Despois do Marisquiño
No artigo da semana de Faro de Vigo reflexiono sobre o que entendo serán consecuencias políticas do accidente do Marisquiño:
Despois do desastre do Marisquiño nada será igual no exitoso festival deportivo de cultura urbana das Avenidas. Tras dezaoito edicións, aquela tolería de esqueiters e ciclistas baixando mangados o Castro, nacida en 2001, sendo alcalde Lois Pérez Castrillo, converteuse en referente no sur de Europa deste tipo de encontros de deportes de acción e, sen dúbida, no acontecemento das festas de Vigo de maior proxección internacional e o que conta tamén con maior participación do público xuvenil. Un festival que semellaba consolidado, tanto pola súa singularidade temática como polo seus formatos innovadores de espectáculo, hibridando entre as novas disciplinas deportivas olímpicas e as músicas urbanas diversas, ao que as instalacións portuarias das Avenidas se lle quedaron pequenas e nalgúns casos obsoletas e incómodas para acoller a máis de 160.000 persoas.
Como interesante é que este festival organizado por unha entidade privada, a empresa Ulises Proyect, conte no seu orzamento, superior nesta edición a un millón de euros, tanto con patrocinadores públicos, que achegan case a metade de orzamento, co concello de Vigo e a deputación de Pontevedra á cabeza, como con entidades privadas, asumindo así un modelo mixto de financiamento corresponsable e autónomo das institucións e empresas. Un proxecto que tras o accidente deberá repensar a súa ubicación en Vigo para consolidarse como ese gran evento internacional do verán que a nosa cidade atlántica precisa para incrementar a súa proxección e autoestima.
Xaora, tras o desastre do Marisquiño, provocado polo colapso da estrutura do que foi o primeiro peirao pilotado das Avenidas, construído antes da actuación «Abrir Vigo ao mar», nada debería seguir sendo igual nesa guerra institucional entolecida que dende hai máis dunha década caracteriza a política viguesa. Unha estratexia que reporta a curto prazo grandes beneficios electorais aos seus protagonistas, tanto ao Partido Popular como ao PSdeG-PSOE, como aos seus líderes vigueses, Alberto Núñez Feijoo e Abel Caballero, protagonistas no seu ámbito de cómodas maiorías absolutas, mais que a longo prazo pon en perigo os intereses da cidadanía e secundariza (e ridiculiza) o indiscutible liderado do Vigo metropolitano no proxecto político galego.
Tras un accidente, que deixou máis de 400 feridos e proxectou unha imaxe negativa da propia cidade de Vigo, serán as autoridades xudiciais as que determinen no seu día as causas do colapso do peirao durante o concerto do Marisquiño e as responsabilidades civís das administracións que operan sobre o espazo público onde se celebrou, a Autoridade Portuaria e o Concello de Vigo. Con todo, xa non hai dúbidas que a orixe dun desastre, que puido ser evitado, estivo na incapacidade para acordar entre as administracións portuaria e local a fórmula de controlar o estado e o mantemento da totalidade dos espazos de acceso público das Avenidas. Eis reside a cerna dunhas responsabilidades políticas (un concepto que sabemos só ten valor retórico) que, dende hai máis de dúas décadas, cando «finalizou» a actuación «Abrir Vigo ao Mar» do arquitecto Vázquez Consuegra, financiada pola Zona Franca, afectan aos diversos responsables da Autoridade Portuaria e do Concello de Vigo.
Pór fin a esa interminable e antipática guerra institucional é imprescindible para normalizar a axenda política viguesa e desatascar proxectos estratéxicos para a cidadanía e para o futuro de Vigo na perspectiva 2050. Unha longa lista de proxectos vigueses agarda polo acordo imprescindible entre o concello e o resto das administracións: os da área e transporte metropolitanos, o da chegada do AVE (o puro o de 300 km/h) e a conexión con Portugal, o novo plan xeral de ordenación urbana, a candidatura de Cíes como Patrimonio da Humanidade, mais tamén acordar cal vai ser a participación das diversas administracións na construción de novas infraestruturas sociocomunitarias como a Panificadora, o estadio de Balaídos, a biblioteca do estado ou a rede de museos (Marco, Liste, Castrelos, Verbum…).
Como tamén o desastre do Marisquiño obriga a reconsiderar toda a política urbanística no bordo litoral, que non é outra cousa que volver abrir un gran debate cidadán sobre cales son as relacións entre Vigo e o seu porto, que é algo aínda máis amplo que os acordos ou trasacordos posibles aos que puidesen chegar o Concello de Vigo e a Autoridade Portuaria. Un bo comezo podería ser recuperar aquel espírito e bo talante de acordo interinstitucional aberto co proxecto de «Abrir Vigo ao Mar», sendo alcalde Manuel Pérez (PP), presidenta da Autoridade Portuaria Elena Espinosa (PSOE) e delegado do estado na Zona Franca Francisco López Peña (PSOE). Acordar é o verbo clave para o futuro do Vigo metropolitano.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir