Cultur.gal, avance do programa

Fran anuncia o programa de actividades de Culturgal. Ten unha pinta moi atractiva. Culturgal é unha cita para o libro e o disco galego que debe supoñer un punto de inflexión no xeito de visibilizarse e gañar novo público.

Etiquetas: Culturgal

Saúde e República!

Saudar a vida

Ana Bande é a primeira persoa na rede que comenta Saudar a vida, o ensaio de Xavier Seoane en defensa das humanidades. Presentarémolo na Coruña, o xoves 19 de abril, ás 20:00 horas na libraría Sargadelos da Coruña. Acompañaremos ao arquitecto Manuel Gallego Jorreto e o autor que falarán da obra.

Etiquetas:

Proxecto alfabetización dixital de Google

Isto ten moi boa pinta. Poden consultarse vídeos sobre literacidade electrónica, blogs sobre libros e lectura e outras moitas utilidades. Un bo recurso educativo.
Etiquetas:

Moda violeta

Esta interesante entrevista coa profesora Helena González dá moito que pensar sobre as categorías que a crítica académica emprega para analizar o mundo editorial galego. Existe unha “moda violeta” xestionada por quen controla a nosa edición?

Etiquetas:

Fernando Vázquez, un cese inoportuno

A destitución de Fernando Vázquez como adestrador do Celta amosa o fracaso da política deportiva da actual xunta directiva celeste. Xustificada pola crise de resultados e pola falta de actitude do equipo diante do Recreativo (feitos que non son de agora, xa que se veñen arrastrando dende hai meses), a xunta directiva preferiu salvar o seu pelello a manter ao adestrador galego que ratificara hai dous meses. A xunta directiva preferiu aceptar as presións dalgún sector influínte das peñas e dalgúns medios de comunicación ca manter a serenidade e o rigor que require xestionar unha situación tan difícil como a que vive o equipo. Mudar hoxe ao adestrador, que apenas suporá un revulsivo anímico para algúns xogadores, non supón garantía ningunha de sacar ao equipo de pozo.
É evidente que algo está fallando no Celta esta tempada, un problema que Fernando (a quen sempre admiramos e apoiamos) non foi capaz de solucionar, eis a súa responsabilidade ineludible e o seu fracaso inapelable esta tempada. No entanto, dende o inicio da liga, comprendimos que o saldo entre as marchas de xogadores (sobre todo a de Silva e Sergio) e as fichaxes (Nené, Tamas) era moi negativa, balance que se está demostrando como decisivo, tanto no xogo como na posición do equipo na táboa. Fernando Vázquez era unha peza decisiva no proxecto galeguizador da actual directiva; agardamos que o seu cese no supoña o abandono desta orientación. Non hai dúbida que ás portas do derby, os celestes quedan sen Fernando en clara inferioridade. Mágoa!

Actualización (12-04-2007)
: Fernando é un tipo elegante e leal co celtismo. Beizóns!!!

Etiquetas:

Marina Mayoral: "Case perfecto"

Hoxe recibimos do prelo os primeiros exemplares de Case perfecto, a nova novela de Marina Mayoral. A autora de Chamábase Luis propón unha indagación sobre os territorios da fronteira entre a ficción ou a realidade. Marina obriga a cada lector ou lectora a tomar partido, a decidir se está asistindo ao relato dun crime “case perfecto” ou dun moi desgraciado suceso, produto do azar. Unha novela, escrita nunha poderosa primeira persoa (un longo monólogo de case trescentas páxinas), que debuxa a trama complexa de sentimentos (afectos e rancores) que une e desune aos membros dunha familia.
Sairá ás librarías a vindeira semana e pretendemos presentala coincidindo con Culturgal. Cremos que é unha boa noticia o regreso dunha das nosas narradoras clásicas.

Etiquetas:

Máis blogs sobre edición

Vía Leroy actualizo o meu listado de blogs sobre edición: Editado (un veterano espazo para seguir o mundo editorial arxentino), Introducción al mundo de la edición (unha ferramenta de traballo do módulo de “Introdución ao mundo editorial” do posgrao da UOC de edición dixital), Planos de puentes y túneles (sobre edición e novas tecnoloxías, recomendo as súas anotacións sobre webnovelas, videolectures e teacher tube), La estrella que fa l’ ullet, Los futuros del libro (o completísimo blog de Joaquín Rodríguez). Todos proporcionan información ben interesante. Afortunadamente vaise conformando unha rede de blogs de calidade sobre o mundo do libro e da lectura. Seguirémolos.

Etiquetas:

Bertrand en España

O xornal portugués o SOL informa que Bertrand abrirá en España antes de 2009 vinte librarías. A primeira será inaugurada este mesmo mes en Torrelodones. Na información dixital que atoamos non vimos referencia ningunha a Galicia. Aínda lembramos con saudade a Libraría Bertrand, aquela marabilla no corazón da rúa do Príncipe que só estivo aberto durantes uns poucos anos a comezos dos noventa. Volverá Bertrand a Galicia?

Vía Extratexto.

Etiquetas: