asumir os medos e enfrontalos coas armas da razón e dos valores democráticos.

Despois do Marisquiño

No artigo da semana de Faro de Vigo reflexiono sobre o que entendo serán consecuencias políticas do accidente do Marisquiño:

Despois do desastre do Marisquiño nada será igual no exitoso festival deportivo de cultura urbana das Avenidas. Tras dezaoito edicións, aquela tolería de esqueiters e ciclistas baixando mangados o Castro, nacida en 2001, sendo alcalde Lois Pérez Castrillo, converteuse en referente no sur de Europa deste tipo de encontros de deportes de acción e, sen dúbida, no acontecemento das festas de Vigo de maior proxección internacional e o que conta tamén con maior participación do público xuvenil. Un festival que semellaba consolidado, tanto pola súa singularidade temática como polo seus formatos innovadores de espectáculo, hibridando entre as novas disciplinas deportivas olímpicas e as músicas urbanas diversas, ao que as instalacións portuarias das Avenidas se lle quedaron pequenas e nalgúns casos obsoletas e incómodas para acoller a máis de 160.000 persoas.

Como interesante é que este festival organizado por unha entidade privada, a empresa Ulises Proyect, conte no seu orzamento, superior nesta edición a un millón de euros, tanto con patrocinadores públicos, que achegan case a metade de orzamento, co concello de Vigo e a deputación de Pontevedra á cabeza, como con entidades privadas, asumindo así un modelo mixto de financiamento corresponsable e autónomo das institucións e empresas. Un proxecto que tras o accidente deberá repensar a súa ubicación en Vigo para consolidarse como ese gran evento internacional do verán  que a nosa cidade atlántica precisa para incrementar a súa proxección e autoestima.

Xaora, tras o desastre do Marisquiño, provocado polo colapso da estrutura do que foi o primeiro peirao pilotado das Avenidas, construído antes da actuación «Abrir Vigo ao mar», nada debería seguir sendo igual nesa guerra institucional entolecida que dende hai máis dunha década caracteriza a política viguesa. Unha estratexia que reporta a curto prazo grandes beneficios electorais aos seus protagonistas, tanto ao Partido Popular como ao PSdeG-PSOE, como aos seus líderes vigueses, Alberto Núñez Feijoo e Abel Caballero, protagonistas no seu ámbito de cómodas maiorías absolutas, mais que a longo prazo pon en perigo os intereses da cidadanía e secundariza (e ridiculiza) o indiscutible liderado do Vigo metropolitano no proxecto político galego.

Tras un accidente, que deixou máis de 400 feridos e proxectou unha imaxe negativa da propia cidade de Vigo, serán as autoridades xudiciais as que determinen no seu día as causas do colapso do peirao durante o concerto do Marisquiño e as responsabilidades civís das administracións que operan sobre o espazo público onde se celebrou, a Autoridade Portuaria e o Concello de Vigo. Con todo, xa non hai dúbidas que a orixe dun desastre, que puido ser evitado, estivo na incapacidade para acordar entre as administracións portuaria e local a fórmula de controlar o estado e o mantemento da totalidade dos espazos de acceso público das Avenidas. Eis reside a cerna dunhas responsabilidades políticas (un concepto que sabemos só ten valor retórico) que, dende hai máis de dúas décadas, cando «finalizou» a actuación «Abrir Vigo ao Mar» do arquitecto Vázquez Consuegra, financiada pola Zona Franca, afectan aos diversos responsables da Autoridade Portuaria e do Concello de Vigo.

Pór fin a esa interminable e antipática guerra institucional é imprescindible para normalizar a axenda política viguesa e desatascar proxectos estratéxicos para a cidadanía e para o futuro de Vigo na perspectiva 2050. Unha longa lista de proxectos vigueses agarda polo acordo imprescindible entre o concello e o resto das administracións: os da área e transporte metropolitanos, o da chegada do AVE (o puro o de 300 km/h) e a conexión con Portugal, o novo plan xeral de ordenación urbana, a candidatura de Cíes como Patrimonio da Humanidade, mais tamén acordar cal vai ser a participación das diversas administracións na construción de novas infraestruturas sociocomunitarias como a Panificadora, o estadio de Balaídos, a biblioteca do estado ou a rede de museos (Marco, Liste, Castrelos, Verbum…).

