A lámpada ilumina
A federación de peñas celtistas, presidida por Pepe Méndez convidoume o pasado sábado á cea da súa XXVII convención anual, o que moito agradecín como recoñecemento a publicación do meu libro Afouteza Celtista (Lusco Fusco edicións 2026) onde pretendo reflexionar sobre o celtismo como actitude emocional indemne a desesperanza e a reivindicar o papel imprescindible e salvador dos seus seareiros. Noite celtista na que se xuntaron membros de 133 peñas, dende as tres máis antigas creadas en 1956 (Arbo, Canido e Vilalba) ás máis recentes creadas esta tempada (Ambición Celeste, Troita Celeste e o Cruceiro), que entre todos representan a dezaoito mil socios e a máis de tres mil abonados do club, que conforman a cerna do celtismo actual espallado polo mundo que nas redes sociais conta con máis de dez millóns de seguidoras en Tik-Tok (algo asombroso), máis de catro millóns en Facebook ou 670.000 en IG, cifras que abriron o celtismo ao mundo dixital.
Máis alá da lóxica preocupación sobre o partido co Elxe, no que se agardaba superar o mal momento que supuxeron as derrotas co Alavés e Oviedo, e recuperar así as opcións de clasificación europea, na convención celtista non se falaba doutra cousa que da continuidade de Iago Aspas na vindeira tempada. Debate onde hai pareceres diversos, no que se manexa calquera indicio, como a despedida tan agarimosa que Marcelino e Parejo lle tributaron no estadio da Cerámica ao remate do partido co Vilarreal, imaxes que agoirarían unha despedida xa esta tempada. Como outros indicarían todo o contrario, como a súa volta ao once de gala contra os ilicitanos onde xogou setenta magníficos minutos e marcou un golazo da súa inesgotable calidade, compartindo de saída a titularidade con Fer López, coincidencia que non se dera até onte. En todo caso, polo escoitado polos sempre ben informados corredores peñísticos, a maioría do celtismo desexa a renovación de Aspas para a tempada 26/27 sempre que fose para xogar o maior número posible de minutos, xa que o capitán se conserva en bo estado físico e a lámpada da xenialidade ilumina cando o Celta a precisa, coma sucedeu onte mesmo co excelente Elxe do simpático Eder Sarabia.
Clara vitoria do Celta por 3 goles a 1, na que ademais da novidade da saída de cara do capitán, Claudio apostou por unha defensa de circunstancias na que brillaron Javi García e Yoel Lago, acompañados de forma bastante discreta por Álvaro Núñez, que non acaba de completar un partido convincente, a pesar de que durante a segunda parte pasou á banda, incorporándose á medula Manuel Fernández, quen ofreceu unha excelente actuación empanada por provocar outro penalti inocente, que puxo en perigo o resultado. Un plan de partido desenvolto en boa medida seguindo o de Giráldez, que cedeu a pelota aos visitantes e gozaron dunha posesión do 67 % sen embargo en ningún momento controlaron un partido que o Celta soubo manexar segundo as necesidades do marcador que axiña puxo ao seu favor no minuto 14. Un primeiro gol nacido dun erro do defensa Affengruber a quen Javi Rueda moi listo aproveitoulle un balón na área que con serenidade asistiu a Hugo Álvarez que bateu a pracer a Dituro. Co marcador por diante, Claudio tratou de evitar erros de fracasos recentes, limitándose a defender con orde e procurar as costas de Jutglá, tan loitador cos centrais visitantes como adoita. Xaora, o segundo gol celeste chegou no 29’ dunha xogada de escuadra e cartabón, deseñada polo cadro técnico: Moriba sacou en campo propio un globo en diagonal que Jutglá soubo controlar de peito, gañándolle a posición a Affengruber, e servindo a Aspas que chegaba para xutar ao pao longo sen que Dituro, estricado coma un resorte puidese chegar a desvialo. Un gol magnífico de deseño e execución, mostra que a lámpada do noso Merlín dispón de aceite abondo.
Tras a reanudación, o Elxe insistiu na posesión e tivo varios remates de gol, claras ameazas, mais non acertou en ningunha das dúas áreas. Jutglá puido marcar o terceiro nun precioso man a man con Dituro, que desta vez si chegou ao xute colocado e enérxico do nove catalán. O penalti inocente dos defensas celestes, no 79’, agoiraban minutos de estrés, que duraron os cinco que necesitaron Williot e Borja, acabados de entrar na lameira, para fabricar o seu gol de ourivaría selecta, unha tacada do sueco filtrada entre os defensores que deixou só a Borja para que marcase o seu gol décimo terceiro en liga, dezasete entre todas as competicións, cumprindo unha tempada que merece ser pechada coa súa selección para o mundial. Con semellante vantaxe e coa concentración necesaria, os de Claudio souberon xestionar os seis minutos de engadido. Unha vitoria clara que devolve ao Celta a sexta praza e mantén intactas as súas aspiracións europeas. A lámpada celeste ilumina.
Publicado en Faro de Vigo: 04/05/2026



Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir