Onte 1960: Boloña 2018

Regreso da Feira do libro de Boloña coa convicción de que o libro galego pode atopar o seu espazo no mundo. O feito de que as editoras da AGE déramos o paso histórico de acudir a Boloña con espazo propio, compartindo gastos e esforzos e sen contar con axuda ningunha da Consellaría de Cultura e Educación, testemuña a madurez do noso sector editorial ao tempo que pon en evidencia a incapacidade da administración autonómica galega de entender que o seu papel debería ser apenas o de apoiar a presenza das editoras galegas nas feiras internacionais.

Abondaba situarse no espazo da AGE para comprobar que este era o modelo discreto e profesional asumido dunha ou doutra maneira polas diversas administracións. A Federación de Gremios de Editores contaba co seu espazo, apoiado polo Gobierno de España. O Gremio de Editoras de Euskadi contaba cun espazo de dimensións idénticas ao galego, mais co apoio do Goberno Vasco. A lingua catalá contaba cun espazo amplísimo dunha actividade frenética xestionado polo Gremi d’ Editors de Catalunya e apoiado polo Institut Ramón Llull e por dúas administracións autonómicas, a de Catalunya e a das Illas Baleares. Como tamén as editoras valencianas estaban presentes, no seu caso escolleron o espazo da Federación de Gremios de Editores de España, mais contanto co apoio da Generalitat Valenciana.

Modelos diversos, mais todos eles centrados sobre o protagonismo das editoras, ás que lles corresponde xestionar o espazo expositivo e as axendas de traballo dos participantes, xa que a fin e o cabo o que se pretende nestas feiras internacionais do libro é o intercambio de proxectos entre editoras ou axencias. Modelos estritamente profesionais, que contan en todos os casos co apoio dos poderes públicos, nos que se establece unha clara diferenza entre a actividade das editoras privadas e os programas de internacionalización e apoio a tradución das administracións públicas. Un modelo que agardo sexa o utilizado para artellar a participación do libro galego en feiras internacionais futuras.

Tras varios anos sen acudir, percibín que esta Boloña dedicada a China, contou cunha notable participación de público (máis de trinta mil persoas), ao que probablemente contribuíu o protagonismo do país convidado, mais tamén o peso crecente do subsector da edición infantil e xuvenil que semella resistir mellor ca ningún outro o proceso de hibridación dixital. O escaso peso da oferta dixital nos corredores da feira e as mil e unha maneiras de reinvención do formato impreso do álbum ilustrado expresan a importante capacidade de resiliencia do libro infantil e xuvenil, unha das mellores expresións da diversidade cultural no mundo e do valor da infancia e da educación. Xaora, fronte a tendencia anterior, o polo da globalización homoxeinizadora intenta invadir o sector do lecer infantil no chamado «mercado das licenzas», sobre todo de produtos audiovisuais, que xa conta cun pavillón específico para presentar os seus produtos e heroes rexistrados. Unha tendencia a ter moi en conta.

Como tamén percibín que o proceso de empoderamento das mulleres convertiuse en produto editorial de éxito, o que é moi de celebrar. Álbums de mulleres rebeldes e pioneiras expresan esta tendencia que agardamos se consolide nos catálogos e nas preferencias e recomendacións lectoras. Como tamén foi unha ledicia comprobar a consolidación de proxectos editoriais especializados neste sector como os de Kalandraka (parabéns por eses primeiros vinte anos), Planeta Tangerina ou Tecolote, que recibiu o premio ao mellor proxecto editorial do Centro e Sudamérica, que demostran como é posible que grupos pequenos fagan viables editoras independentes publicando libros infantís de calidade.

Ledicia e Antonio, Vigueses Distinguidos

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo ao nomeamento de Ledicia Costas e Antonio García Teijeiro como Vigueses Distinguidos:

O nomeamento de Ledicia Costas e Antonio García Teijeiro como Vigueses Distinguidos constitúe para eles como poetas e narradores vigueses unha merecida honra da corporación do seu concello, que moito orgulla a Vigo na celebración da Reconquista 2018. Galardoados co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil outorgado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, o maior recoñecemento que pode recibir unha obra publicada, Ledicia Costas en 2015 por «Escarlatina, a cociñeira defunta» (Xerais 2014), e Antonio García Teijeiro en 2017 por «Poemar o mar» (Xerais 2016), este primeiro agarimo da cidade onde naceron e na que escriben e publican a súa obra literaria supón, probablemente, para eles un emocionante exercicio de xustiza poética. Xaora, esta distinción constitúe ademais a constatación do éxito colectivo de todas as participantes nos proxectos da literatura infantil e xuvenil e do fomento da lectura en lingua galega, tantas veces agochados ou inxustamente minusvalorados, a pesar de constituír un exemplo da achega formidable da diversidade acuñada polas minorías, en todo caso fantasías realizables das que Ledicia e Antonio son activistas e destacados promotores.

Con esta honra Vigo recoñece popularmente a unha autora e a un autor en lingua galega de xeracións distintas. Ledicia Costas pertence á Xeración da Esperanza, a das autoras que comezaron a publicar coa mudanza de século, no seu caso en 2000, ano no que apareceron no catálogo de Xerais tanto a súa primeira novela xuvenil «Unha estrela no vento», escrita en plena adolescencia, como o seu relato «Negrita» no volume colectivo «Narradoras», publicado na serie Abismos xunto a outras 24 narradoras. Pola súa banda, Antonio García Teijeiro forma parte da Xeración dos fundadores e fundadoras da Literatura Infantil e Xuvenil Galega, a dos autores e autoras que comezaron a súa actividade nos oitenta e noventa do século pasado. Décadas desde as que García Teijeiro é incansable e teimoso promotor da causa da poesía infantil, tanto como autor («Aloumiños» foi en 1988 o seu primeiro poemario), editor (codirixiu a colección «Árbore» da editorial Galaxia, tamén desde 1988, xunto a María Victoria Moreno e David Otero), crítico (desde 1980 colabora nas páxinas de «Faro de Vigo») e docente durante tres décadas no Colexio Possumus. Un labor extraordinario de divulgación e fomento da poesía para a infancia que Antonio foi capaz de estender fóra de Galicia e da propia península, especialmente en Colombia e México, converténdose nun dos referentes internacionais desta angueira literaria.

Mais non esquezamos que Vigo recoñece tamén esta Reconquista a dous dos seus poetas primeiros, pertencentes a unha nómina iniciada hai oito séculos por Martín Codax e Meendiño, fundadores de Vigo como cidade literaria. Non hai dúbida que García Teijeiro é un dos nosos poetas maiores, xa con medio cento de libros de poemas publicados, boa parte deles traducidos, desde que hai xa tres décadas apareceran «Parolando coa vixencia» e «Retorno ós lamentos» (Xerais) até a súa recente e  extraordinaria «Triloxía do Mar» da que forma parte «Poemar o mar», a obra pola que obtivo o Nacional, ademais de «En la cuna del mar» (Creotz 2015) e «Palabras do mar» (Embora 2015). Como tamén é poeta Ledicia Costas, fundadora do colectivo de renovación Poetas da Hostia, xunto a outros poetas vigueses da súa xeración, como Daniel Landesa, María Lado ou Xabier Xil Xardón, creadores dos recitais combate, ademais de autora de «Xardín de inverno» (2012), o conmovedor poemario escrito desde a desolación provocada pola morte da avoa.

Vigo agarima e agradece o traballo de dous dos seus escritores cabezaleiros en lingua galega, desa (para a nosa ventura) longa relación de contemporáneos que teñen localizado en Vigo a súa obra literaria, iniciada por María Xosé Queizán e Xosé Luís Méndez Ferrín, e continuada por Pedro Feijoo, Fran P. Lorenzo, Manuel Esteban, Fran Alonso, Cid Cabido, Domingo Villar, entre outros. Como poeta vigués do mar, Teijeiro dialoga ao longo de toda a súa obra coa tradición milenaria de Martín Codax, mais tamén con outra voces viguesas como as de Xohana Torres de «Estacións ao mar» e «Tempo de ría», María do Carme Krukenberg ou a da inesquecible Xela Arias de «Denuncia do equilibrio». Outrosí acontécelle a Costas como narradora, que reconstrúe nas páxinas de «Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta» (Xerais 2016) aquel Vigo cosmopolita que visitou Verne en 1884, xermolo da cidade en estrépito, a abella da ribeira e a cidade revolcada ao longo do século XX.

O nomeamento de Ledicia e Antonio como Vigueses Distinguidos honra a quen outorga a distinción e á xenerosidade da cidade que os recoñece de forma unánime. Parabéns para eles e para as outras persoas e institucións distinguidas.

O Marco de Caballero

No artigo de Luzes da semana reflexiono sobre a crise do proxecto do Marco como Museo de Arte Contemporánea:

Foi a do Marco unha morte anunciada desde que Iñaki Martínez Antelo, o director deste proxecto museístico durante máis dunha década, anunciou a súa marcha. Non abondaron a recollida de seis mil sinaturas da Agrupación Amigos do Marco nin a indignación dos artistas vigueses para convencer ao alcalde Abel Caballero e ao seu concelleiro de Cultura Cayetano Rodríguez da intención de transformar o máis visitado dos museos vigueses nunha sala de «grandes exposicións» e de actividades sociais no corazón da cidade comercial.

