Ler debería ser prohibido

Vía: Hora de ler.

"Votos de riqueza", presentación en Vigo

O vindeiro martes, ás 20:00 horas no Marco de Vigo presentarei Votos de riqueza. La multitud del consumo y el silencio de la existencia, o máis recente ensaio de Ignacio Castro Rey. Agradécese difundir na rede esta convocatoria. Outra magnífica oportunidade para volver escoitar en Galicia o lucidísimo discurso crítico do filósofo Ignacio Castro.

Macías, referente da modernidade viguesa

Teresa Cuíñas publica en Luzes unha interesante reportaxe sobre a figura de Enrique X. Macías. Todas as testemuñas consultadas subliñan a consideración de Enrique como referente da modernidade nas diversas manifestacións culturais daquel Vigo efervescente dos oitenta. A lectura deste artigo pode axudar a comprender o interese da súa figura.

"Itinerario de luz", reeditada a obra de Enrique X. Macías

Hoxe levei unha boa ledicia cando recibín un paquetiño da Consellaría de Cultura e Deporte que gardaba unha grande sorpresa para min: un dobre cedé que contiña a reedición das gravacións das obras de Enrique X. Macías, editadas por Miso Music. O dobre cedé, editada á iniciativa da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, recolle unha parte significativa do catálogo de obras de Enrique dende 1986 a 1995: “Itinerario de luz” (1995), interpretada por London Sinfonietta e gravada no CGAC; “Antistrofas” (1993/95), peza para cello e electrónica; “Adhuc” (1992/93), para seis instrumentos, gravada en París; “La Lyre du Désert” (1988), peza electroacústica realizada en París; “Iubilaeum” (1993), peza para tres instrumentos gravada en Santiago; “La Chambre dans l’Espace” (1992/93), peza para trío gravada no Pazo de Castrelos de Vigo e “Sonata” (1986/89), peza para piano, interpretada por Roberto Bollea e gravada na Gulbenkian de Lisboa. A recuperación destas gravacións constitúe, xunto aos tres concertos destes días, un paso importantísimo para a posta en valor do legado musical de Macías. Beizóns á Dirección Xeral de Creación Cultural por facelo posible.

Get London Reading

A actual campaña de promoción da lectura que se está desenvolvendo en Londres utiliza, coma a galega (que comezará a utilizar os valados), os textos literarios e a súa presenza sobre formatos cotiáns como o primeiro reclamo. Gústanme as dúas.

Que é un libro?

Moi clarificadora é esta anotación do Txetxu sobre o que é hoxe un libro. A intervención do director da Feria del Libro de Sevilla (un libreiro) é igualmente moi recomendable.

"Festina lente"

Hoxe recibimos está novela de Marcos S. Calveiro. Intúo que vai dar moito, moito que falar. Só anticipo que estamos diante dunha marabilla. É un grande orgullo que forme parte do noso catálogo. Beizóns Folerpa!
Sinto que os impacientes teñan que agardar ata a vindeira semana, na que chegará ás librarías.

Os concertos de Enrique X. Macías

Por fin soubemos da celebración dos concertos en homenaxe a Enrique X. Macías con motivo do 50 aniversario do seu nacemento. Celebraranse o xoves na Coruña no Teatro Rosalía de Castro, o venres en Santiago no Salón Teatro e o domingo en Vigo nas instalacións de Marco. Os tres concertos comezarán ás 20:30 horas. Os concertos enmárcanse no proxecto “As nosas músicas, os nosos sons”, co que a Consellaría de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, quere dar a coñecer ao gran público o legado musical e creativo dos compositores galegos contemporáneos máis significativos. A homenaxe a Macías realízase en colaboración coa asociación portuguesa Miso Music, depositaria da obra do compositor. A asociación fundou o grupo “Sond’Arte Electric Ensemble”, coa dirección artística de Miguel Azguime e con Pedro Amaral como mestre titular. O programa dos concertos estará formado por tres obras de Enrique Macías: Adhuc (1993) para ensemble e electrónica; Cadencias e interludios/Percurso I (1989-1992) para piano e electrónica e Itinerario de luz (1995) para ensemble e electrónica. A actuación complétase coa peza Derrière son double (2001) de Miguel Azguime, compositor portugués director do grupo e amigo persoal de Enrique Macías. Aconsello non perdelos. Serán unha magnífica oportunidade para recuperar ou coñecer o valor dun dos nosos máis importantes creadores da cultura galega da fin do século pasado.

Morreu o libro electrónico?

Interesantísima esta anotación de Joaquín Rodríguez sobre as dificultades de viabilidade do libro electrónico. Semella cada vez máis certo que fóra dun debate entre apocalípticos e integrados, son reais as dificultades para atopar un lector electrónico portable máis amigable que os actuais libros analóxicos. Isto non quere dicir, porén, que o proceso de dixitalización de determinados contidos sexa tan irreversible como necesario. Vexo cada vez máis claro que o futuro dunha edición viable e racional (que poña couto á inflacción editorial e ao mesmo tempo permita unha edición cultural de calidade) pode vir da edición dixital baixo demanda. Aí quizais estea un dos futuros do libro neste período de coexistencia de formatos e soportes.