Que facemos co botellón?
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Recurso_didáctico, Sociedade/por bretemasNo artigo da semana atrévome a propoñer unhas reflexións sobre cuestión tan complexa coma o dos efectos do botellón na convivencia urbana.
"A lúa dos Everglades": presentación en Melide
/en Autores, Gastronomía, Narrativa, Premios, Presentacións, Xerais/por bretemasEsta mañá presentamos no concello de Melide A lúa dos Everglades, a novela de Xesús Manuel Marcos gañadora do Certame de narrativa Terra de Melide 2007. Quedei abraiado pola intervención de Socorro Cea, a alcadesa do BNG, que soubo contextualizar a presentación na tradición da edición de Terra de Melide o 7 de xuño de 1933 por parte dos membros do Seminario de Estudos Galegos e de Ánxel Casal (que xa ten rúa en Melide, dende o pasado mes de agosto), ademais de amosarse moi agarimeira co traballo da editorial. Grazas, moitas grazas.
Na súa intervención Marcos alternou a lectura de fragmentos [moi ben escollidos] da novela con algúns comentarios sobre eles. Quedei na libreta con estas notas das súas palabras:
- “O tema da emigración, paradoxicamente, foi pouco tratado na literatura galega”.
- “A novela abrolla no tempo e na distancia, que non se mide en espazos, senón, como sinala o poeta Xoán Neira, en sentimentos”.
- “Os personaxes da novela percorren as rúas de Bos Aires, Madrid ou Miami, mais co seu espírito percorren os vieiros dun pasado inesquecible. […] A droga máis dura que coñecen: a súa Terra”.
- “Cada emigrante recende a pan e maila terra mollada”.
- “Os Tamara son a melodía da distancia”.
Culminamos a presentación cun pouquiño de empanada e queixo, adozado con melindres e eses “Ricos” (únicos) de Melide, dos que trouxemos un par de bolsas para Vigo.
Actualización (28-10-2007): a noticia da presentación na Voz de Galicia e a referencia aos Ricos (doces en perigo de extincio) no blog de Marcus.
Unha chamada que non chega
/en Autores, Premios, Teatro, Televisión/por bretemasNon acabo de comprender como é posible que Rubén Ruibal non fora felicitado aínda pola Conselleira de Cultura ou polo Director Xeral de Creación Cultural ou por calquera outro membro do Goberno galego (Si o foi polo Ministro de Cultura e polo Director Xeral do Libro). Todo unha torpeza, que agardo sexa retificada decontado. Aínda que non hai noticias sobre a representación da obra premiada, e a pesar que existía un compromiso nas bases do premio Álvaro Cunqueiro de representala nun prazo inferior aos dous anos (xa superado), polo menos nestes días e despois da noticia do Nacional moveuse unha esperanzadora posibilidade de que sexa adaptada como telemovie.
Actualización (27-10-2007): “Silencios”, unha anotación moi clarificadora en Alicia Crece.
Presentación "De provincia a nación"
/en Autores, Ensaio, Historia, Presentacións, Xerais/por bretemas
Foi moi brillante a presentación celebrada hoxe do monumental libro de Justo Beramendi. O Vicepresidente da Xunta, que presidiu o acto, soubo contextualizar moi acaidamente a aparición de tan importante obra na situación actual do nacionalismo. A presentación xirou, ademais, arredor da intervención do profesor Xosé Ramón Barreiro Fernández que gabou a harmoniosa arquitectura conceptual dunha obra que definiu como “magna”. Especialmente importantes foron dúas das súas afirmacións: “Xa temos escrita a biblia da historiografía nacionalista”. “Nesa ducia de libros imprescindible que ten unha biliografía dun país, en Galicia sempre estarán dúas obras: O atraso económico de Galicia de Xosé Manuel Beiras e De provincia a nación de Justo Beramendi”.
Entre o numeroso público estaban figuras do galeguismo e da política galega como Isaac Díaz Pardo, Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira, Ramón Villares, Francisco Jorquera, Lorenzo Fernández Prieto, Xosé Antón Segade, Xerardo Estévez, Mercedes Rosón e moitas outras. Unha presentación importante para o que entendo será o noso libro do ano e unha das obras que marcarán como referentes o noso catálogo durante un longo período.
Actualización (27-10-2007): a crónica da Voz de Galicia.
A marcha de Cobas
/en Celta de Vigo, Fútbol/por bretemasEntendo que a demisión de Xabier Martínez Cobas pecha definitivamente ás portas a un proxecto de transformar ao Celta nun club de fútbol xestionado con criterios modernos e en sintonía permanente coa sociedade galega. Os sectores máis conservadores do Consello de Administración conseguiron, por fin, o seu obxectivo de colocar o club nas posicións máis involucionistas, deixándose seducir polos cantos de serea de Ramón Martínez, actual director deportivo, que, como ben demostran as súas “fichaxes” (todas elas cesións), considera ao Celta como un mero club vasoira de provincias, onde os clubs da súa maior querenza e interese poidan formar as súas canteiras e onde el mesmo poida volver a pegar un chimpo na súa carreira. A demisión de Cobas, ademais, é un síntoma moi preocupante sobre a situación económica real do club, que pode ser de auténtica emerxencia, ás portas, como xa sucedeu con outros, da temida concursal (imaxinemos que podería pasar se Facenda reclama a débeda que os clubs manteñen con ela?). Despois de intentar regularizar a nefasta xestión económica e organizativa do Consello de Administración presidido por Horacio Gómez, despois de intentar conservar a racionalidade (defendendo, en contra do criterio da maioría do Consello, o traballo de Fernando Vázquez) na dirección deportiva, despois de intentar galeguizar o club de forma intelixente como forma de achegalo á sociedade (coa oposición, tamén, de parte do Consello), Cobas marcha enfastiado de lidar con persoas que pretenden xestionar un club de fútbol utilizando os mesmos criterios empresariais que manexan no sector da construción e da promoción inmobiliaria. A marcha do bo de Xabier é un síntoma de que a doenza celeste como club é moito máis grave que a vacilante marcha deportiva na segunda división. Temo que volverán os asesores da FAES que contratou Mouriño ao inicio do seu mandato. Coa marcha de Cobas a involución societaria está asegurada e o ascenso, a pesar de certa melloría no xogo, máis lonxano do que todos desexamos. Unha peniña.
Era unha vez a escola
/en Autores, Educación, Narrativa/por bretemas"Limpeza de sangue", Premio Nacional 2007
/en Autores, Beizóns, Premios, Teatro, Xerais/por bretemasBeizóns, beizóns, beizóns, beizóns, Rubén! Acabamos de coñecer que Limpeza de sangue obtivo o Premio Nacional de Literatura Dramática 2007. Poucos premios tan merecidos coma este. Estamos entusiasmados.
(Actualización: 20:30 horas): A breve anotación anterior está realizada, ás 12:40, tras a chamada de Rubén para dar a boa nova. Axiña publicamos unha nota de prensa. As referencias e entrevistas con Ruibal, que atopamos até agora na rede, son as seguintes: Terra: “Ruben Ruibal: ‘Non concibo o feito de escribir sen dar avisos sobre os problemas do mundo'”. La Voz de Galicia Gznación e Xornal.com.
Esta é a segunda ocasión na que un texto dramático galego obtén o Premio nacional, xa que, con anterioridade Manuel Lourenzo o obtivera en 1997 por Veladas indecentes. Rubén Ruibal engádese á nómina de premios nacionais obtidos pola literatura galega nas dúas últimas décadas: Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey, Manuel Rivas e Suso de Toro. Do interese e da calidade da obra gañadora, así como da súa magnífica recepción entre os lectores, temos falado dabondo no blog. Agardo que este premio axude a visibilizar o texto entre un maior número de lectores e a poder chegar a representar a obra (algo que, incomprensiblemente, aínda non está en marcha).
Coincindindo coa nova de Rubén, tamén recibimos a noticia dos premios do IGAEM deste ano 2007: Historia da chuvia que cae todos os días de Roberto Salgueiro (Premio Álvaro Cunqueiro) e Game over de Carlos Losada (Premio Manuel María de literatura dramática infantil). Publicaremos os dous textos dentro da Biblioteca Dramática Galega, iniciada co libro de Rubén.
