A Panificadora emite un S.O.S.

No artigo da semana reclamo a coraxe das autoridades municipais para evitar que o edificio da Panificadora sexa derrubado tal como propón a iniciatica cidadá de Outro Vigo é Posible.

Ánxela Bugallo, entrevistada en «Galicia hoxe»

Pareceume moi interesante a entrevista que Galicia hoxe publica con Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura e Deporte. O que máis me chamou a atención é o escaso interese que se lle concede á cuestión do libro e a lectura nun amplo percorrido polos temas da axenda da consellaría de Cultura durante a lexislatura (Cidade da Cultura e a súa xestión, AGADIC, Plan Galego das Artes Escénicas, patrimonio…). Coa excepción dunha breve referencia ao plan de fomento da lectura e á presenza nas feiras de Frankfurt e Boloña non atopamos, nin por parte da conselleira nin da persoa que a entrevista, ningunha outra alusión ao mundo da lectura e da creación literaria. A palabra «libro» tampouco aparece por ningures. Algunha vez os responsables actuais da consellaría de Cultura e Deporte deberán explicar cáles son as razóns desta omisión (consciente ou inconsciente, a verdade que non sei interpretala) do «pan da cultura» e do eixo que vertebra todas as políticas culturais das sociedades do noso entorno. Seguindo este mesmo fío, a ningún observador atento se lle puido escapar que este ano o Cultur.gal 2008 (organizado pola Consellaría de Cultura) perdeu na súa denominación o sintagma «libro» co que fora bautizado na súa primeira edición. Un detalle, quizais, insignificante, que nos deixa perplexos nunha comunidade que durante estes tres últimos anos non conseguiu abandonar os postos de cola en índices de lectura e dotación bibliotecaria.

Actualización (24-11-2008): Daniel Salgado entrevista en El País Galicia á conselleira.

E-books, quince características óptimas

Recollo de Michelena unha anotación moi útil sobre as características óptimas que para Gerry Purdy deberían ter os e-books para que se convertesen nos soportes de lectura preferidos polo 75% dos lectores e lectoras no espazo dos vindeiros dez anos. Un rápido resume dun texto moi prospectivo:
  1. Tamaño correcto: máis grande ca un iphone, máis pequeno ca un ultraportatil.
  2. Encendido / apagado instántaneo:é un aparello non un pc.
  3. Gran interfaz de usuario: baseado nun estándar aberto que require manual de usuario.
  4. Alto contraste, alta resolucióne cores brillantes: hoxe non existe esta posibilidade, aínda que o iphone demostra que tecnoloxicamente é posible.
  5. Acceso aleatorio: poder saltar a unha páxina, a un capítulo (un libro que tamén pode ser folleado).
  6. Durabilidade: debe durar anos.
  7. Almacenamento: 50 Gb.
  8. Anotación doada: posibilidade de realizar marcaxes e anotacións.
  9. Acceso doado a dicionarios: posibilidade de intertextualidade cos dicionarios cargados.
  10. Custo aceptable: tarifa plana de 40 $ mensuais. (?)
  11. Comunicacións inalámbricas incorporadas.
  12. Modelos de negocio aceptables: como retribuír a editores e autores. (?)
  13. Distribución máis ampla: posibilidade de “roaming” entre os distribuidores.
  14. Vídeo e animación integrados.
  15. Protección da propiedade intelectual e administración dos dereitos dixitais aceptabe.
A verdade que a proposta de Purdy non soluciona todos os problemas, (sobre todo os referidos ao modelo de negocio) mais é indubidable que propón a axenda do e-book posible. Daremos volta a estas propostas.

Cultur.gal 2008

Xa está todo preparado para Cultur.gal 2008, a feira das industrias culturais de Galicia. A participación de empresas, colectivos e entidades é importantísima, supoñendo un claro paso adiante sobre a primeira edición, celebrada en Pontevedra o pasado ano. A nosa achega ao programa serán catro presentacións de novidades do trinque: A corpo aberto de Manuel Rivas, Novas minimaladas de Pinto&Chinto, O Globo de Shakespeare de Jaureguizar e O natural é político de Teresa Moure. Ademais, no noso espazo teremos asinaturas de autores e autoras e algunha sorpresiña (que, aínda, non é o momento de desvelar). Non está de máis reservar unha tarde ou unha mañá da ponte de decembro para viaxar a Coruña e coñecr a experiencia cultur.gal. A verdade é que promete.

