Onte 1760: «River», a vontade de serie de culto

River_Serie_de_TV-479701300-large (1)Os seis episodios de River demostran que nas series policiais aínda nos queda moito por ver. O desgarro psicolóxico que sofre John River provocado polo asasinato da súa compañeira, levarao a continuar a conversa con ela e con outras vítimas de casos sen resolver nos que participou. Un vello policía londinense, un antiheroe fráxil no emocional e afouto e sistemático nas súas investigacións, interpretado de forma maxistral por Stellan Skarsgärd, capaz de imprimirlle ao seu rostro todos os matices da melancolía. A localización no fascinante London actual, a resolución visual austera e elegante, o inequívoco espírito literario dunha narración cuxa trama vai deixando todo anoado son valores que contribúen a engaiolar ao espectador. Como merece mención o achegamento que dende as convencións do xénero negro se realiza á doenza mental por medio dun personaxe obsesionado pola perda. Aventuro que esta produción da BBC converterase en serie de culto. Recoméndoa.

Onte 1759: Presentación en Librouro d´«A ira dos mansos» de Manuel Esteban

Vai ser moi difícil esquecer o sucedido no serán de onte en Librouro onde presentamos A ira dos mansos, a novela de Manuel Esteban gañadora do Premio Xerais deste ano. Máis dun cento de persoas desbordaron a libraría viguesa seguindo as intervencións da xornalista viguesa Marta Gómez González, membro do xurado que outorgou o premio, e do autor na súa primeira presentación. Un serán moi emocionante que aventura unha recepción entusiasta desta novela negra viguesa de profundo carácter social e ético.

Comezou o seu discurso Marta Gómez confesando que »empatizou decontado co personaxe de Carlos Manso» e que «a estrutura tan sólida de novela negra parecía ser dun autor consagrado». «Cando escoitei as primeiras declaracións do autor comprendín que esta non era unha novela, era –como el sinalaba– un tumor que tiña que ser extirpado». «A ira dos mansos non é só un exercicio literario, é un berro de impotencia, a literatura concibida como ferramenta. Mais iso non impide que a novela sexa trepidante, que ofreza unha atmosfera de Vigo como cidade portuaria moi ben reflectida». «Ademais, o protagonista é un policía vello co que imos empatizando grazas ao seu humor negro que che vai corroendo».

Marta Gómez continuou sinalando que a novela «era unha homenaxe aos traballadores das asociacións como Down-Vigo, representados no personaxe de Lorena». A presentadora detívose en salientar a importancia da filosofía na novela que propón un debate entre as doutrinas de Confucio e o imperativo categórico de Kant e o seu sentido da xustiza universal. Rematou Marta gabando o momento de lucidez do narrador para poñerse na cabeza de Pedro, un dos personaxes con síndrome de down, que «representa o presente absoluto, a vivencia plena, constituíndo unha forma moi lúcida de achegarse a estas persoas».

Comezou Manuel Esteban confesando que non era amigo de referencias persoais, aínda que eran inevitables para falar d’ A ira dos mansos. Relatou as circunstancias do nacemento hai trece anos do seu fillo Antón con síndrome de down e como a partir de entón nunca deixou por sentado o que sucedería no futuro, «desa ferida interior naceron os meus primeiros textos narrativos». A seguir leu un deles (que se recolle no vídeo desta anotación, gravado por Librouro) e explicou que a orixe do título da novela estaba nunha frase emblemática de Jose Saramago «deféndenos señor da ira dos mansos».

Manuel Esteban xustificou a súa elección da novela negra para expresar a súa intencionalidade tanto por ser lector do xénero dende a súa mocidade como pola ambigüidade moral que permiten as súas convencións. «Quixen ofrecer un policía filósofo, misántropo, visceral, que levase ao lombo un fato de prexuízos, mais que fose capaz de mudalos. Esta historia vai de cambiar. Tiven presente unha frase de Eduardo Galeano: “Somos o que facemos para cambiar o que somos”». Rematou Esteban expresando que o personaxe de Pedro é a razón deste libro, «a voz de todos os mansos do mundo».

Onte 1758: Homenaxe a Manuel Lueiro Rey en Vigo

Homenaxe_Lueiro_Rei_Vigo_06-10-2016 (2)

XG00259301A presentación onte en Cartabón de dous libros de Manuel Lueiro Rey, Non debían medrar editado por Xerais e Novas crónicas dunha transición intransixente por Laiovento, constituíu unha humilde homenaxe viguesa ao centenario do autor nacido en Fornelos de Montes e afincado no Grove. Un serán no que lembramos a edición de Vigo en tres paisajes, coidada por Lueiro días antes do seu falecemento en 1990, na que recolleu os Sonetos a la ciudad de Vigo, polos que obtivera en 1960 o primeiro premio dos “Juegos Florales” vigueses. Ramón Nicolás, o editor literario das dúas obras e incansable motor da Causa Lueiro,sinalou que estes trece poemas eran “os mellores sonetos escritos á cidade de Vigo” e salientou a importante vinculación do seu autor con Vigo, esa cidade “punxente, coa fronte erguida”, convertida “hoxe na abella da ribeira”.Escritor humanista, esixente na defensa das súas conviccións democráticas, Lueiro comprendeu os alentos e esperanzas dunha cidade “dos traballadores do martelo, da roda e da máquina”.

Onte 1757: A gran novela sobre Castelao

Casa_Casares_Qurioga_05-10-2016 (2)

Intensa sesión literaria a que vivimos onte na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña onde se presentou O encargo do señor Castelao de Luís Rei Núñez da man de Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, e Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña. Unha obra que foi cualificada polo presidente da Academia como “a gran novela sobre Castelao” e polo alcalde da Coruña “como a visión do Castelao cidadán, un ser humano que fixo da súa vida un exemplo de dignidade”.

XG00258201Comezou o seu discurso Alonso Montero salientanto a importancia da personalidade de Castelao, “tan fecunda na súa fraxilidade, e ao mesmo tempo tan plural, que pertence ao noso país e tamén ao patrimonio da humanidade”. Alertou, despois, que o de Luís Rei Núñez “era un libro perdurable, estamos diante dunha novela,non dunha biografía de Castelao”. “É unha novela na que os episodios protagonizados por Castelao son episodios que se deron. Desque morreu Valentín Paz Andrade non sei de ninguén que nos teña ofrecido tantos datos e tan precisos sobre Castelao como Luis Rei nesta obra”. Advertiu don Xesús que “esta é unha novela na que o autor permite que os personaxes tomen as súas decisións. Quen lea este libro lerá o 99% de cousas sobre Castelao que son certas. Sobre Castelao e as súas relacións Luís Rei sábeo todo. En definitiva, lendo nestas páxinas quedei asombrado pola erudición do autor e disposición dos acontecementos de ficción”.

Comezou o seu discurso Luís Rei Núñez agradecendo as moitas persoas que o axudaron na preparación do libro, especialmente a Carlos Portomeñe. Referenciou despois o lugar da presentación, a casa de Casares Quiroga con algúns espazos coruñeses da novela, como o número 31 desta rúa Panaderas, onde no cuarto piso o pecé tiña un piso clandestino ou a proximidade do cárcere da Coruña onde foron fusilados José Gómez Gayoso e Seoane.”No libro ten moita presenza a cidade da Coruña, onde suceden cousas determinantes do que aquí se conta. A Coruña xa estaba presente en Expediente Artieda, na que se fia un retrato da Coruña popular, a que sofre. Tamén estaba n´ O señor Lugrís e a negra sombra, onde se retrataba a Coruña da bohemia, que sobrevivía nas marxes que permitía aquel réxime dictatorial. Agora volve coa Coruña da primeira década da ditadura”.

Luis Rei sinalou que “O encargo do señor Castelao é un libro histórico, pero é unha novela”. “A historia que a min me interesa e a guerra dos nosos avós, onde está a raíz do noso tempo. Todos os narradores queremos ser tusitalas, contadores dunha historia na que podemos permitirnos erros e serendipias. Manexamos varias historias que van chocando, de xeito que algunha require unha atención máxima. Aí é onde arrinca un texto, a súa epifanía, cando prende o lume. Nesta caso cando na mente de Castelao aparece o dilema moral que expresa o ánimo de vingarse”. “A novela é política, escrita desde alguén que cre na xente do común, na tendencia actual de desacralizar a unha figura como a de Castelao, na que cabe preguntarse se cheiraba só a auga bendita. Porén, Gayoso é o anxo escuro do libro. A pregunta que cabe formularse é se ese personaxe tan expeditivo nos métodos só cheiraba a xofre”. “A lección que podemos tirar é a da necesidade de mudar o mundo, afastándonos da moral cataventos, do camaleonismo, a parte dun certo adanismo, cando a xente se acustumou nalgunhas ideoloxías a manter silencio, froito do medo a expresarse, algo que seguimos padecendo neste tempo».

Rematou Luís Rei Núñez falando do novela como artefacto literario e das etiquetas utilizadas para clasificar autores, obras e xéneros. “Todo funciona nas fronteiras, como dicía o verso de Carlos Oroza, ‘dejad que el trigo crezca en las fronteras´. Como sucede coa augas das rías, as cousas, as persoas, as ideas contamínanse unhas con outras. Nesas augas híbridas sitúase esa novela. As novelas son o alimento da xente ás que o mundo non chega. Prefiro repartir dúbidas a certezas”.

Onte 1756: A novela galega do holocausto

XG00162201Resultou onte moi emocionante a presentación no Liceo de Ourense d’ O amor nos escuros días de Birkenau, a segunda novela de Alberto Canal.Trasa proxección do booktrailer, na súa versión longa (catro minutos) e a intervención do editor, o fotógrafo Rubén Vilanova, que colaborou con Canal na portada e na preparación do booktrailer, relatou a súa visita a Auschwitz e a Birkenau e a reflexión que esta experiencia estremecedora lle provocou.

“Birkenau era un campo de exterminio de 5 quilómetros cadrados, onde foron asasinadas un millón de persoas en dous anos (arredor de 1942). Organizado en naves dunha soa xanela, rodeadas de arame de espiño electrificado, que usaban os reclusos para suicidarse, constaba de catro crematorios e cadansúa cámara de gas, con capacidade para 2.500 persoas por turno. Cando estás alí e repasas todas estas cifras é imposible non preguntarse como foi posible que ocorrera algo semellante nun tempo non moi afastado”.

“Comprobas como os nazis procuraban a deshumanización completa dos reclusos, aos que rapaban e quitaban todos os obxectos persoais, até non ser capaces de identificarse. O seu obxectivo era cousificalos”. “Cando estás en Birkenau non entendes como é posible que en tres liteiras puidesen vivir corenta e cinco persoas”.

Alberto Canal, despois, leu un texto titulado “Contar o Holocausto”, no que explicou a orixe desta novela, nunha viaxe a Auschwitz e na necesidade no momento actual de seguir embrando o holocausto, “cando vivimos en Europa o auxe do filonazismo”. Insistiu Canal na súa intencionalidade de ofrecer unha novela de sentimentos, onde houbese lugar para o amor, a solidariedade e a resistencia, mais tamén o odio e o individualismo”.

Campo do Fragoso CLXXXV

faro-chapela-4214041-50_gA CAMPO ABERTO

Intensidade, ledicia, emoción e beleza foron algúns dos substantivos despregados na lameira do vello Balaídos na noitiña do domingo, durante un partido memorable que colocou outra vez ao Celta entre os grandes. Unha vitoria celeste moi traballada, forxada sobre a confianza e autoestima do cadro nas súas posibilidades para superar a un dos mellores equipos do mundo. Un encontro que, como aqueloutro do 4-1 da pasada tempada, lembraremos no futuro cando queiramos explicar a afouteza e a intelixencia coa que escribía os partidos un adestrador chamado Eduardo Berizzo.

Foi unha confrontación fermosa entre dous conxuntos xenerosos que aman a beleza no xogo, procuran o gol e queren levar a iniciativa. Así saíu o Barça de Luís Enrique, un adestrador respectado en Vigo polas súas conviccións, aseñorando a bola no cuarto de hora inicial de tenteo, liderado por un Neymar moi activo, disposto a facer esquecer ao lesionado Lionel Messi. Mais os de Berizzo non agardaron moito para abrirse a campo aberto, adiantanto a súa liña de presión sobre o triángulo formado por Busquets e os seus centrais, Piqué e Mathieu. Berizzo sabía que nas biqueiras desas tres torres, onde nacían todas as xogadas do Barça, podería atopar algún furado. Unha estratexia arriscada na que foi esencial o sacrificio de Hernández e dun renacido Daniel Wass, o domingo na media punta, e a verticalidade do incansable Iago Aspas, que foron incrementando o umbral da intensidade da súa presión até conseguir rebentar polo medio e medio a defensa catalá.

Así naceron os tres primeiros goles do Celta en once minutos inesquecibles. O primeiro, no 22, cando Radoja recuperou unha pelota que enviou a banda esquerda, onde Aspas trazou unha diagonal diabólica cruzada á rede por Sisto preto da área pequena. Recuperación, carreira e remate, unha fórmula que se repetiría nove minutos despois, cando Mallo aproveitou unha pelota perdida por Busquets que enviou sobre a mesma banda onde Aspas correu, caneou e disparou sobre o pau longo, un gol de moita valía. Situación que se repetiu un minuto despois, cando Wass, tras outra perda da defensa catalá enviou sobre o Astro de Moaña, preparado para o remate, o que evitou Mathieu marcando en propia meta. Tres goles que fixeron estralar os foguetes da ledicia e o orfeón da bancada.

Todo mudou na reanudación cando entrou na lameira Iniesta, substituíndo a un Rafinha moi abaixado en Balaídos. O Barcelona púxollo moi difícil ao Celta. En pouco máis dun cuarto de hora meteu dous goles, dirixido pola temperanza do seu capitán e impulsado pola enerxía de Piqué, que soubo adiantarse a Sergio nunha cabezada dun saque de recanto. Un gol que meteu aos de Luís Enrique no partido e durante uns minutos fixo dubidar aos de Berizzo. Xaora, a xogada decisiva do partido, o cuarto gol do Celta, produciuse cando o Barça máis asediaba. Porén, a confianza de Hernández levouno a continuar presionando a saída da pelota de Ter Stegen, que foi incapaz de superalo, facilitando así a cabezada ao pao esquerdo do chileno. Un lance que algúns poden considerar unha xogada desafortunada do porteiro alemán e outros cremos unha xenialidade froito da teimosa presión a campo aberto do cadro de Berizzo.

Tras o terceiro gol catalán, un centro marabilloso do noso benquerido Denís Suárez, rematado de forma inapelable por Piqué, o partido discorreu polos territorios do sufrimento e da resistencia que por ventura o Celta sabe xestionar cada vez con maior soltura. Así chegou unha vitoria tan merecida como axustada. A saída do estadio preguntabámonos, diante deste grande espectáculo futbolístico, cantos millóns se incrementaría no mercado do extremo oriente o valor deste Celta de Berizzo.

Onte 1755: Premio «Mondoñedo 10»

mondoñedo 10Pareceume unha idea magnífica a convocatoria do Premio «Mondoñedo10» que recoñecerá cada ano a mellor produción cultural da década de xeito consecutivo en dez modalidades: Narrativa en 2016, Poesía en 2017, Teatro en 2018, Ensaio en 2019., Música en 2020, Artes Plásticas en 2021…,

Unha iniciativa que permitirá ollar cara atras e facilitará a reflexión sobre o publicado, no caso da produción literaria, contando coas achegas da crítica e da propia recepción dos obras polos públicos, o que constitúe unha perspectiva até agora inédita no noso sistema. O premio «Mondoñedo 10», que se entregará coincidindo coas feiras e festas das San Lucas, supón un novidoso valor engadido con respecto aos diversos premios convocados para recoñecer a produción cultural na nosa lingua, ao tempo que revitaliza o papel de Mondoñedo como unha das nosas cidades literarias de maior tradición. Beizón para as entidades convocantes, a Asociación «As San Lucas», o Colectivo Mondoñedo É e o concello de Mondoñedo.

Aquí poden baixarse as bases do Premio.

Onte 1754: Camiño da pasokización

Tras a demolición da executiva de Pedro Sánchez, unha operación deseñada polo poderoso entramado mediático, empresarial e político internacional de Felipe González, o goberno de Mariano Rajoy está ás portas, xa que os que mandan dende onte no PSOE non queren nin goberno alternativo con Podemos  (meigas fóra!) nin novas eleccións. A partir de hoxe mesmo asistiremos á segunda fase da operación, a teatralización desta abstención do PSOE e á da recuperación do consenso entre as dúas sensibilidades enfrontadas de «forma apaixonada», que os medios afíns disfrazarán co argumentario das duras condicións esixidas a Rajoy polos socialistas (adiamento da LOMCE, lei mordaza, suba do salario mínimo…) como pola súa altura de miras para comprender as «razóns de estado», que non son outras que eses 15.000 millóns de euros (de recortes) esixidos polos acredores ao Reino de España.

Xaora, non é descartable que Mariano Rajoy, diante do éxito da súa estratexia de deixar que se desfagan os seus adversarios a lume lento, pretenda alongala outro mesiño forzando así a convocatoria dunhas terceiras Xerais ás portas de Nadal. Non fai falta ser adiviño para prognosticar daquela unha probable maioría absoluta dos populares e unha catástrofe histórica dos socialistas, reducidos a un partido nacionalista andaluz, que pagarían a prezo de ouro o capricho de Felipe e da súa raíña Susana. Proceso de pasokización que se completaría co inevitable ascenso de Podemos, como primeiro partido da oposición ( o soño de Iglesias), e o ascenso dos partidos nacionalistas cataláns, vascos e (desta volta, tamén) galegos, unidos pola estratexia do dereito a decidir.

Un proceso de dereitización do PSOE que non é difícil agoirar se reproducirá decontado no PSdeG-PSOE, onde probablemente reaparecerán as figuras do pasado (o eurodeputado José Blanco xa deu sinais de vida), dispostas a demoler a xestora de Pilar Cancela, o liderado parlamentario de Leiceaga e a «colaboración» cos gobernos municipais das Mareas. Un inicio de lexislatura magnífico para un Alberto Núñez Feijoo feliz, preparando as súas opcións para substituír a Rajoy cando fixese falta.

Onte viviuse un episodio dunha estratexia de alcance, a de evitar a posibilidade de conformar gobernos alternativos aos do núcleo duro conservador, no caso español o Partido Popular, ou de non houber outro remedio, dunha grand coalition con socialistas e liberais. Do que se trataba onte en Ferraz, en definitiva, era de derrubar sen piedade aos que defendían a doutrina perversa do «Non é non». Traballo feito.

Onte 1753. Ramón Nicolás en Bueu

NOvas_Collazo_Nicolas_30-09-2016

Acompañamos onte a Ramón Nicolás na presentación d’ O espello do mundo en Bueu, acto organizado pola sempre dinámica Librería Miranda. Foron as presentadoras as escritoras e profesoras  Iria Collazo e Lucía Novás, alumnas no seu día do autor, que fixeron dúas lecturas moi luminosas da novela.

Iria Collazo destacou a exhaustividade do traballo da documentación da novela que permitu que as dúas protagonistas, Ona Guiomar Méndez e Hildegarda von Bingen, sexan tan próximas á lectora. «A fluidez da narración fai que nos insiramos na súa relación, abordada dende unha óptica feminista, como toda a novela». «A empatía con elas é moi de agradecer. Son personaxes afoutas, valentes, nunha época que non era propicia para as mulleres que ostentaban poder». «Mulleres que comparten a súa sabedoría, os seus coñecementos sobre o campo, sobre a súa identidade e sobre o seu propio traballo». Collazo sinalou que na novela atopara concomitancias con Herba moura de Teresa Moure e Circe ou o pracer do azul de Begoña Camaño. Confesou que recoñecera a Ramón na utilización dun léxico coidado, marabilloso, «capaz de conseguir que a obra funcione de forma independente». «Foi un verdadeiro pracer ler esta novela», concluíu.

