1058: Cuarto día de feira

Moi apretado foi o cuarto (e último) día da nosa participación na Feira do Libro da Coruña, un serán no que en tres horas presentamos os libros de poemas de Carlos Negro e Carlos G. Reigosa, a novela máis recente de Alfredo Conde e o primeiro libro de relatos de Ramón Vilar Landeira. Catro presentacións «express» nas que participou moito público que amosaron a viabilidade dun modelo de acto literario máis breve na súa duración (entre trinta e 45 minutos) e máis atractivo no seu formato para as feiras do libro de Galicia.

Penultimas_tendencias_05-08-2014

Comezou o serán coa conversa entre Mercedes Queixas e Carlos Negro arredor da Penúltimas tendencias, o poemario publicado na colección Fóra de Xogo. Tras lembrar de forma moi emocionante e fermosa as visitas da súa avoa ao centro da Coruña e a súa propia adolescencia, Queixas chegou á protagonista de Penúltimas tendencias, «unha rapaza que máis alá do universo rosa decide poñer a funcionar o seu cerebro», «ela decide ser, decide ir máis alá, decide a quen quere e como quere, decide non ser fashion nin cool, decide ser permanentemente ovella negra, blindar o seu corpo e a súa lingua de penúltimas tendencias uniformizadoras».

Carlos Negro comezou agradecendo «o agasallo da luz da Coruña, esta luz atlántica tan especial». Advertiu que «traía un libro de versos e, a pesar de ser consciente da existencia de etiquetas e idades, o que importa é como se enfronta cada lector cos silencios do texto». Definiu Penúltimas tendencias como «o diario da metamorfose dunha moza que sabe o que non quere ser, ainda que non saiba que quere ser».

Na conversa que mantiveron Queixas e Negro abordaron, entre outros temas, o modelo de amor romántico, ou «amor de cadeado», fronte o «amor de remar xuntos», como a necesidade de achegar a poesía aos adolescentes. Para Carlos Negro «os poetas absorbemos como esponxas os fluídos que nos dá a vida. Chegamos aos adolescentes non dende o discurso, senón dende a vivencia da emoción».

Kid_salvaxe_05-08-2014

Foi o poeta Miguel Anxo Fernán Vello que presentou Kid Salvaxe, o primeiro libro de poemas de Carlos G. Reigosa. Tras expresar a súa admiración polo autor, Fernán Vello, prologuista do libro, debullou algunhas definicións da poesía como a de Gabriel García Márquez, «a poesía contaxia o amor; a poesía é esa secreta enerxía da vida cotián», ou a de Joseph Brodsky, «a poesía é a verdadeira educación do gusto literario». Para o editor de Espiral Maior, «a poesía foi sempre un motor da creación literaria de Carlos Reigosa, desde os seus tempos universitarios madrileños, no que escribiu os poemas de Eu e Esperta Galiza».

Fernán Vello definiu a poesía de Reigosa en base a tres consideracións. A primeira: «a poesía de Carlos Reigosa está tinxida toda ela de experiencia vital, coa carga da memoria e da experiencia no tempo que actúa como percutor da material verbal». A segunda: «a poesía de Carlos Reigosa contén a carga profunda do confesional». A terceira: «a poesía de Carlos Reigosa é poesía da memoria dos instantes vividos. Como sinala Gamoneda, “a poesía é unha arte da memoria, instante de instantes”». Para Miguel Anxo esta tres consideracións resumiríanse neste verso esencial, onde Reigosa sintetiza a súa poética: «Eu son alguén que vai cara o lugar onde se funde a memoria». «En Kid Salvaxe o poeta mantén un diálogo intenso coa propia vida, fuxindo de calquera ornamento para trasladarnos a carga emotiva que funda o poema, o golpe, a emoción e conmoción que persegue toda obra artística». Desvelou Fernán Vello a importancia no libro da morte do pai, «que funciona como a brasa que queima». Citou despois as referencias a Dylan e Kerouac presentes nestes versos, «onde se identifica un ritmo de blues e ás veces de jazz de tarde melancólica de domingo». Un libro que, aventurou Fernán Vello, «vai marcar un momento na traxectoria literaria do autor, deixará cinza e remol nos lectores». «A poesía deféndese soa ou non a defende ninguén».

Carlos Reigosa confesou que «tomaba a poesía menos en serio do que dixo Fernán Vello». «Non me sinto poeta, o que me sinto é autor de poemas».

Chovida_do_ceo_05-08-2014

O xornalista Manuel Rodríguez, pregoeiro desta edición da Feira do Libro da Coruña, presentou Chovida do ceo, a novela de Alfredo Conde. «Esta novela retrata moi ben a un personaxe, o inspector Salorio, no que identifico a añoranza do espírito do capitán do propio autor». Gabou Rodríguez a novela de Conde, «onde se relatan situacións moi diversas, moi divertidas de ler, onde non falta nin a imaxinación nin a prosa retranqueira, como adoita o autor en toda a súa obra».

Pola súa banda Alfredo Conde, confesou que «non sei escribir novelas negras, só sei facer novelas. Non creo que haxa novelas policíacas, negras ou históricas, só hai novelas». Expresou a súa admiración por Henning Mankell e Stieg Larsson, «que escriben novelas con mortos e policías, máis que transcenden a novela policial». «Chovida do ceo continúa a serie que abrín con Ósos de santo, protagonizada polo inspector Salorio, que probablemente terceira unha terceira e derradeira entrega». «O inspector Salorio é un tipo que me cae moi ben, ten unha visión da vida que me é familiar».

Os_televisores_estrabicos_05-08-2014

Rematou o serán literario coa presentación do libro de relatos de Ramón Vilar Landeira Os televisores estrábicos diante d emáis dun cento de persoas. Sinalou o autor a importante presenza da Coruña no libro, o segundo topos da obra, a cidade magnética na que se desenvolven algúns relatos. Tras ler varios dos comentarios recibidos dende a publicación do libro, Ramón Vilar reinvindicou o dereito a rir, «que non nos rouben o dereito a rir». Magnífico remate para un serán que moito pagou a pena.

Onte 1057: Terceiro día de feira

Alonzo_MOntero_Bragado_04-08-2014

Acompañei a Xesús Alonso Montero no acto de presentación de Pedro Petouto. Cavilacións dun mestre de aldea que pechaba a xornada de onte na Feira do Libro da Coruña. Aproveitou don Xesús para desvelar os libros nos que está traballando, unha biografía de Filgueira Valverde e unha recompilación da súa poesía popular. «Considérome un fistor popular. Levo a coroza do home popular, sei que non son poeta, son fistor, un poeta das silveiras, sei que no humus popular teño as miñas raíces, razón pola que me gusta ser considerado como fistor». Lembrou e homenaxeou a José Francisco Armesto Faginas, que lle abrirá as páxinas de El Pope, onde se publicaron algúns dos textos narrativos reunidos en Pedro Petouto. «Mágoa que non se teña publicado aínda a biografía, probablemente inconclusa, sobre Fraga na que Armesto traballou nos últimos anos da súa vida». Alonso Montero cualificou o seu Pedro Petouto como «a resposta que hai corenta anos deu un profesor de Lugo a algunhas cousas que o ferían daquel tempo». «Tiven que eludir a garlopa do franquismo, daquela tratabamos de evitar o traballo do censor, escribiamos con autocensura, como continuamos facendo agora». Confesou don Xesús que non era comunista, «aínda que si militante do Partido Comunista dende 1962». Lembrou como case afoga o 21 de abril de 1977 en Radio Popular de Vigo cando nunha entrevista dixo por vez primeira que era comunista. Pechou a intervención referíndose ás homenaxes da dedicatoria a Amor Deus, Aneiros, Riobó, Pillado e Xosé Luis Sáez, como a que se facía no título ao canteiro que construíu a casa familiar da Groba en Ventosela.

Onte 1056: Prexuízos

Monica_de_Nut_e_Virxilio_da_SilvaOs responsables do Club Dux de Sanxenxo pararon o concerto de Mónica de Nut e Virixilio da Silva ao terceiro tema aducindo que a música da cantante viguesa de jazz «no encaja con el local». Outra volta apareceron os prexuízos, esas lentes deturpadas sobre o noso idioma e a nosa cultura, que invalidan o traballo dunha artista galega de proxección internacional, convidada a participar no ciclo de jazz do Club 1906. Outra vez poñénse en evidencia que algúns artistas galegos teñen maiores dificultades para ser aceptados na propia terra ca alén dela. Imaxino que os donos do (selecto) Club Dux de Sanxenxo, onde se debe cortar o mellor que chega de fóra, entenden que a actuación desta artista autóctona pode facerlles perder un gramo do seu glamour. E iso non o poden permitir. Xaora, estou certo de que a pesar dos seus prexuízos neopailáns, serán moitos os seus clientes, mesmo os que chegan estes días de Madrid con corte incluída, que posúen curiosidade abonda e bo criterio artístico para gozar da música en galego de Mónica e Virxilio que fusionan jazz e música tradicional de noso. Mágoa destes xestores de tres pesetas. Mágoa!

