Onte 1176: Caballero e a rotonda de Coia

rotonda_coia

O conflito veciñal da rotonda de Coia ameaza con estragar o que semellaba unha tranquila maioría absoluta que procura o alcalde Abel Caballero. Fracasa en Coia o seu modelo de cidade ornamental (que nestas datas de nadal chegou a súa máxima expresión coa exitosa árbore do Sireno), fronte a un veteranísimo movemento veciñal que denuncia o despilfarro dunha obra innecesaria e reclama que os 300.000 euros do custe da rotonda sexan destinados a politicas sociais nun barrio onde viven 30.000 mil persoas, das que un número importante viven no bordo da pobreza. Teimar en chantar alí o Bernardo Alfageme, cando debería aboiar dende hai anos nos peiraos do Museo do Mar de Alcabre, constitúe unha torpeza de vulto no desenvolvemento do planeamento, ao tempo que pon en evidencia o rotundo fracaso da política municipal de conservación dunha peza moi valiosa do noso patrimonio industrial. Como tamén é inxustificable acusar aos opositores veciñais de monicreques dunha protesta argallada por partidos nacionalistas de esquerda. Abel Caballero debería ser consciente que nunha cidade con máis de 30.000 desempregados as politicas sociais teñen que ser a principal prioridade dos poderes públicos. Tras dous mandatos non abonda con xustificar o custoso arranxo de beiravías e prazas co argumento tantas veces repetido de ser «medidas keynesianas» creadoras de emprego. A veciñanza de Coia precisa outras respostas.

Rescate do galego

No artigo da semana en Faro de Vigo xustifico a necesidade de artellar un plan de rescate para o galego, ao fío dos datos do ICE sobre coñecemento e uso do galego en 2013.

galegoOs datos do IGE sobre coñecemento, uso habitual e inicial do galego en 2013 expresan a aceleración do proceso de substitución lingüística en Galicia. O galego sofre unha hemorraxia dos seus falantes habituais, que aínda son a metade da cidadanía, mentres que o número daquelas persoas que en Galicia falan sempre ou principalmente castelán avanza en todos os tramos de idade e espazos xeográficos, sendo xa esta lingua maioritaria en case todas as cidades e entre os menores de 29 anos.

Esta consolidación do monolingüismo castelán, fenómeno moi intenso nas tres cidades portuarias atlánticas, intensificouse dende 2008 un 17,50 % entre os menores de 15 anos, que utilizan o castelán nunha porcentaxe que supera o 75 %, cifra á que sen dúbida non foi allea a modificación da política lingüística educativa do goberno de Núñez Feijoo. Datos que agoiran un futuro dramático para o galego, situado no entorno do actual devalo demográfico ao bordo do perigoso cantil da súa posible desaparición neste mesmo século.

Se a lingua propia de Galicia, definida así no Estatuto de Autonomía, esmorece nestes últimos anos a velocidade de vertixe non é por causas naturais. É difícil non reparar en que foron as presións de pequenos grupos negacionistas e as súas reiteradas mentiras de “la imposición del gallego” as que levaron a Feijoo, cando chegou a presidir a Xunta de Galicia, a abandonar o consenso social e político forxado arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que avalara en 2004 sendo vicepresidente do derradeiro goberno Fraga.

Como son innegables os retrocesos para o uso da lingua galega, aí están os datos do IGE, que supuxo a posta en vigor en 2010, o tan mal chamado “Decreto de Plurilingüismo (pendente aínda de resolución xudicial), polo que o galego foi practicamente erradicado só nun par de cursos académicos dos centros de Educación Infantil e eliminado dos currículums de Matemáticas e Física e Química da educación obrigatoria, coa mesma urxencia e idéntica conmoción que require extirpar un tumor diagnosticado de daniño. Dende entón o galego non só perdeu uso entre as nosas crianzas de Infantil, privadas da súa aprendizaxe en idade tan decisiva para a consolidación das competencias de comunicación lingüística, sobre todo da lectoescritura, tamén perdeu prestixio e valor para as súas familias, consolidando actitudes negativas e prexuízos lingüísticos atávicos que comezaban a ser superados.

