Escola con máscara
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás condicións de regreso á escola presencial:
Non lembro nas últimas catro décadas un regreso ás aulas con maior nivel de incerteza e risco co do curso que comeza hoxe. Pasados case seis meses daquela abrupta interrupción provocada polo inicio da pandemia do Covid-19, que recluíu aos escolares na casa e obrigou ao profesorado a improvisar durante tres meses e cos seus propios medios un modelo de educación a distancia, a volta á ensinanza presencial non se pode adiar máis, xa que é imprescindible para o desenvolvemento das aprendizaxes e do estado emocional do alumnado, sobre todo do máis vulnerable (o das primeiras idades e aquel con necesidades educativas especiais ou necesidades de apoio educativo), mais tamén para o conxunto da propia sociedade que, a pesar de que a doenza está aínda moi lonxe de ser vencida, pretende recuperar a mal chamada «nova normalidade».
Un regreso ás aulas, porén, que non se pode facer a calquera prezo, xa que se trata dunha manobra moi complexa que require dunha estratexia meditada e asumida por todos os membros da comunidade educativa con altos niveis de consenso e da mobilización de importante recursos económicos por parte da administración educativa competente. Unha apertura de escolas e institutos que pasa por garantir a seguridade das condicións sanitarias para o seu alumnado e persoal docente e non docente, mais tamén das condicións de igualdade e equidade nas que se van desenvolver as ensinanzas, tanto as presenciais como a distancia (no caso de producirse algún abrocho que obrigue a unha corentena), sen esquecer a conciliación coas familias (o que ten moito que ver co funcionamento das aulas matinais, comedores e actividades vespertinas) nun contexto de gravísima crise social e laboral.
Mágoa que a esta altura, xa metidos no mes de setembro, a pesar do esforzo extraordinario realizado polos equipos directivos, que elaboraron no mes de agosto cadanseus plans de adaptación, continxencia e acollida, non contaramos até onte cun protocolo definitivo das Consellarías de Sanidade e de Educación que regule nos centros educativos as condicións da etiqueta sanitaria das 3M (Metros, Máscara e Mans). Distancia social de seguridade que as autoridades educativas e sanitarias galegas desde que publicaron o seu protocolo de 22 de xullo (o que foi modificado onte) interpretan de forma restritiva, xa que utilizando a fórmula de manter «un metro e medio entre o centro de cada unha das cadeiras» reduciría a distancia social entre cada estudante a unha distancia inferior á recomendada pola OMS, lonxe tamén dese metro e medio e medio asumido tras a recente conferencia de responsables educativas das CC.AA.
Atrevida interpretación «espacial» que xunto á utilización extensiva do modelo de grupos de convivencia estable de Infantil e Primaria, as mal chamadas «aulas burbulla», permite ás autoridades educativas galegas reiniciar o curso Covid-19 sen modificar nin a ratio de alumnado por aula (que se mantén nos niveis de 25 en EI e EP, 30 en ESO e 33 en Bacharelato) nin incrementar de forma excepcional o profesorado nin incorporar coidadoras para o alumnado con NEE nin modificar o horario nin sequera flexibilizar o agrupamento nin contratar persoal de enfermaría… Medidas tomadas noutros países, que priorizaron máis ca nós á reincorporación á escola ou noutras CC.AA., como o País Valenciano, tras un amplo acordo dos membros da comunidade educativa. Unha volta á escola en Galicia con todo o alumnado con máscara (velaí a medida estrela anunciada polo propio Feijoo), na que toda a responsabilidade recae sobre as costas do profesorado e das familias. Un regreso, ademais, a custe cero, mesmo a pesar de que a Xunta de Galicia contará con máis de 100 millóns de euros da partida de 2.000 millóns destinados a educación do famoso fondo Covid-19 de 16.000 millóns destinados a CC.AA., dos que non o esquezamos Feijoo, xa tras a conferencia de presidentes de 7 de xullo, solicitou liberdade para destinalos «ao que o Goberno Galego considerase».
Un regreso ás aulas que as autoridades educativas galegas deseñan virando as costas tanto á representación sindical do profesorado, que convoca folga para os días de inicio de curso en Primaria e Secundaria, como ás asociacións das familias que como a viguesa FOANPAS reclama unha volta segura na que se reduza o número de alumado por aula e se incrementen os recursos para prestar os servizos de conciliación, que son responsabilidade tamén da administración autonómica. A pesar do moito tempo perdido, o presidente Feijoo debe asumir que as condicións deste excepcional regreso á escola, que nunca vai estar exento de riscos e incertezas, aconsellan ser compartidas coa comunidade educativa e cos concellos, responsables das competencias de limpeza e mantemento dos centros de Infantil e Primaria.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir