Autonómicas: ollo con Pontevedra!
A entrada de Corina Porro na lista do PPG de Pontevedra é unha noticia que non debe pasar desapercibida. Razóns de moito peso debeu valorar a ex-alcaldesa de Vigo para abandonar o seu escano no Senado e a poderosa vicepresidencia da Deputación. Motivo que albisco debe residir nese segredo que circula sotto voce sobre os resultados de case todas as enquisas preelectorais en Vigo, que serían claramente adversos para os dous partidos do actual Goberno Galego. Mesmo, un xornalista, que sei moi ben informado do que se coce en certas alturas compostelanas, calificoumos, estritamente en privado, de «sinxelamente horribles, tanto para o PSOE coma para o BNG». Algo que me pareceu verosímil, dado que abonda poñer a orella nas cafetarías e tascas viguesas para comprender que o actual bipartito do Campo de Granada, presidido polo fantasioso Caballero e polo nacionalista Domínguez, non consegue arrincar entusiasmo por ningures, mesmo entre os seus propios partidarios. Se a isto engadimos a incidencia da crise do sector da automoción sobre o emprego (que pouco pode alentar o apoio aos responsables das administracións, sexan os da central ou da autonómica), podemos comprender que para Alberto Núñez Feijoo a cidade da oliveira se transformase na súa praza máis decisiva para intentar gañar as eleccións (ou polo menos para fachendear de terlle quitado un deputado ao bipartito en Pontevedra, precisamente na provincia pola que se presenta o actual presidente da Xunta). Sen dúbida con Corina no segundo posto da candidatura, sabendo que aínda conserva unha certa aura de política de proximidade, a operación albertina de asalto a Pontevedra semella máis factible. A pesar de que as enquisas amosan unha clara tendencia á baixa do PPG en Ourense e Lugo, equivocaríanse os que considerasen as vindeiras autonómicas apenas coma un trámite electoral que refrendará un inevitable segundo bipartito de composición semellante a actual. A triste actuación do PSdeG-PSOE e do BNG vigueses durante o ano e medio transcorrido desta Corporación é unha oportunidade obxectiva que pretende aproveitar Alberto Núñez Feijoo apostando polo tirón populista de Corina, que conta mesmo co apoio dunha parte da directiva da Federación Veciñal viguesa. A verdade é que como xogada de ataque non está mal pensada. Teñen algunha posibilidade de contrarrestala Touriño e Quintana?