Onte 772: Día da biblioteca
Ademais da exitosa folga en defensa do ensino publico galego de calidade, non esquezamos que onte foi tamén o Día da Biblioteca. Unha efeméride para poñer en valor a que debera ser considerada como a primeira institución cultural de cada comunidade local. As bibliotecas son servizos públicos de primeira necesidade, como as escolas, os hospitais e os centros de saúde; as bibliotecas son o garante do acceso de toda a cidadanía en condicións de igualdade á información, á lectura e á creación literaria.
Comprendo nesta xornada a euforia dos responsables da Consellaría de Cultura presentando o aumento de usuarios e préstamos da rede de bibliotecas nodais, un feito que se produce na maior parte das comunidades autónomas, probablemente asociado ás dificultades da crise. Porén tamén hai que denunciar, como fixo Olimpia López, a presidenta de ANABAD Galicia, os recortes brutais que sofre a rede de bibliotecas públicas en Galicia. Entre 2012 e 2013 os orzamentos da Xunta para bibliotecas reducíronse nun 40 %, recortes que para o 2014 serán do 12%, o que supón unha rebaixa dos recursos dispoñibles en dous anos en máis do 50 % (e non queremos comparar estas cifras coas que en 2008 destinaba o goberno bipartito). Redúcense todas as partidas, mais sobre todo a de adquisición de fondos bibliográficos (ao que non e alleo a decisión do ministro Wert de suprimir esta partida, xa por segundo ano consecutivo, nos orzamentos xerais do estado) e a dos recursos destinados ao fomento da lectura. Con máis usuarios e menos recursos é moi dificil para os bibliotecarios (outros heroes anónimos) poder manter a calidade do seu servizo.
Tanto en tempos de crise coma de bonanza, o papel das bibliotecas e esencial para desenvolver altos niveis de cohesión interxeracional, convivencia social e participación cívica. Moito máis no momento actual, onde ademais de incrementarse a desigualdade social, cómpre suturar a fenda dixital aberta polo acceso ás novas tecnoloxías da comunicación. As bibliotecas teñen un importante papel neste proceso de alfabetización informacional, no acceso de toda a poboación a estas novas tecnoloxías (que non son só cousas das xeracións mozas), contribuindo ao proceso de formación permanente e alfabetización informacional.
De bibliotecas e do seu futuro dabaterase no Simposio «O libro e a lectura» que organizamos os membros da Asociación Galega de Editores o vindeiro 14 de novembro. Unha xornada que pechará o escritor Suso de Toro cunha conferencia titulada: «En defensa da biblioteca pública». Un tema sobre que volveremos.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir