Campo do Fragoso CCXXII

FÚTBOL DE BALLÓN

Nunha tarde tremenda de ballón o Celta de Iago Aspas conseguiu saír das pedras das posicións de descenso e despois de varias semanas atracar durante uns días en porto seguro. As bategadas sobre a lameira enchoupada de Balaídos, nalgúns momentos un auténtico dioivo, onde non faltou nin sequera a participación do arco da vella, déronlle azos a un Celta comprometido no que volveu marcar por partido dupla o merlín de Moaña e no que o gardarredes Rubén realizou dúas paradas extraordinarias que alicerzaron a vitoria no treito decisivo do partido. Unha nova remontada heroica na que tampouco faltaron algúns erros arbitrais, probablemente inducidos polo emprego do VAR, nin a emoción desbordada na bancada nun tempo engadido de sete insufribles minutos.

E o certo é que o Celta comezou esta tarde de chuvieiras sobre o Fragoso frío, nervioso polo moito que se xogaba, preguiceiro co balón, deixando toda a iniciativa ao conxunto txuri-urdin conducido por uns excelentes Zubeldia e Merino. Os de Escribá tardaron case vinte minutos en achegarse por vez primeira á area de Rulli. Fixérono cando aproveitaron o estrépito das arroiadas, que coincidían coas entradas polas bandas de Mallo e Olaza, procurando as costas de Maxi ou unha situación propicia para un lanzamento dende a frontal do mago Aspas. Sen embargo, foi unha xogada de apariencia intranscendente na área de Rubén á que transcorrida a primeira media hora de xogo deu a primeira virada á partida. O andaluz Melero López sinalou sorpresivamente os once metros para o que entendeu foi unha rascadela de Olaza sobre Oyarzabal cando este tentaba baixar o balón, un deses penaltiños que só se asubían para escarnio do simpático conxunto celtiña.

Tras a transformación de Willian José, con todo en contra, o Celta non só non perdeu a calma, se non que gañou en entusiasmo e afouteza para buscar a igualada. No 33’ Maxi finalizou unha combinación con Aspas cun xutazo sobre Rulli, que rexeitou coa biqueira, na primeira das súas grandes paradas, nunha tarde onde ambos os dous gardarredes estiveron a moi alto nivel. Cinco minutos despois, sería Aspas quen a porta baleira errou no seu intento de superar a Rulli cun chapeu, aínda que Melero sinalase despois falta. Xaora, tras o intervalo, Aspas saíu encoraxado, desenvolvendo outra actuación estelar na que introduciu unha marcha máis no xogo do seu equipo, provocou e marcou unha pena máxima, meteu un segundo tanto de cabeza e comezou a xogada dun terceiro que pechaba a remontada. Outro partido asombroso para o celtismo rendido diante da máis grande figura da historia da súa canteira.

Certo é que houbo outras circunstancias nesta segunda sesión memorable. A expulsión rigorosa de Willian José no 57’ coa táboa de marcas igualada revolucionou aos donostiarras como tamén sería decisiva a entrada de Boudebouz no 64’, que modificou a posición de Aspas, colocado agora na media punta, afiando máis o ataque celeste. Un feito que entendeu á perfección Hugo Mallo que entraba coma ballón pola banda dereita procurando a cabezada de Maxi ou de Iago. Atopouna na segunda intentona, no 69’ cando o de Moaña cabezou ao pao curto, abrindo de forma inapelable o camiño dunha nova virada. Xaora, os txuri-urdin venderon moi caro o seu pelexo e obrigaron a que san Rubén salvase in extremis no 74’ un xutazo de Sangalli e catro despois outro de Zubeldia, minutos tolos de pasarrúas, onde o balón esvaraba dunha a outra portería coa mesma facilidade que o facían os xogadores na lameira do que parecía un partido de fútbol acuático.

Nos agónicos minutos finais, Escribá e Aspas pedían calma e concentración aos seus xogadores, máis aínda cando se anunciou un tempo interminable de desconto. Cadora, sería ao comezo deste período cando se pecharía a táboa de marcas, grazas a unha xogada iniciada por Aspas, mais sobre todo moi ben desenvolta por Boudebouz, capaz de superar a tres defensas e centrar sobre Maxi para que o charrúa rematase e marcase o terceiro. Produciuse entón outra gran descarga emotiva da bancada, que despois destes sete puntos e nove goles nunha mesma semana comeza a enxergar con maior optimismo o camiño da permanencia. Unha tarde de auténtico fútbol de ballón do equipo de Aspas, un xogo intenso e emotivo, que non será doado esquecer.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *