Onte 193: Literapia

Cheguei con moito atraso a unha noticia fascinante de Letralia de 2006 que anunciaba que un grupo de médicos e profesores da USC, dirixidos por Darío Villanueva, comezaban a experimentar coa «literapia», unha forma de terapia para aliviar ou axudar na curación de determinadas doenzas mediante o emprego da lectura e da escritura. Supoño que estes especialistas coñecerán os efectos de cada tipo de libro para cada clase de doenza. Imaxino que para a recuperación dunha lesión de nocello prescribirán novelas policiais, mais para un simple gripallazo abondará coa lectura dun crossover ou cunha antoloxía de poetas contemporáneos. Tratarei de averigüar cales foron os resultados da terapia e as posibilidades de que estas prescricións fosen recoñecidas polo SERGAS. Sen entrar no espiñento debate sobre o repagamento, aventuro a revolución que isto pode supoñer para a nosa rede de librarías culturais, que axiña debería ser reforzada, mesmo nestes tempos de crise, diante de semellante demanda imprevista.

Onte 192: Mala tarde

Tras catro meses no corno da lúa, o Celta tivo unha mala tarde no estadio Gran Canaria. A pésima arbitraxe non xustifica unha derrota sen paliativos fronte a un rival superior. Os de Herrera agasallaron aos locais unha hora de partido, desenvolvendo un xogo inane, desestruturado e sen alma ningunha, sentindo a ausencia de Oubiña unha barbaridade. Durante ese lamentable período perdeuse o partido e, inevitablemente, os seareiros diante da televisión recuperamos os pesadelos e a vertixe do marzo da tempada anterior. No obstante, na media hora final, coa entradas (moi tardías) de Toni e de Joán Tomás, dous xogadores que merecen máis tempo de xogo, o equipo comezou a recuperar estrutura e forma e latexou con outro compás máis enérxico. O partido foi unha oportunidade estragada, mais tamén un exercicio de realismo. O ascenso directo continúa sendo para o Celta un obxectivo moi difícil, aínda que acadable. Esta mala tarde non debería supoñer unha perda de confianza nas posibilidades dun equipo que veu facendo unha magnífica tempada. O celtismo caracterizouse sempre pola súa humildade e paciencia; dúas actitudes que precisaremos en doses elevadas neste derradeiro cuarto treito de campionanto.

Onte 191: The Artist

Aproveitando o serán da sexta feira fomos ao cinema a ver á multipremiada e máis ca gabada The Artist. Chamáronme a atención, sobre todo, dúas cousas. A primeira, a actualidade de abordar os conflitos persoais provocados por un tránsito tecnolóxico, neste caso polas mudanzas inevitables da primeira industria hollywodiense cara ao cine sonoro. A segunda, o risco de propoñerlle ao público do século XXI un relato que utiliza as convencións do melodrama e a austeridade narrativa do cine clásico mudo.  Quizais nesa esculca de límites, un dos exercicios principais da ficción, residan as razóns do éxito desta película de trazos tan básicos sobre o cine doutro tempo. Unha receita para conservar.

Onte 190: Repagamento

Tras a iniciativa da Generalitat de obrigar a pagar un euro por receita e a posibilidade aberta en Madrid por Feijoo de aumentar o copagamento farmacéutico en función de niveis de renda, é moi probable ca despois das eleccións andaluzas e asturianas se introduza algún sistema de repagamento no sistema público de saúde. Con esta fórmula o Partido Popular pretende inscribir o triángulo na circunferencia, apostaría polo copagamento farmacéutico –unha fórmula disuasoria («moderadora» na súa linguaxe), que trataría de reducir o número de receitas– e, polo momento, adiaría a posibilidade de repagamento sanitario no que atinxe a consultas, probas ou hospitalizacións. Como ben sinala Ignacio Escolar o que debemos preguntarnos a esta altura é se cómpre unha reforma no financiamento dun sistema público de saúde que funciona aceptablemente. Os datos amosan que o gasto en sanidade por habitante e a porcentaxe sobre o PIB son moi inferiores en España aos dos países do directorio, como Francia e Alemaña. A pesar dalgunhas insuficiencias, contamos cunha sanidade pública de calidade a un prezo moi razoable. Cales son as razóns para xustificar retallazos, privatizacións e repagamentos do sistema de saúde pública?

Onte 189: Coreander

Viaxei á Coruña para participar nas xornadas sobre Edición e Cultura organizadas polo Grupo  Coreander, un grupo de alumnos e alumnas da Facultade de Filoloxía. Falamos de como afectan ao papel dos editores as mudanzas do paradigma da comunicación cultural e doutros tránsitos nos que estamos inmersos, sobre todo, da crise da libraría cultural e do paso da edición do do «sector cultural» ao das «industrias do lecer». Volvín para Vigo satisfeito de contribuír a aumentar a curiosidade deste fato de entusiastas animadores culturais que intentan fender a rotina que o partido conformista impón, tamén, nas aulas universitarias. Non puiden evitar cismar pola AP-9 nalgunhas saudades da miña mocidade universitaria.

Onte 188: Os fillos do mar

Pasei boa parte da tarde lendo na novela coa que Pedro Feijoo debuta na narrativa galega. Tras o seu magnífico estudo sobre o xornal Galicia de Valentín Paz Andrade e Viva o Fu Remol!, o escritor e músico de Los Feliz e Lamatumbá ofrece unha novela trepidante sobre as pegadas da memoria na cidade de Vigo. Máis de catro centas páxinas dunha historia de intriga, escritas con grande elegancia e unha preciosa ambientación viguesa (nalgúns treitos chegou a emocionarme), nas que a historia dunha familia que procura atopar a súa identidade contribúe a facelo coa comunidade (un chisco desmemoriada) á que pertence. Os fillos do mar, finalista do premio Xerais de novela 2011, reivindica a volta da narración e o entretemento aos andeis das novidades da literatura galega. Un texto ben escrito, unha novela armada con solidez, un tema relevante, unha ambientación e documentación magníficas. Agardo que axude a incrementar o número de lectores e lectoras en galego nestes tempos de crise. Recoméndoa moi vivamente.

Isaac, o editor da memoria

Isaac, o editor da memoria. from Illa Bufarda on Vimeo.

Magnífico traballo de Illa bufarda en homenaxe a Carlos Casares, presentado o 9 de marzo, na Noite da Edición da Asociación Galega de Editores.

No tren de Casares

No tren de Carlos Casares from Illa Bufarda on Vimeo.

 
Magnífico traballo de Illa bufarda en homenaxe a Carlos Casares, presentado o 9 de marzo, na Noite da Edición da Asociación Galega de Editores.

Onte 187: El repte de publicar en catalá

O meu amigo Jordi Ferré, o presidente da Associació d´Editors en Llengua Catalana, envioume «El repte de publicar en catalá», un documento moi interesante froito dunha xornada de reflexión sobre a edición en lingua catalá na que participaron máis de medio cento de editores. Entre as conclusións acadadas anotei unhas cantas: «a eclosión dixital é unha oportunidade e unha ameaza»; «as editoriais deben facer unha análise de autorregulamento (seleccionar máis, publicar menos)»; «as presentacións e rodas de prensa deben reservarse para casos moi excepcionais»; «é esencial que os editores asuman o papel de comunicadores, tanto a nivel interno como externo»; «deben utilizarse axeitadamente as redes sociais, alí a tarefa non é publicitaria, senón a de crear comunidades de consumidores dos produtos das editoriais así como fidelizalos con cada unha delas; é recomendable utilizar Facebook pra fidelizar e Twitter para comunicar»; «a coherencia do catálogo e o interese das novidades son condicións esenciais para conseguir a complicidade das librarías»; «deben deseñarse estratexias de fomento da lectura para incrementar o índice de lectura»; «deben reforzarse a complicidade entre os diferentes elos da cadea do libro: autores, editores, libreiros e lectores»; «débese impulsar unha discriminación positiva dos libros en catalán nas políticas públicas»; «cómpre unha maior dotación orzamentaria para o libro en catalán»; «valórase positivamente a proposta de incentivar os libreiros máis activos». Unha boa escolma de propostas que, salvando as distancias e diferencias de dimensión, poden ser tamén moi útiles para o sector da edición en lingua galega. Gracies, Jordi!