Artigos

Onte 2091: «Superavoa» de David Rodríguez

Esta quincena que estou de garda de porta e autobús, dou fe que a escola e os centros de traballo están abertos tamén grazas aos avós e ás avoas que traen e levan as crianzas. Apenas a punta do iceberg da axuda intrafamiliar e interxeracional que, á falta de medidas de conciliación públicas, alicerza hoxe o sistema de coidados dos picariños e evita que a familia se vaia a pique, máis aínda en tempos de pandemia e profunda desigualdade. Un traballo altruísta e unha responsabilidade social escasamente recoñecida que o escritor e ilustrador vigués David Rodríguez saca do armario en Superavoa (Xerais 2020), un valioso álbum de pequeno formato concibido para a nova serie Primeiras lecturas da veterana colección Merlín, que supera os 300 títulos en 32 anos de publicación. Un libro tributo a todas aquelas avoas como Rita capaces de facer mil cousas á vez, de curar a dor de barriga apenas poñendo a man enriba da neta ou de contactar coas suas maxestades na víspera de reis.

Superavoa, inevitablemente, levoume a outros títulos da nosa literatura infantil e xuvenil protagonizados por avós, como dous dos meus preferidos do catálogo de clásicos contemporáneos, O estanque dos parrulos pobres (Rodeira 1996) de Fina Casalderrey ou Todo o tempo do mundo (Xerais 2016) de David Pérez Iglesias. Porén esta de David Rodríguez é unha avoa feminista e empoderada, unha superheroína para as súas netas e netos, á que non lle falta nin capa nin botas con ás. Unha avoa á que non lle faltan habilidades de todo tipo e comparte doses de humor e tenrura a eito.

Benvida esta Superavoa chamada a axudar a fender a pedra dos prexuízos de xénero e micromachismos temperáns de tantos homiños e mulleriñas, como adoita dicir a socióloga da educación Amada Traba. Un álbum de escritura e composición magnífica que amosa a versatilidade estilística do autor, de quen coñeciamos os seus excelentes traballos como a ilustración do libro-disco da Banda dos Cueiros e de Eu ben vin, virivín. Cancioniero infantil para dicir, contar e cantar (Xerais 2018).  Unha obra que non debe faltar no catálogo das bibliotecas dos centros de Infantil e Primaria, útil tamén para animar as sesións de formación sobre igualdade e xénero das escolas de familias.

Onte 1153: Construír Culturgal

Culturgal_21-11-2014

Presentamos onte diante dos medios o programa de Culturgal 2014. 70 expositores, 150 actividades literarias, musicais, teatrais, artísticas e formativas destinadas a públicos diversos artellan o eixo do programa de tres xornadas moi intensas nas instalacións do Pazo da Cultura, Auditorio e recinto feiral de Pontevedra. Un programa concibido coa intención de ampliar o perímetro de Culturgal dende a corresponsabilidade dos diversos sectores das nosas industrias culturais e do patrocinio das administracións públicas e entidades privadas.

Entre as novidades do programa dunha feira, sempre con vontade de sorprender e innovar, saliento as dúas grandes exposicións de artes plásticas e visuais (Do papel ao xesto e XX anos de Bravú), o deseño dunha programación específica para bebés e dun espazo para lactancia, a introdución de actividades de gastrocultura, a potenciación da programación cinematográfica, as ceas temáticas no recinto feiral, o vermú cultural do domingo (ao que convidamos a 26 asociacións profesionais dos diversos eidos da cultura do país), emisión de programas do Diario Cultural da Radio Galega (premio do público) e Discópolis de Radio 3 en directo, o concerto de Caxade, a presentación dos novos discos de Magín Blanco, Guadi Galego, María Fumaça, Cantares do Brión, Maghua, o concerto da banda dos cueiros, a presentación da App Contacontos, o foro de Crowdfunding e Coworking, os encontros de editores con bibliotecarios e profesorado, ou as conversas literarias con Helena Miguélez, María Reimóndez, Suso de Toro, Xurxo Souto, Alberto Ramos, Fran Alonso, entre outros autores e autoras.

Un programa que iremos debullando con maior detalle nos vindeiros días, concibido para públicos e audiencias específicas, mais tamén moi vencellado ás novidades que os expositores ofrecerán nos seus stands. Culturgal como un espazo de todos e todas, interxeracional e transversal, horas de ledicia e entusiasmo para compartir sintagmas de simpatía e afecto para a nosa lingua e para as nosas artes. Propoñemos construír Culturgal para reforzar o papel e a independencia das industrias culturais propias. Un Culturgal alicerzado sobre a forza dos seus públicos e sectores profesionais. Convido a compartir o programa e solicito axuda para difundir na rede esta convocatoria. Culturgal no pazo da Cultura de Pontevedra do 5 ao 7 de decembro.