O profesorado debe ler co seu alumnado

«A lectura non é unha área máis, é a peza fundamental para aprender o resto das asginaturas», dixo Fernando Reimers, catedrático da Univeridade de Harvard, na lección que inaugurou a semana monográfica, organizada pola Fundación Santillana, «La lectura en la Sociedad de la Información». O profesorado de calquera das materias debe ler co seu alumnado, como unha das súas actividades docentes principais. Agradécese que autoridades académicas reivindiquen a importancia fulcral do ensino da lectura en todos os niveis educativos. Non abondan as ocasións para repetilo.

A presenza da literatura galega no exterior

Múltiples compromisos de traballo impedíronme participar no Simposio organizado pola AGE sobre «O libro galego no mundo». Afortunadamente, as informacións aparecidas na rede axudáronme a seguir algunhas das intervencións. Considero sobranceira a achega de Arturo Casas, en boa parte recollida nesta anotación do seu blog. Un texto, para debullar amodiño, no que por vez primeira se presenta un completo programa de vinte medidas para acometer o proxecto nacional de presenza da literatura galega no exterior. Unha anotación para o arquivo, sobre a que volveremos.

(Todo un acerto a súa ilustración de Miguelanxo Prado, «A Praza de Belo Horizonte», hoxe un dos autores galegos máis coñecidos e admirados no mundo)

Campo do Fragoso LXVII

MURALLA
A pesar do empate raquítico fronte á muralla vallecana, do partido de onte podemos tirar, canto menos, dúas conclusións positivas: a primeira, o Celta leva xa dous meses sen perder na competición ligueira, grazas a que vai fortalecendo a súa liña defensiva (até agora o seu punto máis feble); e, segunda, os seareiros celestes comezan, aínda que sexa timidamente, a volver ás bancadas de Balaídos (a de onte foi a mellor entrada da tempada). No entanto, este empate sen goles foi un resultado insatisfactorio para os méritos que os de Pepe Murcia fixeron sobre a lameira. Tras unha saída entusiasta dos celestes, que conseguiron nos primeiros minutos senllas chegadas perigosas de Michu e Ghilas, o Rayo Vallecano tivo o mérito de adormecer o encontro, apagándoo e afeándoo nunha batalla táctica no medio do campo, onde os seus pivotes paraban de forma expeditiva calquera das iniciativas de creación dos nosos. Semellante pasividade atacante vallecana contaxiou aos celestes durante un bo treito da primeira parte. O xogo embarullábase coma nun labirinto no centro o terreo e apenas Dinei conseguiu nunha ocasión xutar con perigo na área, Ghilas e Óscar Díaz (que abandonou o campo mancado no minuto 37 e foi substituído por Danilo) realizar un par de desbordes e Fabiano centrar nunha ocasión dende a súa banda. Tras o descanso, diante da desesperante actitude contemplativa dos madrileños, os celestes incrementaron de forma moi decidida o seu ritmo e empurraron ás dúas liñas da muralla vallecana (moi ben colocada sobre a súa área). Grazas a este dominio case absoluto (os vallecanos só aspiraban a que se producise un erro defensivo galego e poder montar un contrataque, feito que nunca aconteceu) o Celta dispuxo de dúas clarísimas oportunidades para facerse co encontro: un cabezazo de Dinei rematando un saque de recanto (que vimos dentro) e, sobre todo, a mellor xogada do partido, unha gran entrada de Ghilas pola banda dereita, o seu centro posterior, ao que non chegou por milímetros Dinei, e o conseguinte rexeite defensivo que un desacertado Danilo, a porta baleira, guindou ás bancadas de Marcador. Nos minutos finais, a pesar da insistencia do ataque celeste, a muralla vallecana foi imposible de franquear. Con este pobre resultado, o Celta abóase á estratexia da goma que coñecimos o pasado campionato: cando semellaba que podía enganchar tres vitorias consecutivas (e colocarse, así, preto das posicións de ascenso), dá un decepcionante paso atrás. Con todo, para non perder esperanzas, quedémonos coa solidez defensiva do conxunto e coa magnífica actitude atacante da segunda parte.