Onte 2034: «Galileo no espello da noite»

Lin con moito pracer Galileo no espello da noite (Xerais 2019), a novela coa que Xabier Paz pecha a súa triloxía renacentista, itálica ou italiana. Como fixera en Renacer (Xerais 2008) co pornógrafo Aretino e na máis recente Aníbal e a pintora (Xerais 2017) coa pintora Artemisa Gentileschi, sobre a tea de fondo dos conflitos políticos e relixiosos da Venecia, Florencia e Roma dos séculos XVI e XVII,  Xabier Paz reconstrúe a biografía de Galileo Galilei, dende a súa infancia, na que foi denunciado pola súa propia nai, até que foi perseguido pola intransixencia do Santo Oficio por defender os seus descubrimentos astronómicos. Unha novela na que retrata ao Galileo astronómo, filósofo, médico, profesor de matemáticas, físico, defensor teimudo do coñecemento experimental, o investigador que puxo os alicerces do método científico, mais que non esquece a súa dimensión emocional, moi presente na relación epistolar que mantivo coa súa filla Virxinia, sor Celeste, non exenta de afectividade e contradicións, unha das partes máis logradas dunha novela tan fermosa como conmovedora.

Retrato dun ser humano abatido, que non se resigna a facer memoria nin atopar na súa paixón polo coñecemento mellor consolo a súa desgraza, a novela aborda tanto as descubertas astronómicas e científicas, as polémicas tras a publicación das obras de Galileo, como as transcricións do complexo proceso inquisitorial que padeceu. Unha traxedia anunciada dende o inesquecible capítulo inicial, «Derradeiro interrogatorio», que ao longo de trescentas páxinas mantén o alento e a beleza narrativa grazas á potencia estilística do texto e a un xogo moi logrado de diversas voces narrativas, dende a poderosa do propio Galileo até ao do seu axudante e biógrafo Vizenzo Viviani. Unha novela de lectura engaiolante tanto polo interese do debate entre intransixencia e razón, que non perdeu actualidade, velaí o negacionismo do cambio climático ou o pulo dun certo creacionismo, como pola coidada composición dunha arquitectura narrativa de ambientes históricos e dunha prosa galega culta e moi ben documentada.

Abeizoamos a Xabier Paz por pechar de forma sobresaliente a súa triloxía itálica, tres excelentes novelas cultas en lingua galega sobre as artes e as ciencias postrenacentistas. Tres novelas culturais, por non utilizar o cualificativo de «históricas», que moito recomendo, ás que lles acae moi ben aquilo de «instruír deleitando» ou de «gozar lendo». Parabéns a un autor a quen moito admiramos e sabemos nunca decepciona.

 

A exposición da EMAO

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a exposición 130 anos de Vigo e a Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) de Vigo:

A exposición sobre os 130 na historia de Vigo da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) é un dos acontecementos máis relevantes dos últimos anos para a consolidación da fraca memoria da cidade. Velaí o acordo do concello de Vigo de prorrogala até o 4 de outubro (agosto pechado) para facer posible que novos visitantes se unan aos varios milleiros que visitaron a sala de exposicións da EMAO no edificio deseñado polo arquitecto Michel Pacewicz. Comisariada polo historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses (IEV) José Luis Mateo Álvarez e Rafael Ojea Pérez, actual director da EMAO, contando coa colaboración de Mª Jesús Cuesta de Pedro, técnica da Biblioteca Pública García Barbón, esta exposición centrada máis en obxectos ca en textos permite coñecer o bulir desta institución educativa dende a súa creación en 1886 na rúa do Circo como centro cultural obreiro de Vigo, pasando polo seu esplendor no primeiro terzo do século XX, até o seu renacer actual, amosando ao tempo a súa contribución decisiva ao desenvolvemento urbano, arquitectónico, industrial e cultural de Vigo.

