Aminetu Haidar e o asento de Rosa Parks
Agustín Fernández Paz escribiu un fermosísimo artigo lembrando a proeza de Rosa Parks. Foi o 1 de decembro de 1955 cando Rosa Parks se negou a obedecer en Alabama a un condutor de autobús que lle dixo que cedese o seu asento a un pasaxeiro branco. Hoxe un fermoso artigo dos cineastas Paul Laverty e Ken Loach recorda o acto de dignidade individual daquela muller farta de ceder e ceder, que supuxo un punto de inflexión da comunidade afroamericana na súa loita contra a segregación racial, comparándoo coa folga de fame que vén desenvolvendo dende hai días Aminetu Haidar no aeroporto de Lanzarote. A situación de Aminetu pon en evidencia a vergonzosa situación de esquecemento na que España deixou ao pobo saharui e a prepotencia coa que manexa Marrocos o conflito. O único delito que cometeu Aminetu foi ao seu regreso dos Estados Unidos cubrir na tarxeta de embarque o apartado destinado ao estado ao que pertence coas palabras «Sahara Occidental» (o nome do seu país) en vez de «Marrocos» (o nome do estado que dende hai máis de trinta anos invade o seu país). Cansa de ceder e ceder escribiu apenas o nome da súa nación. Esta resistencia non violenta, amparada polo valor das palabras, é a razón pola que as autoridades marroquinas lle impiden entrar no seu propio país (ocupado). Aminetu, rebelde, é unha estranxeira na súa patria por ser fiel á dignidade das palabras. O Goberno español xa non pode permanecer máis tempo coma se fose un mero espectador da situación de opresión sobre o pobo do Sahara Occidental. Zapatero e Moratinos teñen a obriga moral de encabezar a mobilización da comunidade internacional para que de vez se cumpran as resolucións da ONU e de presionar sobre ao veciño marroquino para que as respecte. A afouteza e a dignidade de Aminetu, coma no seu día fixera Rosa Parks, quizais estea abrindo o proceso do Sahara Occidental cara a súa autodeterminación. A nosa apreta solidaria para ela e para os seus compañeiros e compañeiras.



No 
É moi atractivo o portal 
A PACIENCIA AGÓTASE
primeiro lugar na súa falta de gol, como ben puidemos comprobar onte, na que os múltiples centros de Dani Abalo dende a banda dereita nunca atoparon un rematador oportuno, tanto cando estivo no campo Arthuro (“Pichichi” é o alcuño que recibe o brasileiro en Río Alto) como máis tarde Joselu (quen tras o traspaso caíu nunha formidable baixa forma). Problemas co marcador dos nosos dianteiros que Eusebio trata de superar apenas por medio dos xutes dende a frontal de Michu (onte estivo pretiño de golear en dúas ocasións) e das xogadas a balón parado executadas por Trashorras, até agora os nosos dous mellores goleiros. Variantes atacantes ás que só podemos engadir os remates dos nosos centrais nos saques de recanto ou algunha subida esporádica a golpe de peito dalgún deles (Jordi fíxoo onte nunha soa ocasión). O segundo tipo de problemas ten que ver coas escasas variantes tácticas do xogo deseñadas na pizarra do vestiario. Ben sabemos que Eusebio é moi pouco amigo de facer modificacións do seu estilo de xogo, como tamén puidemos comprobar onte, cando a diferencia da maior parte dos equipos que veñen a Balaídos a pecharse, os rapaces de Vilarreal B tocaban e tocaban, iso si, a maior velocidade cos nosos, aseñorando o control do balón durante case todo o partido e creando perigo dende o inicio. O Celta sen a pelota sofre moito no medio do campo e aumenta a súa fraxilidade defensiva, o que onte provocou o primeiro gol dos visitantes e, faltando aínda media hora, o derrumbe anímico de todo o equipo. Moito me temo que se non se acude ao mercado de inverno para reforzar seriamente a dianteira (feito máis necesario tras a lesión de Aarón) e non se atopa un adestrador de corazón celtista que coñeza ben a categoría, este Celta tan riquiño teña os días contados.
No 