Atinadísimo artigo de Anxo Lorenzo

Recomendo moi vivamente a lectura do artigo de Anxo Lorenzo sobre “Política lingúística e ‘consenso’ en Galicia?” publicado n’ A Nosa Terra. Non hai dúbida que a actual política que defende o Partido Popular racha o pacto lingüístico acuñado hai máis de vinte anos; mais tamén é moi necesario, como salienta de forma clarificadora o profesor Lorenzo, que era imprescindible mudar o rumbo da política lingüística gobernamental (o que non supón mudar o consenso acadado, mais ben todo o contrario). Acerta de cheo Lorenzo cando clarifica os termos dese “consenso” ou “pacto”:

“O que podemos denominar como ‘pacto’, ‘consenso’ ou ‘acordo’ lingüístico confórmase mediante os contidos lingüísticos do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 e da Lei de Normalización Lingüística de 1983. Cales son, ao noso entender, as características principais dese ‘pacto lingüístico’? En primeiro lugar, a cooficialidade –en Galicia, galego e castelán teñen plena igualdade xurídica–; en segundo lugar, a declaración do galego como lingua propia; en terceiro lugar, derivado do aspecto anterior, a decisión de pór en marcha un proceso institucional e social de ‘normalización’ da lingua galega, por se atopar esta en situación de desigualdade respecto do castelán; e, en cuarto lugar, o respecto polo principio de individualidade: que cadaquén utilice a lingua da súa preferencia nas comunicacións non institucionalizadas.”

Sigo crendo que o modelo de educación plurilingüe, que alicerza o decreto sobre o uso e promoción do galego no sistema educativo universitario, é hoxe a peza central do “consenso” lingüístico en Galicia. A Consellaría de Educación, mais tamén o conxunto do Goberno Galego, deberían afrontar a súa responsabilidade e impulsar neste derradeiro treito da lexislatura este pacto coa mesma convicción e a intelixencia coa que formula a súa análise o profesor Anxo Lorenzo. Son dos que cre que nesta cuestión non podemos asumir derrotismos de caste ningunha.

"A cidade e os días"

No artigo da semana presento as características e a significación da nova edición d’ A cidade e os días, o calendario histórico de Vigo de Xosé María Álvarez Blázquez que traducimos para o galego e presentamos onte. Non podo agachar a miña satisfacción. Esta tradución, na que tivo un papel destacadísimo Pablo Sánchez Mato, é o noso gran de area á homenaxe nacional a don Xosé María. Tamén produciunos ledicia a entrada en almacén o pasado venres da Fotobiografía sobre don Xosé María, preparada por Alfonso Álvarez Cáccamo, un álbum fotobiográfico no que se recollen máis de catrocentos documentos e fotografías.
O luns, ás 20:00 horas no Auditorio da rúa Areal do Concello de Vigo, teremos a honra de presentar a homenaxe do Club Faro de Vigo á figura de XMAB na que participarán o seu fillo Alfonso, o académico Darío Xohán Cabana e o presidente da Real Academia Galega Xosé Ramón Barreiro Fernández.

Anuncio da London Book Fair

Este é un promocional moi interesante sobre a London Book Fair. Un documento interesante para entender de que se trata nas Feiras Internacionais do Libro.
Vía Blogtailors.

Entrevista a Manuel Rivas

Manuel Rivas é entrevistado na revista UNELIBROS. Manolo, entre outras cousas ben interesantes, propón a creación dun novo ecosistema para a promoción da lectura e do libro: o pub-taberna-libraría. Quedo con estas tres afirmacións en defensa do libro, a lectura e a biblioteca:

  • “A lectura, o libro e os espazos onde están son lugares de resistencia humanística esenciais. A nosa sorte depende de que eses espazos se manteñan ou desaparezan completamente da natureza”.
  • “O libro é algo que pertence á natureza, que ten a condición de froito”.
  • “Os centros escolares deberían ter como epicentro arquitectónico a biblioteca”.
    A longa entrevista pode lerse neste pdf (nas páxinas 13 a 15) do número completa da revista.

O modelo de préstamo, novo informe da AGE

A Asociación Galega de Editores acaba de presentar un novo informe sobre a modalidade de préstamo do libro de texto de en Galicia. O traballo, elaborado polo grupo PSICOM da Universidade de Santiago, que aborda os aspectos cualitativos do sistema de préstamo, entre outras conclusións salienta que “o 82% dos pais galegos enquisados considera que a principal desvantaxe do sistema de préstamo dos libros de texto é que impide ao alumnado empregar os manuais como ferramenta de traballo, limita as súas oportunidades de aprendizaxe e comprensión e non establece a gratuidade total; o modelo xera moito rexeitamento entre o sector docente e tampouco é aceptado de bo grado polos equipos directivos que ven na súa xestión administrativa unha enorme traba ao seu traballo”.
Non imos reiterar a nosa opinión sobre esta modalidade de préstamo, mais semella que co paso do tempo e con estas análises tanto cuantitativas como cualitativas, os argumentos que manexamos non estaban errados. Agardamos que o vindeiro Goberno Galego poida entendelos mellor e sexa máis respectuoso co espazo ecolóxico do libro galego.

A Nova Agora Galega

O vindeiro mércores, 14 de maio, estamos convidados a participar pola tarde nun debate sobre a”Escritores na blogosfera”, que se realizará en Ourense no seo da xornada “A Nova Agora Galega“. Un programa ben interesante e, polo que me dixeron, varios centos de participantes. Xa contaremos.

Tempos dixital

Beizóns aos responsables do mensual Tempos Novos que publican a súa versión beta do seu espazo electrónico, Tempos dixital. Entre outras novidades, considero importante para a visibilidade do libro galego a posibilidade de consultar e descargar en pdf o Protexta, o seu magnífico suplemento de libros. Pareceume prometedora a sección “Entreculturas“, así como a da “Hemeroteca” (onde poder consultar algúns dos traballos xa publicados con anterioridade). Non hai dúbida que este Tempos dixital axudará a tecer a vizosa rede de comunicación crítica en galego. Reiteramos as beizóns. Longa vida!

Xan Bouzada

Morreu Xan Bouzada, unha persoa dunha peza e o noso sociólogo da cultura. Esta tarde a cerimonia civil do seu pasamento, no que interviron Darío Xohán Cabana e Ricardo Torres Queiruga, foi o derradeiro xesto da súa enteireza moral diante dos seus centos de amigos e amigas desolados pola súa perda. Baixamos do meixueiro sen saber qué dicir. Con todos os abrazos para os seus.