O legado de Palacios
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao sequiscentenario do nacemento do arquitecto Antonio Palacios:
O 27 de outubro lembramos o pasamento do arquitecto Antonio Palacios Ramilo no ano que celebramos o sequiscentenario do seu nacemento no Porriño o 8 de xaneiro de 1874. Efeméride pola que é homenaxeado polo Ayuntamiento de Madrid ao longo de todo este 2024 con diversas actividades, como un itinerario interactivo para todas as idades, visitas teatralizadas, conferencias, un mapa musical e dúas exposicións sobre a súa pegada nunha cidade que o considera o seu arquitecto máis querido e popular polo seu soño en transformala nunha metrópole moderna. Madrid onde o porriñés realizou algunha das súas obras máis relevantes, entre elas os deseños interiores dalgunhas das primeiras estacións do Metro ou as construcións graníticas dacabalo do Modernismo e o Movemento Moderno, como o Pazo de Telecomunicacións (1904-1918), realizado en colaboración con Joaquín Otamendi, onde hoxe están instaladas as dependencias municipais, o icónico Círculo de Belas Artes (1926), ou o Banco de España de Río da Prata (1918), hoxe sede do Instituto Cervantes, entre outras.
Xaora, Palacios nunca se desvinculou da súa terra galega onde deixou tamén un amplo legado arquitectónico, singularmente nalgúns dos concellos da bisbarra viguesa como na propia cidade de Vigo, onde instalou o seu segundo estudio. Figura que este ano celebra o concello do Porriño no sequiscentenario do seu fillo máis universal, mais tamén no centenario da construción da Casa do Concello (1924), unha das cinco obras na súa vila natal, de inequívoco estilo rexionalista, xunto á Fonte do Cristo (1905), a primeira obra que fixo en Galicia, na que contou coa colaboración do ceramista Daniel Zuloaga; a Botica Nova (1909), proxectada para o seu irmán Jesús e a Escola Fernández Areal (1906), de tradición indiana, derrubada na década de 1960, sendo un dos edificios perdidos máis chorados pola sociedade porriñesa. Iconas da vila da Louriña, á que dende 1971 se engadiu o Templete de acceso ao Metro da Gran Vía madrileña (1918).
Legado que Palacios deixou tamén en Mondariz Balneario, en tres edificacións emblemáticas: o Manancial da Gándara, a Varanda e o Hotel-Sanatorio (1917). Mais tamén na Guarda, onde deseñou o edificio de Santa Trega (1930), hoxe museo arqueolóxico, deseñado como restaurante para a súa sobriña Rosario, do que nunca se faría a torre. Como deixou a súa pegada nos concellos do Val Miñor, onde en Baiona deseñou o monumento da Virxe da Rocha, de quince metros de altura, construído entre 1910 e 1930; mentres en Nigrán fixo dous chalés de estilo rexionalista na praia de Lourido, o primeiro (1930) para Sileno un avogado madrileño, e pouco despois outro para Celso Méndez, aos que se uniría o Templo Votivo de Panxón (1937) e a casa reitoral. Legado palaciano que no caso da cidade de Vigo abrangue tres grandes edificios: o Teatro García Barbón (1926), a Banca Viñas-Aranda (1944) e o convento das Salesas Reais (1942), que non chegou a finalizarse.
Forma parte do legado de Palacios o seu «Plan de extensión e reforma interior de Vigo» (1932), co que pretendía transformar a Vigo na Barcelona do Noroeste. Un Vigo artellado sobre a medula espinal da rúa Galicia, que unía o monte do Castro coa Laxe, e sobre o despregue de dúas grandes avenidas, a Gran Vía Atlántica paralela á ría e a Gran Vía Cornixa, arredor do Castro, que conecta Teis con Samil, coas que conflúe en cota intermedia a Vía Céltica e transversalmente a Vía Alba, a Vía Sárdoma e a Gran Vía Erizana. Un plan de crecemento harmónico moi ambicioso, concibido para os concellos de Vigo e de Lavadores, para os que se propón concertar unha mancomunidade, acorde co potencial social e económico do Vigo punxente da década de 1920, ideado para o seu desenvolvemento urbano deica o ano 2100, prevendo que no 2000 chegaría aos 600.000 habitantes, no que se pretendía solucionar o problema da vivenda social creando novos barrios co estilo de cidade-xardín.
Plan de Palacios que recollía a creación dos parques públicos de Castrelos, A Guía, o Castro; o desenvolvemento de medios de transporte metropolitanos de diversa índole, dende o marítimo na ría ao aéreo que uniría por avioneta Bouzas co futuro aeroporto de Atios no Porriño; prevía unha autoestrada, a Erizana, que conectase Vigo e Baiona, un funicular subterráneo que unise o porto co Castro, unha ponte en Rande, até ascensores públicos para salvar a orografía viguesa… Plan que nunca chegaría a levarse a cabo, mais que proporcionou importantes ideas para actuacións urbanísticas futuras, converténdose para o historiador Xoán Carlos Abad Gallego «nun mito da cidade ideal e moderna que non chegou a ver a luz». Non está de máis telo presente en cidade tan pouco memoriosa coma a nosa que «esqueceu» celebrar o legado de Antonio Palacios cando se fan 150 anos do seu nacemento.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir