Fina Casalderrey, Premio Irmandade do Libro

Recibimos con grande alegría a noticia que o premio Irmandade do Libro á autora do ano foi outorgado a Fina Casalderrey. Recoñécese así a traxectoria dunha das autoras fundamentais no agromar desta auténtica idade de ouro que vive a nosa Literatura Infantil e Xuvenil en galego. Hai apenas dous meses publicamos A lagoa das nenas mudas (ilustrado por Patricia Castelao, outra marabilla!), unha novela conseguidísima para rapaces de dez anos en diante, que aborda a cuestión da comunicación no novo contexto intercultural; e dentro de apenas dúas semanas aparecerá A pomba e o degolado, título co que a nosa colección Fóra de Xogo chega o seu número 100. Adianto que esta novela, baseada nun caso de acoso escolar, é para min a obra máis conseguida dunha autora que avanza literariamente en cada novo título que publica. Fina recibirá o premio o vindeiro venres 23 de marzo no seo da cea que organiza en Carballo a Federación de Libreiros de Galicia na que intervirá o escritor Manuel Rivas e na que serán outorgados os premios Irmandade do Libro 2006. Alí trataremos de estar, despois da presentación na que participaremos en Ribeira.

Etiquetas:

Máis lectura

No artigo da semana reflexiono sobre os datos do Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros 2006, do que demos conta hai uns días.

Magnífico o cartel de Óscar Villán para a campaña de lectura en centros escolares 2006 da Consellaría de Educación.
Etiquetas: ,

En Brétemas hai un ano, hai dous anos… (VI)

  • Hai un ano reseñabamos o libro de Daniel Cassany, fundamental para fixar o concepto de literacidade crítica, ao que tantas veces nos temos referido neste blog. Unha obra que volvo recomendar vivamente.
  • Hai dous anos, a raíz dunha anotación de Rogerio Santos (parabéns para os seus catro anos de blog) recolliamos a clasificación que Zallo fai das industrias culturais. Unha visión moi clarificadora e útil ás portas da celebración de Culturgal (Feira do Libro e da Industria Cultural), un evento que, polas noticias que recibimos, xa ten case ultimado un magnífico programa de actividades (grandes concertos, conferencias, encontros sectoriais, actividades para nenos e nenas…) e comprometida xa unha numerosa presenza de expositores. Culturgal é un evento que convén seguir coa maior atención.

Saudar a vida

Estes días puxemos nas librarías dúas novas entregas da nosa colección de Ensaio: Saudar a vida de Xavier Seoane e Disidencia ferida de Xabier Alcalde. Dous títulos, que entendo valiosos, de senllos ensaístas de altura que abordan, o primeiro, unha defensa doas humanidades na actual sociedade do coñecemento e, o segundo, unha forma de resistencia fiolosófica fronte tanto pensamento feble que nos invade.
Seoane con esta terceira entrega (despois dos volumes dedicados á arte da lectura e á defensa da poesía) continúa o seu proxecto magno proxecto de revisión ensaística dos problemas da cultura contemporánea (ten case concluída a cuarta entrega e en marcha o volume sobre as artes que pecharía unha obra moi ambiciosa).
Pola súa parte, Xabier Alcalde, a quen coñeciamos como narrador, presenta un texto escrito con espírito lírico e inusitada profundidade filosófica sobre a resistencia en tempos de banalización.
Cremos que esta nova colección de Ensaio, xa acada os dezaseis títulos, constitúe, a pesar da súa tirada modesta, outro dos eixos do noso proxecto literario. Presentaremos estas dúas novas entregas ao longo das vindeiras semanas.

Mensaxe nunha botella

Cada vez estou máis interesado polos blogs escolares. Este do IES de Cambre seméllame un dos máis conseguidos e traballados dos que coñezo. Elaborado polo grupo de Técnicas de expresión escrita de 4º de ESO (unha materia optativa, que desaparece no novo currículo da LOE), o blog ten un carácter multimodal de moito agradecer; publica un audioblogue, vídeos, música e unhas anotacións textuais ben xeitosas e ben escritas. A utilización dos blogs como ferramenta didáctica, aspecto que aborda con frecuencia Tíscar e especificamente Sonia Bertocchi, está aínda comezando entre nós. Ben sabemos que hai experiencias moi interesantes como Aula Galicia ou A nosa biblioteca, mais aínda carecemos dun espazo común (polo menos no que eu acado), unha rede de blogs escolares que permita o intercambio e a comunicación entre todos eles (sei que hai moitos máis dos que aparecen nas relacións do blogomillo). Un vieiro a desenvolver.