Lucía Novás destacou que a novela abordaba o mundo dos cenobios femininos do século XII, cando as mulleres xa perderan certo poder, aínda que pervivían estes mosteiros como o de San Pedro de Ramirás, onde está localizada a novela. Detívose en salientar a figura de Hildegarda von Bingen, «creadora da lingua ignota, experta en botánica, protomedicina ou ilustración, unha figura fascinante que recupera Nicolás». Concluíu confesando que para ela «o mellor da novela son os textos sobre os seres máxicos, o dragón e o unicornio, onde Ramón Nicolás expresa o seu carácter de poeta».

Campo do Fragoso CLXXXIV

guidetti-wass-1FINAL FELIZ

Como sucedeu na noite máxica do pasado domingo en Cornellá, na que goleou en tempo de desconto, o Celta apuntouse no serán europeo de onte a outro final feliz, noqueando ao Panathinaikos nun extraordinario derradeiro cuarto de hora, no que marcaron Guidetti e Daniel Wass. Cos golazos das nosas estrelas escandinavas volveu a Rianxeira ao vello Balaídos e as saudades daquelas grandes noites europeas do Celta do xogo da serpe nas décadas de entre séculos.

A pesar dalgunhas eivas, sobre todo do axuste no xogo das bandas, nas que non se consegue aínda os desdobres que facilitaba con tanta frecuencia Nolito a Jonny, o cadro de Eduardo Berizzo mellora en cada encontro, sobre todo grazas a súa maior solidez defensiva, á que non é allea a seguridade da parella de centrais, onte Cabral e un recuperado Fontás (unha excelente noticia), nin o xogo pletórico de Tucu Hernández, o referente indiscutible do equilibrio entre defensa e ataque. Este é un Celta que medra dende a defensa.

Mais non vaiamos a pensar que foi doada a vitoria fronte aos atenienses, un dos grandes do fútbol grego, que visitaban por vez primeira Balaídos. Durante a primeira parte, o Celta monopolizou a bóla, mais nunca conseguiu inquedar a muralla helena, alicerzada sobre tres centrais de altura, que facilitaron o despregue dos seus laterais longos. Un esquema que deixaba ao Celta o control da pelota, mais non do ritmo do encontro, xa que cun xogo barulleiro era incapaz de artellar con orde as súas transicións. Durante este período non lembramos disparo nin oportunidade celeste ningunha, sendo, pola contra, moi claros os remates a porta de Ibarbo e Coulibaly que, por ventura, parou Sergio, onte moi acertado.

Tras a pausa, os gregos puideron adiantarse no marcador, sobre todo se o colexiado italiano sinalase un penalti que, probablemente, Cabral cometeu sobre Ibarbo. Polémica que se repetiría na área grega cun empurrón sobre Guidetti, moi protestado polo sueco. Cando o partido esvaraba polo aborrecemento, a bancada celeste saíu en axuda dos seus, coincidindo cos tres trocos de Berizzo que nun plis plas deron unha reviravolta ao xogo e ao resultado. A entrada dos dinamarqueses Sisto e Wass achegou a potencia que faltaba, abriu as dúas bandas, fixou aos seus defensores e permitiu que polo centro Tucu Hernández movese coa intensidade e a rapidez que crea as superioridades. Con todo, foi a entrada de Iago Aspas a que prendeu a faísca que o cadro precisaba para darlle unha refolada ao partido. Co astro de Moaña na lameira Celta funcionou como unha formigoneira poderosa e os goles chegaron decontado.

Unha asistencia preciosa de Wass, un pase da morte dende a banda dereita, permitiu que dende a área pequena Guidetti inaugurase, nun remate difícil, case dende o chan, a táboa de marcas. Os gregos desesperados contestaron decontado na área galega cunha cabezada de Berg que despexou Sergio in extremis. Xaora, a seguir, Daniel Wass liquidou o partido cun saque de falta maxistral, unha folha seca dende a frontal capaz de furar a rede e chegar a Marcador. Un deses goles difíciles de esquecer, que provocou un estourido de entusiasmo e o comezo do orfeón da bancada. Tras setenta e cinco minutos difíciles, algúns en inferioridade, os de Berizzo renacían cun xogo electrizante e eficaz. Volveu a maxia da competición europea que nunca defrauda en Balaídos. En tres semanas, outra festa, desta volta contra o Ajax, un vello coñecido.