Onte 7: premios en clave de país

Os membros da directiva da Fundación Premios da Crítica Galicia aprobamos as bases dos premios e a composición dos xurados de cada unha das modalidades. O 22 de outubro, no devir da cea que se celebrará no Hotel Os Escudos de Vigo, coñeceremos o resultado dunhas deliberacións que pretenden recoñecer a excelencia e os mellores traballos realizados no país durante o pasado ano 2010 nos eidos da creación literaria, a investigación, a música, as iniciativas culturais, as artes plásticas e visuais, e as artes escénicas e audiovisuais. A continuidade destes premios, xerados dende a iniciativa da sociedade civil, anticipándose ao inicio da Autonomía, era necesaria para evitar que se rompese unha tradición que durantes máis de tres décadas e de forma ininterrumpida foi dialogando e tomándolle o pulso ao latexo da nosa creación cultural. Precisamos máis institucións e plataformas cívicas deste tipo –plurais, independentes e interxeracionais– que traballando en man común e en clave de país contribúan coa súa continuidade a acrisolar a nosa tradición. Dentro das miñas posibilidades, botarei unha man nun proxecto para min tan ilusionante.

Onte 6: l'escola en catalá

O Congreso aprobou a moción de ERC a prol do mantemento do modelo educativo de inmersión lingüística en Catalunya. Cos votos dos grupos nacionalistas, de esquerda e de todo o PSOE desfaise, por vez primeira en Madrid, o tabú da inmersión, un modelo de convivencia educativa identificado polos conservadores e españolistas coa falacia da “imposición” e co que eles entenden por “liberdade lingüistica”. Tras case tres décadas funcionando no sistema educativo catalán, a inmersión amosouse como un modelo moi eficaz para a adquisición de todas as aprendizaxes e para o desenvolvemento da competencia de comunicación lingüística, ademais de permitir a integración de todo o alumnado e a mellora do estatus da lingua catalana, sen menoscabo, así o demostran os resultados de avaliación externa, da adquisición por parte do alumnado catalán de competencias idénticas ou superiores en lingua castelán e en linguas estranxeiras que os acados noutras comunidades monolingües. Esta moción coincide coa presentación, o mesmo día, por parte de cinco asociacións monolingüistas dun texto que pretende ser o borrador dunha Ley de Derechos Lingüísticos de los Españoles; unha proposta concibida para que o Partido Popular, que xa se ve gañador por maioría absoluta, durante a campaña electoral, se comprometa a aprobala durante a vindeira lexislatura. Emularíase, así, a estratexia ensaiada con éxito en Galicia con Núñez Feijóo, estendida agora a Les Illes Balears. Outra volta o debate lingüístico entra en campaña. Que posición adoptarán os responsables da Política Lingüística en Galicia? Mariano Rajoy asumirá os compromisos que lle solicitan os sectores monolingüistas?

Onte 5: Agustín premio iberoamericano

Moito agradezo recibir noticias tan boas como a concesión do Premio Iberoamericano SM a unha traxectoria infantil e xuvenil a Agustín Fernández Paz. A súa ollada crítica sobre o mundo contemporáneo é dunha extraña lucidez; como a súa escrita clara é froito dunha teimosa procura de textos que para o lector ou a lectora flúan ccoa facilidade da auga do río. Este premio, o primeiro de carácter internacional que recibe a literatura galega, recoñece esas tres décadas de esforzo e compromiso coa escritura e a lectura, sempre dende a lingua galega, a súa primeira patria. Agardamos poder acompañalo en Guadalaxara o 29 de novembro, xunto con Rosa Aneiros e Marcos Calveiro, os dous autores galegos convidados ás actividades da FIL. Beizóns, Agustín!

Este documento do fallo do xurado quedará para a historia da Literatura Infantil e Xuvenil en Galicia. [merece ser arquivado]

Campo do Fragoso CXI

ESTRUTURA

Non coñezo ningún equipo de fútbol capaz de obter bos resultados que non contase cun porteiro e dous defensas centrais solventes. Sobre esa trepia, non fai falta que sexan tres figuras, dispóñense o resto dos elementos que sosteñen a estratexia dun equipo gañador; xa que da fiabilidade desa estrutura depende, en moi boa medida, a disposición do resto dos xogadores sobre a lameira e a orientación táctica que dende o banco poida querer imprimir o adestrador. O Celta na estrea en Balaídos da súa quinta tempada en Segunda amosou unhas clamorosas feblezas de estrutura que, máis alá da merecida derrota fronte a un Elxe superior, agoiran outra tempada de moito sufrimento. Resulta inexplicable como nin o adestrador Herrera, nin o secretario técnico Torrecilla, nin sequera o presidente Mouriño durante os dous últimos meses de pretempada fosen incapaces de detectar as fendas enormes que no equipo se abren cada vez que os rivais ensaian unha xogada a balón parado, sexa un saque de recanto, unha falta dende un lateral ou mesmo un saque de banda. Tres tipos de xogadas perigosísimas, case letais para o equipo noso. Resulta inconcebible que non se tratase de reforzar a portería e se pretendese prescindir de Ortega, un central, canto menos con moita experiencia nesta categoría, clave na pasada eliminatoria de ascenso. Fronte ao Elxe, os tres goles dos visitantes (dos que, afortunadamente, só dous subiron ao marcador) foron provocados directamente por outras tantas xogadas laterais a balón parado que, primeiro, os dous centrais, Villa e Túñez, non souberon defender e, logo, o porteiro Yoel non foi capaz de intervir con acerto. Mais sería inxusto afirmar que os problemas deste Celta estiveron onte só na portería e no centro da defensa, cando os mediocentros, Bustos e Insa naufragaron dende o inicio, incapaces de crear situacións de superioridade polas bandas, sendo totalmente dobregados pola intensidade da medular visitante que os foi arrecunchando sobre a metade do seu propio terreo. Outrosí sucedeulle aos xogadores de banda, fosen os laterais, Mallo e Lago, inusualmente inhibidos nos labores de ataque, como a un inane Quique de Lucas, que estragou cantos saques de recanto dispuxo, quizais contrariado por non recibir balóns de calidade, afeito a gozar noutrora daquelas diagonais e cambios de orientación de Trashorras, un xogador esencial do que sentimos onte moitas saudades. Xa no treito final do encontro, a entrada de Oubiña –un mediocampista con vontade e oficio estruturante, capaz de organizar, apoiar e axudar adiante e atrás– obrigou ao Elxe a retrasar as súas liñas e comezar a ceder no seu empeño. Porén, a melloría achegada polo capitán foi un espellismo, xa que na enésima xogada de verbena a balón parado os xenerosos defensas celestes facilitaron ao Elxe o camiño dunha vitoria á que semella xa renunciara. Si, é certo que Álex López deu un pase precioso a Iago Aspas, que facilitou o gol de David Rodríguez; como tamén o é que os escintileos ofensivos de Aspas mereceron mellor fortuna, mais non foron méritos abondos para que o Celta acadase un empate. Esta primeira derrota devolve ao celtismo á crúa realidade, coloca ao cadro de xogadores e técnicos, como ao propio presidente, diante dun espello no que identificamos unha imaxe moi esvaída do equipo. Máis alá de ensaiar teimosamente na Madroa como evitar e defender as faltas laterais e saques de recanto, Herrera debe encherse de valor e coa maior premura introducir modificacións na estrutura do seu cadro de gala, antes de que estes problemas se volvan endémicos, o que sería fatal para o equipo e para o seu futuro.

Peinador

No artigo da semana en Faro de Vigo recupero un anaco da historia do aeroporto de Peinador, ao fío da súa crise actual.

Peinador foi construído, literalmente, pinga a pinga polos vigueses, co esforzo dos nosos avós e dos nosos pais. Non é lenda urbana ningunha. Foi unha angueira de vinte e cinco anos, iniciada en 1929, cando se abriu o porto de Vigo ao tráfico aéreo para hidroavións, e finalizada aquel 25 de abril de 1954 no que aterrou sobre a pista de mil cinco centos metros de Peinador un DG-3 de Iberia inaugurando o enlace aéreo Madrid-Vigo. Durante os anos de entusiasmo republicano, nos que xermolaron algúns dos proxectos de desenvolvemento urbano máis decisivos para a historia da cidade, o concello, co apoio dalgúns empresarios vigueses, pulou polo proxecto de construír un aeródromo terrestre nuns terreos próximos ao primeiro apeadeiro do tranvía Vigo-Mondariz, bautizado como “Peinador” en homenaxe ao emprendedor galeguista Enrique Peinador Lines, quen fora o máximo impulsor desta liña do tranvía suburbano vigués e responsable do incrible proxecto do Balneario de Mondariz.

