Autonómicas: ollo con Pontevedra!

A entrada de Corina Porro na lista do PPG de Pontevedra é unha noticia que non debe pasar desapercibida. Razóns de moito peso debeu valorar a ex-alcaldesa de Vigo para abandonar o seu escano no Senado e a poderosa vicepresidencia da Deputación. Motivo que albisco debe residir nese segredo que circula sotto voce sobre os resultados de case todas as enquisas preelectorais en Vigo, que serían claramente adversos para os dous partidos do actual Goberno Galego. Mesmo, un xornalista, que sei moi ben informado do que se coce en certas alturas compostelanas, calificoumos, estritamente en privado, de «sinxelamente horribles, tanto para o PSOE coma para o BNG». Algo que me pareceu verosímil, dado que abonda poñer a orella nas cafetarías e tascas viguesas para comprender que o actual bipartito do Campo de Granada, presidido polo fantasioso Caballero e polo nacionalista Domínguez, non consegue arrincar entusiasmo por ningures, mesmo entre os seus propios partidarios. Se a isto engadimos a incidencia da crise do sector da automoción sobre o emprego (que pouco pode alentar o apoio aos responsables das administracións, sexan os da central ou da autonómica), podemos comprender que para Alberto Núñez Feijoo a cidade da oliveira se transformase na súa praza máis decisiva para intentar gañar as eleccións (ou polo menos para fachendear de terlle quitado un deputado ao bipartito en Pontevedra, precisamente na provincia pola que se presenta o actual presidente da Xunta). Sen dúbida con Corina no segundo posto da candidatura, sabendo que aínda conserva unha certa aura de política de proximidade, a operación albertina de asalto a Pontevedra semella máis factible. A pesar de que as enquisas amosan unha clara tendencia á baixa do PPG en Ourense e Lugo, equivocaríanse os que considerasen as vindeiras autonómicas apenas coma un trámite electoral que refrendará un inevitable segundo bipartito de composición semellante a actual. A triste actuación do PSdeG-PSOE e do BNG vigueses durante o ano e medio transcorrido desta Corporación é unha oportunidade obxectiva que pretende aproveitar Alberto Núñez Feijoo apostando polo tirón populista de Corina, que conta mesmo co apoio dunha parte da directiva da Federación Veciñal viguesa. A verdade é que como xogada de ataque non está mal pensada. Teñen algunha posibilidade de contrarrestala Touriño e Quintana?

17 comentarios
  1. Calidonia
    Calidonia Dice:

    Coincide esa filtración co temor que eu teño, que non é senón a constatación do crecemento do PP e do discurso liberal e antigalego (en todas as súas acepcións) nas urbes galegas mais españolizadas (ferrol, acoruña e vigo).

    A novidade é que tanto a organización como o electorado socialistas estánse impregnado -se non o están xa totalmente- de españolismo e de antinacionalismo. As novas fornadas e os vellos recalcitrantes danse a man e non dubidan en cualificar ao BNG como sectáreo, con razón ou sen ela, con coalición de goberno ou non. Nese panorama Caballero atópase perfectamente a gusto.

    Por outra banda, demóstrase esgotada a opción de Domínguez para liderar o BNG vigués, esgotada a súa antiga popularidade e impregnado el e o Bloque dunha política baleira de contido, máis preocupada de facerlle as beiras aos poderes económicos da cidade que de servir aos electores que algunha vez confiaron neles para realizar transformacións sociais de calado, aumentar a xustiza social ou simplemente mellorar o seu benestar e calidade de vida.

    Isto que dou por feitos lévanme a preguntarme cal é o seguinte paso, pois está claro que vai haber que cambiar cousas, non só persoas.

  2. Velaí
    Velaí Dice:

    Lúcido e realista comentario, Brétemas. É lamentábel a falta de criterio do BNG en Vigo e do seu líder municipal (por chamalo dalgún xeito). De Caballero hai que dicir tres cuartos do mesmo, porque dicir peor é case imposíbel. Ademais que a lista do BNG sega levando a alguén tan “chiquilicuatre” como Bieito Lobeira, é como para non votar moi entusiasmado. En fin, que algúns pensan que van facer un paseo triunfal e, se cadra, levan un carallazo monumental.

  3. arume dos piñeiros
    arume dos piñeiros Dice:

    Os que coñecemos votantes do PP sabemos que non é exactamente ese o perfil. Que non aprecian moito aos chamados bloqueiros é cousa sabida. Que chegado o caso (sen irmos moi lonxe na corporación anterior), pactan ou conveñen ou coinciden co BNG (a boa relación Porro-Domínguez debe ser coñecida por se cometemos erros interpretativos) tamén o é. Pero que sosteñen un discurso antigalego parece excesivo. Outra cousa é que os dirixentes para gañar eses votantes que si o son, de cando en vez arrimen a súa acción política cara eles. Pero eso non significa que o 45% dos votos das municipais obtidos por Corina Porro sexa elementalmente un voto antigalego e españolizado.

  4. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Santi Domínguez quédanche 3 anos pra anova-lo barrio histórico e recupera-la confianza da xente. De Caballero xa non digo nada porque é un sicópata coa síndrome do emperador.
    En Vigo estamos fartos ademais de que só se lembren de nós en elecciós: u-lo hospitla novo presentado xa polo pp hai 4 anos, u-la cidade do mar,onde está o xulgado do mercantil prometido polo ministro a Caballero,hai garderías, hai centros de maiores?E o auditorio? E o AVE? ou a biblioteca pública? E a escola de empresariais? Os vigueses preguntámonos moitas cousas e só obtemos respostas cando hai eleccións…
    Eu vou votarvos, porque aínda me lembro do anterior… pero se cadra esta é xa a última vez

  5. Nygard
    Nygard Dice:

    Esquécense de que o BNG presenta a Teresa Táboas como cabeza de lista por Pontevedra. Penso que o seu perfil é atractivo para ese contexto urbano.

    En calquera caso, non creo que haxa un “factor Vigo” derivado das circunstancias da política local, que teña influencia a nivel galego. O eleitorado diferencia bastante ben os procesos.

    A situación económica da área viguesa si que é máis preocupante pero non vexo que iso se teña que manifestar nun voto ao PP.

    Peso que o que realmente se vai dirimir nestas eleicións é a distribución de forzas BNG-PSOE.

  6. folerpa
    folerpa Dice:

    Concordo a grandes liñas co seu analise Mr. Brétemas, non está todo o peixe vendido. Malia todo o factor Porro pode ser tamén contraproducente.
    Eu mesmo que pensaba absterme ou votar en branco, visto a desvergonza da pólitca viguesa, despois de oir a arenga antigalega da Porro, que empeñou a súa palabra na derogación do decreto do galego, penso ir a votar, POR SUPOSTO NA SUA CONTRA. E que conste que xa escoitei a máis dun desencantado da política facer esta mesma reflexión tras escoitala.

  7. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Coincido contigo, Folerpa, a presenza de Corina na lista do PPdeG vai provocar un efecto mobilizador do voto desencantado vigués (de indubidabe carácter nacionalista e progresista). Iso é un punto positiva. Non podo ser optimista coa composición da lista nin do BNG nin do PSOE con respecto a Vigo. É só un desexo pensar que Teresa Táboas, a quen moito admiro, ten «tirón» de seu entre o electorado vigués; outrosí, do resto da candidatura provincial do BNG. Do PSOE, mellor nin falar; a súa candidata número dous, a conselleira Caride, nin sequera é aceptada pola agrupación viguesa do seu partido. Sigo crendo que a cousa para o bipartito en Vigo non está para botar foguetes. Os que se queiran seguir enganando, están ben avisados. A batalla viguesa é importante.

  8. Colazo
    Colazo Dice:

    A min Corina Porro paréceme de coña, un insulto á intelixencia. Di moi pouco dos seus votantes, do PP e da sociedade galega que ve “normal” unha Corina Porro alcaldesa, senadora, vicepresidenta dunha deputación ou de nº2 nas listas dun partido.

    (E deixo aparte o rollo Galicia Bilingüe, se cre nisto http://www.vieiros.com/nova/64575/cronica-dun-lector pode crer nos trasnos tamén)

    É a miña opinión, subxectiva e persoal claro.

  9. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Pregunten en Navia por Teresa Táboas: ós de Vigolar e ós de Construcuatro se cadra deixou bos amigos alá; tamén las listaxes da renda de emancipación que parecen elixidos a chou

  10. Calidonia
    Calidonia Dice:

    A Arumes e ao anónimo de dous comentarios máis arriba.

    O idioma é unha cuestión que está polarizando o voto nas cidades como nunca antes, convertendo o posicionamento sobre a política lingüística nun dos mellosres indicadores da opción política de cada quen tras o posicionamento ideolóxico. Sae en todas as enquisas.

    Non se trata tanto de que UPyD vaia sacar nada en Galiza senón de que a campaña do falso bilingüismo logrou evidenciar algo que xa estaba aí durmido ou en potencia.

    Ao longo destes últimos dous anos asistimos á toma de pose en concellos galegos urbanos dos primeiros alcaldes do PSOE que sen rubor usan total ou primordialmente o castelán como lingua institucional. As ligazóns do PP cos ‘bilingües’ a COPE e todo o movemento fascista galego son evidentes e non requiren máis comentario.

    Cometen un erro se toman por xeneralización o que pretendo sexa unha descrición dun fenómeno sociolóxico real, que se pode prcibir e medir. Admito que podemos discutir a túa intesidade pero non negalo que é un factor político, ideolóxico e de voto nesta campaña. Por iso isto: http://www.laopinioncoruna.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2009012200_2_254073__A-CORUNA–METRO-para-hablan-castellano

    Outras das leccións que xa debiamos ter sacado desde hai catro anos é a disociación sociolóxica do PP galego e do seu electorado. Non son comparábeis en absoluto os votantes populares de Vigo, Ferrol ou A Coruña cos de Ourense ou Lugo, e moito menos cos do rural. Para os últimos e quizá para os do medio comprendo que se defenda a súa ‘inocencia’ nesta cuestión. Para os primeiros -maioritariamente, insisto- non, absolutamente non.

  11. ARUME DOS PIÑEIROS
    ARUME DOS PIÑEIROS Dice:

    Eu non estou tan seguro de que o idioma polarice nas cidades: hai unha gran maioría que non vota en clave lingüística. Digamos que o votante do PP e probablemente o do PSOE prefire atender a cuestións económicas, sociais, educativas ou de sanidade que a outras cousas. O electorado do BNG tamén se sinte atraído por esas razóns de forma predominante, pero hai indudablemente un voto galeguista que depende en gran medida da política lingüística. A novidade dos últimos tempos é que o factor lingüístico castelanófilo funciona como catalizador de votos para o PP, dada a presencia de significados dirixentes (coma Corina Porro, con indudable tirón popular en Vigo) ao redor de tales movementos. Esto explica que nalgúns concellos o PSOE, que non quere saber nada de lideiras lingüísticas, optando por un oportuno(ista) lavatorio de mans, prefira empregar o español cunha frecuencia que antes podía resultar contraproducente. Tamén pode explicar o voto de Marcos Calveiro en sentido contrario, pero non estou seguro de que este último sexa tan relevante. E que perdoe o grande Folerpas, que anda de noraboas ultimamente.

  12. ARUME DOS PIÑEIROS
    ARUME DOS PIÑEIROS Dice:

    Esto é o que contesta, por certo, Feijoo no Facebook.

    Yo os propongo votar bien y poner freno a la imposición de cualquier idioma en Galicia. Os propongo que cada padre pueda elegir la lengua en que se educa a sus hijos, y que no seamos los políticos los que decidamos en qué lengua habláis o dejáis de hablar. Desde luego, si soy presidente eso no va a pasar. LIBERTAD LINGÜÍSTICA EN GALICIA Y SIN IMPOSICIONES, esa es la idea que regirá mi política lingüística en Galicia, os lo aseguro

Trackbacks y pingbacks

  1. […] algunhas anotacións que merecen ser recuperadas por moi diversas razóns. No mes de xaneiro, «Autonómiccas: ollo con Pontevedra!»,  que agoiraba importantes dificultades para os membros do Bipartito. En febreiro, «Rotundo […]

Los comentarios están desactivados.