Mentres o museo se mantén pechado e baleiro e o padroado da súa Fundación, no que tras a modificación de estatutos ten maioría o concello de Vigo, non ten previsto convocar a praza de dirección, o goberno municipal  anuncia que no mes de abril recalará alí a exposición «Julio Verne. Los límites de la imaginación» da Fundación Telefónica, para a que se encargaron a fume de carozo contidos vigueses, coincidindo coa efeméride literaria do 150 aniversario da chegada do Nautilus a ría de Vigo. Programación municipal que se completará no vindeiro ano e medio cunha retrospectiva de Colmeiro, un proxecto de investigación sobre os estaleiros e unha mostra de artistas galegos contemporáneos. Un anuncio que supón a desaparición do Marco como proxecto de museo de arte contemporánea denunciada polo manifesto «Marco #Asi Non» no que medio millar de artistas reclaman a recuperación do proxecto fundacional e a elección dunha nova dirección do museo por concurso público.

Esta debacle de Marco ten que ver, en primeiro lugar, co fracaso do seu modelo de financiamento interinstitucional, con participación pública e privada. Tras a retirada das achegas de Afundación, do Ministerio de Cultura e da Deputación de Pontevedra, como da diminución moi considerable das da Xunta de Galicia, o concello de Vigo quedou en solitario sostendo un orzamento que hai dez anos duplicaba os 740.000 euros de 2015, moi por baixo do utilizado por institucións de características semellantes. Crise á que tampouco foi allea a incapacidade da concellaría de Cultura viguesa para artellar un plan estratéxico para as infraestruturas culturais básicas, tanto dunha rede municipal de bibliotecas da que a chamada «capital editorial de Galicia» aínda carece, como dunha rede de museos municipais, boa parte deles, como o Verbum ou o Centro Arte Fotográfica de Vigo,  tamén baleiros e pechados. Mais seriamos inxustos, se agochásemos o conformismo con este estado de cousas dos grupos municipais da oposición, para os que a política cultural tampouco merece unha atención preferente na súa axenda.

Como sucedeu co conflito do Alfageme na Ronda de Coia, da Dinosebe na Porta do Sol, non é difícil para o grupo de Caballero utilizar na crise do Marco os argumentos da discriminación da Xunta de Galicia con Vigo e, sobre todo, o da súa lexitimidade para tomar as decisións que considera oportunas outorgada por unha maioría contundente (17 actas sobre 27), que non sería estraño se incrementase en 2019. Lexitimidade popular que se enfronta aos intereses duns culturetas elitistas, neste caso uns poucos artistas plásticos, que organizados como lobby pretenden conservar a toda costa os seus privilexios nunha institución que cómpre reconducir cara «o popular» xa que até agora resultaba allea para o resto da cidadanía. Sen dúbida, unha versión actualizada daqueloutro clásico do populismo de Xesús Pérez Varela dos 90, que nunca deixou de ser utilizado por boa parte dos poderes públicos en Galicia: «Quen paga, manda». Unha desas afirmacións de pé de banco, tan difíciles de rebater na política galega. Cómpre pagar a un profesional da xestión cultural na dirección do Marco, se quen mellor sabe facer a programación do museo é quen foi elixido polos cidadáns para ofrecerlles o que a eles lles gusta?

No caso do Marco de Vigo estrágase todo o texto do protocolo de boas prácticas en Museos e Centros de Arte, elaborado polo Ministerio de Cultura en 2007, sendo ministra Carme Calvo e asumido dende  entón por todas as administracións públicas, no que se recomenda contar co maior consenso posible entre os expertos e interlocutores do mundo da arte na definición do proxecto artístico de cada institución, así como a presenza na composición dos patronatos de membros da sociedade civil e de expertos e científicos, e a utilización dun concurso entre profesionais para a elección da dirección. Como tamén, ao fío da crise do Marco de Vigo, se pon de manifesto a necesidade de reclamar en todos os concellos a constitución de Consellos Municipais de Cultura, ao abeiro do establecido no artigo 69 da Lei Reguladora de Bases de Réxime Local de 1985, como organismos de participación e información cidadá dos diversos sectores da industria e da creación cultural e de seguimento das actuacións dos concellos nos eidos da cultura.

No entanto, estas recomendacións de boas prácticas de xestión e participación no eido da cultura non rexen para o Vigo actual. Xaora, non e difícil agoirar que o do Marco de Vigo non vai ter arranxo, xa que como anuncia Abel Caballero na entrevista que para o Luzes 53 preparou Suso Iglesias: «Non vou ceder nunca a grupos de presión. Nesta cidade mandan os cidadáns, non mandan os grupos de presión». Este é o Marco de Caballero.