En 1936 deseñouse un primeiro proxecto para Peinador con tres pistas de voó e unha estrada de circunvalación. Tras o levantamento militar, o goberno obrigou aos veciños dos concellos de Vigo, Lavadores e Mos a traballar dous días de cada mes sen remuneración ningunha na construción do futuro aeroporto. O tranvía era o medio de transporte utilizado polos vigueses militarizados para chegar a unhas obras que, como lembra Antonio Giráldez Lomba no seu magnífico libro sobre os tranvías de Vigo, quedaron na memoria do noso cancioneiro popular: “O chegar a Peinador, / o primeiro que se ve, / carretilla, pico e pala / e porrón… para beber. / Se vas a Peinador, / mira qué vas facer, / pois vas a traballar / e non vas a comer.” Unha prestación persoal que podía ser redimida –só por uns poucos, ben adiñeirados– pagando en 1937 doce pesetas á Junta del Aeropuerto de Vigo.

A apertura da primeira liña regular do aeroporto de Lavacolla en 1937, que unía Santiago, Salamanca, Valladolid e Zaragoza, adiou o ritmo dos traballos de Peinador, que serían recuperados unha década despois. Mágoa que daquela se desbotase o fermoso proxecto de terminal de Jenaro de la Fuente, de inequívoca xínea racionalista, que quedou como outras posibles alfaias viguesas no territorio da nosa arquitectura de papel. Tras a posta en marcha da liña de Aviaco con Madrid no 54 e con Barcelona no 58, o pulo industrial vigués foi tirando de Peinador, que cada década foi sometido a obras de ampliación da terminal de viaxeiros e dos servizos de axuda á navegación. En 1981, tras a primeira ampliación da lonxitude da pista, iniciáronse os voós internacionais, aínda que habería aínda que agardar ao pulo económico da década dourada (1998-2008) para asistir a un crecemento espectacular do tráfico da terminal viguesa, que en 2007 acadou a cifra dun millón catro centos mil viaxeiros, liderando o ano seguinte o tráfico dos tres aeroportos galegos no que atinxe ao número de usuarios das liñas que unen Galicia con Barajas.

Hoxe Peinador sofre a crise máis importante da súa historia. Tras uns anos extraordinarios, os efectos da crise económica e da competencia das terminais internacionais de Porto e Compostela (onde se estableceron bases de liñas aéreas de “prezos reducidos”) deixarán a terminal viguesa este ano por baixo do millón de usuarios. Un resultado que terá dúas importantes consecuencias: a redución do número de conexións, tanto coas terminais españolas como as internacionais, anunciada polos operadores para esta tempada de inverno e para a da vindeira primavera; e o aumento apreciable do prezo dos billetes e da ocupación dos avións por traxecto, feitos dos que se fala en voz baixa, mais que xa se veñen producindo nestes últimos días, onde por algún billete de ida e volta a Madrid pode chegar a pagarse unha cantidade moi próxima aos 500 euros. En definitiva, se non mudan as cousas, desde Peinador teremos menos voós e billetes máis caros.

Non é doado atopar unha receita máxica que permita darlle volta a este carpín. Fracasado o modelo de reparto do comité de rutas entre as tres terminais aeroportuarias –deseñado polo Partido Popular para avalar as axudas que recibe Lavacolla, concibido como aeroporto internacional de Galicia–, a oferta de Peinador debe procurar a súa singularidade dentro do modelo centralizado sobre Barajas e El Prat de tráfico áereo español e dun número moi reducido de enlaces europeos, singularmente o de Charles de Gaulle e o de Heathrow. Na potenciación desas poucas rotas estratéxicas (Madrid, Barcelona, París e Londres), que permiten en menos de tres horas conexións dende Vigo cos cinco continentes (o que pode ser importante, tamén, para converter o porto en base de cruceiros), e na potenciación do tráfico de mercadorías pode residir a recuperación de Peinador.

Onte 4: décimo aniversario do 11M

A omnipresenza nos medios e na rede do décimo aniversario do 11-S activa, inevitablemente, as lembranzas de como coñecimos a noticia e como vivimos aquelas horas. A memoria permítenos traducir a historia en primeira persoa, impregnándoa con todas as nosas emocións e subxectividades. Vivencias que transformamos en testemuñas que serven para verbalizar e darlle coherencia a esoutro relato esencial, o da historia persoal, que todos imos moumeando en silencio día a día. En diversos momentos deste 11-S, lembrei que coñecín a noticia do atentado ás Torres Xemelgas pola SER, mentres viaxaba pola A-9 camiño dunha xuntanza no estudio de Fausto Isorna, que nos presentaría a derradeira versión de Galicia. Unha luz no Atlántico. Naquela oficina do Toural agardábanme Víctor Freixanes e Malós Cabrera, os coordinadores da obra, cos que compartín en amizade aquelas primeiras horas da tarde de profunda inquedanza. Soñara con eles moitas veces aquel libro de referencia, concibido por Xerais coa vontade inequívoca de marcar un novo estilo na divulgación do coñecemento de Galicia dentro e fóra do país, unha contribución que axudase a iniciar con esperanza e altas doses de autoestima o novo século. Porén, aquela obra quedará tamén vencellada animicamente coa perplexidade daquela tarde do 11-S e co que sucedería un ano despois, o 11-N de 2002 coa desfeita do Prestige. Así de selectiva e caprichosa é a memoria persoal.

Onte 3: mazás de louriñales

Camiño de Camos na procura dun surtido de lambonadas, avoa Concha lembrou que estamos en tempo de marmelos e marmeladas. Cando debullaba con entusiasmo o relato de como nesta época apañaban mazás no regueiro tan vizoso de Reboreda, saltou a sorpresa, «eran “mazás de louriñales”». No meu acervo de neofalante a presenza dun sintagma descoñecido dispárame a ledicia de comprobar o prodixio da conservación dunha lingua tan viva e fresca na memoria dos nosos maiores. Xa na biblioteca, o Gran Xerais sacoume da ignorancia: «“louriñales”: variedade de mazá que ten a súa carne moi branca e a tona a vetas brancas e vermellas en sentido vertical». Na miña arca de palabras con arrecendo a mazá, ás camoesas, que gababa Cunqueiro, ou ás tabardillas de pel moi rugosa que vendía na praza a miña avoa Maruja, engadirei estas louriñales que apañaba Concha de moza. Con esta nova palabra gañei o día.

Onte 2: non somos inocentes

Non é doado manter a serenidade despois de recibir unha puñada na boca do estómago. Sentindo aínda os efectos desa dor e botando man dos folgos de reserva, atendín durante a mañán aos dous medios que se interesaron polos efectos dunha medida dirixida de forma virulenta e inequívoca ao que foi durante dúas decadas –e continúa sendo– o corazón da edición en galego. Desolación. Xa non somos inocentes para comungar con rodas de muíño, rosmaba na viaxe. Felizmente, no fermoso serán lucense acouguei coa acollida de Suso e coa súa sempre delicada e agarimeira atención. No tempo que dura un lóstrego as súas palabras devolvéronme ao territorio da nación dos optimistas afoutos.

Onte 1: pensamento sincrético

No avión da noite, o picariño da fila de atrás retransmitiunos a viaxe coa precisión dun ciruxián. Mentres discurseaba sen descanso coa súa nai sobre as posibilidades de poder identificar o curuto da súa casa cando estivésemos sobre Ribadavia, eu relía un chisco distraído un orixinal, un minucioso relato da viaxe dos tres magos de oriente. Foi unha lección de balde do mellor pensamento sincrético, un agasallo que nos deitou unha faragulla de optimismo. Marabillas cotiáns que non sei se atribuír ás brincadeiras do azar ou á providencia laica.

Porto e Concello

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a nova fase que se abre nas relacións Porto de Vigo e Concello, a raíz do fallo do Xulgado Contencioso sobre a paralización das obras das naves de redeiros do Berbés.

Para algúns comentaristas é un lugar común afirmar que Vigo ten tres alcaldes: o do Campo de Granada, o das Avenidas e o do recheo de Bouzas. Un xeito irónico de expresar a escasa cooperación institucional, cando non aberta competencia, entre as tres administracións (o concello, a Autoridade Portuaria e a Zona Franca), que operan sobre a nosa cidade. Nin sequera aqueles triunviratos monocores dos anos da movida (Manuel Soto na praza do Rei, Elena Espinosa no porto e Francisco López Peña na Zona Franca) ou dos noventa do ciclón fraguista (Manuel Pérez, Juan Corral e Pablo Egerique) foron capaces de que estas tres institucións –tamén tres administracións, local, autonómica e estatal– artellasen un sólido proxecto de desenvolvemento estratéxico para o Vigo Metropolitano.