"As pontes no ceo" de Ramiro Fonte
/en Autores, Narrativa, Novidades, Xerais/por bretemasCon As pontes no ceo péchase a monumental triloxía «Vidas de infancia» que Ramiro Fonte decidiu emprender para reconstruír os ecos dunha vila galega, o Pontedeume da súa infancia, contrastándoos co rumor dun tempo histórico. Se nos dous primeiros volumes o relato primaba a vida familiar e o ámbito da escola, nesta terceira e derradeira entrega o foco argumental alumea as voces da colectividade. Velaí o límpido engado desta serie: un espazo local sen lindeiros, un tempo gris e un cento de figuras inesquecibles, merecedoras de pasar á historia literaria e asumir a representatividade da raza humana. Coma un retratista desas cousas coas que se asaña o esquecemento, Ramiro Fonte arma, cunha prosa garrida, xenerosa en formas e susceptible de perdurar, unha novela de vivos mortos e de mortos vivos. Unha obra que mestura lirismo, oralidade, técnica teatral, erudición e filosofías de rueiro e que, baixo os presupostos da narrativa clásica, tamén indaga nas raíces da vocación literaria. Teño a convicción que esta triloxía constitúe un dos cumes da narrativa galega de sempre. As pontes no ceo estará nas librarías na primeira semana do mes de novembro.
Campo do Fragoso XLVII
/en Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol/por bretemasXUSTO EMPATE
López Caro non conseguiu despexar aínda as dúbidas sobre o futuro que lle agarda ao Celta nesta difícil andaina por Segunda. É innegable que o andaluz en apenas dúas semanas conseguiu introducir maior disciplina táctica e conformar un “once” máis estable, aliñando aos que todos os afeccionados sabemos deben xogar, a Lequi na medular da defensa e a Perera, como revulsivo atacante das segundas partes. Mudanzas que provocaron, unhas mellores sensacións no xogo celeste, mais que se amosaron aínda insuficientes para vencer a pasada semana a un frouxo Albacete, como onte a un excelente Numancia, un equipo moi ordenado e paciente que en Balaídos soubo manter durante gran parte de encontro o control da pelota e do ritmo de xogo. Saíu o Celta disparado e dominador, cunha clara ocasión de Núñez no primeiro ataque e con outra de Okkas, tamén clarísima, aos cinco minutos. Axiña chegaría o magnífico cabezazo de Lequi, rematando unha falta sacada por Larena. Entón, o Celta amainou –sobre todo a partir da desgrazada lesión de Canobbio (hoxe o santo e seña galego)–, comezando a desintegrase, a enredarse nas súas dúbidas e a ceder o control a un Numancia que, minutos despois, conseguiu empatar transformando un penalti, provocado inocentemente por Lequi. Coa reanudación, un disparo letal na frontal da área grande dun inspirado Diego Costa provocou o penalti marcado por Larena. Dende ese preciso momento, os nosos volveron naufragar na vertixe de verse por diante no marcador. Deixaron o leme a un Numancia que entón aseñorou o encontro como quixo, empatándoo nunha falta maxistralmente executada por Moreno e mesmo podendo levalo, se non fose polas intervencións salvíficas de “San Pinto”, que se convertiu no mellor dos celestes. Non hai dúbida: o empate foi xusto e o encontro ben bonito, propio de dous conxuntos con anceios de Primeira. Quédanos a dúbida de cáles son as razóns dos baixóns físicos e anímicos que padece o Celta, sobre todo, nas segundas partes. Semella que López Caro debe acelerar as rotinas de pretempada para recuperar este treito preparatorio desperdiciado.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- Castelao 758 de Xaneiro de 2025 - 11:12 a.m.
- Aniversarios 20257 de Xaneiro de 2025 - 10:51 a.m.
- Brétemas 20 anos3 de Xaneiro de 2025 - 5:40 p.m.
- Axendas1 de Xaneiro de 2025 - 10:44 a.m.
- 2025, quere celebrado con ansia e esperanza31 de Decembro de 2024 - 4:27 p.m.