Onte 1959: «Thelma»

Desde unha memorable escena inicial, que comprenderemos transcorrida unha hora da metraxe, até a coidada resolución do misterio no lago xeado, Thelma do noruego Joachim Trier é un drama fantástico de beleza visualmente perturbadora. Na tradición escandinava da mesturar a intriga psicolóxica de carácter realista coa introdución de elementos fantásticos, Trier reconstrúe unha historia de amor adolescente no primeiros días universitarios da protagonista coa intención de afondar na reflexión sobre a orixe da loucura e a pervivencia do fanatismo relixioso na sociedade contemporánea. Un achegamento moi elegante e orixinal a un dos temas clásicos do cine do terror, o da bruxaría, mais que fose dos artificios e truculencias do xénero, atrapando, porén, ao espectador no seu tallo grazas a unha trama tan densa como desacougante e a unha fotografía e música hipnóticas. Película inquedante, sorprende como a combinación das mesmas doses de xeo ca de  lume poden utilizarse para intentar explicar o que semella inexplicable.

O túnel de Elduayen

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a proposta de peonalizar a rúa Elduayen:

Na presentación de «Camiñar no Vigo vello», o novo libro de Pedro Feijoo, que na sexta feira pasada reuniu a un cento de persoas na Casa-Torre de Pazos Figueroa, unha das marabillas máis antigas da cidade, situada na antiga praza Vella, ao fío da descrición das case descoñecidas catacumbas viguesas suscitouse dende o público a posibilidade de que o traxecto do túnel previsto na rúa Elduayen, que permitirá peonalizar a Porta do Sol, se alongase até o Paseo de Afonso, o primeiro miradoiro sobre a Ría. Unha medida que, sen dúbida, revolucionaría a intervención urbanística que dende hai tres décadas o Consorcio do Casco Vello ven acometendo con éxito desigual sobre o Vigo vello xa que permitiría suturar de vez a ferida existente, desde a apertura da Travesía da Porta do Sol  á estrada de Baiona (a actual rúa Elduayen), entre o Barrio alto e o perímetro urbano comprendido entre a Porta do Sol e o Berbés. Unha ampliación do túnel que, ademais, permitiría recuperar o Paseo de Afonso e a contorna da Oliveira como o salón de estar de privilexio do Vigo do novo século, sempre que fosen adiante os proxectos de recuperación da Panificadora e do Barrio do Cura, espazos (para a vergonza de todos) hoxe abandonados e cada día máis deteriorados e marxinalizados.

Dos túneles vigueses falou Feijoo na presentación lembrando o que se abriu a finais do século XIX para evitar o paso pola Porta do Sol, o famoso túnel dos Caños que conectaba para os peóns o antigo barrio do Salgueiral, onde hoxe ten a súa sede o Colexio de Arquitectos, coa rúa Vitoria. Unha catacumba da que hoxe quedan vestixios na boca cegada ao remate do canellón dos Caños, esa praciña existente á esquerda do teatro García Barbón, como outra no canellón de Juan Nogueira Alonso, nas inmediacións da Alameda. Como tamén citou Feijoo os túneles existentes baixo as rúas de Santiago, do Pracer e o Paseo de Granada, unha galería que conecta co túnel que baixaba dende o Monte do Castro até a batería da Laxe, fronte ao Náutico. Como non esqueceu tan magnífico cicerone, que tras a presentación guiou a un numeroso grupo de persoas pola rúa Real, describir o túnel do «Tren do Peixe», eses apenas douscentos metros que unían a rúa Afonso XII e a actual de Rosalía de Castro, pasando por Santiago de Vigo, itinerario polo que circulou o tren que sacaba o peixe do Berbés até a clausura das vías en 1963. Relación de túneles vigueses aos que hai vinte anos se uniu o de Beiramar, que sacou o tráfico das Avenidas na controvertida actuación de «Abrir Vigo ao Mar».

A prolongación do túnel da Porta do Sol até o Paseo de Afonso permitiría peonalizar a rúa Elduayen, que fora concibida en 1879, unha vez derrubadas as murallas, no proxecto de apertura de Manuel Fernández Soler, como un vial para aliviar o tráfico no interior da cidade, que entón saía pola rúa Sombreireiros (moito máis longa de como a coñecemos hoxe) e facilitar, en definitiva, a saída cara ao barrio da Falperra e a estrada de Baiona. Travesía de Vigo, que dende 1887 leva o nome de Elduayen, tamén o principal valedor desta primeira avenida viguesa, que unha vez aberta dividiu á metade a vella cidade. Dúas partes moi diferenciadas que, como sinala Pedro Feijoo, co paso dos anos por desgraza acabarían por correr sortes moi dispares.

Xaora, Elduayen, a pesar do seu carácter de vía de circunvalación, por onde sempre pasou o tranvía e un tráfico cada vez máis denso, coñeceu até hai catro décadas unha actividade comercial e residencial vizosa que moi pouco ten que ver coa precariedade actual, a pesar de existir unhas poucas edificacións ben recuperadas. Coa excepción de El Buen Gusto, a Corsetería Imperio e a Farmacia de Crespo, que se manteñen abertos dende hai décadas, non é difícil lembrar que nesta rúa estiveron abertas as galerías de Asefal, a moblaría de Cambón, máis de media ducia de tendas de vestiario como Paños Vergas e Confecciones Gallego (a mítica tenda de don Benjamín), o establecemento de electricidade de Santiago Vidal, librarías como Pax e a editora Cíes de Eugenio Barrientos, así como varios bazares, zapatarías e algunhas reloxarías (como a mítica de Valderas) nos baixos da praza de Argüelles.

De alongarse o túnel de Elduayen, reactivaríase a actividade comercial nesta rúa centenaria e os peóns contariamos coa posibilidade de camiñar sen o bulir dos vehículos dende o Paseo de Afonso até a Farola de Urzaiz. Un fito que alongaría o eixo comercial de Príncipe até a Oliveira, o que previsiblemente contaxiaría, como sucedeu en Pontevedra, a outras rúas próximas, tanto cara o Barrio alto, a Ferrería e a rúa San Sebastián, como cara as rúas que abrazan o barrio do Berbés. Pagaría a pena que a alcaldía valorase as posibilidades de acometer este proxecto que podería ser estratéxico para a recuperación total do Vigo vello.

Campo do Fragoso CCIX

SEDE DE FÚTBOL

Hai derrotas agredoces que teñen sabor a empate e hai empates que destilan o sabor amargo da derrota. Este foi o caso da igualada do serán de onte que deixa ao Celta máis lonxe do seu obxectivo europeo e ao Málaga como pechacancelas, case sen posibilidade ningunha do milagre da salvación. Un empate, pois, que derrota a ambos os dous equipos, tras noventa minutos decepcionantes, sobre todo dos discípulos de Juan Carlos Unzué, que volveron a ser apupados por unha parte da bancada celeste. Asubíos que constitúen apenas o síntoma do descontento que moitos seareiros veñen manifestando de forma privada e ao longo de practicamente toda a tempada co xogo raquítico e a traxectoria errática do Celta do adestrador navarro. Tras o xogo excelente e a intensa ilusión que callou na bancada durante as tres tempadas de Berizzo, na lameira do Fragoso hai moita sede de fútbol, esa materia dos soños que onte non apareceu até os vinte minutos finais.

Xaora, non é doado narrar o que sucedeu nos setenta minutos iniciais sobre a alfombra de Balaídos. Unha auténtica tortura de posesión inútil, de pases e máis pases en espazos inertes por parte de dous equipos que non conseguiron xutar con perigo nin unha soa vez entre os dous paos, xa que non poden ser considerados de tal categoría nin o remate de Pione Sisto no 35’, que saíu moi desviado e levaba escaso veleno, nin o xute raso dende a frontal de Chory Castro por parte dos malagueños no 39’. E o peor do caso, foi que sería difícil identificar neste primeiro período quen era o pechacancelas e quen o aspirante a Europa League, xa que ambos os dous equipos renunciaron a asumir riscos ofensivos, limitándose con escasa intensidade a procurar un roubo ou un erro nalgunha das saídas tediosas do balón, sobre todo por parte de Sergio, un chisco nervioso na súa reaparición na portaría, tras a lesión de Rubén durante o quecemento.

Tras a reanudación non mudaron moito as tornas e o fútbol apenas apareceu na lameira. No entanto, Aspas, moi inquedo e rebuldeiro –recibiu unha amarela por unha discusión con Miguel Torres, o mediático defensa malacitano–, foi entrando en xogo e dispuxo de até catro oportunidades claras de gol, que para o noso abraio desta volta en caso ningún fixeron variar a táboa de marcas, feito ao que non foron alleos dous paradóns de Roberto e unha certa dose de imprecisión do Merlín de Moaña. Diante dun Celta que non carburaba, onde as liñas estaban moi separadas, faltando pouco máis de vinte minutos para o remate, Unzué puxo e marcha o plan b e procurou coa entrada de Radoja e Boyé un fútbol máis directo, rápido e intenso. A bancada animouse e semellaba que o gol celeste chegaría decontado. Tras un gran centro de Lobotka, tívoo Maxi no 80’ nunha cabezaba na área pequena. E tívoo un minuto despois Aspas a porta baleira que errou no remate na área pequena, tras un servizo de Maxi Gómez. Un erro incomprensible da nosa figura, que demostra o carácter azaroso desta disciplina deportiva, que tamén queremos sexa das belas artes.

E como non chegaba o gol celeste, no 89’ foron os malagueños os que tiveron a vitoria a uns centímetros, tras unha gran xogada de contraataque de Keko rematada ao pao esquerdo por Lestienne, todo un golpe de fortuna para os nosos que nese lance puideron perder o partido. Unha xogada malacitana que derramou o vaso e anoxou a algúns seareiros da grada de Río que apuparon con vehemencia a Unzué, un adestrador que non acaba de convencer nin namorar á bancada transcorridas as tres cuartas partes do campionato.

Aínda que cos números na man é posible engancharse á loita polas posicións de privilexio europeo, o máis decepcionante do Celta deste final de inverno, incapaz de enlazar dúas vitorias consecutivas, é a pobreza do seu xogo, dependente da xenialidade de Aspas e da eficacia goleira de Maxi Gómez. O Celta do navarro non é capaz de contaxiar entusiasmo nin sequera doses da ilusión imprescindible para acadar os obxectivos da excelencia. Fáltalle a sede de fútbol que nos presta aos afeccionados celestes, que ben sabemos en que consiste o xogo da serpe e a afouteza celeste. E xa non abondan as declaracións autocompracentes de que somos un equipo pequeno con rapaces da canteira. O Celta ten hoxe vimbios para aspirar a máis.

Memoria do Vigo vello

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a aparición de Camiñar o Vigo vello, o novo libro de Pedro Feijoo:

Lendo nas páxinas de «Camiñar o Vigo vello» (Xerais 2018), o paseo pola historia da cidade que propón o escritor Pedro Feijoo, lembrei cantos domingos baixei os cento dezaseis chanzos das escaleiras de pedra da Baixada ao Forte, a rúa que vai desde o Paseo de Afonso XII ata a rúa Poboadores, para mercar tres barras na Barroca, cando estaba de panadaría de garda. Como lembrei o itinerario de regreso por Poboadores arriba, deténdome no lavadoiro da fonte da Barroca e axexando no Bar Baiona e nos quioscos agochados baixo a beirarrúa voada do paseo de Afonso, para rematar esculcando nos tebeos e nos libros raros das cristaleiras do quiosco de Pepe «O Coxo», a miña primeira libraría. Como lembrei, inevitablemente, os días nos que levaba a tarteira á panadaría do Barrio do Cura do noso veciño o señor Domingos, a da Oliva, a máis moderna da rúa, ou á Primavera, xusto detrás da casa nosa, situada tan cerquiña da fonte da Falperra, onde co garrafón de cinco litros agardei a miña quenda tantos días de verán, nos que se pechaba o subministro a partir do mediodía.

Lendo neste singularísimo libro de Pedro Feijoo lembrei os regresos furtivos do colexio, atravesando o Barrio Alto, cando non se construíra a casa do concello ao pé do Campo de Granada. Viaxes prohibidas nas que percorriamos (nunca me atrevín a facelo só) a rúa Pracer, pasabamos por diante do que hoxe chamamos o «Banco dos Contos» (onde os feirantes de gando do Campo de Granada sentaban para facer os números do día) e cruzabamos todo o barrio chino, seguindo a rota do Cacholís («Café, chocolate e licores; Ca, Cho, Lis»), os tres bares dos Soto, o Cacholí da rúa San Sebastián, o Cholica da Ferraría e o Lichoca da rúa Abeleira Menéndez, para saír case a correr ao paseo de Afonso, á altura da drogaría La Única. Regresos furtivos que outras veces faciamos pola rúa de Santiago, daquela chea de tabernas mariñeiras moi animadas, camiño que colliamos na entón moi empinada rúa Cachamuíña, á altura da de Víctor, un rapaz tetrapléxico que vendía lotaría e vivía nas casoupiñas máis humildes acaroadas á Panificadora. Itinerario que só nalgunhas ocasións variabamos camiñando a carón do forte de San Sebastián e baixando polas escaleiras da actual Subida ao Castelo, onde aínda se mantén en pé un pequeno pano da muralla de Vigo, preto da antiga porta da Falperra.

Lembranzas activadas pola lectura dun libro suxestivo que propón ao lector que se poña a camiñar de forma calma e serena e se converta en viaxeiro curioso na súa propia cidade. Feijoo suxire adoptar a actitude do «flaneur», defendida por Balzac e Flaubert, a da persoa camiñante que vagamundea sen deriva precisa disposta a sorprenderse e a interrogarse sobre o que sucede ao seu arredor. Actitude hedonista que o pensador francés David Le Breton considera, en ensaios recentes como «Elogio del caminar» (Siruela 2017), tamén unha das formas actuais de resistencia política. Así camiñar polo labirinto de rúas do Vigo vello, tanto do Barrio Alto como aqueloutro que procura o abrazo da ría, permite valorar a fermosura de determinadas edificacións respectadas pola historia, como a casa-torre dos Pazos-Figueroa, a alfaia viguesa do século XVI, como da beleza das cores dun solpor sobre as Cíes contemplado dende as varandas do Paseo de Afonso. En definitiva, camiñar polo Vigo vello como unha forma de entender o mundo, ruar sen interese ningún en mercar cousa ningunha, só polo feito de vivir a experiencia de descubrir e de construír memoria da cidade namorada.

Un libro este novo de Feijoo que, ademais, compila moi valiosa información textual e visual sobre o Vigo vello, unha denominación quizais máis acaída que a de «Casco vello», espazo que identifica co da cidade amurallada (1665) con sete portas e dez baluartes durante douscentos anos. Un libro que se converte tamén en arca da memoria do Vigo desaparecido, dende as edificacións estudadas polo mestre Xaime Garrido aos viguismos da fala e da memoria, recuperados en narracións engaiolantes como as referidas aos muros e castelos perdidos e catacumbas da cidade (Vigo conta até tres galerías e pasadizos ocultos baixo o seu chan), as fontes de Vigo, os bares da Ferraría, a historia da Oliveira, a presenza da Inquisición e  até outros máis novelescos como as da Casa da Collona (o famoso club Abanico da rúa San Sebastián) ou a visita de Mata Hari, que se hospedou en 1916 até en catro ocasións no hotel Continental da Laxe.

Na liña de clásicos de divulgación da historia de Vigo –como esas fermosuras que son «La caracola de piedra» (1982) e «Noutronte» (1994), ambos os dous de Pedro Díaz, ou os tantas veces aquí citados «A cidade e os días» (1960) de Xosé María Álvarez Blázquez e «As rúas de Vigo» (1991) de Lalo Vázquez Gil– o libro de Feijoo ten vontade de obra aberta que sementa no tempo esta nosa cidade de pedra e sombra, luz e auga. Para ler e camiñar o Vigo vello.

Onte 1958: «The Journey»

Interesoume The Journey de Nick Hamm, unha ficción política na que se especula sobre o sucedido no encontro privado que en 2006 mantiveron o líder do Sinn Fein Martin McGuinnes e o unionista Ian Paisley. Unha trama atractiva que converte a este duelo dialéctico entre as posicións históricas do conflito irlandés nunha avaliación das posibilidades de superación da vía militar e de construción dunha saída estritamente política. Máis alá do arriscado de asumir un entorno teatral, os dous protagonistas conversan nunha furgoneta, onde non faltan algúns diálogos brillantes e silencios provocadores, o que máis destaca da proposta de Hamm é o valor que lle concede á mediación, a intervención decisiva nas conversas de paz do goberno de Tony Blair. Secasí, nunca está de máis darlle unha oportunidade á paz e que algúns políticos arrisquen para variar o curso da historia. Mágoa dunha certa autocompracencia tan británica e dalgunha volta de guión polas marxes do inverosímil que afean unha película valiosa, mais aínda na situación actual de bloqueo do procés catalán.

Onte 1957: “Pioneiras” de Anaír Rodríguez e Nuria Díaz, presentación na Libraría Lume

Moita xente participou onte na Librería Lume da Coruña na presentación de Pioneiras. Galegas que abriron camiño, o libro de Anaír Rodríguez, ilustrado por Nuria Díaz. Ás portas da folga feminista do 8 de marzo, no acto estivo sempre presente a humilde contribución deste álbum ilustrado, dirixido a todos os públicos, ao proceso colectivo de procura de referentes femininos alternativos aos acuñados pola actual sociedade patriarcal. Así o sinalou a autora ao comezo da súa intervención expresando a súa preocupación pola falta de referentes femininos por parte das mozas como, o que é aínda máis alarmante, a ausencia total por parte dos mozos. “O libro o que pretende é procurar referentes femininos alternativos. É breve e sinxelo, sen pretensión ningunha de carácter historiográfico. Un libro de pura divulgación para todas as idades, que asume a potencialidade do seu uso educativo para dar a coñecer as biografías dunha ducia de mulleres galegas que foron pioneiras en dar pasos que logo foron importantes para a causa das mulleres”.

Anaír Rodríguez detívose, a seguir, nas biografías das coruñesas que aparecen no álbum, as xornalistas Sofía Casanova e Mª Luz Morales, a futbolista Irene González, a enfermeira Isabel Zendal, a camionaeira Celia Rivas, como as mestras Marcela e Elisa ou a oceanógrafa Ángeles Alvariño. Salientou que intentara ofrecer unha mostra dos diferentes ámbitos sociais e profesionais, como tamén de procurar referentes na historia, razón pola que o libro comeza con Exeria, a viaxeira do século IV e continúa coa almiranta Isabel Barreto do século XVI, antes de afrontar as pioneiras da idade contemporánea. Rematou a súa intervención cunha última reflexión: “non pretendín que estas pioneiras fosen consideradas como heroínas, forman parte todas dun proceso, o da procura da igualdade, promovido polo movemento feminista dende hai trescentos anos”.

Olimpia Valencia e outras pioneiras

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a figura de Olimpia Valencia e outras pioneiras:

Reparo con frecuencia na placa colocada en Príncipe nº 11 na que se lembra que alí tivo a súa consulta a xinecóloga Olimpia Valencia López, a primeira muller galega en obter a licenciatura de Medicina na Universidade de Compostela en 1925, cun expediente inzado de matrículas. Nacida nas terras arraianas do concello de Baltar en 1898 e veciña de Vigo dende os doce anos, especializouse en Madrid, onde se doutorou cunha memoria sobre a colesterinemia no sangue, e despois, grazas a unha bolsa da Junta de Ampliación de Estudios, trasladouse a Alemaña e Suíza onde ampliou formación científica na especialidade que exerceu en Vigo desde 1928 até case o seu pasamento en 1987. Profesión que desenvolveu na Seguridade Social, até a década de 1960, e na consulta particular que a súa chegada abriu en Príncipe, que trasladaría despois á rúa Velázquez Moreno e, finalmente, á rúa Uruguai, onde a Irmandade da Sanidade Galega e o Colexio Médico de Pontevedra colocaron en 2016 unha placa que a recorda: «Olimpia Valencia: especialista en doenzas da muller».

Vinculada ao galeguismo republicano de Vigo, polo tanto a figuras como as de Valentín Paz Andrade, a doutora Valencia tivo a afouteza de encabezar en 1931 o chamamento de apoio aos candidatos da provincia de Pontevedra do Partido Galeguista e en 1936 outro que reclamaba o Si no Plebiscito do Estatuto, ambos os dous documentos asinados só por mulleres. Sempre estudosa, inqueda e comprometida coa súa profesión e coa causa da igualdade («as mulleres podemos namorarnos por algo máis que casar», confesoulle nunha entrevista ao xornalista Johán Carballeira), participou en Vigo na fundación de entidades como a Academia Médico-Quirúrgica (1930) e a Alianza Francesa. Compromisos cívicos que lle pasarían factura en 1937 cando foi detida, acusada de pertencer ao Partido Galeguista e manter relación con xentes de esquerdas, e máis tarde nos dífíciles anos de posguerra, cando foi acusada de «roja» e mesmo boicoteada a súa consulta. Recoñecida hoxe como pioneira, unha desas mulleres que pelexaron por ocupar espazos até entón masculinos, dona Olimpia conta cunha rúa co seu nome na zona de Cabo Estai e a Universidade de Vigo escolleuna, tamén, para identificar o seu Centro de Investigacións Médicas. Apenas dous recoñecementos para unha das pioneiras viguesas máis afoutas.

A apaixonante biografía de Olimpia Valencia, que merece un lugar destacadísimo na historia de Vigo, é unha das incluídas no álbum «Pioneiras» (Xerais 2018) escrito por Anaír Rodríguez e ilustrado por Nuria Díaz, protagonizado por unha ducia de mulleres galegas que conseguiron vencer as barreiras impostas ao seu xénero e dar os primeiros pasos por vieiros transitados até ese momento só por homes. Mulleres de épocas e ámbitos sociais e profesionais ben distintos, dende Exeria, a primeira muller escritora de toda a Hispania Romana no século IV, e Isabel Barreto, a primeira almiranta do mar, participante a finais do século XVI na expedición para colonizar as Illas Salomón; pasando por Isabel Zendal, a primeira enfermeira en misión internacional, participante na expedición da vacina da varíola do doutor Balmis, e Sofía Casanova, a primeira correspondente de guerra; até Celia Rivas, a primeira condutora de camións, Marcela e Elisa, as mestras que quixeron casar, Irene González, a primeira futbolista nun equipo masculino, Áurea Rodríguez, a primeira gaiteira, María Luz Morales, a primeira muller directora dun xornal de ámbito estatal («La Vanguardia»), e Ángeles Alvariño, a primeira científica nun buque de investigación internacional, que traballou un par de anos no Instituto Oceanográfico de Vigo.

Unha ducia de pioneiras, como as doutoras Valencia e Alvariño, ou como tantas outras mulleres viguesas que abriron camiño, cuxas historias merecen ser coñecidas e postas en valor. Recuperacións biográficas esenciais para a súa utilización didáctica nas aulas e para a formación nos valores da igualdade, mais tamén para as actividades do propio movemento feminista neste seu irreversible proceso de empoderamento emancipador, caligrafado nas rúas viguesas o pasado domingo por milleiros de mulleres, unha lumieira esperanzadora para erradicar as lacras do feminicidio, do acoso e das desigualdades social, laboral e económica, como raíces da sociedade patriarcal.

As conquistas do movemento feminista foron sempre conquistas para toda a humanidade; como sabemos que mudar a historia obriga a mudar as voces da historia. Secasí, se recuperamos os nomes e restauramos a memoria destas pioneiras, até agora invisibles na historia, contribuiremos a acuñar modelos e figuras femininas valoradas socialmente. Eis a necesidade de poñer en valor á doutora Olimpia Valencia e a outras pioneiras.