A Escola de Artes e Oficios (EAO) foi unha institución educativa pública e gratuíta xenuinamente viguesa sen a que non poderiamos entender o Vigo do século vinte xa que alí se formaron como profesionais milleiros de vigueses e viguesas. Como salientou a historiadora da educación e membro do IEV a doutora María Dolores Durán Rodríguez, na súa maxistral conferencia do pasado 4 de xullo, a EMAO constituíu un dos axentes de modernización principais da sociedade de Vigo e comarca. Unha modernización que formaba parte do proxecto dos seus promotores, como Eduardo Chao, Eugenio Montero Ríos, Augusto Bárcena ou Manuel Diego Santos, todos eles influenciados polos principios da Institución Libre de Ensinanza (ILE), que no emerxer do proceso de industrialización pretendía de forma sistemática e organizada a formación cultural e profesional das clases traballadoras. Proxecto que compartían Fernando García Arenal, o fillo da excepcional Concepción Arenal, un dos primeiros directores da EAO, como tamén o filántropo José García Barbón, que en 1900 doou á cidade os dous edificios do centro, onde se crearon tamén a primeira Biblioteca Pública de Vigo e o Laboratorio Municipal e Hixiene de Vigo (1900-1931), que ademais das actividades da escola acolleron outras institucións educativas como a Escola de Náutica (1915-1925), a Escola Pericial de Comercio (1920-1934) ou o primeiro instituto de segunda ensinanza (1937-1939).

Particular interese ten nunha exposición moi coidada nos detalles a achega que o alumnado, profesorado ou os benfeitores da escola fixeron a consolidación do celme de Vigo como cidade industrial e obreira. Pola EAO pasaron boa parte dos emprendedores da construción naval viguesa como Antonio Sanjurjo de La Industriosa (que convocaba un premio para o alumnado da EAO), Enrique Lorenzo de Vulcano ou Francisco Cardama Godoy, que pasou da carpintaría de ribeira a montar un dos estaleiros vigueses de referencia. Mais tamén na industria do vidro, como é o caso de José Cameselle Rial fundador de Cristalería La Belga, o inesquecible establecemento dos espellos cóncavo e convexo de Marqués de Valladares. Como tamén contribuíu ao desenvolvemento do sector das artes gráficas, fose como auxiliar do conserveiro, velaí os casos de Eugenio Fadrique de La Artística e Antonio Alonso de La Metalúrgica, como de impresores de tipos móbiles como José Cao Moure (PPKO), tamén editor e libreiro, Juan Noia Gil, fundador de Gráficas Numen ou da Litografía Espinosa.

A EAO tivo un papel extraordinario no desenvolvemento artístico da cidade, grazas a figuras case renacentistas como Jesús Miramontes Durán (cuxa biografía merecería un tratamento de seu) ou dunha longa nómina de artistas de disciplinas diversas, dende Reveriano Soutullo (músico), Camilo Nogueira (escultor), Laxeiro (pintor), Cesáreo González (creador de Suevia films), Xohán Carballeira (xornalista) a José Rodríguez Vilar (o cartelista do cine Fraga)… Como mención á parte merecería a contribución da EAO na formación da muller, unha das finalidades da doazón de García Barbón, xa que polas súas aulas pasaron moitas das nosas avoas que cursaron estudos de mecanografía, corte e confección, debuxo, música ou idiomas. Ámbito que merecería unha nova exposición, como o caso extraordinario da pianista e activista Urania Mella, a fundadora de feminismo vigués, a quen con toda xustiza se homenaxea na mostra.

Nesta modélica exposición da EMAO atopamos o xerme do que podería ser unha das salas do século XX dese museo da cidade que Vigo tanto necesita. Recomendo acudan a unha mostra fonte de moitas memorias compartidas. Parabéns a EMAO por tan magnífica iniciativa!

Onte 2033: «Trinta lumes»

TRINTA LUMES / THIRTY SOULS (trailer) from Diana Toucedo on Vimeo.

Non vira até onte Trinta lumes, a engaiolante longametraxe de Diana Toucedo, na que  explora o impreciso territorio da desaparición. Unha película de beleza hipnótica na que tras a ollada inocente de dous preadolescentes, Alba e Samuel,  que esculcan entre as moitas casas abandonadas da súa aldea da Serra do Courel a memoria do alí vivido, a directora redondelá  compón un poema visual que exalta unha natureza insurxente e fantasmagórica. Abandonando a facilidade dos etnografismos documentais, Toucedo arrisca por ofrecer un retrato naturalista dunha cultura tradicional en extinción inevitable, onde é posible aínda visitar as marxes do misterioso, do descoñecido, do invisible e da propia morte. Concibida coa potencia gráfica dun poema telúrico de Novoneyra, Toucedo transforma a procesión do acompañamento nunha ringleira de lanternas vagalumes que vocean desacougadas na procura de Alba. Velaí a forza narrativa desta opera prima multipremiada, que  recomendo vivamente.

Vigo amurallado

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación de Vigo amurallado, o libro póstumo do arquitecto Xaime Garrido:

Tres meses despois do pasamento do arquitecto Xaime Garrido, apareceu nas librarías «Vigo amurallado. Origen y evolución histórica» (Instituto de Estudios Vigueses 2019), o libro no que recolleu o seu coñecemento sobre o Vigo Vello. Unha das obras sobre a historia de Vigo máis completas e novidosas das publicadas nas últimas tres décadas. Un auténtico libro de referencia sobre Vigo, unha peza indispensable en calquera biblioteca viguesa, tanto pola calidade dunha edición de 472 páxinas, en encadernación acartonada e formato de mesa, como polo despregue documental de planos e fotografías para explicar con espírito didáctico e afervoada paixón pola cidade nosa as raíces primixenias do Vigo actual chantado naquela primeira poboación castrexa, asentada no monte do Castro á altura do século VII antes de Cristo.

Un paseo pola historia viguesa que Garrido continúa pola poboación romana dos séculos I e II, xa con considerable actividade marítima e exportadora da industria de salgadura de peixe, e pola vila que a finais do século XVI contaba con 4.500 habitantes, fixada no plano de Leonardo Turriano, o primeiro coñecido de Vigo e do seu porto (1597), onde xa se identifica o centro da vila arredor da actual praza da Constitución. Cidade a nosa que, despois da segunda incursión de Francis Drake (1589), na que sería destruída e incendiada, comezou a configurarse coa fasquía actual ao longo do século XVII, cando se iniciou a construción das murallas (1656), as súas portas, fortes, baterías e baluartes, que dous séculos despois (1868) comezarían a ser derrubadas. Cidade amurallada que aparece reconstruída con todo detalle por Xaime Garrido a partir do «Plano de Vigo con sus contornos» de xaneiro de 1773, rescatado no Instituto de Historia e Cultura Militar.

Froito de toda unha vida dedicada á investigación teimuda e minuciosa no Arquivo Municipal de Vigo e en calquera outro no que aparecesen documentos relacionados coa historia viguesa, Garrido reconstrúe un formidable plano (despregable) do Vigo da primeira metade do século XIX e da súa toponimia, no que ademais de trazar o rueiro da cidade amurallada e dos seus barrios (Outeiro, Buraquiño, Campucha, Fonte de Vigo…) identifica xa os arrabaldes da Falperra, da Ribeira do Berbés, da Gamboa ou do Salgueiral sobre os que a finais do dezanove se desenvolverían os primeiros ensanches. Unha proeza do investigador urbanístico que vai moito máis alá cando Garrido reconstrúe, a partir dos proxectos de obra presentados no concello, a aliñación e apertura de prazas e rúas principais deste período decisivo, incluídas as rúas dos novos ensanches, poñendo así os alicerces do que é o urbanismo vigués contemporáneo. Un traballo impresionante presentado con apoio fotográfico, tanto documental (postais e fotos antigas) como actual, que permite ao lectorado facerse cargo das mudanzas, das perdas e das recuperacións do que debemos denominar como Vigo Vello.

Complétase o libro cun inventario dos edificios e dos elementos arquitectónicos anexos (elementos decorativos, escudos, reloxos de sol…) máis destacados da cidade antiga viguesa, así como na reprodución do nomenclator do rueiro dos anos 1862 e 1877, que convida ao lectorado a redescubrir a súa cidade identificando detalles no seu paseo demorado. Como fixera en obras anteriores, como «Vigo. La ciudad que se perdió. Arquitectura Desaparecida. Arquitectura no realizada» (1991) ou «El origen de Vigo. El monte de O Castro y su castillo» (2011), Xaime Garrido nesta obra sobre o Vigo do Casco Vello e dos seus ensanches convida ao seu lectorado a percorrer a cidade amada coma el o fixo, subindo e baixando costas e escaleiras, procurando os mellores ángulos para contemplar e fotografar cada edificio. Libros concibidos por Xaime para ler e para camiñar procurando así as raíces dunha cidade un chisco esquecedeira que non sempre respecta a herdanza do seu patrimonio.

Xaime loitou coma un auténtico heroe civil para que o Vigo futuro se reconciliase coa súa memoria, para que se parase a desfeita irresponsable da súa arquitectura civil e industrial. Traballou coma un xigante para dotar a Vigo dunha historia urbanística, da que probablemente este libro «Vigo amurallado», sexa o froito máis conseguido, consciente de que unha cidade non ten futuro se esquece as orixes do seu patrimonio. O seu labor didáctico e afán cívico foron extraordinarios, como tamén é moi valioso o seu arquivo documental, milleiros de planos e fotografías, que deberían formar parte do patrimonio da cidade. Garrido, a quen nin sequera se lle nomeou vigués distinguido, para vergonza da clase política viguesa, merece polo menos que o seu arquivo sexa mimado, xa que alí se gardan cincuenta anos de investigación da historia de Vigo.

 

Olimpia Valencia, pioneira

Dedico o artigo semanal de Faro de Vigo á figura da médica viguesa Olimpia Valencia:

A publicación da magnífica biografía «Olimpia Valencia. Ocho décadas de historia desde los ojos de unha pionera» (Instituto de Estudios Vigueses, 2019), preparada pola xornalista viguesa Ana Fuentes, salienta a relevancia da traxectoria humana e profesional de quen foi a primeira doutora galega, a primeira muller galega en licenciarse en Medicina na Facultade de Santiago de Compostela (1925) e facelo cun expediente extraordinario, cheo de sobresalientes e matrículas. Unha proeza da médica e xinecóloga que o 23 de febreiro de 1927 abriu consulta propia no primeiro andar de Príncipe 17, como lembra unha placa colocada no edificio polo concello de Vigo en 2003. A doutora Valencia iniciaba alí unha actividade profesional que desenvolvería sempre en Vigo, a partir de 1960 e durante dúas décadas como xinecóloga no Seguro de Enfermidade, asistindo até a súa xubilación a moitos partos a domicilio, algúns en condicións precarias, e que prolongaría máis alá dos oitenta anos na súa consulta da rúa Uruguai, fronte ao cine Fraga, pouco tempo antes do seu pasamento o 10 de xullo de 1987.

Incluída no volume «Pioneiras» (Xerais 2018) da escritora e editora Anaír Rodríguez, a vida de Olimpia Valencia é un dos mellores exemplos dos numerosos obstáculos que ao longo do último século as mulleres tiveron que superar nunha profesión como a médica reservada para os varóns. Unha traxectoria que a doutora Valencia na conferencia que ditou con motivo do cincuentenario da súa licenciatura en Medicina, coincidindo co Ano Internacional da Muller, recoñeceu a convertera nunha «das primeiras peregrinas do longo camiño» da igualdade na profesión médica, na que dende 2018 en España xa exercen máis mulleres ca homes. Pioneira tamén como investigadora, xa que foi en 1930 a primeira galega en presentar unha tese de doutoramento, «La colesterinemia en la sangre en relación con la anestesia quirúrgica», na Facultade de Medicina da Universidade Central de Madrid, tras un período formativo no se especializou en Obstetricia co doutor Sebastián Recaséns, no que exerceu como médica do Instituto Escuela e no que se aloxou na Residencia de Señoritas, dirixida por María de Maeztu, a primeira institución oficial establecida en España para mulleres graduadas.