Como tamén o desastre do Marisquiño obriga a reconsiderar toda a política urbanística no bordo litoral, que non é outra cousa que volver abrir un gran debate cidadán sobre cales son as relacións entre Vigo e o seu porto, que é algo aínda máis amplo que os acordos ou trasacordos posibles aos que puidesen chegar o Concello de Vigo e a Autoridade Portuaria. Un bo comezo podería ser recuperar aquel espírito e bo talante de acordo interinstitucional aberto co proxecto de «Abrir Vigo ao Mar», sendo alcalde Manuel Pérez (PP), presidenta da Autoridade Portuaria Elena Espinosa (PSOE) e delegado do estado na Zona Franca Francisco López Peña (PSOE). Acordar é o verbo clave para o futuro do Vigo metropolitano.

Campo do Fragoso CCXIV

RODAXE

Tras a apertura do campionato diante do Espanyol nunha tarde abafante o Celta de Antonio Mohamed continúa en rodaxe de pretempada e sen vitorias para a serie estatística. Abondaron os vinte primeiros minutos de presión intensa sobre a liña de tres cuartos visitante, que acurrularon aos cataláns no seu terreo, para amosar as intencións do técnico arxentino que pretende un xogo vertical, rápido e vibrante. Probablemente unha noticia esperanzadora, aínda que non se traducira apenas noutras ocasións que un xute lonxano de Hugo Mallo aos oito minutos e un remate en diagonal de Brais Méndez, dez minutos máis tarde, que procuraba a aparición dun Maxi aínda moi desorientado tras a súa efémera participación mundialista.

Mais a medida que o globo da presión celeste se foi desinchando, o que é comprensible a esta altura de agosto, o Espanyol fíxose de forma paciente co balón e o partido até o descanso foi claramente dominado polos visitantes que devagariño e cun xogo de afán combinatorio trataron de gañar superiorades na área viguesa. Unha cabezada de Cabral, a un bo centro de Lobotka, e un saque de recanto foi o resto da produción ofensiva celeste durante ese primeiro período. Porén, no corenta e tres, o gato de Catoira tivo que empregarse con sangue frío cando o compostelán Borja Iglesias (inxustamente asubiado por unha minoría da bancada celeste) o encaraba na área pequena. Un minuto despois, o Españyol recuncou nun saque de recanto, que os centrais celestes non souberon defender, deixando que un defensa, Mario Hermoso, controlase a bóla e marcase a pracer na proximidade da área pequena.

No comezo do segundo acto, os de Mohamed aceleraron a intensidade do pulso. Tardaron apenas cinco minutos en nivelar a táboa de marcas tras unha xogada pola banda de Júnior Alonso, unha das mellores noticias celestes da tarde, que centrou en carreira con tan boa fortuna que o intento de despexe dun central españolista, diante da presión de Aspas, enviou o balón ao pao e despois á rede. Un gol que animou a Mohamed a ir polo partido, retirando da alfombra do Fragoso a un pouco acertado Pione Sisto e dando unha nova oportunidade ao polémico Emre Mor. Foron estes os mellores minutos de xogo celeste, cando por fin conseguiu funcionar en ataque a parella de mediocampistas pequenos formada por Lobotka e Beltrán, un mociño con trazas de auténtica figura, cuxas evolucións nos lembraron as daquel Silviña, chegado hai unha década do Eibar, e algúns dos seus pases aos espazos baleiros aos que facían os mellores Xavi ou Iniesta.

Nesta segunda parte cada equipo estragou a súa oportunidade de ouro. A celeste morreu na biqueira de Emre Mor que tras un servizo maxistral de Aspas rematou de forma moi inocente cando quedou só na área diante do galego Diego López. Unha mágoa. Cinco minutos máis tarde chegou a perica, cando Sergio García obrigou ao porteiro de Catoira a estricarse e desviar un balón que dende a bancada vimos dentro.

Un partido nivelado e un empate xusto do que dificilmente poden tirarse outras conclusións que o Celta de Mohamend aínda está só ao cincuenta ou sesenta por cento do que pretende o seu técnico. Sen dúbida que fichaxes como as de Beltrán, Júnior Alonso ou Boufal parecen moi ilusionantes. Como o estado baixísimo de forma de xogadores claves a tempada anterior como Maxi Gómez e Pione ou a ampla nómina de lesións musculares son circunstancias que mudarán nas vindeiras semanas. Con todo, o maior interrogante para os afeccionados aínda está en saber a que xogará o equipo de Mohamed, se o que vimos nos primeiros vinte minutos será a pauta ou será apenas un espellismo dunha tarde de calor abafante. Agardemos que a rodaxe finalice canto antes e se despexen as dúbidas e celebremos a primeira vitoria.

Vigo polo Tea

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo á proposta da variante de Mondariz para a chegada do AVE a Vigo:

Pouco despois de que a moción de censura upase a Pedro Sánchez á Presidencia do Goberno, Alberto Núñez Feijoo esixiu a chegada do AVE a Galicia en 2019. Unha reclamación teatral de quen durante as lexislaturas de Mariano Rajoy foi moi comprensivo con cada un dos atrasos deste proxecto iniciado en 2004 como de quen é bo coñecedor de que tanto as consignacións orzamentarias previstas como o estado das obras entre Zamora e Ourense prolongaranse canto menos até finais de 2020, case tres décadas despois de que se inaugurase a liña Madrid-Sevilla, a primeira da alta velocidade española. Un horizonte aínda máis desalentador para aquelas persoas que se dirixan a Vigo xa que unha vez chegadas á cidade das Burgas terán por diante unha viaxe que as levará por Conxo, Vilagarcía e Pontevedra para poder chegar 67 minutos despois á estación término de Urzaiz. Mentres, non se consola quen non quere, os responsables de ADIF anuncian que haberá que agardar a comezos do vindeiro ano para reducir en 35 minutos o tempo actual do Vigo-Madrid, se como está previsto se abren os 110 quilómetros entre Zamora e Peralba de la Pradería (en Sanabria).

E que hai da famosa «variante de Cercedo», un tramo de 56 km (dos que 38 serían en túnel e 7 en viadutos), entre Maside e Portela, no concello de Barro, a 37 km de Vigo, onde empataría co eixo atlántico ferroviario, da que se dixo reduciría en case media hora a viaxe entre Ourense e a rexión urbana de Vigo e Pontevedra? Pois como ven sucedendo dende 2003, cando se comezou a falar desta solución, e a pesar das cartas recentes do alcalde Abel Caballero ao ministro de Fomento e á ministra de Transición Ecolóxica solicitando o desbloqueo do proxecto, os avances da variante do tren de Vigo serán escasos, reducíndose á continuidade dos estudos informativos, previstos xa nos Orzamentos Xerais de 2018. Como veu sucedendo cos diversos gobernos de Rajoy o custe estimado da variante, 2.230 millóns de euros para un traxecto de apenas 56 km, axuda ben pouco ao goberno Sánchez a recuperar un proxecto concibido, porén, como estratéxico por todas as forzas políticas e sociais da área metropolitana de Vigo. O que quere dicir, non nos enganemos, que cando chegue o tren AVE a Ourense (agardemos que arredor de 2021) dende Vigo viaxaremos até alí por Compostela en trens Alvia (a cen quilómetros por hora menos co AVE puro), o que a todas luces é inaceptable para a maior área metropolitana de Galicia, que achega unha parte substancial dos viaxeiros coa Meseta.

Unha situación denunciada unha e outra vez por Xosé Carlos Fernández Díaz, enxeñeiro de Obras Públicas, autor de numerosos artigos e de dous libros sobre a problemática ferroviaria en Galicia onde explica que as decisións tomadas no últimos anos impiden no noso país a coexistencia de trens de longa e media distancia, xa que as vías non permiten o paso de trens de ancho diferentes. En stricto sensu en Galicia o AVE (a 300 quilómetros por hora, ancho de vía internacional) chegará polo momento só até o intercambiador de Taboadela, a 17 quilómetros de Ourense, mentres que no resto da comunidade seguiremos utilizando os Alvia reducindo en hora e media os tempos actuais de viaxe con Madrid. Unha situación que tecnicamente podería ser reconducida se o Ministerio de Fomento asumise o proxecto de mudar a Rede Ferroviaria Interior de Galicia, sobre todo os 155 quilómetros do Eixo Atlántico entre Vigo e A Coruña, que a pesar de ser construído hai pouco na súa maior parte non admite a simultaneidade dos anchos internacional (AVE) e do ibérico; mudanza estratéxica que polo momento non está prevista acometer tanto polo custo que supoñería como polos inconvenientes destas obras para as persoas usuarias.

Ademais, o enxeñeiro Xosé Carlos Fernández Díaz, leva propoñendo nas últimas semanas no seu perfil de Twitter (@Xoscafer) unha alternativa moi interesante para a chegada a Vigo-Urzaiz do AVE, que sería a construción dunha rota directa dende Ourense de 87 km de Alta Velocidade (300/350 km/h) seguindo o río Tea por Mondariz. Unha liña directa que suporía unha viaxe de apenas 27 minutos entre ambas as dúas cidades, facilitaría a saída sur de Vigo cara a Portugal, coincidindo co seu tramo Mos / Porriño, o que convertiría a Vigo-Urzaiz en estación «pasante». Unha solución coa que se aforrarían corenta minutos con respecto a viaxe a Ourense por Compostela e que nas estimacións de Fernández resultaría economicamente máis sostible ca indirecta de Cercedo  que cualifica como «desacertada». Unha proposta esta de Vigo polo Tea que canto menos merecería ser estudada e valorada devagariño, xa que moito nos tememos que tanto a vía por Compostela como a de Cercedo non aseguran a conectividade ferroviaria que a area metropolitana viguesa demanda. Conviría non desbotar tan suxestiva idea.

Máis música galega

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reclamar máis música galega na programación das festas de Vigo:

Nunha cidade instalada no permanente ditirambo estamos afeitos a escoitar que vivimos «na cidade máis fermosa do mundo» ou que «as nosas festas son as mellores de España e de Galicia». Sen embargo, ben sabemos que a realidade é moi teimuda e a pesar dos que así se expresan, se comparamos de forma obxectiva a programación das festas viguesas coas das cidades da nosa contorna ou da fachada atlántica axiña caemos da burra e ben escasas son as actividades das que podemos fachendear. E isto constitúe unha mágoa.

E cómpre recoñecer que sendo líderes en actividade industrial e dinamismo exportador, que contando co imán turístico que durante o verán supón a visita ás illas Cíes e ao resto das nosas praias e co engado do saboroso da nosa gastronomía, Vigo debería ofrecer unha  programación musical, tanto pública como privada, máis atractiva ca actual. Mais aínda cando conta co Auditorio de Castrelos, un espazo marabilloso para as actividades culturais ao aire libre. Porén, se non nos deixamos cegar polo salitre da ría, en Vigo carecemos dun programa de festas de verán que non singularice á altura dunha cidade da nosa proxección.

Abonda ler o programa de concertos de Castrelos deste verán, o prato forte das festas, para detectar esta carencia endémica, tanto pola ausencia de orixinalidade e singularidade como da escasa actualidade dos participantes no cartel, onde (por certo) apenas participarán tres mulleres, na noite de Operación Triunfo. E ben sei que os concertos programados contarán co entusiasmo do público vigués que vibrará coa «gran noche» de Raphael, que os seus setenta e cinco anos regresa a un dos seus escenarios preferidos, ou cantará con Juanes a súa «camisa negra». A afluencia e a xenerosidade do público de Castrelos nunca foi o problema. Nin tampouco a escaseza de recursos municipais, se nos atemos aos 478.000 euros que cobraron de caché os mexicanos de Maná, unha cifra coa xa se pode pensar en contratar a primeiras figuras. Nin sequera o problema reside na ausencia dunha tradición musical nunha cidade na que tocaron Milladoiro, Siniestro Total, Carlos Núñez, The Chieftains, Madonna, Oasis, Los Ramones, Dire Straits, Rolling Stones (en Balaídos hai vinte anos), Van Morrison, Deep Purple, Bod Dylan, Leonard Cohen ou The Artick Monkeys, entre outros moitos artistas internacionais.

No entanto, o que máis lamento do cartel deste 2018 é a ausencia no palco de Castrelos de calquera expresión de música galega e de música en galego, en calquera que fosen as súas diversas expresións: clásica, folk, pop, indie ou rock. Os músicos galegos non pisarán Castrelos, quedando reducida a súa presenza á actuación de Cómplices e Wöyza, nese estraño festival folclórico bautizado como «Festa da Cultura», celebrado na Porta do Sol. Unha discriminación coa música galega que obriga aos nosos músicos se queren tocar en Vigo a facelo en pequenos locais privados e a competir en inferioridade de condicións con artistas globais aos que aquí se lles cede o espazo público de Castrelos e se lles pagan excelentes cachés. Como se obriga aos seareiros vigueses das nosas músicas para escoitalas a viaxar aos concellos metropolitanos do Val Miñor, do Morrazo, da Louriña ou do Baixo Miño e participar en concertos e festivais de música galega, que adoitan contar con moito público e onde por ventura son sempre recibidos cos brazos abertos.

Como lamentable é que dentro da programación infantil dos seráns de Castrelos non se inclúa nesta edición concerto ningún de música galega, cando esta expresión é un referente pioneiro de calidade e creatividade en España. Mentres o concello de Vigo contrata a «Cantajuegos» e «Los Mundos de Peppa Pig», centos de familias viguesas acudirían sen dúbida tamén aos concertos nos que participasen Mamá Cabra, María Fumaça, Magín Blanco, Paco Nogueiras, por poñer apenas uns nomes da ampla oferta musical infantil galega que poderían tocar nas festas viguesas con éxito asegurado.

Non lle falta razón ao gaiteiro Carlos Núñez, o embaixador vigués nos escenarios do mundo cando a este teor se pregunta «se é posible imaxinar que o concello repartise “burguers” fronte a un local vigués que vende produtos frescos galegos». Ou noutras palabras en Vigo «o “mainstream” é pagado con cartos públicos mentres que a música tradicional galega debe vivir da billeteira». Esta é a dolorosa doenza que están sufrindo as músicas galegas nas festas de Vigo. Esta é outra manifestación da aposta dos responsables do concello polas tendencias dominantes do mercado da cultura e do espectáculo, nos museos e nas festas, o que agoira a medio prazo un devalo inevitable para a diversidade e orixinalidade das manifestacións da cultura viguesa, o que constituiría unha perda irreversible. Máis música galega nas nosas festas, por favor.

O «sentidiño» de Albor

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo o que entendo foi o legado político de Xerardo Fernández Albor:

Tras o pasamento de don Xerardo Fernández Albor, o primeiro presidente da Xunta de Galicia elixido tras a aprobación do Estatuto de Galicia (1981), a maioría das necrolóxicas salientan a bondade, a afabilidade, a empatía e o carácter apolítico do centenario cirurxián compostelán. E non lles faltan razóns aos que así retratan a quen entrou en política profesional «case sen querelo» da man de Manuel Fraga, o fundador de Alianza Popular, mais tamén, non o esquezamos, formando parte da estratexia da Realidade Galega dirixida por Ramón Piñeiro. Nacida en 1980 baixo afinidades persoais e coa intención de orientar a Autonomía cos valores galeguistas, este grupo de opinión non partidista colocou a algúns dos seus membros como independentes nas listas electorais de Alianza Popular (Albor), de UCD (Marino Dónega) e do PSdeG-PSOE (Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Alfredo Conde e Benxamín Casal), sendo así deputados na primeira lexislatura do Parlamento de Galicia. Un exitoso exercicio de transversalismo co que Piñeiro afastaba ao galeguismo conservador do emerxente nacionalismo de esquerda, organizado arredor da UPG e do PSG-EG, unha esgazadura galeguista dende entón nunca recomposta.

Xaora, os apenas cinco anos dos gobernos de Fernández Albor (1982-1987) foron decisivos para pór en marcha o primeiro autogoberno de noso e acuñar as que hoxe son algunhas das iconas da Autonomía. Albor inaugurou en 1984, tras un duro litixio sobre a capitalidade con Francisco Vázquez, as instalacións administrativas da Xunta de Galicia de San Caetano, sede das diversas consellarías, izando alí a bandeira azul e branca, como emblema do goberno galego. Foi, tamén, durante o goberno Albor cando o 28 de xuño de 1984 regresaron (no entorno dunha triste polémica) os restos de Castelao, depositados dende entón no Panteón de Galegos Ilustres. Tamén na primeira lexislatura autonómica foi aprobada por unanimidade a Lei 3/1983 de Normalización Lingüística, garante dos dereitos lingüísticos da cidadanía galega e do recoñecemento do uso da lingua galega na toponimia e nos diversos ámbitos das administracións, da educación e dos medios de comunicación públicos. Sen esquecer que foi con Albor cando se puxo en marcha a Corporación Radio e Televisión de Galicia, creada pola Lei 9/1984 de 11 xullo, que permitiu o comezo das emisións monolingües da Radio Galega o 24 de febreiro de 1985 e da Televisión de Galicia o 24 de xullo de 1985.

Fitos todos de grande transcendencia política dos gobernos de Albor, que xa pasaron a formar parte da historia de Galicia, ao que tampouco foron alleos a determinación de Xosé Luís Barreiro Rivas, o seu vicepresidente e principal colaborador, tamén o promotor da moción de censura que permitiría que o socialista Fernando González Laxe o relevase en setembro de 1987. Como foi politicamente relevante o proceso de transferencias que no seu período se negociaron de forma paciente co goberno de Felipe González, un político sempre moi pouco empático e escasamente xeneroso con Galicia, en eidos como a Educación, Cultura, Sanidade ou cando se fixeron as primeiras reclamacións de infraestruturas de comunicación de Galicia coa Meseta. Sabemos que ao  «apolítico Albor» non lle sobran zonas de sombra, como a súa tolerancia cos contrabandistas galegos fuxidos da xustiza en Portugal cos que chegou a entrevistarse alí en 1984, como pon de manifesto o xornalista Nacho Carretero no libro «Fariña». Como coñecemos o seu folclorismo naíf do que facía gala en todo tipo de festas gastronómicas e encontros con maiores, polo que foi alcuñado con agarimo polos humoristas como «Merendiñas».

Albor legou á Autonomía institucións e acordos, forxados coa dura e diversa oposición daquel tempo, que tres décadas despois resultan díficiles de asumir para os actuais membros do Partido Popular de Galicia. Moveuno a súa convicción confesada de que «somos galegos por nación, españois por historia e europeos por cultura», frase cuxa autoría se lle atribúe a Piñeiro, expresión do seu carácter de liberal e galeguista. Unha actuación política guiada pola prudencia que el presentou como «sentidiño». Unha actitude, de aparencia apolítica, que permitiu que os seus conselleiros se ocupasen con ampla marxe de iniciativa en crear a arquitectura das primeiras institucións autonómicas. Sentidiño que non faltou na creación dunha Televisión de Galicia monolingüe concibida como ferramenta principal para a consolidación do uso da lingua galega. Como acredito que esa actitude política de escoita activa facilitou forxar o consenso arredor  dunha Lei de Normalización da Lingua Galega cuxa primeira proposta fixera o deputado Camilo Nogueira do PSG-EG. Eis nese sentidiño e apertura reside o mellor legado para o futuro de Albor.

Os monos de Laxeiro

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a exposición sobre a obra de humorismo gráfico do pintor Laxeiro:

Dentro do cativo panorama expositivo vigués actual chamou a miña atención a apertura na Casa das Artes da mostra «Os monos de Laxeiro. Obra humorística na prensa», onde até o 21 de setembro se expoñen os 49 deseños, entre viñetas e debuxos, publicados por Laxeiro, entre o 13 de setembro de 1928 e o 24 e xaneiro de 1930, nos xornais «Faro de Vigo» e «El Pueblo Gallego». Unha mostra realizada a partir de imaxes fotográficas tomadas das coleccións impresas dos xornais, que rescata a totalidade dunha obra esquecida, que se estende coa publicación dun libro homónimo (Laiovento 2018), no que se reproducen todas as imaxes do que foi o primeiro traballo profesional no eido artístico do xenio de Botos, acompañadas de tres textos críticos magníficos: «Cando Laxeiro tiña vinte anos» de Javier Pérez Buján, director artístico da Fundación Laxeiro, promotora da exposición; «Os monos de Laxeiro» de Manuel Igrexas, comisario da exposición; e «Laxeiro e a idade de ouro do humor gráfico galego» de Félix Caballero, investigador de referencia no eido do humorismo gráfico en Galicia.

Unha exposición sorprendente que axuda a entender mellor aquel primeiro Laxeiro que cando tiña vinte anos, apenas regresado de Cuba, aproveitou o seu oficio de barbeiro de feira para tomar apuntes dos seus clientes e paisanos. Un período de decisivo de aprendizaxe para quen entón era un debuxante compulsivo e extraordinario retratista de simplicidade clásica, como demostra no seu «Retrato da miña avoa» (1930), co que comeza a súa particular reinvención do mundo, do ser humano e da propia vida. Un período formativo no que consolidou o seu nome artístico, co que asina todas estas viñetas e que tamén utilizou no seu primeiro autorretrato a acuarela (1930), roubándollo a súa avoa, a Laxeira, natural da Laxe, unha aldeíña de Lalín. Uns anos decisivos nos que coñeceu a Manuel Colmeiro, o pintor de Silleda, quen, segundo Manuel Igrexas, é posible o animase a presentar o seu traballo a «Faro de Vigo», xornal onde dende 1923 e con periodicidade case diaria publicaba o melloriño do humorismo gráfico galego, dende os inesquecibles Federico Ribas e o Castelao de «Cousas da vida», pasando por Álvaro Cebreiro, Ignacio Senra, até o ponteareán Vidales Tomé, o marinense Manuel Torres ou o propio Colmeiro, entre outros.

Como tamén foi daquela cando Laxeiro coñeceu da man do seu amigo de Silleda ao pintor arxentino Enrique Larrañaga, que tiña un estudio na viguesa rúa de Policarpo Sanz, que lle aconsellou se puxera a pintar ao óleo e lle deu as primeiras leccións desta técnica. Unha guía que Laxeiro entendeu como unha lección de liberdade, concretada axiña en pezas como «Desnudo» (1930), da súa muller, Luísa, embarazada, onde para o crítico Antón Castro se define a súa «querenza polo cromatismo terroso, ocre e negro e a súa escolla pola rugosidade escultórica, preludio do que sería a súa característica estética do granito». Xaora, foi probablemente o seu amigo, o xornalista Xesús Froiz, correspondente de «Faro de Vigo» en Lalín, quen intermediou co xornal para a publicación dos dez primeiros «monos», como eran coñecidos entón estes debuxos humorísticos, nos que Laxeiro se achegaba a vida da aldea cun tipo de humor choqueiro e nos que case sempre aparecía un diálogo como desenlace da situación: «No día da festa», «O viño novo», «A volta da feira»… Temática popular que Laxeiro continuou nas súas 39 colaboracións en «El Pueblo Gallego», mais que vai ampliando a outros temas de actualidade, en pezas como «A Asueroterapia» ou mesmo de política internacional, como «Con cal dos dous?».

Un traballo de humorismo gráfico moi depurado onde Laxeiro utiliza de xeito exclusivo o galego, tanto no título das pezas como na lingua empregada polos personaxes. Como tamén destaca a súa fasquía gráfica, onde se identifican tres estilos, dende as primeiras pezas sen fondos nin sombreados, como «Vergoña» ou «Curiosidades», a outras, as máis, nas que imitando a técnica do gravado e sen abandonar a liña sinuosa e sintética inicial engade un fondo raiado, utilizado para contextualizar a escena. Como hai unhas terceiras, pezas como «Pra diante» e «Inda veremos», as máis innovadoras, onde o trazo achégase a unha estética expresionista e de avangarda, case cubista, que lembra a Grosz ou a traballos futuros de Luís Seoane. Monos que Laxeiro, a pesar da notoriedade gañada, interrompeu en 1930 para concentrarse na súa obra pictórica na que imaxinou historias e mitos que conforman todas as patrias posibles. Case medio cento de «monos» onde Laxeiro se anticipou a ilustrar o mundo da cultura agraria tradicional, hoxe xa desaparecida.

A Casa das Artes ofrece unha exposición valiosa que pon en valor unha das facetas menos coñecidas dun dos grandes da plástica galega de todos os tempos.

Beneficios da lectura

Con motivo da Feira do Libro de Vigo dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á beneficiosa relación entre cerebro e lectura:

Máis alá da emoción que supuxo lembrar o pasamento do meu amigo o mestre Xabier DoCampo, do pregón que pronunciei na Porta do Sol na inauguración da Feira do Libro de Vigo non esquecerei nin o escaso interese institucional que este acto mereceu para os responsables do concello de Vigo nin a sorprendente polémica suscitada nas redes sociais por unha das miñas afirmacións: «Ler tal ou cal novela de Pedro Feijoo ou Ledicia Costas estimula a conectividade cerebral durante semanas». Unha frase que no contexto da apertura desta festa viguesa dos libros –evento que ocupa un espazo urbano de privilexio– pretendía apenas salientar que a lectura é unha actividade cerebralmente saudable e que os libros son unha creación memorable dos seres humanos indispensable para garantir o benestar de calquera comunidade.

No entanto, a miña afirmación non era tampouco inocente xa que como ten sinalado Juan Mata, profesor da Universidade de Granada, nun artigo esencial, «Neurociencia, lectura y literatura infantil» (2016), nos últimos anos foron varias as investigacións no eido da neurociencia que afondan arredor das complexas relacións entre a lectura e o cerebro. Estudos sobre as transformacións que a aprendizaxe da lectura provoca no cerebro, tanto en idades temperás como nas adultas, mais tamén outros moi orixinais que axudan a entender o que sucede no cerebro cando lemos e en que medida as ficcións repercuten nas persoas lectoras, incluídas as máis novas.

Cita o profesor Juan Mata que nunha investigación realizada con picariños de 3 a 5 anos utilizando imaxes de resonancia magnética, o equipo do doutor John S.Hutton (2015) do Hospital de Cincinnati comprobou que, ao escoitar novos contos, os nenos e nenas aos que se lles lía decote na casa amosaban nos resultados das resonancias unha activación máis elevada das áreas cerebrais relacionadas coa formación de imaxes mentais e co procesamento semántico ca aqueloutros que carecían desa experiencia oral preliteraria. Unha circunstancia que condicionará a aprendizaxe posterior da lectura. Secasí, ninguén pon en dúbida hoxe que a aprendizaxe da lectura provoca mudanzas profundas na estrutura cerebral, xa que a adquisición desta destreza non está predeterminada xeneticamente, como sucede coa fala, e o cerebro debe readaptar os circuítos neuronais a funcións específicas da lectura como as relacionadas co recoñecemento visual e coa tarefa de identificación de letras e palabras cos sons da lingua. Un proceso complexo de aprendizaxe que xustifica a importancia de lerlle aos bebés en voz alta dende o seu nacemento e salienta a importancia do contacto dos picariños cos libros e coa narración oral dende as idades temperás.

Xaora, tamén hai investigacións, como as promovidas polo equipo do profesor Berns da Universidade de Emory en Atlanta (2013), que amosan como a lectura dunha novela provoca un incremento significativo da conectividade neuronal na rexión da córtex somatosensorial e motora e como esa alta conectividade se mantén durante os días seguintes a súa lectura. E iso é así na medida en que as persoas lectoras mentres len un relato, ademais de comprender o significado das palabras viven emocionalmente o que esas palabras lle contan, o que non quere dicir outra cousas que a lectura de ficción ten implicacións cerebrais que van máis alá do lecer que provoca.

David Comer Kidd e Emanuele Castano nun proxecto da Universidade de Harvard (2013) amosaron, no que acuñaron como Teoría da Mente, que a lectura de textos de ficción mellora a capacidade de detectar, comprender ou predecir desexos, intencións, pensamentos, crenzas ou emocións doutras persoas, o que nos permite non só darlles sentido senón simular esas condutas, poñernos no lugar doutras persoas para entendelas mellor. Comer e Castano non dubidan en afirmar que «a ficción literaria repercute de forma significativa na vida das persoas lectoras».  Como as investigacións de Mar e Oatley (2011) confirman que a lectura de narracións de ficción ten efectos emocionais notables na maneira de sentir, antes, durante e despois da lectura.

Todas as evidencias amosan que a lectura de textos literarios activa numerosas áreas do cerebro e modifica a súa estrutura. Todas as investigacións coinciden en salientar os beneficios da lectura como chave para favorecer a saúde do cerebro. Noutras palabras, a lectura de textos de ficción inflúe no pensamento, nas emocións e no comportamento dos lectores e lectoras. O que lemos inflúe no que somos. «A literatura nace e esfiaña a vida», como lle escoitamos unha vez ao chorado mestre DoCampo. Recomendo que nestes días acudan sen medo ás actividades literarias que se desenvolven na Porta do Libro, onde está instalada a Feira do Sol. Boas e saudables lecturas de verán!