Gol fantasma
Pasada a pobre celebración do Centenario, sen concerto de Iván Ferreiro nin libro conmemorativo da historia nin sequera romaría popular celtista, e do que por ventura xa queda só na bancada a emoción coral do himno de Ce Tangana, o Celta de Benítez recibiu onte un baño da crúa realidade que o agarda. Unha lección recibida do Mallorca do arteiro e ultradefensivo Vasco Aguirre que marcou xusto no momento propicio, apenas a cinco minutos do comezo do tempo engadido, e o fixo da forma máis dolorosa posible para os nosos: un gol do seu único dianteiro Vedat Muriqui que rematou un centro lateral de Maffeo (totalmente só) prolongado por Dani Rodríguez sen apenas oposición (e tensión) das tres torres celestes. Terceira derrota consecutiva en Balaídos e o que é máis decepcionante, outra xornada sen marcar, o peor escenario dos posibles para o primeiro mes do campionato.
Probablemente, un resultado inxusto para o que sucedeu no campo e na sala do VAR, que indicou ao colexiado andaluz Munuera Montero que non podía subir ao marcador un tanto tras un remate escangallado de Bamba ao traveseiro que rebotou sobre a liña de meta, parece ser que de forma incompleta. Unha decisión que abriu unha polémica interminable de se entrou ou non entrou o balóns tras a liña de cal, algo que sabemos a actual tecnoloxía de La Liga non pode dirimir con total exactitude. Outra decisión arbitral do VAR pouco afortunada para os celestes, como xa sucedera diante do Madrid, que tamén enfronta aos seareiros celestes coas decepcións provocadas por estes desafortunados goles fantasma e polas decisións da sala de videoarbitraxe.
Non obstante, faltariamos a verdade se atribuísemos resultado tan negativo para os vigueses a esta polémica decisión arbitral. O Celta perdeu co Mallorca por que foi incapaz de franquear a muralla defensiva formada polos baleares e por que estragou media ducia de excelentes oportunidades de gol. Unhas carencias alarmantes de gol que non souberon solucionar nin Larsen nin Aspas nin Bamba nin Douvikas nin sequera in extremis o canteirán Miguel Rodríguez. Unha preocupante anemia goleadora cuxa curación está tanto na melloría da puntería dos dianteiros celestes, que onte todos tiveron nas súas biqueiras, como da mellor resolución ofensiva do balón parado e de aproveitar as chegadas de segunda liña (como adoitaba facer Gabri Veiga). Lances dos que gozaron Fran Beltrán (tan desdebuxado esta tempada) ao arrinque da segunda parte, cun xutazo velenoso dende a frontal, desviado in extremis polo gardameta visitante, e Starfelt nunha soberbia cabezada dun saque de recanto saído da luva de Aspas que por desgraza se estrelou no pau.
A derrota tamén pode explicarse pola durísima batalla táctica entre as pizarras de Benítez e Aguirre, dous adestradores moi veteranos, que non ceden nas súas conviccións de apostar máis polo xogo práctico ca polos artificios do xogo bonito. Unha confrontación que desta volta gañou con claridade Aguirre coa súa argucia defensiva, as súas interrupcións constantes do xogo e a concentración de todo o seu equipo até o derradeiro minuto. Como tamén puido ter influído nas dificultades celestes para superar o muro mallorquín (cinco defensas, dous pivotes defensivos, dous volantes e un só dianteiro), a ausencia no once celeste dun medio centro creativo capaz de furalo nalgunha ocasión por dentro, tarefa que asumiu dentro das súas posibilidades a mobilidade voluntariosa de Iago Aspas, ao que non se lle pode pedir máis, e xa nos minutos finais Hugo Sotelo, o canteirán con mellor pé para asumir tan decisiva responsabilidade.
Benítez, un adestrador que fala de marabilla de fútbol e explica mellor ca ningunha outra voz o que sucede no club, ten moito que aplicarse no vestiario para poñer a funcionar de vez o equipo. De nada serve lamentar as carencias do mercado de fichaxes nin a falta de adaptación á La Liga de xogadores chegados á tempada pasada. Non vale enredarse en máis demoras, as xornadas pasan e os números (4 puntos de 15) de non reorientarse anticipan serias dificultades. Non abonda con asumir que o celtismo ten capacidades infinitas para padecer os peores resultados do seu equipo do corazón. Agardabamos algo mellor para o Centenario, algo que aínda se pode enxergar con partidos máis propicios e felices.
Publicado en Faro de Vigo: 17-09-2023
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir