Onte 2091: «Superavoa» de David Rodríguez
Esta quincena que estou de garda de porta e autobús, dou fe que a escola e os centros de traballo están abertos tamén grazas aos avós e ás avoas que traen e levan as crianzas. Apenas a punta do iceberg da axuda intrafamiliar e interxeracional que, á falta de medidas de conciliación públicas, alicerza hoxe o sistema de coidados dos picariños e evita que a familia se vaia a pique, máis aínda en tempos de pandemia e profunda desigualdade. Un traballo altruísta e unha responsabilidade social escasamente recoñecida que o escritor e ilustrador vigués David Rodríguez saca do armario en Superavoa (Xerais 2020), un valioso álbum de pequeno formato concibido para a nova serie Primeiras lecturas da veterana colección Merlín, que supera os 300 títulos en 32 anos de publicación. Un libro tributo a todas aquelas avoas como Rita capaces de facer mil cousas á vez, de curar a dor de barriga apenas poñendo a man enriba da neta ou de contactar coas suas maxestades na víspera de reis.
Superavoa, inevitablemente, levoume a outros títulos da nosa literatura infantil e xuvenil protagonizados por avós, como dous dos meus preferidos do catálogo de clásicos contemporáneos, O estanque dos parrulos pobres (Rodeira 1996) de Fina Casalderrey ou Todo o tempo do mundo (Xerais 2016) de David Pérez Iglesias. Porén esta de David Rodríguez é unha avoa feminista e empoderada, unha superheroína para as súas netas e netos, á que non lle falta nin capa nin botas con ás. Unha avoa á que non lle faltan habilidades de todo tipo e comparte doses de humor e tenrura a eito.
Benvida esta Superavoa chamada a axudar a fender a pedra dos prexuízos de xénero e micromachismos temperáns de tantos homiños e mulleriñas, como adoita dicir a socióloga da educación Amada Traba. Un álbum de escritura e composición magnífica que amosa a versatilidade estilística do autor, de quen coñeciamos os seus excelentes traballos como a ilustración do libro-disco da Banda dos Cueiros e de Eu ben vin, virivín. Cancioniero infantil para dicir, contar e cantar (Xerais 2018). Unha obra que non debe faltar no catálogo das bibliotecas dos centros de Infantil e Primaria, útil tamén para animar as sesións de formación sobre igualdade e xénero das escolas de familias.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir