Dez anos do Marco
No artigo da semana en Faro de Vigo fago un balance do proxecto do Marco con motivo da próxima celebración do seu décimo aniversario.
O Marco, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, cumpre dez anos. Insignia da creación cultural viguesa do século XXI é un dos museos máis audaces, dinámicos e visitados de Galicia. Dende aquelas 24.000 persoas do ano inaugural, o museo da rúa do Príncipe acolleu 800.000 persoas, superando nos últimos anos a media dos 100.000 visitantes, duplicando o número dos recibidos polo CGAC de Compostela ou pola megalómana Cidade da Cultura do Gaiás. Un importante aniversario, que non debera pasar desapercibido, e que será celebrado coa exposición A Balea Negra, mostra colectiva, aberta o pasado venres, que lembra, documenta e reflexiona sobre a catástrofe do “Prestige”, o petroleiro afundido o 13 de novembro de 2012, a mesma data na que era inaugurado o museo.A do “Prestige” e do Marco será sempre unha coincidencia azarosa e significativa para a historia de Galicia. Como tamén o é o feito de que este décimo aniversario da apertura do museo vigués coincida con dificultades financeiras provocadas polos recortes severísimos que sofre o seu orzamento. Problema ao que non son alleos nin a retirada total do apoio económico da Deputación da Pontevedra e da Fundación Novacaixagalicia nin a redución das achegas e o atraso no seu pagamento que coa institución cultural viguesa manteñen tanto a Xunta de Galicia como o Ministerio de Cultura. A esta altura é o concello de Vigo o que coa súa achega de 800.000 euros mantén case o 80 % dun orzamento total de 1.052.950 euros, que xa nos dous últimos anos foi reducido nun 40%. Unha situación de auténtica asfixia económica sobre o museo vigués á que é moi difícil non atribuír connotacións políticas, cando esta descorresponsabilización económica de tres institucións pertencentes dende o seu inicio á Fundación Marco (Goberno de España, Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra) se produce cando son gobernadas por maiorías do Partido Popular.
Dende o comezo da súa andaina, coa memorable exposición inaugural “Atlántica 1980-1986”, os responsables profesionais do museo non renunciaron a convocar á maior cantidade de público e a participar activamente na dinámica da cidade. Lonxe de calquera elitismo, doenza que padecen outros centros de arte contemporánea en Galicia, Marco soubo sempre producir mostras propias que facilitasen a súa apertura cidadá sobre públicos diversos e interxeracionais. Eis o éxito acadado por exposicións como “Vigovisións” (2003), “César Portela, arquitecto” (2003), “Diáspora. 10 artistas galegos no exilio latinoamericano” (2005), “Suso Fandiño” (coincidindo co 50 aniversario da apertura da fábrica de Citroën, en 2008), “Virxilio Vieitez” (2010) ou a de “Martín Creed” (2011), a famosísima dos 50.000 globos azuis, coa que gozaron milleiros de persoas o pasado ano. Producións ou coproducións con outros museos, como aquel innovador “Proxecto edición” (2006-2008), que non supuxeron en caso ningún renunciar á exploración radical e análise teórica de formas creativas ou expresivas contemporáneas. Así o demostran exposicións inesquecibles como “A mostra invisible” (2006), na que se convidaba aos visitantes a reflexionar sobre o espazo a partir do son; “O medio é o museo” (2008), na que se nos propoñía explorar as relacións do propio museo como obra de arte; até o ciclo máis recente das cinco exposicións de “Entrar na obra” (2011) e a mostra “Presencia activa” (2012) na que se relacionaba a trepia formada pola instalación, o artista e o espectador.
Ao longo desta década, o cadro de profesionais do Marco, dirixido con moi bo criterio por Iñaki Martínez, esforzouse por desenvolver, a pesar das estreiteces económicas, un proxecto totalizador e diverso que abranguese todas as formas da expresión artística actual. Un proxecto artístico que vai máis alá da produción das exposicións estendéndose aos ámbitos da investigación, a documentación, as publicacións e a animación didáctica. Probablemente as actividades organizadas pola Aula Didáctica, nas que participan cada ano máis de 150 centros educativos e milleiros de escolares, sexan outras das súas achegas máis valiosas. Como tamén o foi o seu auditorio onde se celebraron centos de actos culturais, dende presentacións de libros, concertos (especialmente os do Festival SINSAL), proxeccións ou encontros formativos.
Como o resto dos museos, bibliotecas e centros culturais públicos, sometidos aos recortes feroces de políticas que minusvaloran o carácter produtivo do sector cultural, sabemos que o Marco deberá pelexar moi duro por manter as súas portas abertas e a súa programación e servizos en marcha. Eis a responsabilidade, que non poden obviar ningunha das institucións que participaron na súa fundación hai unha década. A continuidade do Marco é competencia de todas.
…o petroleiro afundido o 13 de novembro de 2002…
Calquera ten un erro.