Fomento da lectura, unha nova fronteira para o libro

Rematou onte con grande éxito o intensísimo e emocionante simposio arredor do Fomento da Lectura organizado pola Asociación Galega de Editores. Polo seu indubidable interese recollemos o documento de conclusións. Un texto importante que pregamos sexa divulgado.

O FOMENTO DA LECTURA: UNHA NOVA FRONTEIRA PARA O LIBRO

1/ A lectura é unha actividade imprescindible para crear cidadáns libres, críticos e formados, e o seu fomento constitúe unha necesidade para romper as fronteiras que restrinxen o libro e a lectura e que non permiten que o seu acceso sexa un ben de carácter universal.

2/ O labor dos medidadores hoxe é máis necesario ca nunca e o seu papel debe ser valorado, reinvindicado, promocionado, escoitado e profesionalizado.

3/ É imprescindible que a lectura forme parte da axenda pública (administracións, medios de comunicacións, programas políticos, etc) e adquira a notoriedade que lle corresponde nunha sociedade do século XXI.

4/ Para falar de fomento da lectura é fundamental entender o papel social que encarna da lectura pública e, moi notoriamente, o papel das bibliotecas. A rede galega de bibliotecas públicas, e todo o sistema bibliotecario galego, debe ser impulsado e fortalecido.

5/ Os novos tempos fan necesaria a creación dun novo tipo de lector, que é o lector social. Hai que entender a lectura desde unha óptica máis global, máis social, afrontando os retos do futuro, que sintetizarán a lectura impresa e a ciberlectura.

6/ Cada vez máis, no ámbito do libro e da lectura, é necesario crear lectores, non consumidores de libros. Xa que logo, o proceso de selección neste tempo determinado polo mercado, é imprescindible. Non vale calquera libro.

7/ As bibliotecas escolares son centros de recursos fundamentais para o fomento da lectura e o adestramento no acceso e selección da información. Parece necesario dotalas de recursos humanos con horario e dedicación específica para o profesorado implicado. Tampouco podemos esquecer que, como dicía Gabriel Zaid, o principal problema da lectura está nos universitarios que non len. Tamén parece necesario, pois, impulsar universidades lectoras.

8/ No reto da lectura evidénciase como unha necesidade a recuperación, para a familia, da responsabilidade da educación a través a transmisión da lectura como un acto cotián, íntimo e entrañable, que ademais tamén constitúe unha inversión educativa.

9/ O hábito da lectura fundaméntase a través de accións continuadas, dirixidas a favorecer o hábito lector e a achegar o libro e a lectura ás persoas. Nese sentido, dubidamos da eficacia das grandes campañas publicitarias que consumen presupostos desmesurados.

10/ A Asociación Galega de Editores expresa o seu compromiso co fomento da lectura e, moi especialmente, cos seus mediadores, apostando por afrontar os retos de futuro que o libro, a lectura e a cidadanía deste século demandanan a fin de crear un mundo máis libre, máis consciente e máis xusto.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2010

Simposio da AGE sobre o fomento da lectura

Os días 18 e 19 de novembro celebrarase en Compostela (no centro sociocultural de Caixanova na praza de Cervantes) o VII Simposio O Libro e a Lectura que organiza a Asociación Galega de Editores. «Fomento da lectura. Unha nova fronteira para o libro» é o tema que artella un programa de conferencias, mesas redondas e paneis que coordina o noso compañeiro Fran Alonso. Creo que quedou un programa moi atractivo (pode baixarse aquí en pdf), onde intervirán editores amigos e moi admirados como Antonio Ventura e Constantino Bértolo, e no que se presentarán moi diversas experiencias de fomento da lectura. A todas as persoas interesadas recomendamos que se inscriban decontado (é de balde), xa que sempre quedan escasas as prazas. Máis información na oficina da AGE ( 981 570 937 / age@editoresgalegos.org).

