Onte 622: Comeza Cans 2013

Comezou onte a décima edición do Festival de Cans, unha das citas máis populares do calendario cultural galego. Outra volta será unha coidada mestura de cinema documental galego e música popular a que durante catro intensas xornadas moverá a milleiros de persoas, á velocidade de chimpín, polos vieiros da parroquia porriñesa situada ao pé do pianista pétreo. O engado de Cans está no agroglamur, unha esencia única creada por Alfonso Pato, o director do festival, capaz de contaxiar entusiasmo tanto a toda a súa comunidade parroquial, ao seu equipo de voluntarios e voluntarias, como a artistas e público que acuden aos eidos de Cans para verse e deixarse ver (como sucede en todos os grandes festivais polo mundo adiante). Os moi importantes recortes das axudas públicas, que puxeron en perigo a viabilidade desta convocatoria, foron suplidos en Cans 2013 con micropatrocinios privados e polo esforzo en recabar fondos propios dos organizadores. Unha boa oportunidade para achegarse estes días pola Louriña. Beizóns pola proeza á veciñanza de Cans e ao equipo organizador!

Onte 621: Oposición

José María Aznar ameaza en voz baixa coa posibilidade do seu regreso á primeira liña. Esquecendo lealtades de partido, non ten problema en exixirlle ao Goberno que baixe os impostos agora e «culmine a reforma laboral», o mesmo discurso que enuncia Esperanza Aguirre e o director de El Mundo. A pesar das políticas de recortes, a dereita española máis resesa non está totalmente satisfeita. Dende onte Mariano Rajoy conta con dura oposición. Para tremer.

620: A LOMCE e o currículum formativo

A lectura detallada do proxecto da LOMCE é un exercicio imprescindible para coñecer en profundidade as modificacións do currículum escolar preparadas polo equipo Wert. Á confesionalidade e centralización curricular xa identificadas, haberá que engadir importantes modificacións para determinadas materias. Á desaparición do caracter obrigatorio («troncal» na LOMCE) da Educación par a Cidadanía, hai que engadir a das Ciencias para o Mundo Contemporáneo de 1º de BAC (unha das incorporacións máis afortunadas da LOE, materia científico-tecnolóxica que cursaba o alumnado de todas as catro modalidades) e a da Historia da Filosofía de 2º, un feito culturalmente moi relevante. Tamén perden o seu carácter troncal, aínda que agardamos sexa recuperada a súa obrigatoriedade no treito autonómico, a Tecnoloxía, a Música e a Plástica, até agora obrigatorias nalgúns dos cursos da ESO, tres materias que no texto do proxecto aparecen como «específicas» nun estatus inferior ao da Relixión e a súa alternativa (Valores éticos).

Non esquezamos que o currículum compila e xerarquiza os saberes escolares e expresa as intencións das autoridades educativas sobre as finalidades que se pretenden obter no sistema educativo. Polo que imos coñecendo da LOMCE (merece unha lectura moi atenta), a obsesión das autoridades do Ministerio de Educación por mellorar os resultados nas probas PISA (centradas na avaliación en comunicación linguïstica, matemáticas e ciencia) levounas a diminuír os contidos formativos do currículum no seu treito obrigatorio e a acentuar o seu carácter propedéutico dende 3º de ESO. Unha solución que pedagoxicamente non semella a máis afortunada. O profesorado de Secundaria das materias de Filosofía, Tecnoloxía, Música, Plástica e Ciencias da Natureza poderá explicalo moito mellor ca min.

 

Onte 619: Das Cousas de Xoán Balboa

O amigo Xoán Ramiro Cuba, responsable do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, agasalloume un exemplar de Das Cousas de Xoán Balboa, un magnífico catálogo da mostra antolóxica sobre a obra do ilustrador, esmaltista, e fotógrafo lucense falecido en 2009. Vinculado profesionalmente como restaurador ao Museo Provincial de Lugo, Balboa ilustrou trinta libros, a maior parte de autores lucenses, como Paco Martín, Darío Xohán Cabana ou Lois Diéguez. No obstante, como ilustrador quedará para sempre na miña memoria como a man que lle puxo cara e ollos frontais (e tamén pombas) a Ramón Lamote, ese xenial profesor de chairego e debuxante de soños co que Paco Martín fundou a nosa actual literatura infantil e xuvenil. Pola súa banda, Balboa contribuíu a fundar a ilustración galega contemporánea, tanto por este traballo alboral (1985) coma polo que realizou entre 1974 e 1975, tamén ao carón de Paco Martín e Ulises Sarry, para aquel soño que foi Axóuxere. Semanario do neno galego, o suplemento infantil de La Región. Como tamén axudou, moi ao comezo dos anos setenta, á renovación do portadismo editorial galego con algunhas capas (de fasquía popeira) de Ediciones Celta de Lugo. Agardo que na nosa historia da edición galega do século XX, aínda por facer, figuras como Xoán Balboa sexan valoradas coa relevancia que merecen. Non hai dúbida que este ilustrador que «soñou pombas lixeiras, cálidas, co esperanza de aniñasen nos corazóns mozos» (palabras do seu amigo Paco Martín) debe ser incluído dentro da Xeración Lamote. Das Cousas de Xoán Balboa é un catálogo que moito merece a pena gardar na biblioteca.

A LOMCE e o futuro da escola pública

No artigo da semana de Faro de Vigo reflexiono sobre o que entendo supón a aprobación do proxecto da LOMCE para o futuro da escola pública:

A pesar do informe do Consello de Estado sobre o texto do anteproxecto da LOMCE e da folga do 9 de maio, o ministro Wert non modulou nin moito menos os contidos da súa reforma educativa. A última hora e coa discreción necesaria nestes casos, o ideólogo de FAES introduciu as mudanzas educativas que dende hai tempo solicitaba a Conferencia Episcopal Española. Ademais de eliminar a asignatura de Educación para a Cidadanía, a besta negra do cardeal Rouco, Wert blindou in extremis, en contra da sentenza do Supremo, o financiamento dos colexios que segregan ao alumnado por sexo, pertencentes na súa maioría ao Opus Dei, prelatura que no Consello de Ministros conta con varias carteiras. Se isto xa non lles abondase ás autoridades eclesiais, o ministro axeonllouse diante delas reforzando o peso da asignatura de Relixión, que pasará a ser avaliable, contando tanto para a repetición de curso como para solicitar unha bolsa de estudos. Unha vitoria da Igrexa por goleada.

A pesar de que aínda non se publicou o texto, as informacións amosan que na redacción definitiva da LOMCE, ademais desta maior confesionalidade, se acentúa o obxectivo da centralización curricular, o que Wert definiu como “españolizacion do alumnado catalán”. Homoxeinización provocada tanto pola vía da modificación do sistema de promoción (outra das novidades do proxecto) como polas probas de avaliación externas de Secundaría, as reválidas, cuxo deseño quedará en mans das autoridades educativas do estado. Outrosí sucede coa fixación das ensinanzas mínimas, nas que se diferencia entre materias troncais (cuxos contidos, horario e estándares de avaliación serán fixados ao cen por cen polo Ministerio), específicas e de libre configuración autonómica. Un modelo curricular que podería invadir as competencias exclusivas, establecidas nos estatutos de autonomía de comunidades como Galicia, sobardando as competencias reservadas ao Estado no artigo 149 da Constitución. Como é ridiculamente centralista deixar fóra destas troncais ás chamadas “linguas cooficiais” (tamén é o castelán cooficial nas comunidades con lingua propia), considerándoas como “de libre configuración autonómica” (“linguas de terceira”?), coa inseguridade xurídica que iso poderá supoñer para o seu estatus educativo. Como é “pintoresco” (hai outro eufemismo?) o sistema deseñado por Wert obrigando á Generalitat a pagar un centro privado a quen queira utilizar tamén (que non só) o castelán como lingua educativa vehicular en Cataluña. Unha vitoria do centralismo máis reseso.

Polo anunciado, no resto do proxecto da LOMCE mantense a medula da Lei Wert de sempre: a segregación temperá a partir de 3º de ESO; a penalización ao alumnado repetidor (un 40% dos de 15 anos, ao que se considera coma un gasto valorado por Wert en 2.500 millóns de euros); a liquidación do modelo de participación da comunidade escolar na xestión dos centros (creado pola LODE en 1985), que será substituída polas direccións ás ordes das autoridades educativas. Porén, sendo a elevada taxas de abandono temperá (co 24,5% duplica á da media europea, moi lonxe do compromiso de baixar do 10% recollido na Axenda 2020) a razón de ser desta reforma educativa (así foi presentada a Bruselas polo Goberno no “Plan Nacional de Reformas”), ademais de xustificación do seu cofinanciamento polo Fondo Social Europeo, estraña que Wert non fale apenas de medidas de apoio ao alumnado con maiores dificultades nin de medidas inclusivas de atención á diversidade. Como é decepcionante que no discurso pedagóxico da lei e na retórica mercadotecnócrata do ministro se substitúa a prioridade do desenvolvemento das competencias e capacidades de todo o alumnado (a cerna do modelo de educación comprensiva da LOXSE e da LOE, unha longa e custosa conquista social) pola da avaliación que “canaliza aos estudantes” en función “da súa diversidade de talentos” (eufemismos de segregación ou “selección natural”), como se facía no sistema educativo anterior á LOXSE. Ademais, a insistencia da LOMCE na centralización dun currículum xerarquizado polas materiais troncais e moi condicionado polos contidos das reválidas, fronte a minusvaloración das áreas de formación humanística, artística e tecnolóxica, afasta a educación non universitaria do seu indispensable papel no desenvolvemento integral das persoas e de formación cidadá. En definitiva, a retórica conservadora da Lei Wert liquida de raíz o ideal de equidade educativa, que non é outro que o de educar para a igualdade desde a diferencia.

A LOMCE abre un horizonte moi sombrío para o proxecto de escola pública como garante de igualdade e equidade educativa, á que se pretende transformar apenas en rede subsidiaria ou asistencial. Coa aprobación da LOMCE a escola pública retrocedería tres ou catro décadas. Iso é o que pretende Wert e o Partido Popular?

Onte 618: A LOMCE e o orgullo patrio

Non hai dúbida que unha das principais razóns do PP para teimar contra vento e marea na LOMCE é «vertebrar a nación», frase rotunda e sutil coa que María Dolores Cospedal mellora aqueloutra pioneira de José Ignacio Wert de «españolizar aos alumnos cataláns». Un obxectivo político que os membros do goberno de Mariano Rajoy pretenden conseguir non só por medio da terciarización das linguas propias no sistema educativo (que eles denominan «cooficiais», coma se o español non o fose tamén en comunidades como Galicia ou Cataluña), senón e sobre todo por medio da centralización do currículum das materiais troncais (contidos, horarios e reválidas serán competencia ao cen por cen do Ministerio de Educación), milmanda coa que iniciar esta nova reconquista española. Nese orgullo patrio que pretende impoñer o Partido Popular, e nos privilexios que concedeu á Conferencia Episcopal Española, residen algunhas das claves (que non todas) dunha reforma educativa regresiva, cun inequívoco cheiro a reseso tardofranquismo.

A verdade que esta mochila LOMCE de El Jueves evidencia a estratexia. Si señor!

Onte 617: O serán das Letras na Feira do Libro de Lugo

Nin o frío nin a chuvia disuadiron ás afoutas participantes nas dúas presentacións que celebramos onte no serán do Día das Letras da Feira do Libro de Lugo.

Comezou a dobre sesión continua coa estrea do novo libro infantil de Antonio Reigosa, O aprendiz de home do saco, un álbum ilustrado por Marta Álvarez Miguens para a serie «Merliño». Iniciou o seu discurso Reigosa explicando que o título fai referencia ao «Home do saco«, «Sacaúntos», «Sacamanteigas», diversos nomes para chamar por un «personaxe que nos mete medo». «Pretendín traer á actualidade un mito tradicional e actualizalo no marco da cultura de hoxe». Despois relatou a cerna da historia: «O home do saco, o que pon medo, enferma gravemente. Ten un fillo, que é nugallán, que por fin accede a facer o traballo. Até aí podo e debo contar». Comentou que utilizara a estrutura do conto da leiteira «coa intención de acometer a actualización». «O do conto da leiteira ten a súa orixe nun conto protagonizado por un bramán indio». Preguntouse Reigosa se os nenos de hoxe teñen medo ao home do saco. «Cales son os personaxes actuais que teñen aparencia monstruosa? Cada momento da historia ten os seus homes do saco». Rematou a súa intervención gabando o traballo de ilustración de Marta Álvarez, «que entrou nos detalles da historia, superando as miñas expectativas» e recomendou a lectura acompañada do libro, «moi necesaria nestes textos que teñen a súa orixe na literatura popular».

