Artigos

Campo do Fragoso CXLII

DESCONCERTO

Semana horribilis para o Celta. Apenas un punto de nove. Aquel esperanzoso inicio de liga, con bo xogo e mellores sensacións, quedou en augas de bacallao. Coa derrota fronte a un Elxe moi combativo, que coas mellores artimañas da Segunda non deu un balón por perdido, Balaídos quedou inundado de dúbidas e dun desconcerto xeralizado capaz xa de contaxiar a unha bancada afectada por vez primeira do coñecido virus da melancolía celtista. Pensabamos que esta tempada iamos escapulirnos de medos e dificultades, mais transcorridas catro xornadas aínda non vimos gañar aos nosos no campo do Fragoso, sendo o seu xogo cada vez máis ruín e as decisións do adestrador máis discutibles. En definitiva, os afeccionados sabemos que quedan por diante moitas xornadas difíciles e que custará, como é adoito, ferro e fariña conservar a categoría.

Tras a inxustificable actuación de Xetafe, un partido que avergonzou aos celtistas, as declaracións de Luis Enrique o venres na Madroa tampouco agoiraban nada bo. Por primeira vez, o adestrador amosaba dúbidas, non tanto no que falaba aos periodistas, xeralidades referidas á composición do cadro de xogadores ou á necesidade de rotacións e refresco físico, como na actitude desafiante, non exenta de doses de crispación, coa que foron expresadas. Palabras e, sobre todo acenos, nos que percibín (esa é a marabilla de Internet) que algo xa non corre as mil marabillas no vestiario celeste. Imaxino que tras a reiteración do fracaso, desta volta fronte a un equipo recén ascendido, un deses rivais directos cos que nos xogamos o ser ou non ser, a atmosfera do vestiario farase máis mesta. Máis aínda valorando as escasas probabilidades de obter un bo resultado no desprazamento da vindeira fin de semana ao Manzanares para xogar co equipo máis en forma do actual campionato.

Luis Enrique sacou o que pode ser considerado o seu equipo de gala fronte a un Elxe que chegou a Vigo doído, tras padecer un roubo arbitral fronte ao Real Madrid. O asturiano volveu as súas orixes empotrando a Oubiña entre ambos os dous centrais. Disposición táctica que, polo visto tanto fronte ao Vilarreal coma ao Elxe, non soluciona a saída do balón por dentro de forma fluída cara a Rafinha e Álex, os medios sobre os que descansa a responsabilidade ofensiva. Prodúcese así un atoamento que fai o xogo do Celta tedioso e previsible, obrigando, sobre todo ao canteirán David Costas, a abusar dos pases longos e imprecisos sobre os laterais adiantados.

Porén, non foron só as dificultades de debuxo as que levaron ao Celta a unha certa inferioridade en moitas fases do encontro, senón a ausencia de intensidade fronte a un equipo que gañaba todos os balóns divididos. Unha actitude ofensiva coa que os ilicitanos comezaron e remataron a primeira parte con dúas oportunidades salvadas por Yoel in extremis. O Celta non lle colleu o punto de intensidade que requería o partido até que os visitantes, cando faltaba aínda media hora, fixeron o seu gol nunha contra de Javi Márquez. Foi decisivo para isto a entrada de Krohn Dehli e Santi Mina, que introduciron unha marcha máis ao até entón melancólico e conformista xogo celeste. Das asociacións veloces xeradas polo danés naceu no minuto 81 o golazo anulado a Mina, que as imaxes amosan plenamente legal, tras unha boa cabezada desta promesa xuvenil que leva o gol no seu ADN. Sen dúbida, o resume foi que o Celta non mereceu perder o partido, mais tampouco fixo os méritos suficientes para gañalo.

Superar o desconcerto provocado por esta primeira crise de xogo e resultados é un reto para o amplo equipo técnico de Luis Enrique. Agardemos que saiba enfrontala con intelixencia e acougo introducindo as melloras que o Celta precisa.

Campo do Fragoso CXI

ESTRUTURA

Non coñezo ningún equipo de fútbol capaz de obter bos resultados que non contase cun porteiro e dous defensas centrais solventes. Sobre esa trepia, non fai falta que sexan tres figuras, dispóñense o resto dos elementos que sosteñen a estratexia dun equipo gañador; xa que da fiabilidade desa estrutura depende, en moi boa medida, a disposición do resto dos xogadores sobre a lameira e a orientación táctica que dende o banco poida querer imprimir o adestrador. O Celta na estrea en Balaídos da súa quinta tempada en Segunda amosou unhas clamorosas feblezas de estrutura que, máis alá da merecida derrota fronte a un Elxe superior, agoiran outra tempada de moito sufrimento. Resulta inexplicable como nin o adestrador Herrera, nin o secretario técnico Torrecilla, nin sequera o presidente Mouriño durante os dous últimos meses de pretempada fosen incapaces de detectar as fendas enormes que no equipo se abren cada vez que os rivais ensaian unha xogada a balón parado, sexa un saque de recanto, unha falta dende un lateral ou mesmo un saque de banda. Tres tipos de xogadas perigosísimas, case letais para o equipo noso. Resulta inconcebible que non se tratase de reforzar a portería e se pretendese prescindir de Ortega, un central, canto menos con moita experiencia nesta categoría, clave na pasada eliminatoria de ascenso. Fronte ao Elxe, os tres goles dos visitantes (dos que, afortunadamente, só dous subiron ao marcador) foron provocados directamente por outras tantas xogadas laterais a balón parado que, primeiro, os dous centrais, Villa e Túñez, non souberon defender e, logo, o porteiro Yoel non foi capaz de intervir con acerto. Mais sería inxusto afirmar que os problemas deste Celta estiveron onte só na portería e no centro da defensa, cando os mediocentros, Bustos e Insa naufragaron dende o inicio, incapaces de crear situacións de superioridade polas bandas, sendo totalmente dobregados pola intensidade da medular visitante que os foi arrecunchando sobre a metade do seu propio terreo. Outrosí sucedeulle aos xogadores de banda, fosen os laterais, Mallo e Lago, inusualmente inhibidos nos labores de ataque, como a un inane Quique de Lucas, que estragou cantos saques de recanto dispuxo, quizais contrariado por non recibir balóns de calidade, afeito a gozar noutrora daquelas diagonais e cambios de orientación de Trashorras, un xogador esencial do que sentimos onte moitas saudades. Xa no treito final do encontro, a entrada de Oubiña –un mediocampista con vontade e oficio estruturante, capaz de organizar, apoiar e axudar adiante e atrás– obrigou ao Elxe a retrasar as súas liñas e comezar a ceder no seu empeño. Porén, a melloría achegada polo capitán foi un espellismo, xa que na enésima xogada de verbena a balón parado os xenerosos defensas celestes facilitaron ao Elxe o camiño dunha vitoria á que semella xa renunciara. Si, é certo que Álex López deu un pase precioso a Iago Aspas, que facilitou o gol de David Rodríguez; como tamén o é que os escintileos ofensivos de Aspas mereceron mellor fortuna, mais non foron méritos abondos para que o Celta acadase un empate. Esta primeira derrota devolve ao celtismo á crúa realidade, coloca ao cadro de xogadores e técnicos, como ao propio presidente, diante dun espello no que identificamos unha imaxe moi esvaída do equipo. Máis alá de ensaiar teimosamente na Madroa como evitar e defender as faltas laterais e saques de recanto, Herrera debe encherse de valor e coa maior premura introducir modificacións na estrutura do seu cadro de gala, antes de que estes problemas se volvan endémicos, o que sería fatal para o equipo e para o seu futuro.

Campo do Fragoso CVIII

SAPOCONCHO

O Celta achégase á primeira eliminatoria de ascenso á velocidade do sapoconcho, puntiño a puntiño. Unha estratexia satisfactoria para os que prefiren valorar todo o camiño percorrido e comproban o acerto de ter aproveitado no inicio as vacilacións dos seus rivais. Porén, unha fórmula moi desacougante, deprimente, para a maior parte dos que non lembramos xa o que é saír de Balaídos co sorriso nos beizos e o acougo no corpo, tras o derradeiro triunfo dos nosos no pasado mes de febreiro. A actual afección celeste, tan curtida en derrotas, aprendeu a ser tolerante até a extenuación co seu equipo. As arredor de dez mil persoas que nesta tempada acudimos decote a Balaídos, podemos ter saudades daquel xogo da serpe marabilloso dos tempos de Karpin, Maziño ou Mostovoi; mais como somos conscientes do díficil terreo que pisa o noso club, ao comezo da tempada, aspirabamos a ben pouco: saber que os nosos pelexarían por non permanecer sine die no foxo no que caimos hai catro anos. A magnífica primeira volta deunos azos de ascenso; no obstante, esta pésima segunda devolveunos á crúa realidade de enfrontarnos coas feblezas dun proxecto societario e deportivo que non superou a súa crise. Fronte ao Elxe, un dos equipos con mellores resultados na segunda volta, o xogo celeste conducido por un extraordinario Trashorras mellorou unha barbaridade con respecto a partidos anteriores, porén iso non abondou para conseguir a tan desexada vitoria. O empate fraguouse na primeira parte, na que os dous dianteiros celestes estragaron media ducia de goles feitos. Trashorras, nun comezo de partido memorable, deu un auténtico recital de condución de xogo de ataque, adobiado de caneos, pases interiores e diagonais cara aos nosos xogadores de área. Así o Celta, durante alguns minutos, recuperou o fútbol con argumento que tanto éxito lle proporcionou durante o pasado inverno. Ademais, Hugo Mallo comezou a subir e asociarse con moito xeito con Quique, o que permitiu abrir unha fenda na rochosa defensa do Elxe. No entanto, foi Túñez quen abriu o marcador, á media hora de xogo, cun soberbio cabezazo. Os alacantinos reaccionaron decontado e nivelaron o encontro en catro minutos, tras unha boa xogada pola banda, facilitada por unha pobrísima intervención de Yoel, que como sucedera co Girona volveu ter unha tarde de verbena. Tras o descanso, O Celta saíu con moita intensidade. Xa no primeiro minuto, tras un pase xenial de Trashorras, De Lucas non foi capaz de superar ao porteiro; sen embargo, tras varias tentativas, o diamante chairego deliñou un fabuloso pase interior para David que, tras superar a toda a defensa, preferiu pasarlle a pelota a Quique de Lucas para que a empurrase a porta baleira. O gol deixou tocado ao Elxe. Semellaba que nos vinte e cinco minutos restantes, os nosos mesmo poderían ampliar a vantaxe. Porén, faltando cinco minutos a fatalidade cebouse cos de Herrera, que con catro centrais no campo foron incapaces de defender un inocente saque de falta dende a dereita, que Yoel tampouco soubo interceptar na área pequena. Unha xogada moi desgrazada que arruinaba un partido no que o Celta demostrou posuír moito máis fútbol e atesourar maior calidade ca un dos seus rivais directos. Máis alá da socorrida mala fortuna, un argumento escasamente deportivo para xustificar os fracasos, este empate amosou que o Celta non soubo xestionar un marcador favorable no treito final do partido. Herrera introduciu os trocos tarde, preferindo que o equipo quedase dentro da cuncha do seu conformismo. Volveu fracasar a estratexia do sapoconcho.

Campo do Fragoso LXXXVI

GOLEAN OS DEFENSAS

Dous goles formidables de senllos defensas, Roberto Lago e Catalá, salvaron do cesamento inevitable a Eusebio e, por fin, despois de varios meses, permiten saír ao Celta das posicións de descenso. Despois do triunfo en Girona, esta segunda vitoria consecutiva proporciona un chisquiño de acougo para seareiros e membros do consello de administración ansiosos, ao tempo que debería facilitar ao cadro de xogadores e técnicos afrontar con confianza o remate de 2009, un ano horroroso para o Celta como locatario xa que só conseguiu en vinte partidos de competición ligueira media ducia de vitorias (catro a tempada pasada e dúas na actual). Porén, polo que vimos onte na lameira, superando claramente ao Elxe –un equipo ben clasificado, mesmo con aspiracións de ascenso– o Celta debe e pode saír a lume de carozo das posicións de perigo. Inevitablemente, esta vitoria, a segunda que consegue Eusebio tras retirar do equipo inicial a Roberto Trashorras, o noso xogador con máis e mellor fútbol nas súas biqueiras, acentúa o debate sobre a conveniencia de considerar ao de Rábade como a peza que permite o engrenaxe harmónico do esquema de “fútbol amable” do adestrador vallisoletano. Un debate entre os detractores e os defensores do lucense –por outra banda, unha lideira moi tradicional na bancada nosa (deuse sempre co papel deses xogadores xeniais de presenza intermitente, dende Mostovoi a Canobbio)– que este partido non só non resolveu, senón que incrementou na medida que os goles como a maior parte das xogadas de perigo foron protagonizadas polos nosos defensas. A primeira parte resultou ruín de todo. O Celta foi dominado polos ilicitanos que non souberon aproveitar as súas numerosas oportunidades. Un xutazo de Catalá dende a frontal, aproveitando un rexeite, un caneo de Aspas na área pequena e un remate inocente de Joselu foron as tres únicas xogadas con certa intención dos nosos en todo o primeiro período. Un balance pobrísimo que agoiraba a debacle de Eusebio. Sen embargo, tras a reanudación o panorama mudou completamente. Os nove primeiros minutos celestes deste segundo período foron excelentes. Contamos até seis xogadas claras de gol. Saulo centrou en dúas ocasións dende a liña de fondo e non atopou rematador. A seguir, Roberto Lago (onte un dos mellores e máis comprometidos celestes) percorreu con enorme potencia toda a súa banda sen atopar goleiro para o seu centro; o que non lle impediu, dous minutos despois, aproveitar un rexeite dende a frontal que quedou lixeiramente alto. Teimosía que na xogada seguinte permitiría ao defensa vigués aproveitar outro rexeite da defensa ilicitana, mais esta vez o xute de volea foi cara abaixo, colocando o balón ao pé do pau. Un gol precioso e preciso, que culminaba o mellor período de xogo dos nosos ao longo de todo o encontro. Co marcador por diante, o Celta, a pesar de atemperar a súa intensidade, non perdeu o control do partido. Así, faltando pouco máis dun cuarto de hora o central Catalá, xa o noso káiser do Fragoso, aproveitou un erro de marcaxe da frouxa defensa visitante e rematou de cabeza a pracer un saque de recanto. Co 2-0 por diante, os celestes arrollaron, mais os nosos “pichichis” malograron cinco ou seis deses goles feitos. Nun longuísimo desconto, o Elxe conseguiu o seu tanto e os nosos corazóns volveron acelerarse durante dous minutos. Insisto na miña teima, cun goleador só discreto, onde estaría este Celta?

Campo do Fragoso LXXIV

ESPERANZA INCERTA

O partido fronte ao Elxe foi dos máis entretidos que recordamos ultimamente. Ao longo do encontro, o Celta de Eusebio Sacristán pasou da euforia inicial á depresión súbita, de amosar durante unha parte do encontro sinais dunha implosión letal que o levaba á desintegración a unha certa recuperación do nivel do seu xogo e da súa actividade no treito final que nos fai depositar aínda algunhas esperanzas sobre o seu futuro. Efectivamente, foron realmente euforizantes os dez primeiros minutos de xogo que a bancada agradeceu decontado cos seus aplausos e cánticos. Xogo vertical, caneos dende a banda, centro medido de Dani Abalo e cabezazo ás redes de David Rodríguez. A pequena sociedade Dani-David, onte, con moita diferenza, a nosa mellor parella de efectivos, funcionaba as mil marabillas. Porén, a ilusión pouco durou. Un fallo garrafal de Edu Moya permitiu que un dos dianteiros ilicitanos quedase só, si soiño, diante de Notario o que lle permitiu asinar o empate. E como sucedera en tantas outras ocasións, este lamentable erro defensivo supuxo o derrube anímico dos nosos. Como no fenómeno físico da implosión, o Celta subitamente fixo cachizas o esquema de xogo de Eusebio, que apostara por un trivote moi ofensivo no medio do campo, quizais por que no interior deste vestiario celeste existe unha presión moi inferior á que se vive no exterior, onde o futuro deste equipo se sente como un devir colectivo.  Diante de semellante implosión anímica celeste, o Elxe, como a maior parte dos equipiños que comparecen por Balaídos, viu que podía levarse o encontro e apretou un chisquiño a súa presión no medio do campo, onde polos galegos batalla só o teimoso Ariel Rosada. O lanzamento dunha falta (que só viu o árbitro) na frontal adiantou aos visitantes no minuto 36. No entanto, a diferenza doutras ocasións, o Celta, tras o descanso conseguiu recompoñer o seu espírito. Volveu imprimir máis sentido a circulación dende as bandas, sobre todo polos diagonais trazadas por un magnífico David Rodríguez que, transcorridos apenas oito minutos, volveu marcar de cabeza. Esta capacidade de renacer, de non deitarse non brazos da desolación foi, sen dúbida, a mellor noticia do fermoso serán de primavera adiantada en Balaídos. Había tempo para conseguir a vitoria. O equipo intentábao como podía, a pesar de non contar co acerto de Trashoras, que desaproveitou a ducia de saques de recanto e faltas que tirou, nin co compromiso de Dinei, unha auténtica rémora para o seu equipo. Non obstante, foi Eusebio quen tirou a toalla cos seus trocos dos mediocampistas. Con todo, o empate, a pesar de que funde un pouco máis ao equipo na táboa clasificatoria, é un resultado esperanzador. Onte houbo indicios claros de recuperación. Para conseguir volver ao vieiro das vitorias, cómpre o maior compromiso e disciplina de todos, si, de todo o vestiario.