Artigos

Campo do Fragoso CCXXII

FÚTBOL DE BALLÓN

Nunha tarde tremenda de ballón o Celta de Iago Aspas conseguiu saír das pedras das posicións de descenso e despois de varias semanas atracar durante uns días en porto seguro. As bategadas sobre a lameira enchoupada de Balaídos, nalgúns momentos un auténtico dioivo, onde non faltou nin sequera a participación do arco da vella, déronlle azos a un Celta comprometido no que volveu marcar por partido dupla o merlín de Moaña e no que o gardarredes Rubén realizou dúas paradas extraordinarias que alicerzaron a vitoria no treito decisivo do partido. Unha nova remontada heroica na que tampouco faltaron algúns erros arbitrais, probablemente inducidos polo emprego do VAR, nin a emoción desbordada na bancada nun tempo engadido de sete insufribles minutos.

E o certo é que o Celta comezou esta tarde de chuvieiras sobre o Fragoso frío, nervioso polo moito que se xogaba, preguiceiro co balón, deixando toda a iniciativa ao conxunto txuri-urdin conducido por uns excelentes Zubeldia e Merino. Os de Escribá tardaron case vinte minutos en achegarse por vez primeira á area de Rulli. Fixérono cando aproveitaron o estrépito das arroiadas, que coincidían coas entradas polas bandas de Mallo e Olaza, procurando as costas de Maxi ou unha situación propicia para un lanzamento dende a frontal do mago Aspas. Sen embargo, foi unha xogada de apariencia intranscendente na área de Rubén á que transcorrida a primeira media hora de xogo deu a primeira virada á partida. O andaluz Melero López sinalou sorpresivamente os once metros para o que entendeu foi unha rascadela de Olaza sobre Oyarzabal cando este tentaba baixar o balón, un deses penaltiños que só se asubían para escarnio do simpático conxunto celtiña.

Tras a transformación de Willian José, con todo en contra, o Celta non só non perdeu a calma, se non que gañou en entusiasmo e afouteza para buscar a igualada. No 33’ Maxi finalizou unha combinación con Aspas cun xutazo sobre Rulli, que rexeitou coa biqueira, na primeira das súas grandes paradas, nunha tarde onde ambos os dous gardarredes estiveron a moi alto nivel. Cinco minutos despois, sería Aspas quen a porta baleira errou no seu intento de superar a Rulli cun chapeu, aínda que Melero sinalase despois falta. Xaora, tras o intervalo, Aspas saíu encoraxado, desenvolvendo outra actuación estelar na que introduciu unha marcha máis no xogo do seu equipo, provocou e marcou unha pena máxima, meteu un segundo tanto de cabeza e comezou a xogada dun terceiro que pechaba a remontada. Outro partido asombroso para o celtismo rendido diante da máis grande figura da historia da súa canteira.

Certo é que houbo outras circunstancias nesta segunda sesión memorable. A expulsión rigorosa de Willian José no 57’ coa táboa de marcas igualada revolucionou aos donostiarras como tamén sería decisiva a entrada de Boudebouz no 64’, que modificou a posición de Aspas, colocado agora na media punta, afiando máis o ataque celeste. Un feito que entendeu á perfección Hugo Mallo que entraba coma ballón pola banda dereita procurando a cabezada de Maxi ou de Iago. Atopouna na segunda intentona, no 69’ cando o de Moaña cabezou ao pao curto, abrindo de forma inapelable o camiño dunha nova virada. Xaora, os txuri-urdin venderon moi caro o seu pelexo e obrigaron a que san Rubén salvase in extremis no 74’ un xutazo de Sangalli e catro despois outro de Zubeldia, minutos tolos de pasarrúas, onde o balón esvaraba dunha a outra portería coa mesma facilidade que o facían os xogadores na lameira do que parecía un partido de fútbol acuático.

Nos agónicos minutos finais, Escribá e Aspas pedían calma e concentración aos seus xogadores, máis aínda cando se anunciou un tempo interminable de desconto. Cadora, sería ao comezo deste período cando se pecharía a táboa de marcas, grazas a unha xogada iniciada por Aspas, mais sobre todo moi ben desenvolta por Boudebouz, capaz de superar a tres defensas e centrar sobre Maxi para que o charrúa rematase e marcase o terceiro. Produciuse entón outra gran descarga emotiva da bancada, que despois destes sete puntos e nove goles nunha mesma semana comeza a enxergar con maior optimismo o camiño da permanencia. Unha tarde de auténtico fútbol de ballón do equipo de Aspas, un xogo intenso e emotivo, que non será doado esquecer.

Campo do Fragoso CCXIX

O CELTA NA UCI

O peor do que sucedeu onte en Balaídos non foi a derrota sen paliativos do Celta fronte a un Levante mellor nin sequera o avultado da táboa de marcas, 1-4. O peor foi que a bancada quedou frustrada contemplando un Celta desquiciado, desorientado, impotente, conformista presentando a súa firme candidatura ao descenso de categoría. E onte non apareceron os fantasmas do VAR nin arbitraxes severas (co noso Celta sempre o foron) nin se pode xustificar a derrota polas ausencias de Maxi e Aspas, os dianteiros sobre os que Felipe Miñambres deseñou esta tempada o proxecto, os seus moi numerosos descartes e as súas polémicas fichaxes. A bancada tomou conciencia onte que o Celta padece unha doenza severa que pode levalo a Segunda. O que son palabras maiores para o futuro do propio clube, cando vive unha das etapas de maior distanciamento entre a propiedade e a afección.

Unha doenza agravada esta semana por dúas crises que danaron máis esta precaria saúde. A primeira cando o xoves o PP volveu monopolizar a sede do clube de Príncipe para lanzar a candidatura do seu presidente, superando así a liña do pluralismo político do clube fundado en 1923 por Manuel de Castro Handicap e outros galeguistas, unha fronteira que o propietario da SAD ten obriga moral de respectar, por moi respectables que sexan as súas afinidades políticas, tanto como as de milleiros de celtistas. A segunda, esta derrota tan contundente contra un rival directo na loita pola permanencia, que supuxo a perda real de sete puntos, o que deixa aos de Cardoso en caída libre e á bancada do Fragoso angustiada.

Confeso que antes de comezar a matinal non animaba ao optimismo a enésima ocorrencia do adestrador de Trofa na confección do once inicial. Colocar a Brais Méndez como referencia en punta e confiar a Jozabed e a Fran Beltrán o liderado do xogo foron decisións arriscadas que apenas tardaron vinte minutos en demostrarse moi desafortunadas. O tempo que tardaron os visitantes en que Rochina gañara unha desputa aos nosos mediocampistas no tres cuartos celestes e cun pase longo pillase as costas dos centrais, entre os que apareceu o veterano Morales para bater a Rubén a pracer. Un tipo de xogada que se repetiría ao longo do partido grazas á intensidade e ás axudas dos valencianos capaces de gañar practicamente todos os duelos aos galegos, para os que a lameira se fixo moito máis grande que os seus azos.

Ben é certo que antes de que marcasen, Boufal xutou con intención sobre o porteiro, tras un dos seus fermosos caneos, capaces aínda de provocar o sorriso da bancada. Perigo que se repetiría vinte minutos despois, cando o marroquino enviou a Mallo un balón gañador que o de Marín rematou (o mellor que puido) sobre o porteiro nas proximidades da área pequena. Unha xogada onde puido estar o empate, mais que demostraba a carencia total de referencia atacante dos nosos.

Dúas xogadas que resumen todas as ocasións celestes, moi superados polos levantinistas que despois dun paradón de Rubén aumentaron, antes do descanso, a diferenza grazas a unha cabezada de Coke ao segundo pao, que rematou sen oposición ningunha un saque de recanto. Un partido liquidado ao comezo da reanudación, cando foi expulsado Boudebouz, tras un entradón só atribuíble á falta de concentración do debutante. Como sucedera en Xetafe, en inferioridade numérica o Celta foi máis vulnerable, ao que pouco axudaron os trocos de Cardoso, superado polas contrariedades.

Coa bancada en estado de shock, cando algúns afeccionados apuparon ao presidente ou aproveitaron para ir xantar, a ferida agravouse co terceiro do Levante, outra collida de costas da liña de tres centrais e coa vergonzosa desputa entre Brais e Boufal, con 0-3 e faltando apenas dous minutos para a conclusión, para dirimir quen tiraba un penalti (dubidoso), que sería transformado polo internacional de Mos. No entanto, o Levante aínda tería tempo de redondear o resultado con outro caroliño que deixaba ao Celta xa na UCI.

Non quero ser agoreiro, pero o Celta vai telo difícil para evitar o descenso. Nin sequera co regreso de Aspas ou coa mudanza de adestrador vai ser doado remediar a doenza que padece. Convén lembrar a frase de Alfredo Di Stéfano, «ningún xogador é tan bo como todos xuntos». Como convén non esquecer que a doenza do Celta, desde a marcha de Eduardo Berizzo, ten moito que ver, roubándolle a frase ao seu mestre Eduardo Bielsa, «coa perda de identidade do proxecto, dos argumentos que o sosteñen, do desenvolvemento da idea». Carlos Mouriño sabe que nos soños comezan as responsabilidades. O Celta é un soño case centenario de milleiros e milleiros de celtistas.

Fotos: Grobas /Faro de Vigo