Ninguén pode sorprenderse agora que o galego sexa considerado pola primeira infancia como unha lingua escolar estraña e allea, coa que teñen o seu primeiro contacto como vehicular ao comezo da Primaria. Como ninguén pode negar que quedase subalternizada fronte ao castelán á hora da consecución do obxectivo da dobre e idéntica competencia en ambas as dúas linguas ao remate da ESO, imprescindible para garantir a liberdade lingüística de toda a cidadanía galega, que hoxe só ten garantida á que escolle instalarse en castelán. Os que optamos por instalarnos nas nosas vidas en lingua galega tamén merecemos que sexan respectados os nosos dereitos e que os nosos fillos non sexan considerados como seres extraterrestres na súa propia terra.

A que semella imparable onda castelanizadora das cidades portuarias atlánticas ten que ver coas opcións adoptadas polos seus gobernos e élites locais que nos últimos anos reduciron de forma drástica o emprego público da lingua galega. Este é o caso da actual corporación municipal viguesa, a que menos utiliza o galego de todas as do período democrático, esquecendo que é a lingua oficial do concello de Vigo como quedou fixado na Ordenanza de Normalización Lingüística vixente dende 1988. Con algunhas poucas excepcións, a maioría dos concelleiros e concelleiras do PSOE e do PP xa nin sequera interveñen en galego nos plenos e algúns manteñen de forma teimuda o monolingüismo castelán en toda a súa actividade pública. Abandono do uso público do galego que comparten membros de colectivos veciñais, sindicais, profesionais ou mesmo de novas opcións políticas que se presentan como alternativas.

Como temos aquí reiterado, ademais de ser un patrimonio da humanidade ao noso cargo, o galego é unha marca no espazo da globalización, o que supón unha riqueza incalculable e unha relevancia extraordinaria para Galicia e para cada un dos seus cidadáns. Xaora, non é posible conformarse diante dunha situación dramática que por ventura pode ser reversible se conta cunha maioría social disposta a corresponsabilizarse do seu futuro. O galego precisa un plan de rescate urxente, asumido por todos os poderes públicos e alicerzado sobre un amplo consenso político e social. De non aproveitar esta derradeira oportunidade, a lingua de todos caerá no abismo da súa xa inevitable desaparición.

Onte 1175: A primeira receita do polbo

XG00217501Na presentación que onte fixo en Ferrol d’ O polbo e a súa cociña, Matilde Felpeto, despois de referirse á presenza dos polbo nos libros de cociña máis antigos, dende o século XIV e XVI, do tratamento despectivo que recibiu no Picadillo e nos libros da Pardo Bazán, así como a reivindicación que do polbo fixeron Cunqueiro, Araceli Filgueira e Carmen Parada,revelou a primeira receita documentada protagonizada polo rei da cociña galega dos mares. Un valioso documento da cultura clásica para a cultura gastronómica de noso aparecido no século I en De re coquinaria, a quinta receita da parte nona, Thalassa mare, que reza do seguinte xeito: «Servirás o polbo ná mesa con pementa, salsa de aceite derretido e benjui«. Unha receita que a pesar da súa brevidade constitúe un claro precedente do «polbo á feira», un dos patrimonios galegos da humanidade. Como boa mugardesa, Matilde non perdeu a ocasión de confesar que para ela é na ría de Ferrol onde se pescan os mellores polbos do mundo. Un magnífico serán para a nosa cultura gastronómica.

Onte 1174: Cincuenta e cinco

55_aniversarioOnte cumprín 55 anos. Moito teño que agradecer todos os parabéns que recibín por teléfono, twitter, Fb, mensaxes de moitos e moi xenerosos amigos e amigas. Cando o celebramos despois de xantar cun café e uns chocolates de El Molino, que somos os Beleiros moi larpeiros, miña nai fachendeou con moita retranca de ter apenas 25 anos máis ca min, aínda que como adoita nestas ocasións revelou despois que me fixera moito de rogar e non nacera no Pirulí até as seis daquela tarde. Outro pequeno detalle, relevante e ate hoxe descoñecido, para ir reconstruíndo o relato da vida, ese labor sempre inacabado que a todos convoca. Obrigado, pois, polo agarimo de todos que agardo poder seguir compartindo con vosoutros durante moitos anos.

Onte 1173: Revista «Criaturas»

10802068_1583780235168384_7297731824150723223_n-306x410Unha das cousas máis bonitas do pasado Culturgal foi a presentación do número 0 de Criaturas. revista dixital de literatura infantil e xuvenil. Creo que Ledicia Costas e Daniel Landesa, coordinadores do proxecto, acertaron á hora de formar un consello editorial no que se mesturan as tres xeracións de autores, ilustradores e mediadores que hoxe conviven na LIX galega, a Lamote dos fundadores, a da fin de século e a da Esperanza, a máis recente, e da que eles mesmos forman parte. Acertaron tamén no deseño innovador da web como na posibilidade de ofrecer os contidos en formato magazine, o que lle achega a cada número a necesaria finitude. Coma tamén o é o enfoque dos contidos, fuxindo do perigoso academicismo universitario, orientados cara á formación e información dos mediadores. Seguiremos coa maior atención estas Criaturas, un novo espazo para enxergar tanta esperanza que precisamos para a madurez da nosa LIX.

Onte 1172: Booktuber gaba «Black Air» e cita a literatura galega

black_airFoi unha sorpresa coñecer que a booktuber londiniense Sanne de Booksandquills (117.000 seguidores) dedicase a súa primeira recomendacion do mes de novembro a Black Air, a novela de Agustín Fernández Paz, traducida por Jonathan Dunne e publicada en inglés por Small Stations dentro da colección «Galician Wave». Un feito moi relevante xa que Sanne encadra o texto dentro da literatura galega, gaba a nova colección xuvenil e o deseño cool das súas cubertas, ao tempo que comenta o seu interese por ler máis obras do autor. A peza leva xa máis de 32.000 visionados e non está de máis deterse a ler os comentarios, onde participan lectoras galegas e catalás de Agustín. O fenómeno booktuber (lectores e lectoras novos que comparten as súas lecturas e comentarios no seu vlog de youtube) ten cada vez máis importancia na literatura xuvenil internacional, pola súa grande influencia na conformación de tendencias entre o lectorado.

Dende hai meses coñezo o caso de Sebas G. Moure, un booktuber galego (máis de 31.000 seguidores), un mozo de Lugo de dezaoito anos (con 25.000 seguidores en Twitter), estudante de xornalismo en Madrid, que publica os seus comentarios en «El coleccionista de mundos» e «O rocho das ideas» (en galego). Nos vindeiros días afondaremos no fenómeno booktuber en galego e nas experiencias de lecturas compartidas que se veñen facendo na rede galega de bibliotecas escolares.

Onte 1171: «Ovella descarreirada» de Marilar Aleixandre

Berta_Davila_Marilar_Aleixandre_11-12-2014

Presentamos onte na Libraría Couceiro de Compostela Ovella descarreirada, o libro de poemas de Marilar Aleixandre ilustrado por Óscar Villán. Foi Berta Dávila, escritora e crítica de literatura infantil, quen se ocupou de facer a lectura dun libro que comezou definindo como «de fronteira. como todos os libros bos, para nenos e mozos, concibido para descarreirar ovellas para todas as edades». «Un libro que constitúe ademais un acontecemento a celebrar polo seu deseño seductor e polo traballo fantástico de ilustración de Óscar Villán.» «Un libro que presenta animais e temáticas complexas. Unha cosmovisión de suxeitos que descarreiran, reivindicando o que se desexa ser ou se escolle, un exercicio de rebeldía liberadora.» «Un libro que foxe do didactismo moralizan, sen que isto supoña que estea baleiro de ideas e dunha visión ética do mundo». Continuou Berta sinalando que «Ovella descarreirada é un catálogo de animais e plantas que non é inocente, a faneca, a balea, o polbo, a ovella, as abellas, mais tamén a camelia, o tiberio, a flor de toxo, como a recuperación de microtopónimos.» «Recupéranse tamén as formas da poesía popular, como a regueifa, a repetición, os versos encadenados, como os recursos da poesía actual, con rima e sen ella, como a tradición do punk e o rock.» Despois reflexionou Berta Dávila sobre a poesía infantil de autor que considerou como «un elo fundamental entre a literatura popular e a poesía contemporánea.» «O poético é o territorio do posible, un obxectivo de vivencia.« «A poesía non deber ser comprensión, senón experiencia de lectura.» Rematou contundente: «o que presta neste libro é que soa máis a rock cá música de Brahms. É boa literatura.»

Pola súa banda, Marilar Aleixandre, antes de recitar varios poemas e agradecer a Óscar Villán o seu traballo de ilustración, confesou que «estes poemas naceron dun impulso de reescribir cousas que nos contaron, refráns ou poemas que amamos ou a nosa propia vida, xa que ben sabemos que todos os poetas menten.» «Neste libro apropieime de historias de infancia que non son miñas, aínda que naceu dunha canción que me encargou Leilía, “Corazón de sal”.» «Pretendín reescribir o poema da forma máis literal posible, en pezas como “Apañar a primavera” ou gardar os topónimos e microtóponimos.» «Reescribir é escribir o que non está escrito.»

Aqui poden verse algunhas ilustracións que Óscar Villán preparou para o libro.

Onte 1170: Suso de Toro conversa con Susana Pedreira

Suso_de_Toro_Pecreira_Cronopios_11-12-2014Apaixonante resultou seguir a conversa que Suso de Toro mantivo onte coa xornalista de Onda Cero Susana Pedreira na libraría Cronopios de Pontevedra arredor de Somnámbulos. Comezou Suso louvando o estado actual da cidade de Pontevedra e explicando a orixe da publicación deste novo libro de relatos.

«Cando decidín pechar todo e regresar ao ensino, quedou aberta unha carpeta cunha obra teatral comezada. Quizais porque dentro miña operou un malestar sobre a situación política da Transición, recuperei quen era eu naquel momento, un mozo antifascista, disposto a todo, nuns anos de radicalidade cando o réxime tamén o estaba. Non esquezamos que mataron a aqueles cinco rapaces. Foron anos terribles, nos que a policía ametralou aos traballadores de Ferrol. Anos nos que se vivía unha tensión moi forte. Todo aquilo quedou sepultado, negado, mesmo coa denominación de “dictablanda”, coa intención de negar até o propio franquismo. Eu sentínme sepultado, o meu verdadeiro eu sentíase negado e desprezado. Desa pulsión e coa intención de expresala naceu “Negocios de familia” o primeiro relato do libro.» Lembrou despois aqueles días arredor do 27 de setembro de 1975, «foron días moi duros os que viviron cando fusilaron a aqueles rapaces, algúns non participaran en delitos de sangue, interviu o papa Pablo VI, houbo protestas en toda Europa, non se precisaba estar en contra do réxime para denunciar aquilo.»

Interpelado por Susana Pedreira sobre a abordaxe do tema da culpa en «Negocios de familia», Suso de Toro afirmou que «un escritor ten que comprender a todos os seus personaxes.» «Dentro do monstro sempre hai un meniño, hai que ir a esa fonte primeira, onde o poder absolver. Así o fixen nun libro terríbel, Home sen nome, e tamén aquí. Neste relato non enxuízo aos personaxes, mais non considero que todos fosen iguais, os do réxime e os que loitabamos contra el.»

Falando do segundo relato, «Auga derramada«, Suso de Toro reflexionou sobre a dignidade dos humildes e maiores e sobre a importancia dos lazos familiares. «A vellez como momento da rememoración da vida é un momento moi lírico. O que vai entre a infancia e a vellez é unha impostura. A vellez é unha época de grande valor vital.»

Remataron a conversa Susana Pedreira e Suso de Toro falando de «Insomne», o relato que pecha o libro, nacido do que o autor denominou «un tropezo con Manuel Fraga». «Hoxe os que teñen auténtico poder protéxense tras un muro de pástico. É moi complicado enfrontarse a eles.»

 

Onte 1169: A evolución do escritorio

 

Non son moito de fricadas, mais esta peza merece ser arquivada como recurso didáctico. Máis alá do carácter disruptivo da mudanza entre os soportes analóxicos e os dixitais, chama a atención como nos últimos trinta anos a microinformática e o software a ela asociado foron devorando aos aparellos, obxectos e materiais dos escritorios da nosa mocidade. Hoxe moitos dos adolescentes descoñecen como funciona un fax, un magnetofón, un proxector e unha pantalla de diapositivas ou un teléfono de fíos. En todo caso, non é moi difícil aventurar que a evolución desta progresión disruptiva anuncia que os actuais portátiles e smartphones teñen tamén os días contados. Así de cruel é a dixitalización disruptiva, que impide collerlle cariño a todos estes novos aparellos.

Os dereitos da infancia

No artigo da semana de Faro de Vigo falo dos dereitos da infancia con motivo do vinte e cinco aniversario da Convención dos Dereitos do Neno (CDN) e da celebración do Día dos Dereitos Humanos.

XG00231101O pasado 20 de novembro, día mundial da infancia, celebrouse o vinte e cinco aniversario da “Convención sobre os dereitos do neno” (CDN) aprobada polas Nacións Unidas cando se facían trinta anos da “Declaración dos dereitos do neno” (1959). Documentos internacionais esenciais para o recoñecemento dos dereitos humanos das persoas menores de 18 anos de calquera lugar do planeta, de calquera raza, sexo ou relixión, ou calquera que fose a súa capacidade física ou intelectual.

A transcedencia dos 54 artigos da CDN foi salientada polo pedagogo Francesco Tonucci no prólogo do libro “Os dereitos da infancia” (Xerais, Unicef, 2014) xa que o texto da convención fixa que ao naceren os nenos son cidadáns, non futuros cidadáns, e como todos “teñen dereito a participar, a decidir e a protestar”. Un recoñecemento fulcral da infancia e do seu papel activo na sociedade, xa que esta condición de cidadáns capaces e competentes confírelles responsabilidade na súa defensa, especialmente no que atinxe á participación no eido educativo e familiar. No marco dos catro principios fundamentais da CDN, o da non discriminación, o do interese superior do menor, o dereito á vida, sobrevivencia e desenvolvemento, así como o dereito á participación, o texto recolle con claridade os dereitos económicos, sociais e culturais dos menores: o dereito á saúde, á educación, á protección, á convivencia familiar, a non sufrir abuso, violencia nin explotación laboral, a non ser reclutado para participar en conflitos armados, a presunción de inocencia…

Unha convención, que ten rango de lei e carácter vinculante, elaborada a partir dunha versión do goberno de Polonia en 1978, asinada en 1990 por vinte países e dende entón ratificada por 194 coa excepción dos Estados Unidos e Somalia que só a asinaron, mais que aínda non a ratificaron e, polo tanto, non están comprometidos a acatala. O caso dos Estados Unidos é rechamante xa que foi un dos países máis activos na redacción dun documento, aprobado dez días despois da caída do muro de Berlín. Porén, a pesar de ser asinado pola administración presidida por Clinton e de que o presidente Obama considerase a súa ratificación unha prioridade, non foi aínda enviado ao Senado, onde precisa de dous terzos para a súa aprobación. Os sectores conservadores estadounidenses opóñense a ratificación do documento, como doutros tratados de dereitos humanos, co argumento de “preservar a soberanía estadounidense”, ao tempo que consideran que a CDN minusvalora o papel da familia e dos pais, para eles a única institución que detenta a autoridade sobre a educación e a disciplina dos menores de 18 anos.

Tras vinte e cinco anos da aprobación da CDN, os menores continúan sendo moi vulnerables, millóns de nenos e nenas son vítimas de violacións dos seus dereitos. Organizacións como Amnistía Internacional denuncian que máis dun millón de nenos e nenas son vítimas de tráfico de seres humanos con destino á explotación laboral ou sexual; 300.000 participan como soldados en conflitos en diversos lugares; máis dun millón están en centros de detención e nalgunhas ocasións se lles aplica a pena de morte (tres casos en Arabia Saudí no ano 2013); ou que cada ano dous millóns de nenas corren risco de mutilación xenital. Mais non vaiamos pensar que estas violacións se producen só nos países do mal chamado terceiro mundo. En España, segundo Amnistía Internacional, é particularmente preocupante a situación dalgúns menores con problemas de conduta ou en situación de dificultade social internados en centros de protección terapéuticos. Como tamén o é que se manteñan as taxas de fracaso escolar por riba do 23 % ou a existencia de 2,3 millóns de nenos e nenas por baixo do umbral da pobreza, cifra á que non é allea o incremento da taxa de pobreza infantil que, segundo datos dun recente informe de UNICEF, pasou do 28,2 % ao 36,3 %, entre 2008 e 2012, ocupando así España o posto número 35 entre os 41 da OCDE. Datos escandalosos polos que a loita contra a pobreza infantil e a exclusión social e por unha educación inclusiva e de calidade deberían ser hoxe unha prioridade política.

A situación de precariedade da infancia foi denunciada pola activista paquistaní Malala Yousafzal e polo activista indio dos dereitos da infancia Kallash Satyarthi, que comparten o Premio Nobel da Paz deste anos, dúas figuras que actualizan coa súa testemuña a axenda internacional dos dereitos da infancia. Xaora, como sinala a escritora María Reimóndez, non debemos esquecer que os dereitos humanos son “como unha leira na que cómpre traballar sen desfalecer, un traballo nunca completo porque choca fronte os intereses de quen se beneficia da desigualdade”. En definitiva, os dereitos da infancia continúan sendo espazos para a corresponsabilidade e o activismo.