"To" un conto de Suso de Toro
/en Adiantos, Autores, Narrativa, Recurso_didáctico/por bretemasRecomendo moi vivamente a lectura de “To“, un conto (inédito), a penas catro páxinas, de Suso de Toro, aparecido onte nun dos monográficos de verán da Revista das Letras de Galicia hoxe. Un relato sobre o transo do infarto, no que Suso de Toro volve a reflexionar sobre a identidade, neste caso a través da conciencia dos límites do corpo. Unha escrita explosiva!
"Fidel Castro. Conversas con Ignacio Ramonet"
/en Ensaio, Novidades, Xerais/por bretemasTras a anotación de hai tres días, onde anunciaba algunhas das nosas próximas novidades, foron varias as chamadas interesándose pola edición de Fidel Castro. A miña vida. Conversas con Ignacio Ramonet. O libro que preparamos é a tradución para o galego, realizada por Xosé García Crego, do publicado en Cuba co título Cien horas con Fidel, e ven sendo un repaso demorado pola vida, a obra e o pensamento do líder cubano.
A galega será a edición completa do libro. Como ben recordamos, no verán de 2006, Fidel Castro foi sometido a unha intervención cirúrxica por causa dunha crise intestinal aguda; meses despois a televisión tróuxonos as imaxes dun Fidel convalecente, cun bolígrafo na man: revisaba e completaba a primeira versión desta obra con novas revelacións inéditas sobre a súa infancia, a súa familia e a historia de Cuba, as relacións co Che, con Hugo Chávez e con Evo Morales, a política internacional e o futuro do socialismo.
Como eran os seus pais? Onde e cando se forxou o rebelde? Estivo o mundo no límite dunha guerra nuclear durante a “crise dos mísiles”? Que significou a presenza do papa Xoan Paulo II na illa en 1998? Que pensa da globalización neoliberal, da guerra de Iraq e do presidente Bush? Por que as autoridades cubanas aplican unha política de arrestos contra opositores ao réxime? Por que permanece na lexislación cubana a pena de morte? Que fan centos de médicos cubanos en países diferentes de medio mundo? Existe corrupción no Estado? Que futuro para a revolución despois de Fidel Castro? As orixes galegas; os galegos no asalto ao cuartel Moncada e no proceso revolucionario. Opinións sobre Fraga Iribarne; e un capítulo especial para as relacións co Estado español, personificadas en Felipe González e José Mª Aznar son algúns dos temas abordados neste groso volume (máis de cincocentas páxinas), que constitúe un amplo percorrido pola controvertida figura de Fidel Castro, ao tempo que un apaixonante relato sobre o pasado, o presente e o futuro da Revolución cubana.
O libro, que constitúe ademais a primeira obra do redondelán Ignacio Ramonet no noso catálogo, aparecerá a comezos de decembro e pretendemos sexa presentado a comezos do mes de febreiro, con motivo da Feira do Libro da Habana 2008, onde Galicia será culta convidada de honra.
Read Galicia
/en Beizóns, Editores, Promoción do libro, Traducións/por bretemasHoxe preséntase na Feira de Frankfurt Readgalicia o primeiro catálogo de dereitos da edición galega actual. O espazo web (en galego e inglés) permite acceder á información de 169 novidades publicadas por dezanove editoras galegas nos últimos dous anos. De cada título pode consultarse a sinopse, un fragmento do texto e a ficha dos seus dereitos dispoñibles. O catálogo aparece organizado en seis categorías: ficción, infantil, xuvenil, non ficción, poesía e teatro. O deseño da páxina é moi claro e a navegación moi doada e amigable. Readgalicia constitúe un paso de xigante na exportación da literatura e da edición galega. A Consellaría de Cultur e Deporte e a AGE, promotoras da iniciativa, merece as nosas maiores beizóns!
Entrevista a Iolanda Zúñiga
/en Autores, Entrevistas, Narrativa, Novidades, Xerais/por bretemasFaro de Vigo publica hoxe unha entrevista a Iolanda Zúñiga, a autora de Vidas post-it, o libro de relatos revelación deste ano.
Oficina da lectura
/en Lectura/por bretemasRecibimos con gran alegría a noticia de que o Plan de Lectura foi presentado pola conselleira de Cultura no Parlamento e aprobado por unanimidade pola Comisión de Educación e Cultura. O plan debe ser un instrumento eficaz para situar a Lectura como obxectivo político transversal da nosa política cultural, tanto por parte das Administracións Públicas (Xunta, Deputacións e Concellos) como da sociedade civil (empresas e asociacións). A creación dunha Oficina da Lectura (recuperando o vello nome das Oficinas de imprenta) como organismo coordinador do desenvolvemento do Plan é unha das numerosas medidas dunha iniciativa a catro anos que conta cunha financiación importante.