Ademais da transcrición do texto da conferencia pronunciada no Real Club Náutico de Vigo en maio de 1975, titulada «Autobiografía de una universitaria gallega de los años 20», a documentadísima biografía de Ana Fuentes, achega ou amplía datos apenas apuntados en retratos anteriores, singularmente os referidos aos anos da formación de Olimpia en Vigo. Nacida na parroquia de Garabelos, no concello ourensán de Baltar, o 14 de decembro de 1898, chegou a Vigo cando tiña doce anos, onde o seu pai montou o Hotel Roma, sobre o Arco de Quirós, entre a rúa de Joaquín Yáñez e a praza da Princesa. Foi alumna da famosa Academia Minerva, fundada por Perfecto Mediero, onde preparou o acceso a Maxisterio, carreira que cursou con éxito en Pontevedra, antes de que comezase alí o Bacharelato e o preparatorio de Medicina, ao carecer Vigo, entón, de instituto e de centros docentes oficiais.

Instalada en Vigo, tras unha viaxe de ampliación de estudos en Francia e Suíza (1929), participou en 1930 na creación da Academia Médico Cirúrxica de Vigo, da que chegou a ser vicepresidenta (1935). Durante os  anos de entusiasmo da República, a doutora Valencia trasladou o seu consultorio á rúa Velázquez Moreno e no verán de 1931, cando as mulleres non podían votar, encabezou coa súa sinatura o manifesto de mulleres universitarias que apoiaban a candidatura galeguista de Castelao, Valentín Paz-Andrade e Ramón Cabanillas. Compromiso galeguista de convicción rosaliana no que recuncaría no verán de 1936 cando reclamou nas paxinas de «El Pueblo Gallego» unha homenaxe a Antón Villar Ponte e encabezou outro manifesto animando ás mulleres a votar o Estatuto de Autonomía de Galicia. Compromiso cívico de espírito galeguista utilizado para ser denunciada por «roja» e detida en febreiro de 1937 durante catro días no cuartel da Garda Civil da rúa María Berdiales. Unha detención que marcaría a súa vida posterior, quedando sumida nun triste exilio interior, centrada na súa consulta e na actividade da Alianza Francesa, coa que viaxou a Francia.

A doutora Olimpia Valencia foi unha das viguesas máis destacadas do século XX. Pioneira como estudante, investigadora e facultativa, defendeu a independencia das mulleres para guiar a súa vida, xa que para ela «en toda muller late o afán de ter algo propio». Unha pioneira feminista viguesa que abriu os camiños e que xa na súa conferencia do 75 aventurou que serían as novas xeracións de médicas as que «rematarían a súa andadura con ecos de gloria». Brava, Olimpia Valencia!

Cartel de Castrelos

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á polémica anual do cartel de concertos do Auditorio de Castrelos:

Afeitos como estamos en Vigo a utilizar o ditirambo para referirnos ao que sucede na cidade, concibido este termo como o cántico consagrado ao deus Dionisos ou a loanza entusiasta e esaxerada, é sempre un exercicio de risco cuestionar ou sequera comentar cuestións tan delicadas en Vigo como o contido do cartel de concertos do auditorio Castrelos deste verán, anunciados xa pola alcaldía no inverno en FITUR como de «rango mundial», en dous dos casos con «afluencia prevista de cen mil persoas». Polo momento, un cartel de dez concertos nocturnos e cinco actividades de tarde para público familiar, todas gratuítas e abertas a toda a cidadanía, unha vez que por ventura se desbotou o anuncio de que na zona de pagamento se priorizaría ás persoas empadronadas no concello de Vigo.

Un programa musical no que está previsto desfilen polo palco da finca da marquesa figuras como os veteranos Tom Jones (1940) e Roger Hodgson (1950) ou artistas da música dos oitenta como Rick Astley (1966) e Fangoria, o dúo formado por Alaska (1963) e Nacho Canut (1957), que sen dúbida revivirán en Vigo o entusiasmo das súas mellores noites. Cartel do que forman parte figuras consolidadas da música estadounidense como a rapeira Lauryn Hill (1975) ou a banda californiana de rock alternativo 30 Seconds to Mars, e cantantes españois como Leiva (1980) e David Bisbal (1979). Programa que se completa coa achega musical da Coral Casablanca de Vigo, xa un clásico das noites de Castrelos, e dos ritmos indies dos mociños e mociñas pontevedreses de Furious Monkey House, acompañados do coruñés Xoel López e dos madrileños de Vetusta Morla.

Un cartel que non teño dúbida constituirá un éxito musical rotundo, tanto pola afluencia como pola entrega do público vigués destas noites de Castrelos, mais que sen menoscabo da calidade do elenco, dificilmente pasará a historia musical da nosa cidade. Un cartel ao que sei permanecerán alleas milleiros de persoas amantes en Vigo doutras expresións musicais distintas a este mainstream musical pop, rock e indie, xa que non se lle ofrece posibilidade ningunha a ningún dos formatos de música clásica, sexa camerística ou orquestral, nin da música de jazz en ningunha das súas expresións nin da música folc, tradicional e de raíz nin tampouco a ningunha das expresións das artes escénicas, fose a danza, a ópera ou o teatro, nin do propio cinema. Un cartel no que quedou excluída, coa excepción do programa que poida ofrecer a Coral Casablanca, a música interpretada en lingua galega, o que semella incomprensible nunha cidade como a nosa onde naceu esta expresión da nosa cultura popular e onde está instalada a primeira Escola de Música Tradicional de carácter municipal e referente internacional neste eido.

Como mención á parte merece que neste o noso primeiro palco non sexa convidado ningún dos músicos vigueses en calquera das súas expresións, un feito dificilmente xustificable, xa que a promoción da cultura e o apoio aos seus creadores, en todas as súas disciplinas, incluída polo tanto a música, é unha das responsabilidades que os concellos da magnitude do noso non deberían eludir. O mesmo que en Balaídos vibramos coas evolucións sobre a lameira de Aspas, Mallo ou Rubén, sei que en Castrelos faríamolo se volvesen o palco artistas internacionais da canteira viguesa como Siniestro Total, Carlos Núñez, Iván Ferreiro, Milladoiro, Son de Seu ou das ducias de grupos de rock, pop ou indie, formacións jazzísticas e folquis viguesas existentes ou da propia Orquestra Vigo 430, que terían ademais unha oportunidade formidable para presentar o seu traballo ao gran público. Os centos de músicos vigueses de todas as expresións non poden quedar excluídos das noites de Castrelos, xa que a súa participación axudaría a enriquecer un cartel que hoxe está por baixo do dinamismo e da tradición musical viguesa.

En todo caso, estes comentarios, que repetimos cada verán dende hai case dúas décadas, amosan a necesidade de contar en Castrelos cun evento musical internacional do que carecemos, á altura do Festival Intercéltico de Lorient (xa na 49ª edición, dedicada este ano a Galicia), do Jazz de Vitoria-Gasteiz (na 43ª edición) ou do Festival Noroeste da Coruña (na 33ª edición). Algo que se intentou sen éxito hai case catro décadas naquel primeiro Festival Celta en Castrelos, ou co «Para Vigo me voy», festival de música latina que tras sete edicións prometedoras naufragou en 2007. Se queremos competir no mundo da música internacional, Vigo terá que facelo dende a súa singularidade e dende o dinamismo do tecido dos seus artistas e dos seus públicos. E para iso Vigo precisa, tamén no eido musical, apostar por proxectos culturais estratéxicos sólidos, con continuidade no tempo, máis alá da querenza e dos gustos dun ou doutro corporativo.

 

Onte 2032: «Un peixe no parqué»


Lin onte dunha sentada Un peixe no parqué, o novo libro de narrativa de Ramón Vilar Landeira. Como fixera no libro so seu debut, Os televisores estrábicos, utilizando as ferramentas dunha ironía afiada e unha ollada de gran angular, Moncho amosa unha extraordinaria facilidade para retratar os espazos de fronteira da Galicia contemporánea. A medio camiño entre un libro convencional de relatos breves de apenas catro páxinas e dunha noveliña, o narrador sitúa o seu móbil nun centro comercial, entre Marineda e As Cancelas, para gravar esta ollada melancólica e agarimosa sobre os nosos redneck (non me gusta o termo galego pailán ) que naquel espazo de confort non para de fedellar co seu teléfono novo. Como xa sucedera no libro anterior, hai nestes textos de Moncho Vilar unha ficción construída cos fíos das vidas cotiáns, sometidas a rotinaz, exclusións e moitas precariedades. Un peixe no parqué é un brillante manual sobre as infelicidades contemporáneas. Recomendable.

Excelente o booktrailer de Distrito Xermar sobre a canción «Abril» de Luis Rivera.

Onte 2031: Festa dos Libros

Onte tiven a fortuna de conversar con Ledicia Costas sobre Infamia no marco das actividades da Festa dos Libros de Pontevedra. Media hora magnífica de reflexión literaria sobre esta novela origami de lectura irresistible, construída sen cortes ningúns, só a bases de dobras e máis dobras de trama e de matices e máis detalles na construción dun elenco coral de personaxes dunha peza que, como aventurabamos hai apenas dous meses, está marcando as preferencias do lectorado e confirma a Ledicia como unha autora literaria de referencia. Conversa na que confesou a súa satisfacción pola recepción da novela, tanto polos comentarios do lectorado como da crítica, adiantando que a finais do vindeiro ano haberá «unha segunda parte con moito sangue». Unha conversa na que Ledicia reflexionou sobre a violencia contra as mulleres, os abusos da pedofilia, o papel da Igrexa ou sobre a recente sentenza do Tribunal Supremo sobre a manada.

Mágoa que nos espazos da ducia de librarías pontevedresas participantes (non se admiten outras, o que constitúe un criterio restritivo ridículo) a oferta do libro galego fose tan escasa, centrada apenas sobre o álbum infantil. Un síntoma preocupante do estado actual da nosa edición, máis tamén da percepción prexuizada do mundo da libraría sobre o interese do libro galego para a súa clientela. Unha oferta galega insuficiente para unha cidade como Pontevedra que reivindica para si o carácter de «cidade galega do libro», velaí o Salón do Libro e a súa programación anual, velaí a permanencia de Culturgal, ou excelente programación de actividades literarias desta Festa das Letras, na que onte, ademais de Ledicia, participaron durante o serán Eli Ríos, Emma Pedreira, Antón Lopo e Miguel Anxo Seixas.

Defendo dende hai décadas que a edición en galego non pode nunca dar por consolidados os seus avances. O libro galego precisa do compromiso constante das súas autoras, editoras, librarías e do propio lectorado para incrementar a súa visibilidade, mesmo en escaparates como esta Festa dos Libros, organizada polo concello de Pontevedra, para apoiar a un sector que tanto o precisa.

O Xurés, territorio privilexiado

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar a visita da serra do Xurés:

Hai pouco tiven a fortuna de afondar nos vieiros da Serra do Xurés no Val do Limia. Unha viaxe polas paisaxes dun territorio de beleza austera, ás veces enigmática, outras impoñente, onde se mesturan o mito e a historia. Guiados por Xosé Benito Reza, o autor de «Terradentro» (Xerais 2017) e promotor da creación en 1993 do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, durante dous días percorremos os seus seis concellos e visitamos cadansúas «portas» (centros de interpretación), de Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e Calvos de Randín, e fixemos algunhas incursións no territorio portugués do Parque Nacional de Peneda-Gerês, espazo natural limítrofe que dende 2009 foi declarado conxuntamente co galego «Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés» pola UNESCO. Un periplo labiríntico entre corgas, encoros e afloramentos graníticos ao longo dunha ferradura natural formada polas serras de Castro Leboreiro e do Xurés, estendida entre o río Miño, á altura do concello de Padrenda, e o río Salas, ao pé da Serra do Larouco, no concello de Calvos de Randín, no chamado Couto Mixto, o que fora microestado independente de mil habitantes até 1868.

Unha experiencia na que o curioso pode pescudar nalgunhas das alfaias do tesouro do patrimonio galego como Santa Comba de Bande, a igrexa visigótica do século VII, a máis antiga de Galicia, aínda pouco valorada e protexida. Descuberta que pode continuar na igrexa de Santa María a Real de Entrimo coa súa impresionante fachada barroca, a mellor de estilo churrigueresco das existentes en Galicia, sen esquecer na súa visita refrescarse ao pé do teixo tricentenario do seu adro. Viaxe na que se poden seguir os vestixios da «Via Nova», o formidable eixe de comunicación romano trazado no corazón da Gallaecia, aberto o ano 79, que unía Bracara Augusta (Braga) con Asturica Augusta (Astorga), do que se conservan o parque dos miliarios de Portela de Homen e importantes edificacións como a mansión balnearia Aquis Originis, á beira do Río Caldo, e Aquis Querquennis, o enorme campamento militar de Porto Quintela de Bande, descuberto en 1922 e comezado a escavar en 1975 polo profesor Antonio Rodríguez Colmenero, hoxe o mellor centro de interpretación didáctica dos existentes en Galicia para divulgar a pegada da romanización e a dimensión daquela Gallaecia decisiva na nosa historia.

Itinerario polo Xurés no que ten protagonismo de seu a cultura megalítica, xa que neste espazo hai unha das maiores concentracións de túmulos funerarios e mámoas do país. Velaí espazos megalíticos extraordinarios como os de Maus de Salas no concello de Muíños, onde ao pé da Gramalleira e Fontefría, os cumes da Serra do Xurés, se poden visitar alfaias reconstruídas como o Foxo do Lobo de Salas, a Casiña da Moura e o Casolo do Foxo, con cadansúa lenda e o seu espazo sagrado. Como é outra visita obrigada a da parroquia A Cela (16 habitantes), no concello de Lobios, onde din naceu San Rosendo. Un dos lugares máis máxicos de Galicia, onde os bolos, afloramentos graníticos, forman parte das casas e eidos; outro paraíso das pedras flotantes, como os que procura polo mundo enteiro o ilustrador vigués Kiko da Silva, perfecta integración dunha paisaxe natural humanizada que conforma outro espazo sagrado. Este d’ A Cela é un do segredos mellor gardados de Galicia, protagonista agora dun libro fermoso, «A Cela. Vivir na aldea dos bolos» (Edicións Picós 2019), con fotografías de José Caruncho e textos de Antonio López.

Non se debe finalizar a viaxe ao Xurés sen a visita o territorio dos mixtos, atravesando o Camiño Privilexiado, para visitar a igrexa de Santiago de Rubiás, onde se custodia a arca das tres chaves que gardaba os seus privilexios, e fotografarse coa estatua de Delfín Modesto Brandón, último xuíz do Couto Mixto, feita en 2008 polo escultor vigués José Molares. Un territorio fascinante, estudado polo escritor Manuel García Mañá que localizou tamén alí a intriga da súa novela, «Por que as sombras non teñen ollos» (Xerais 2015).

Serras do Xurés e Leboreiro identificadas co territorio literario de «Arraianos» (Xerais 1991), un dos cumes artísticos de X.L. Méndez Ferrín. Como tamén o foron as súas xentes protagonistas do filme etnográfico «O carro e o home» (1945), dirixido por Antonio Román sobre un guión que compartiu con Xoaquín Lourenzo «Xocas», e do documental «Os días afogados» (2015) dirixido por Luís Avilés Baquero e César Souto Vilanova, que relata como foi anegada a aldea de Buscalque polo encoro portugués do Lindoso.

Aconsello visitar estas serras arraianas do Xurés e do Leboreiro, un territorio privilexiado, para prender alí da beleza da súa insignia natural, o Lirio do Xurés, das súas paisaxes históricas e da súa gastronomía e hostalaría balnearia anovada. Paga a pena.