Índice de lectura: seguimos penúltimos

Segundo o máis recente Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros en 2006, Galicia continúa nas últimas posicións entre as Comunidades Autónomaas, a pesar de que no último ano (coincide co primeiro do goberno bipartito) aumentou en catro puntos o seu índice lector que pasa a constituír o 53% da súa poboación. No entanto, no período 2004-2006, a porcentaxe de persoas lectoras en Galicia sitúase no 51%, na antepenúltima posición das CC.AA. (só superamos a Estremadura) e aínda moi lonxe do 56% da media española e do 65% da Comunidade de Madrid ou do 59% de Navarra e da Rioxa, as tres comunidades máis lectoras. Saír do faroliño vermello da indixencia lectora é un acicate para continuar o proceso de recuperación que precisamos neste eido. Hoxe celebramos que demos un paso adiante (catro puntos), unha boa noticia.
Etiquetas: ,

Homenaxe a Xohán Ledo

Con certo retraso onte tiven oportunidade de ler As caras do libro. Homenaxe a Xohán Ledo, outra entrega dos Cadernos Grial de Galaxia. Unha entrega completísima qye recupera a figura de Ricardo García Suárez, médico, pintor e deseñador editorial de Galaxia durante vinte anos claves no desenvolvemento editorial galego, finado o pasado mes de xuño.
O Caderno recolle traballos de Francisco Fernández del Riego (“Xohán Ledo na memoria” e a entrevista co deseñador publicada nun número de Galicia emigrante de 1956 co pseudónimo de Cosme Barreiros ), Xaime Isla Couto (“Un galeguista elegante e discreto”), Gustavo Adolfo Garrido (un percorrido biobliográfico moi completo, que constitúe o cerne do caderno), Víctor F. Freixanes (“As caras do libro”, unha primeira historia do deseño do libro galego, traballo, a partir de agora, de referencia), Xosé Díaz (“A creación do libro moderno en Galicia”, sobre as relacións entre Xohán Ledo e Luís Seoane, as dúas figuras claves do noso deseño editorial anteriores á Reforma Política), Manuel Janeiro (“O pensamento gráfico de Xohán Ledo”), Uqui Permui (“Inspirar… espirar”) e Fausto Isorna.
Completa o volume a recuperación de varios textos de García Suárez de carácter teórico sobre o deseño editorial: “O libro coma continente” (ponencia que presentara no famoso Iº Seminario encol do Libro Galego, celebrado en maio de 1972 no Castro) e dous artigos publicados en Grial (“André Breton e o superrealismo” e “Seoane, 1963”).
Particular interese ten a gran cantidade de documentación gráfica recuperada neste Caderno, desde capas de libros, cartelería, pinturas e fotografías que permite valorarde forma máis acaída o esforzo e a calidade deste traballo central da historia da editorial Galaxia e da nosa edición moderna.
A recuperación da figura de Ledo, así como a valoración acaída do labor realizado por Seoane na edición galega do exterior, son imprescindibles para construír ese relato da historia da nosa edición, aínda por facer. Os editores galegos contemporáneos temos aí os alicerces da fantasía na que teimamos. Beizóns ao equipo de Grial por tan interesante achega.

Etiquetas: ,

Dicionario de Termos Literarios

Unha boa noticia para os investigadores literarios: xa pode consultarse en liña a base de datos do Dicionario de Termos Literarios que elabora o Equipo Glifo do Centro de Investigación Ramón Piñeiro (Anxo Abuín, Fernando Cabo, Arturo Casas, Blanca-Ana Roig, Anxo Tarrío e Darío Villanueva). Esta é unha obra ambiciosa en proceso de elaboración que ten redactadas xa unhas dúas mil voces (das letras A ao L, fundamentalmente) referidas ao ámbito do literario, nun senso amplo: dende as correspondentes á Poética e Retórica clásicas até aqueloutras que están aínda consolidándose nos campos plurais dos programas de investigación emerxentes. Permite a navegación por hipervínculos e ofrece unha ampla bibliografía, así mesmo hipervinculada coa redacción das voces. O acceso é libre e o procedemento de solicitude de licencia sinxelo e rápido. Moi útil. Recoméndoa.

Bipartito e rexeneración democrática

Ao fío da proposta que nos fixo a diversas persoas a revista Tempos Novos sobre a valoración que nos merece a contribución do goberno bipartito á rexeneración democrática, publico a opinión que enviei para participar neste debate:

“A rexeneración democrática e a mudanza da cultura política relacional do Goberno Galego e da Administración ao seu servizo foron dous dos compromisos máis rotundos do contrato que o Bipartito quixo asinar coa cidadanía. Feitos que, tras dezaseis anos de gobernos e prácticas conservadoras, multiplicaron as esperanzas e as expectativas do tempo político que se abriu.

Tras ano e medio, é innegable que moitas desas esperanzas esvaéronse e algúns deses compromisos programáticos quedaron murchados ou aínda non se fixeron efectivos. Entre as decepcións sinalaría as seguintes:
–O relegamento do papel do Parlamento Galego como eixo do debate político. Especialmente significativo na secundarización dos traballos da ponencia parlamentaria do Estatuto (o peche dos seus traballos, ao día seguinte do fracaso de Monte Pío) e na baixa produción lexislativa da Cámara (froito da escasa iniciativa lexislativa do Goberno: aprobáronse moi poucas leis). Na mesma liña pode entenderse o erro dos grupos que apoian o Goberno de impedir o funcionamento dunha Comisión de Investigación dos Incendios Forestais, reducíndoa a “Comisión de Estudo” (contradicindo o comprometido coa cidadanía no Pacto de Goberno).
–O desinterese do Goberno en poñer en marcha canto antes a reforma do estatuto dos medios de comunicación públicos (CRTVG). A incapacidade do Bipartito para consensuar un modelo profesional de xestión dos medios (realizouse un reparto de influencias entre os dous partidos mais que o deseño dun novo modelo, baseado na profesionalización, o pluralismo e a independencia dos medios con respecto ao Executivo) agoira que esta reforma pode quedar adiada sine die. Con todo, é para min innegable que tanto a TVG como a Radio Galega melloraron os contidos e o interese da súa programación (especialmente a Radio) tratando de achegarse a un público máis urbano e interxeracional.
–A continuidade da política anterior dos gobernos conservadores con respecto aos medios impresos privados e a utilización da publicidade institucional con carácter abertamente partidista.
–O retraso na posta en marcha do rexistro de contratos, axudas públicas e subvencións outorgados a empresas privadas ou de ingresos e intereses dos altos cargos (o que iría en contradición co compromiso de transparencia asumido no contrato programa referido).
–O escaso interese na potenciación do funcionamento dos Consellos de participación social de carácter sectorial.
–O adiamento da reforma da Administración Autonómica e do seu funcionamento (escasa austeridade na contratación de asesores e asistencias técnicas) baixo os criterios de profesionalización, modernización e proximidade aos administrados (feito denunciado polos sindicatos da Administración autonómica).

Entre os aspectos positivos, que tamén os houbo, subliñaría os seguintes:
–A transparencia e puntualidade da información á cidadanía nas crises dos Incendios, do Verquido de Caldas e das Inundacións do Outono.
–A posta en marcha de programas de proxección exterior de Galicia nos eidos económicos, culturais e turísticos.
–A posta en marcha da reforma da participación electoral dos galegos residentes no exterior.
–O bo ton en xeral de cooperación e lealtade entre os membros do Goberno (amosada, singularmente, na recondución do proxecto da Cidade da Cultura e do remate do proceso estatutario).
–A posta en marcha de procesos de participación transversais (como a redefinición da Cidade da Cultura) ou sectoriais (especialmente por parte da Consellarías de Cultura e Deporte e da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria).
–O impulso do uso do galego como lingua vehicular no ensino non obrigatorio e a implicación do goberno no proceso de reforma educativa e curricular.”
–A posta en marcha do Plan de Igualdade 2007-2011 e a redacción do anteproxecto da Lei integral contra a violencia de xénero.

Etiquetas: Galicia