Novidades de Xerais para outono
/en Autores, Novidades, Xerais/por bretemasComezan a chegar as novidades do noso outono literario. Xa temos no almacén A lúa dos Everglades de Xesús Manuel Marcos (o Premio Terra de Melide 2007) e hoxe entra Cardume de Rexina Vega (o Premio Xerais 2007), as dúas novelas con portadas do fotógrafo Fran Herbello. Esta semana tamén entrarán Illa Soidade de An Alfaya (premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil) e O ceo dos afogados de Francisco Castro (finalista do mesmo premio). Imprimíndose están Minimaladas de Carlos López (Premio Merlín de literatura infantil 2007), O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz, A noite do Risón de Gonzalo Moure (as dúas primeiras entregas da nova colección de narrativa ilustrada), Consultorio dos nomes e apelidos galegos de Méndez Ferrín, Dicionario Xerais Castelán Galego e Chispas de Quesada. Estamos finalizando a edición d’ As pontes no ceo (a derradeira entrega da triloxía Vidas de infancia de Ramiro Fonte), Ao pé do abismo (primeira colectánea de artigos de Rosa Aneiros), Madeira de Zapatero de Suso de Toro e Fidel Castro. A miña vida de Ignacio Ramonet. Iremos dando noticia da aparición destas novidades e dos adiantos dalgún dos seus capítulos.
A destitución de Stoichkov
/en Celta de Vigo, Fútbol/por bretemasO despido de Stoichkov chega tarde, xa que os seus partidos na tempada pasada (cinco derrotas consecutivas) abondaron para demostrar que non era o técnico axeitado nin para salvarnos nin para devolvernos a categoría. Pobre Fernando Vázquez!, canto piamos por ti. A decisión desta substitución, con seguridade, tomouse antes do encontro co Xerez (onde o equipo demostrou unha evidente melloría da calidade de xogo), debido a que nestas primeiras xornadas se esfumou o efecto mediático que se pretendeu conseguir coa súa contratación no pasado mes de abril. Demóstrase así que non foron as razóns deportivas as que motivaron a súa chegada e, tampouco, as que provocaron o seu relevo. Stoichkov, un tipo simpático, foi un tigre de papel, amortizado. O Consello de Administración, esta tempada, non quixo asumir riscos que lle provocasen maior impopularidade diante dunha afección, xa moi resignada, que amosa o seu descontento e aborrecemento quedando na casa.
Antonio Seijas
/en Artes Visuais, Ilustración, Literatura infantil e xuvenil/por bretemasMoi interesante esta páxina de Antonio Seijas, o ilustrador e o noso portadista da colección Fóra de Xogo. No espazo poden verse algunhas novidades, aínda inéditas. Os nosos parabéns. Recoméndoa.
Campo do Fragoso XLVI
/en Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol/por bretemasAUTORIDADE
Fronte ao Xerez xogou o Celta o seu mellor partido, nesta difícil andaina para recuperar a categoría. A Stoichkov saíulle moi ben a súa aposta pola calidade e o fútbol combinativo aliñando xuntos a Canobbio, Larena e Diego Costa, hoxe os tres xogadores celestes con máis capacidade para mover a pelota con criterios de profundidade. Dende os intensos minutos iniciais, os célticos impuxeron a súa autoridade (algo que moito botabamos en falta), desenvolvendo un xogo máis ordenado, ligado e dominante ca en ningún outro encontro. Así chegou o primeiro gol de Canobbio, froito dun magnífico pexegazo seco, raso, perfecto. Mágoa, que despois, os de Stoichkov, incomprensiblemente, perderan a tensión, deixando o control do balón aos andaluces que, avisaron do seu perigo cun magnífico xute dende a frontal, salvado por unha estirada inmensa de Pinto, que, cinco minutos despois, xa non puido evitar o empate nun contragolpe xerezano que non souberon defender os lentísimos centrais galegos (máis cedo que tarde, haberá que contar con Lequi e Contreras, a parella de apartados). Na reanudación, o Celta recuperou o pulo e a orde ofrecendo os mellores minutos da tempada. Larena tomou con autoridade o mando do xogo, suturando case todas as xogadas de ataque. Así chegou o primeiro dos goles de Diego Costa (anulado por fóra de xogo inexistente, tras un contra fermosa, triangulada por Larena e Núñez) e o segundo, tras un servizo espectacular de Canobbio, un xogador imprescindible que, a pesar da súa desesperante intermitencia, sabe poñer as pingas de calidade e sentido necesarias para recuperar o relato celeste. De novo, co marcador por diante, os celestes medraron e chegaron ocasións a moreas, o golazo de Mario Suárez e a ledicia á bancada. Non hai dúbida, o fútbol é a creación de sentido atacante, só así chegan as vitorias e aparecen alustros de beleza efémera sobre a lameira. Semella que Stoichkov vai achegándose ao equipo ideal, na procura do camiño desas tres vitorias consecutivas que nos coloquen nos postos da ilusión.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- FIl Guadalaxara4 de Decembro de 2024 - 11:03 a.m.
- Museo de Vigo3 de Decembro de 2024 - 11:13 a.m.
- Apiario27 de Novembro de 2024 - 10:20 a.m.
- A fala de Vigo26 de Novembro de 2024 - 10:32 a.m.
- Karnix celta25 de Novembro de 2024 - 9:30 a.m.