Onte 1055: Segundo día de feira

Rosa_Aneiros_Bragado_02-08-2014

Intensísimo o segundo día da nosa participación na Feira do Libro da Coruña, onde ao longo de tres horas compartimos mesa con Rosa Aneiros, María Reimóndez, Pemón Bouzas e Xurxo Souto. Catro presentacións que expresan o esforzo de Xerais por chegar a públicos diversos con textos singulares na excelencia sexa no eido da literatura xuvenil, o ensaio político ou a narrativa.

Comezou a tarde Rosa Aneiros que presentaba a súa triloxía Ámote Leo A., unha obra dun milleiro de páxinas que xa é un dos cumes da nosa narartiva xuvenil. Cualificou Aneiros a obra como «unha viaxe aberta en tempo real, onde aparece a superlúa que colleu a Leo no Bósforo, os acontecementos do 15 M de 2011 a morte do Bin Landen ou o atentado do Cefé Argana; a miña intención foi ir encaixando o que sucedeu no mundo naquel primeiro semestre de 2011». Salientou Rosa o carácter aberto da obra, xa que grazas ao muro de Facebook as lectoras comparten as súas viaxes e diversas mensaxes de amor. «Ler é un xogo, a habelencia pola que nos engana o autor ou á autora é unha das razóns polas que lemos. Os textos son apenas pistas para construír a lectura. É o máis grande da literatura. Pretendo que cadaquén constrúa a súa propia viaxe. Hai moito mundo por ver».

Reimondez_Bragado_02-08-2014

María Reimóndez presentou o seu ensaio político A alternativa xa está aquí, que definiu como «unha proposta de cambio a partir das accións do día a día». Un acto no que Reimñondez contou coa participaci´pn activa do público para ir debullando algúns dos contidos da obra: os bancos de tempos, a renda básica das iguais, as características dos GAM (Grupos de Axuda Mutua), a Declaración do París…

Pemos_Bouzas_Bragado_02-08-2014

Pola súa banda Pemón Bouzas presentou A voz do vento que definiu como «novela sobre a crise e sobre María Soliño, unha persoa clave do imaxinario galego». Na súa intervención Bouzas abordou cada unha das tres partes da novela: na primeir ao pulo da sociedade de Cangas hai catrocentos anos, antes da invasión dos piratas turcos; na segundo a desolación tras o ataque e na terceira a rexeneración da sociedade a carago das propias vítimas que repesentan a dignidade.

Xurxo_Souto_Bragado_02-08-2014

Por último, pechou o serán a presentación dos Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto, que comezou lembrando os versos de Luisa Villalta, «Coruña cidade tatuada na pétrea pel do mar», e lembrando ao pintor Xaime Cabanas. Reivindicou que «Galicia non é a fin da terra, é o centro do mar, a pesar de que nunca nos falaron do mar». «Este libro é unha protesta, mais tamén é un manifesto de futuro. Non esquezamos que Galicia é a primeira potencia pesqueira de Europa e a rota mercante máis importante do mundo lame a nosa Fisterra».

Onte 1054: Primeiro día de feira

Fernandez_Paz_con_María_Xesus_Fernández_01-08-2014

Non decepcionou o primeiro día da feira do libro da Coruña. A presentación d’ A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz e o acto arredor do futuro do galego organizado pola revista Luzes e Xerais convocaron a moita xente.

Foi a crítica María Xesús Fernández quen conversou con Agustín sobre A viaxe de Gagarin desvelando a peripecia vital do Agustín máis coruñés, «aquel que viviu na Coruña do 71 ao 76, cando estudou Maxisterio, onde o coñecimos na primeira Asociación Católica de Mestres, situada no local dos dominicos, onde traballou como mestre en prácticas no Fogar de Santa Margarita, onde coñeceu a Xabier Docampo, e onde casou en 1976». Unha conversa moi fluída e engaiolante que esvarou polos detalles da novela máis coruñesa do autor, pola súa viaxe aos cambios producidos nos anos sesenta da carreira espacial e da introdución das primeiras tecnoloxías nos fogares, pola historia dun amor imposible ou polo esforzo tremendo de documentación realizado e compartido polo autor no blog Gagarin.

Moreira-Formoso_freixiero_Martinez_Bargado_Rivas_e_Sanjurjo_01-08-2014

Coincidindo co lanzamento do número 8-9, un especial de verán, iniciado co manifesto «O galego na fronteira da extinción», os responsables da Revista Luzes propuxeron a Xosé Freixeiro Mato, Valentina Formoso e Miguel Moreira, autores de tres títulos recentes de sociolingüística publicados por Xerais, que ofrecesen o seu diagnóstico e perspectivas sobre o estado e o futuro da lingua.

Para Xosé Ramón Freixeiro Mato, autor de Lingua de calidade, «hoxe o galego está no corredor da morte agardando por un indulto», «rompeuse a cadea de transmisión interxeracional e pasou a ser lingua minoritaria nos tramos iniciais de idade, en boa medida a causa das políticas dun doberno lingüicidida». Apelou Freixeiro á sociedade galega para deter este proceso.

Para Valentina Formoso, autora do Estigma á estima. Propostas paa un novo discurso lingüístico, «o futuro da lingua pasa pola súa normalización». «O galego non é unha reliquia para gardar nun museo. Este é o momento de seguir adiante, aínda que poidamos mudar a forma de camiñar». Propuxo Valentina «turrar uns polos outros, na familia, nas escolas e na rúa», «sermos máis proactivos, afondar nos estigmas que teñen os falantes, creando un imaxinario en positivo arredor da nosa lingua, que debe ser tan útil como hexemónica». «A nosa obriga é negar o actual imaxinario sobre a lingua, crear unha estratexia capaz de mudar o discursos para toda a sociedade. Trátase de apostar por un plurilingüismo inclusivo, onde a nosa lingua sexa o centro».

Por último, Miguel Moreira, autor de Contra a morte das linguas. O caso do galego, comezou lembrando a figura de Nerón tocando a lira mentres ardía Roma para expresar a responsabilidade da Xunta de Galicia sobre a situación actual da lingua, como tamén a Real Academia Galega, á que criticou polo nomeamento de Xosé Filqueira Valverde para o vindeiro 17 de maio. Para Moreira «o dilema do galego é se formará parte dese 90 % das linguas actuais do mundo que non superarán este século». «O galego retrocede no eido dos máis novos, xa non existe transmisión interxeracional». Porén, expresou a súa confianza en mudar a situación xa que «as linguas non morren se os falantes non adopatan as políticas lingüicidas».

Abriu e pechou o acto a melancolía da concertina de Rómulo Sanjurnjo. Magnífica primeira xornada de feira!

Onte 1053: O silencio corrompe a verdade

O_conselleiro_de_educación_nun_centro_infantilA carta enviada por Prolingua ao Conselleiro de Cultura e Educación sobre a triste situación da lingua galega no período (decisivo) de tránsito entre a Educación Infantil e a Primaria é unha das pezas máis clarificadoras que coñecemos sobre a desfeita que o galego está vivindo no sistema educativo tras o Decreto 79/2010. En sendo moi optimistas apenas o 15 % do alumnado galego que se incorpora á Primaria cada curso, uns tres mil picariños e picariñas, utilizou na etapa infantil o galego como lingua vehicular. Noutras palabras, o 85 % do alumnado galego chega ao comezo da Primaria –un momento decisivo para o desenvolvemento das competencias de comunicación lingüística, sobre todo as de compresión e expresión oral, como para a consolidación das aprendizaxes da lectoescritura– sen noticias sobre a lingua galega, que para eles ten un status semellante ao da lingua estranxeira, coa que si tiveron contacto escolar durante a Educación Infantil. Un período de tránsito decisivo tamén para «a persistente instalación de prexuízos e ideas falsas sobre o valor das linguas en conflito«, como denuncia a plataforma apartidaria Prolingua.

Prolingua solicita á Consellaría de Cultura e Educación a publicación dos informes establecidos no Decreto 79/2010: a avaliación e o seguimento dos proxectos lingüísticos dos últimos tres anos en cada centro, un mapa detallado de uso do galego nos centros, así como os criterios utilizados pola administración educativa para a avaliación inicial do nivel de competencia nas catro destrezas básicas ao inicio das etapas de educación obrigatoria. Como salienta este texto, os responsables da Consellaría de Cultura e Educación, que mantén abertos múltiples conflitos xurídicos e administrativos, non poden continuar mudos. O silencio sobre o que está sucedendo coa lingua galega nos centros de educación infantil urbanos, como en xeral en toda a rede de centros non universitarios, denunciado onte por Prolingua, corrompe a verdade e pon en perigo a liberdade lingüística de boa parte da cidadanía. No décimo aniversario da aprobación do Plan xeral de normalizaicón da lingua galega este texto de Prolingua é oportunísimo. Recoméndoo vivamente e solicito sexa compartido nas redes.

Onte 1052: O AVE galego paralizado?

Viaduto_CatoiraCoñecimos onte a ameaza das construtoras de paralización das obras do AVE a Galicia. O compromiso de remate en 2018, asumido por Feijoo na campaña de 2012, pode quedar en auga de castañas. 700 millóns de euros sería a débeda que ADIF ten pendente coas adxudicatarias de diversos treitos do AVE que uniría Galicia coa Meseta. Xaora, tamén é posible que este atraso poida estar afectando ás obras do Eixo Atlántico ferroviario, obra fulcral para o país, cuxa inauguración estaba prevista para a fin de 2014. Corre un ruxerruxe pola rede, semella que moi fundado, de que as obras do Viaduto do río Ulla en Catoira poderían estar »paradas» ou «a medio gas», cando apenas faltan uns poucos metros para que ambas as dúas marxes da ría de Arousa quedasen unidas. Os problemas financeiros de ADIF poderían tamén explicalo. Rajoy, Feijoo e Montoro deberían dar conta de que está sucedendo co AVE galego.

Onte 1051: Short Term 12

Short_Term_12Temos en Vigo a fortuna de contar cos Norte onde sempre hai algunha película en versión orixinal das que non se proxectan nos centros comerciais. Fomos onte ver Short Term 12  distribuída en España como Las vidas de Grace, que chegaba coa etiqueta de «indie», presentada en Locarno, e recomendada por varios amigos. A pesar da dificultade de abordar con orixinalidade o mundo de adolescentes desarraigados das súas familias e o risco de abrir feridas de infancia provocadas polo abuso, esas que deixan marcas, o debutante Destin Cretton non sae mal parado. Evita esvarar polo apoucamento e opta pola instrospección, a reconstrución do relato interior, polo valor terapéutico de palabras e emocións, por longas conversas curadoras cara a raíz da fenda. Carreiras ao límite procurando a orixe de cada marca. Unha película digna.

Consumo galego

No artigo da semana en Faro de Vigo defendo o consumo responsable e solidario de produtos propios e etiquetados en galego.

seragroSempre que podo escoller, consumo produtos galegos, sendo entre eles da miña preferencia os etiquetados e publicitados na nosa lingua. Lonxe de poder ser considerado como excéntrico ou chauvinista, sei que este comportamento é cada vez máis frecuente tanto nos consumidores como nos produtores galegos, sobre todo de produtos alimentarios, tanto polo que ten de carácter de consumo responsable co medio ambiente como solidario coa lingua e cultura galegas.

Cando vou ao mercado do Progreso ou o supermercado do noso barrio, prefiro o produto fresco e de tempada fronte ao envasado. Non hai dúbida que opto por unhas xudías do Rosal fronte a outras da mesma clase procedentes de Marrocos; coma escollo unha leituga ou escarola galegas a unha bolsa de ensalada de procedencia navarra ou andaluza. Outrosí sucede na carnizaría onde merco sempre o produto galego, sexa “o porco alimentado con castañas”, o chamado “porco celta” ou a “ternera galega” con denominación de orixe, fronte a outras posibilidades foráneas, que tamén sabemos de excelente calidade. O mesmo sucede con outros produtos da compra diaria, dende o leite e as augas minerais, pasando por aceites, conservas, embutidos, viños, cervexas, até mesmo algún produto de limpeza, onde sempre escollo o produto galego. Sei que con esta elección estou contribuíndo a que estas marcas galegas de calidade acaden unha maior cota de mercado. Sei que mercando produto galego estou axudando a manter as explotacións dos nosos produtores agrogandeiros e das industrias agroalimentarias e de distribución propias, co que isto supón para a consolidación de milleiros de empregos e das condicións dos seus traballadores e traballadoras. Un comportamento de consumo galego que cada vez é mellor comprendido por algunhas empresas de distribución, como é o caso de Gadis, que diferencia na publicidade das súas promocións e nos puntos de venda dos seus liñais cunha cuncha de vieira os produtos que “xeran emprego e riqueza en Galicia”. Unha iniciativa de mercadotecnia en clave galega que merece ser salientada.

Xaora, de todos os produtos galegos, prefiro aqueles etiquetados en galego, como non agocho a miña simpatía por aqueles establecementos de distribución, como é o caso dos da cadea vasca Eroski, que utilizan decote o galego no punto de venda e na súa publicidade. No restaurante non teño dúbida que entre dúas marcas da D.O. Rías Baixas escollerei a que sei etiquetada en galego. Outrosí no supermercado, cando merco leite, os iogures ou o queixo da D.O. Arzúa Ulloa, apostarei por aquelas marcas que etiquetan en galego. Sei que consumindo estes produtos galegos estou –como salienta o chamamento recente da Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros, promotora da “Carta do consumo responsable e solidario en lingua galega”– “contribuíndo ao noso desenvolvemento económico, permitindo fixar poboación e garantindo a pervivencia do noso País”.

O consumo responsable é un xeito de participación na transformación da sociedade. Coñecer a trazabilidade de cada un dos produtos, dende a súa orixe e proceso de distribución, até que chega ao seu punto de venda, é un dereito conquistado polos consumidores, que nos permite decidir qué produtos mercar e ónde facelo. O consumo convértese así nun exercicio de cidadanía responsable capaz de contribuír a unha utilización máis equilibrada dos recursos dispoñibles, como a promover unha produción máis limpa e respectuosa cos dereitos dos seus produtores. Outrosí sucede, coa responsabilidae social das empresas na utilización da lingua galega no seu funcionamento e no etiquetado e publicidade dos seus produtos, o que contribúe tanto a achegarlles un valor engadido e a diferencialos no difícil mercado global, coma a visibilizar e a prestixiar á propia lingua.

O éxito dos produtos agroalimentarios galegos e etiquetados e publicitados en galegos, que se debería estender a outros produtos e servizos culturais xerados en Galicia (libros, revistas, xornais, música…), depende da consciencia e responsabilidade de cada un dos consumidores galegos. Cando no supermercado ou no restaurante preferimos un produto galego ou etiquetado na nosa lingua estamos apoiando unha forma proactiva de entender o país. No entorno dunha Galicia en devalo demográfico e coas portas abertas á emigración da súa mocidade, xa non abondan coas declaracións grandilocuentes de amor á Terra. Hoxe cómpre activar un comportamento cívico responsable da cidadanía galega en todos os eidos da vida social, tamén no que atinxe ao seu comportamento como consumidora. Sei que non esaxero cando afirmo que consumir produtos galegos e etiquetados en galego non é só unha forma de sermos e afirmarmos, é tamén apostar pola nosa continuidade como comunidade.

Onte 1050: Accidente no Fiouco

2014_7_26_20705s300xNon me sorprendeu o grave accidente na A-8 no Alto do Fiouco (700 metros) no que participaron medio cento de vehículos. Desde a primeira vez que pasei por estas fermosas cotas da Corda, entre a ventada e as brétemas, co asubío rítmico dos virandelos, collinlle medo a este paso, mesmo a pesar de que estar iluminado por balizas antinéboa día e noite. Trazar esta autovía polos cumes bretemosos da Corda semella foi outra decisión arriscada do Ministerio de Fomento de Magdalena Álvarez urxido pola finalización das obras da Autovía do Cantábrico que acumulaba unha década de atrasos. Ben está lembrar hoxe que este treito entre A Xesta e Lindín foi adxudicado en 2007, despois de modificar o proxecto inicial que contemplaba un viaduto por outra vertente, cuxa cota máxima era duns 500 metros. Como tamén é necesario recordar que as reiteradas denuncias sobre a perigosidade do trazado realizadas polos alcaldes de Mondoñedo e Abadín, apenas aberto, nunca foron atendidas por Fomento. Mágoa da enfermeira falecida e das trinta persoas feridas nun accidente que podería ter sido evitado. Que agarda a actual ministra de Fomento para ofrecer unha alternativa que evite a perigosidade dun trazado de autovía que foi aberto por ela hai menos dun ano? Pasando polo Fiouco compréndese que as brétemas son incompatibles coa velocidade.