Artigos

Encrucillada viguesa

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reflexionar sobre o bloque interinstitucional que sofre Vigo

Non me pasou desapercibida a ausencia do alcalde de Vigo na entrega no Teatro Afundación dos Premios da Cultura Galega 2019 nin tampouco que o presidente da Xunta de Galicia utilizase a súa intervención neste acto para prometer unha futura sede do CGAC no Berbés e un programa cultural específico do Goberno Galego para Vigo. Interpreteino como un episodio máis da xa clásica confrontación institucional entre o presidente da Xunta e o alcalde de Vigo. Unha batalla que até agora reportou a nivel electoral importantes beneficios para ambos os dous contendentes, xa que Feijoo e o PPdeG obtiveron dúas cómodas maiorías en Galicia e Caballero e o PSdeG-PSOE outras tantas, aínda que máis esmagadoras e contundentes, no concello de Vigo.

Xaora, cabe preguntarse se semellante liorta, que monopoliza a axenda política viguesa e paraliza a procura de solucións para algúns problemas importantes, reporta algún beneficio para os intereses xerais da cidadanía e para o futuro e o liderado da área metropolitana viguesa. Velaí a cerna da deboura dun Vigo obrigado a tomar partido nesta encrucillada que sabemos deseñada pola moderna mercadotecnia electoral.

O feito de que os Premios da Cultura Galega fosen entregados na cidade da oliveira con motivo dun «rebuscado» homenaxe á movida viguesa no seu «corenta aniversario» (Siniestro Total e Aerolíneas Federales formáronse en 1981, Golpes Bajos en 1982…), amosa o carácter netamente electoral da presenza de Feijoo en Vigo para tirar do chapeu, como se dun agasallo se tratase, unha descentralización do CGAC cunha sala de exposicións de 65 metros cadrados, semellante a prometida tamén para Lugo. Unha proposta que esquece tanto unha década de rebaixas das achegas do Goberno Galego no MARCO vigués como obvia as imprescindibles políticas de coordinación e colaboración entre dous dos museos de referencia na arte contemporánea galega. Non sería máis razoable que Feijoo anunciase en Vigo unha colaboración entre a Xunta e o Concello de Vigo para o relanzamento das actividades e exposicións do MARCO e para a coordinación do Museo do Mar de Galicia, hoxe dependente da Consellaría de Cultura, coa rede municipal de museos viguesa?

Con idéntica intención electoral, a nova delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Corina Porro, intentou desenvolver durante as pasadas festas o seu «Nadal solidario», un programa de obradoiros e actividades para familias nas instalacións do Tinglado do Porto, alternativo ao municipal, mais que quedou pequeno fronte a grandilocuencia e desmesura da proposta de Abel Caballero, coa súa intención de colocar a Vigo no mercado do turismo de inverno do norte peninsular a base de millóns de leds, noria, carrusel, bombas de neve artificial, pistas de xeo e da ocupación intensiva do espazo público, mesmo daquel sometido a protección patrimonial como a centenaria alameda viguesa. Por non falar xa da aberta contra programación de ambas as dúas administracións o pasado día 12, entre o popular concurso (metropolitano) de rondallas organizado pola Xunta no IFEVI e o peche do alumeado do concello na Porta do Sol no que Caballero volveu a amosar polos altofalantes do centro xenio e figura.

Mais non vaiamos pensar que esta competencia e falta de diálogo entre Xunta e Concello afecta só ás cuestións da programación cultural e de lecer. O peor do caso é que atinxe tamén a temas estratéxicos como o da creación da Área Metropolitana, entidade administrativa que de terse constituído permitiría o funcionamento coordinado dun verdadeiro transporte metropolitano e evitaría disparates como o proxecto de construír en Mos un novo centro comercial metropolitano, como pretende teimosamente o presidente do Celta. Ausencia de diálogo e acordo interinstitucional que ameaza a ampliación do IFEVI, solicitada de forma urxente polos promotores de Conxemar ou dificulta o éxito da candidatura das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade por parte da UNESCO. Riscos que sofren tamén os tráficos portuario e aeroportuario vigueses (en franco retroceso) ou dos apoios que das administracións demandan os sectores da industria naval e do automóbil, sometidos aos cantos de serea da deslocalización en Portugal e a necesaria reconversión obrigada polas políticas de sostibilidade.

En definitiva, tras máis dunha década de desamparo institucional por parte da Xunta, o que en boa medida explica o éxito das políticas do «Vigo primeiro» de Abel Caballero, Vigo debe recuperar as políticas estratéxicas (a longo prazo) acordadas (como sucedeu na década de 1990) por un amplo abano de forzas políticas, sociais e cidadáns. Ábrese un ano electoral decisivo que pode facilitar este camiño dos acordos ou paralizar a cidade durante outra década perdida. Velaí a encrucillada viguesa.

 

Onte 1979: Enrique X. Macías, 60 aniversario no CGAC

Participamos onte no CGAC na sesión inaugural das Xornadas de Música Contemporánea 2018 na que lembramos o 60 aniversario de Enrique X. Macías. Antes da interpretación da Sonata (1989) do compositor vigués por parte de Isabel Pérez Dobarro, Mercedes Rosón, Carlos Villanueva, Javier Macías e eu mesmo retratamos a quen foi o noso amigo desaparecido hai vinte e tres anos. A organizadora destas xornadas, presentadas baixo o lema «Memoria, música e emoción», Mercedes Rosón lembrou que coñecera a Enrique en 1987 con motivo da organización destas primeiras xornadas. Definiuno como «persoa honesta, elegante, cosmopolita, formado polas artes». O profesor Carlos Villanueva insistiu no autodidactismo de Macías, «persoa rupturista, que loitou, pero sen bandeiras, moi belixerante, moi viaxeiro, cuxo recoñecemento foi incuestionable, belicoso, a quen moito lle gustaba escribir, capaz de criticar a unha orquestra que estreou a súa propia obra».

Villanueva valorou a gran capacidade de escritura de Macías: «escribiu moito, tamén, sobre a propia obra, asumindo o autodidactismo como forma de creación». «Ninguén pode negarlle a súa orixinalidade e unha capacidade de aprendizaxe tremenda. Creou unha linguaxe moi persoal, pero moi valorada pola crítica, como amosan os textos de Tomar Marco ou García Alcalde». Rematou Villanueva lembrando que Macías, a pesar das súas viaxes, «sempre quixo volver a Vigo, onde residía o celme da súa creación». Pola súa banda, Javier Macías fixo un emocionante retrato do seu irmán, confesando que na súa familia non existía tradición musical. «Lembro a Enrique como unha persoa inqueda e sensible, dende moi novo escoitaba a música a unha altura impresionante». Recordou os seus primeiros pasos en Xuventudes Musicais e as viaxes a Alemaña, Finlandia e Polonia en 1982 «que supuxeron unha esforzo moi grande, que só compensaban as súas ganas de compoñer».

Javier Macías reivindicou que «a música de de Enrique debería interpretarse sempre, non só nos aniversarios»; «o labor de Enrique supuxo un fito para a música galega, facilitando que os xoves compositores puidesen estrear as súa sobras». «A Enrique sempre lle gustou debater, aguantou moitas críticas. Foi escrupuloso co seu traballo, quería que a súa obra se executase moi ben». Rematou Javier Macías pregando que «a Enrique hai que miralo coa prisma da súa positividade». «Enrique necesitou ser creador, como demostrou na súa derradeira peza Clamores e alegrías, que por ventura foi estreada no Festival de Canarias».

O texto da miña intervención pode baixarse aquí en pdf (sete páxinas).

Dez anos do Marco

No artigo da semana en Faro de Vigo fago un balance do proxecto do Marco con motivo da próxima celebración do seu décimo aniversario.


O Marco, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, cumpre dez anos. Insignia da creación cultural viguesa do século XXI é un dos museos máis audaces, dinámicos e visitados de Galicia. Dende aquelas 24.000  persoas do ano inaugural, o museo da rúa do Príncipe acolleu 800.000 persoas, superando nos últimos anos a media dos 100.000 visitantes, duplicando o número dos recibidos polo CGAC de Compostela ou pola megalómana Cidade da Cultura do Gaiás. Un importante aniversario, que non debera pasar  desapercibido, e que será celebrado coa exposición A Balea Negra, mostra colectiva, aberta o pasado venres, que lembra, documenta e reflexiona sobre a catástrofe do “Prestige”, o petroleiro afundido o 13 de novembro de 2012, a mesma data na que era inaugurado o museo.

A do “Prestige” e do Marco será sempre unha coincidencia azarosa e significativa para a historia de Galicia. Como tamén o é o feito de que este décimo aniversario da apertura do museo vigués coincida con dificultades financeiras provocadas polos recortes severísimos que sofre o seu orzamento. Problema ao que non son alleos nin a retirada total do apoio económico da Deputación da Pontevedra e da Fundación Novacaixagalicia nin a redución das achegas e o atraso no seu pagamento que coa institución cultural viguesa manteñen tanto a Xunta de Galicia como o Ministerio de Cultura. A esta altura é o concello de Vigo o que coa súa achega de 800.000 euros mantén case o 80 % dun orzamento total de 1.052.950 euros, que xa nos dous últimos anos foi reducido nun 40%. Unha situación de auténtica asfixia económica sobre o museo vigués á que é moi difícil non atribuír connotacións políticas, cando esta descorresponsabilización económica de tres institucións pertencentes dende o seu inicio á Fundación Marco (Goberno de España, Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra) se produce cando son gobernadas por maiorías do Partido Popular.

Dende o comezo da súa andaina, coa memorable exposición inaugural “Atlántica 1980-1986”, os responsables profesionais do museo non renunciaron a convocar á maior cantidade de público e a participar activamente na dinámica da cidade. Lonxe de calquera elitismo, doenza que padecen outros centros de arte contemporánea en Galicia, Marco soubo sempre producir mostras propias que facilitasen a súa apertura cidadá sobre públicos diversos e interxeracionais. Eis o éxito acadado por exposicións como  “Vigovisións” (2003), “César Portela, arquitecto” (2003), “Diáspora. 10 artistas galegos no exilio latinoamericano” (2005), “Suso Fandiño” (coincidindo co 50 aniversario da apertura da fábrica de Citroën, en 2008), “Virxilio Vieitez” (2010) ou a de “Martín Creed” (2011), a famosísima dos 50.000 globos azuis, coa que gozaron milleiros de persoas o pasado ano. Producións ou coproducións con outros museos, como aquel innovador “Proxecto edición” (2006-2008), que non supuxeron en caso ningún renunciar á exploración radical e análise teórica de formas creativas ou expresivas contemporáneas. Así o demostran exposicións inesquecibles como “A mostra invisible” (2006), na que se convidaba aos visitantes a reflexionar sobre o espazo a partir do son; “O medio é o museo” (2008), na que se nos propoñía explorar as relacións do propio museo como obra de arte; até o ciclo máis recente das cinco exposicións de  “Entrar na obra” (2011) e a mostra “Presencia activa” (2012) na que se relacionaba a trepia formada pola instalación, o artista e o espectador.

Ao longo desta década, o cadro de profesionais do Marco, dirixido con moi bo criterio por Iñaki Martínez, esforzouse por desenvolver, a pesar das estreiteces económicas, un proxecto totalizador e diverso que abranguese todas as formas da expresión artística actual. Un proxecto artístico que vai máis alá da produción das exposicións estendéndose aos ámbitos da investigación, a documentación, as publicacións e a animación didáctica. Probablemente as actividades organizadas pola Aula Didáctica, nas que participan cada ano máis de 150 centros educativos e milleiros de escolares, sexan outras das súas achegas máis valiosas. Como tamén o foi o seu auditorio onde se celebraron centos de actos culturais, dende presentacións de libros, concertos (especialmente os do Festival SINSAL), proxeccións ou encontros formativos.

Como o resto dos museos, bibliotecas e centros culturais públicos, sometidos aos recortes feroces de políticas que minusvaloran o carácter produtivo do sector cultural, sabemos que o Marco deberá pelexar moi duro por manter as súas portas abertas e a súa programación e servizos en marcha. Eis a responsabilidade, que non poden obviar ningunha das institucións que participaron na súa fundación hai unha década. A continuidade do Marco é competencia de todas.