Un libro electrónico enrolable
Novo formato para o libro electrónico, agora enrolable.
Novo formato para o libro electrónico, agora enrolable.
Á DERIVA
A pesar de que acudimos a Balaídos ilusionados, a inapelable derrota diante do Espanyol volveunos demostrar que o Celta desta tempada padece unha grave doenza. As mudanzas no once inicial, incorporando as dúas discretas fichaxes de inverno, e a utilización, durante a primeira parte, dun novo esquema (4-4-2) modificaron moi pouco a fasquía dun equipo que volveu ofrecer un tristísimo espectáculo. As tenues melloras que supuxo esta estratexia fóronse ao garete aos vinte minutos cando Luis García marcou o primeiro gol dos periquiños, facilitado por tres erros consecutivos no despexe dunha defensa en permanente período de rebaixas. Tras o descanso, coa entrada de Gustavo López pola banda esquerda (á que lle é propia), a colocación no centro dun Canobbio moi activo e coa recuperación do seu esquema táctico tradicional (4-2-3-1), o Celta recuperou autoridade atacante e creou as mellores ocasións de gol de moitos meses. Un espellismo que durou só dez minutos. A incomprensible entrada de Nené (o que levou a Gustavo á dereita) e o gol de Pandiani, tras un contragolpe moi ben levado por Rufete, murcharon todas as esperanzas dos celestes de marcar. A partir de entón, amosaron a faciana da súa impotencia e a bancada a división que suscita a continuidade do adestrador. A indefinición na dirección técnica (onte demostrouse que Vázquez vacila por ónde tirar) e a falta de compromiso do cadro de xogadores (con algunhas honrosas excepcións, como as de Pinto e Oubiña) semellan ser os dous problemas principais deste equipo de cristal, que despois de vir amosando a súa preocupante fraxilidade nos tres últimos meses, esnaquizou nas dúas últimas xornadas toda a súa credibilidade diante dos seus seguidores. O Celta continúa á deriva, sen temón nin máquina dentro e fóra do campo. Nas vindeiras xornadas, a posibilidade do descenso vai pesarlle coma unha lousa. Que medo, mi madriña!
Xa temos expresado no blog a importancia e o sentido das cubertas, unha das claves na primeira comunicación cos lectores e no difícil camiño de abrirse á visibilidade nas librarías.
O máis orixinal que teño descuberto sobre esta cuestión (vía os meus colegas Carlos Lema e Leroy) é a experiencia de Penguin de propoñer aos lectores e lectores personalizar o deseño de cubertas de seis títulos clásicos publicándoas en branco.
Algunhas das propostas realizadas poden verse nesta páxina do fotoblog da editorial. Quen dixo que as cubertas dos clásicos teñen que ser adustas e aburridas? Outro vieiro para explorar.
Xa está nas librarías Os pecados capitais, a novela de Francisco A. Vidal, gañadora do premio Terra de Melide 2005 e coa que Xerais inicia a súa colaboración con este certame de narrativa promovido polo concello de Melide (o vindeiro mes aparecerá Os paxaros tamén migran ao sur de Silverio Cerradelo, premiado en 2006).
O texto de contracuberta que preparamos sobre a magnífica novela de Francisco A. Vidal reza así:
A soberbia de Andrés, un narcotraficante da ría de Arousa, lévao a asumir riscos e aventuras que o converten nun home rico, temido e adulado. Pero cando lle chega a hora da morte, Andrés ten que enfrontarse a todas as pantasmas do seu pasado, un pasado de maldade no que el sempre era necesariamente o primeiro, sen importar as formas nin os métodos para conseguilo. Con Andrés, xa no seu leito de morte, distintas persoas que conviviron con el e que agora agardan o seu pasamento, van relatando as súas convulsas relacións co narcotraficante e achegando, cadaquén, o seu particular punto de vista: o curo, a súa criada, o seu avogado, o seu fillo, o seu amigo Indalecio…, até a agardada confesión do propio Andrés. El mesmo tamén xulga a todos os que o rodean, arrogante e fachendoso, practicamente ás portas da morte. Novela multiperspectivista (narrada dende o punto de vista de sete personaxes), de lectura engaiolante, aborda a historia dun home que quere triunfar nun país de emigrantes sen saír da terra. A fame por medrar conducirao ao contrabando de tabaco e máis tarde ao “próspero” negocio do narcotráfico. O xurado que outorgou o Premio Terra de Melide 2005 subliñou que “o autor conseguiu unha gran profundidade na creación de Andrés, o personaxe central da novela”.As primeiras páxinas da obra (que presentaremos en Ribeira, dentro dunhas semanas), poden baixarse en PDF aquí:Etiquetas: Francisco_A._Vidal, Terra_de_Melide
A presentación de Dragona encheu onte o Dadó-Dadá. Moitas persoas, entre as que se atopaban numerosos blogueiros, escoitaron a intervención de Queipo e as músicas que durante máis dunha hora e media pinchou Míster Choco (dende os boleros e os mambos máis clásicos ao jazz, dende a música electrónica á das grandes orquestras).
Queipo salientou que comezou a escribir a novela en 1994. “Foi un parto moi demorado. Agromou en varias ocasións. Foi construída, reconstruída e deconstruída en varias ocasións”. Propuxo fixarse na fotografía da portada de Cé Tomé, unha deconstrución dunha parede que permite a reconstrución progresiva dun rostro. “Este memsmo proceso é o que está acontecendo no mundo. Vivimos nunha situación entrópica, previa a unha situación de catástrofe que entendo pode chegar a ser positiva”. Referiuse, despois, a que cuestións como os fluxos migratorios e o cambio climático poden levarnos a un novo cosmopolitismo. Para el esta posibilidade é o centro temático da súa novela, situada nunha cidade esteiro e protagonizada por persoas (todas inmigrantes) que non saben qué relación han ter entre elas. “Persoas cun comportamento mimético, irreflexivo e incomprensible. Vivimos nun tempo no que se modificaron as relacións entre as persoas e o modelo de familia. Neste novo entorno a xente vive nunha confusión total”. Logo, as súas palabras abordaron á importancia da música en Dragona. “Hoxe os obxectos configúrannos como obxectos nómadas, o móbil, a pedeá ou o mp3 desprázanse con nós. A música acompáñanos para tapar a nosa soidade; escoitamos calquera cousa que nos interese. Son músicas para a introversión máis perversa, para illarnos máis que para compartir.” Queipo rematou a súa intervención falando de que tecnicamente pretendera empregar un narrador novo, intervencionista, coma un psicanalista, empregando transfer, incluíndo, progresivamente, unha parte alícouta de cada un dos persoanxes.
Hoxe ás 20:00 no Verbum Jazz Café de Samil haberá unha nova presentación da novela.
Actualización (11-2-2007): Preciosa crónica de Ian sobre a presentación no Dadó.
Actualización (11-2-2007): no artigo da semana volvo sobre a cuestión.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).