Culturgal volve a Pontevedra

Hoxe presentamos a edición do Culturgal 2010. A Feira das Industrias Culturais Galegas do 26 ao 28 de novembro volve ao Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra, o berce onde recibiu os seus primeiros aloumiños en 2007. Un Culturgal moi renovado organizativamente, máis sólido ca noutrora xa que está alicerzado no traballo de seis asociacións de profesionais da industria cultural galega: os editores da AGE, as empresas musicais AGEM, os editores musicais de AGAPHONO, as empresas de Internet de EGANET, os produtores audiovisuais de AGAPI e os membros de ESCENA GALEGA. Un Culturgal austero, como corresponde ao memomento que vivimos, que contará co patrocinio de AGADIC, o concello de Pontevedra e o amparo do programa CREATIVA.  Xa haberá tempo de anunciar o programa de actividades deste Culturgal, hoxe saudamos este esforzo de traballo en man común dos diversos sectores da cultura galega. Eis a arte da unidade en tempos de crise.

«Unha literatura infantil e xuvenil sen temas vetados»

Estes días do Congreso do IBBY no que andamos provocaron que me fixeran varias entrevistas sobre a Literatura Infantil e Xuvenil. Sabrina Rodríguez preparou esta para a axencia EFE baixo este chamativo título: «Manuel Bragado defiende una literatura infantil y juvenil “sin temas vetados”». Agradezo á xornalista o seu esforzo por resumir unha conversa na que abordamos moitos temas arredor da situación da LIX en Galicia. O meu agradecemento para ela.

«A forza do libro galego será a dos lectores»

Moito debe agradecer a Teresa Cuíñas a entrevista que me fixo para as páxinas da edición de Galicia de El País na que se abordan algunhas das nosas análises sobre a actual situación da edición en Galicia.

«A lectura é unha axuda para entender o mundo»

Velaí a entrevista que me fixeron o pasado luns no programa Bos días da TVG. A conversa (máis de dez minutos) xirou arredor do concepto de lectura e das oportunidades e retos do sector editorial nun proceso de tránsito.

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Constituída a asociación «Culturgal»

Esta noticia non debe pasar desapercibida: o pasado mércores catro asociacións profesionais da industria cultural galega (AGE, AGAPHONO, AGEM e ESCENA GALEGA) asinaron a acta da constitución da Asociación Culturgal e nomearon a súa primeira xunta directiva. A nova entidade, que ten como primeiro presidente ao editor Xulio Amigo e na que está previsto se incorporen decontado outras dúas novas entidades (EGANET e AGAPI), será a encargada de organizar o vindeiro CULTURGAL, a feira das industrias culturais galegas, que (moi probablemente) se celebrará nas instalacións de Palexco da Coruña durante a segunda fin de semana do vindeiro mes de decembro. Culmínase, deste xeito, un proceso de colaboración entre os distintos sectores da industria cultural galega coa intención de procurar sinerxias entre eles e crear maiores espazos de visibilidade e presenza diante do público galego. Unha noticia moi esperanzadora para consolidar dende a independencia profesional un evento clave para o futuro das nosas industrias culturais.

Lectura e autoestima gremial

Tras a elección de onte, que tanto agradezo aos meus colegas, os medios tiveron a deferencia de entrevistarme. En todos os relatos que fixen sobre as prioridades do novo equipo de editores galegos sempre intentei reiterar dúas: primeira, a fenda de lectura debe formar parte da axenda política; e segunda, o consenso e a cooperación entre os editores son o mellor xeito de recuperar a autoestima do sector e de desfacer tantos prexuízos existentes sobre a nosa actividade. Agradezo a tantas amizades os parabéns que hoxe nos fixeron chegar e poñémonos á nosa tarefa, na que continuaremos os proxectos abertos polo editor Alfonso García Sanmartín e o seu equipo (Fran Alonso, Pilar Sampil, Ana Guerra) que durante estes últimos catro anos fixeron un labor, sinxelamente, extraordinario! O meu maior recoñecemento para os catro.

Actualización (17/07/2010):

Actualización (18/07/2010):

Actualización (20/07/2010):

  • «Queremos que a lectura sexa considerada un hábito saudable», entrevista de Pilar Vegas en La Voz de Galicia.