Foi a segunda presentación a da multipremiada biografía de Celso Emilio Ferreiro preparada por Ramón Nicolás. Interviu Luís Ferreiro, director da Fundación Celso Emilio Ferreiro, para salientar a importancia desta biografía no marco da exitosa celebración do centenario do poeta. Pola súa banda, Ramón Nicolás, despois de lembrar os seus vencellos coa cidade e provincia de Lugo, onde exerceu a docencia, abordou os eixos fundamentais utilizados na confección da obra: a documentación oral por medio de numerosas entrevistas, a consulta documental e hemerográfica de centos de publicacións, así como a lectura do epistolario conservado no arquivo da Fundación Celso Emilio Ferreira, «fontes que me permitiron introducir novidades no periplo vital do poeta de Celanova». Pechou a súa intervención coa lectura dunhas páxinas desta biografía pola que o vindeiro 15 de xuño recibirá o premio Losada Diéguez ao mellor libro de non ficción de 2012.

Onte 616: Baixón

Padézoo case todos os anos. Cando chega o dezasete, dáme o baixón. O peor é que sei cal é a orixe do meu desacougo. Non dou encaixado a retórica de gabanzas e ditirambos, mentres a lingua e a industria cultural se derrama á intemperie. Tampouco encaixo ben os pronunciamentos sobre o futuro da lingua no que persoas con responsabilidade pública se presentan como meros espectadores. Nin son capaz, tampouco, de aceptar a liturxización por un día dalgúns medios de comunicación, mentres que aqueloutros que utilizan sempre o galego non reciben sequera a esmola da publicidade institucional. Anóxame. Porén, en días de baixón, agradécense as iniciativas inconformistas, que por fortuna abrollan aquí e acolá, como a que dende onte promovemos na rede os editores galegos (grazas a Ana Mouriño polo deseño), as que o Foro Peinador promove para galeguizar a economía ou, entre tantas outras, a dos medios en galego que se organizan. Agradécense as declaracións de afouteza e dignidade como as de Belén Quintáns coma mesmo esta jaureguina, froito, quizais, dun baixón coma o meu. A pesar do ballón e do baixón, este serán das Letras viaxaremos a Lugo para presentar na Feira do Libro o novo libro de Antonio Reigosa e a multipremiada biografía de Celso Emilio Ferreiro que preparou Ramón Nicolás. Avante!

Onte 615: «En principio foi o verso»

Tivo interese a inauguración de «En principio foi o verso», a exposición sobre Rosalía de Castro e o sequiscentenario da publicación de Cantares gallegos. A presenza dun grupo de afectados polas preferentes disuadiu no último minuto ao presidente Feijoo de participar nun acto que se desenvolveu con grande respecto á dignidade da nosa autora primeira. Concibida co rigor documental e a sobriedade visual de todos os traballos do deseñador Pepe Barro, a exposición propón unha completa viaxe á iconografía rosaliana, dende os seus retratos e fotografías, pasando por manuscritos e primeiras edicións das súas obras, até o seu proceso de mitificación como icona nacional. Tamén está moi presente na mostra un achegamento ao Vigo das décadas de 1850 e 1860, o de Alejandro Chao e Juan Compañel, cando aquí agromaba o pensamento demócrata e galeguista nos xornais que eles editaban, primeiro La Oliva e despois El Miño. Non esqueceu Barro o decisivo papel do editor Compañel na proeza rosaliana, así como o dos seus sucesores no século XX, que fixeron de Vigo a capital editorial de Galicia. Foi este un recanto da exposición que como editor galego moito agradecín. Sei que axudará a comprender o papel de editores como Xohán Ledo (portadista de Galaxia e autor dos carteis das primeiras celebracións do Día das Letras), Eugenio Barrientos (fundador da editorial Cíes e descubridor de Marcial Lafuente Estefanía), Xosé María Álvarez Blázquez (fundador de Monterrey e edicións Castrelos) e Francisco Fernández del Riego (o obreiro da editorial Galaxia durante os anos do franquismo), así como doutros editores vigueses  do noso tempo como Bieito Ledo e Carlos del Pulgar. Xa no que atinxe ao espazo dedicado a Xerais, deixoume un chisco melancólico ver exposto un exemplar de Matemáticas de 1º de BUP do colectivo Vacaloura,o primeiro título da nosa editorial, tamén o primeiro libro de texto en galego para a área de Matemáticas. Editado en 1979, aquel libro sería hoxe un texto prohibido, de edición imposible, xa que así o determina o actual decreto de plurilingüismo. Outra vez, un paso adiante, outro atrás, Galicia tecendo o seu soño. Parabéns a Pepe Barro e Anxo Angueira, responsables primeiros destoutra iniciativa rosaliana. Recomendo vivamente visitar a exposición.