Coa moi honrosa excepción do fito senlleiro do proxecto “Abrir Vigo ao Mar” nos anos noventa, financiado pola Zona Franca, mais concibido polo goberno tripartito presidido por Carlos G. Príncipe, e comezado a executar sendo alcalde Manuel Pérez, magoadamente non existiu na nosa cidade portuaria un modelo de cooperación estable entre estas tres institucións. Máis aínda, durante a pasada década, xa retirada a Zona Franca da pelexa polo liderado do proxecto vigués, unha loita a cara de can estableceuse entre os responsables do porto e do concello. Cando Corina Porro presidía en minoría a corporación municipal (2004-2007), Abel Caballero dende a Autoridade Portuaria (2005-2007) disputáballe o liderado no deseño urbano do perfil litoral; cando Caballero presidía o goberno municipal de coalición, Porro dende o porto (2009-2011) dirixía a súa estratexia para recuperar a alcaldía. Unha loita estritamente política que, sen dúbida, pexou tanto no óptimo funcionamento das actividades portuarias, onde está unha boa parte da actividade económica metropolitana, como no desenvolvemento urbanístico da beiramar, o espazo de lecer e encontro preferido polos vigueses.

O fallo recente do Xulgado Contencioso-administrativo de Vigo, que dá a razón ao concello sobre a paralización da reforma das naves do Berbés, que Corina pretendeu transformar en restaurantes e logo en Museo do Porto, ademais de solucionar un conflito urbanístico, ten gran importancia política xa que amosa a imposibilidade da Autoridade Portuaria de actuar sobre os espazos portuarios de forma unilateral, sen contar coa preceptiva licenza outorgada polos técnicos municipais. Un fallo que, xunto ao rotundo fracaso da estratexia trampolín de Porro de auparse dende as actuacións do porto á alcaldía, debería liquidar de vez esta competencia interinstitucional, só atribuíble aos intereses de partido, mais tan paralizante para os intereses xerais da cidadanía. Dalgún xeito, con este fallo (e outros que, previsiblemente, virán) tamén queda superado o modelo do triunvirato institucional, e só o alcalde elixido polos votos dos veciños ostenta a lexitimidade de representar o proxecto urbano en todo o límite municipal, incluído o do perímetro do porto. Dificilmente poderá Ignacio López Chaves, o novo presidente da Autoridade Portuaria, continuar coa estratexia da súa predecesora de facer oposición municipal dende a súa cadeira da Praza da Estrela, cando sabe, ademais, que o seu partido ten moitas posibilidades de poñer en moi serias dificultades a unha alcaldía, condicionada polos nacionalistas a gobernar en minoría.

No entanto, moitas e importantes tarefas debe enfrontar López Chaves, neste momento de crise da economía metropolitana, onde é imprescindible a achega portuaria. Non lle vai ser doado –aí temos a crise brutal que está sofrindo o aeroporto de Peinador–  desbloquear o proxecto da autoestrada do mar, que debería unir de forma permanente o porto de Vigo co bretón de Sant Nazaire. Como tampouco o será o de solucionar os problemas existentes para a posta en marcha da PLISAN, a plataforma loxística de Salvaterra, promovida pola Autoridade Portuaria de Vigo, xunto coa Zona Franca e a Consellaría de Medio Ambiente. Como tamén se poñerá a proba a súa capacidade proactiva para abrir un diálogo amplo co concello, tanto co goberno municipal como cos grupos da oposición, de cara a acadar ese consenso necesario sobre o Plan de Usos do Porto, que poña de vez orde no actual caos existente nos terreos portuarios, onde se mesturan actividades, que moi pouco teñen que ver coa actividade produtiva vinculada ao mar, e garantice un crecemento das instalacións portuarias (o que non debería supoñer novos recheos) compatible coa protección medio ambiental da ría. Sen esquecer, que Chaves deberá abordar temas de interese cidadán como a mellora do transporte de ría ou a apertura das instalacións portuarias para o lecer dos vigueses. Moita faena, don Ignacio.