Feismo? Destruír un país
/en Arquitectura, Novidades/por bretemasUn dos libros dos que máis gustei este ano é Feismo? Destruír un país de Difusora de Letras, Artes e Ideas. Esta edición soberbia e fermosa (oitocentas fotografías), como é adoito en todas as obras da editora de Xavier Paz, propón unha reflexión sobre o feismo (a destrución do territorio humanizado) como fenómeno multipolar. Este libro magnífico e moi traballado (froito dun foro transversal sobre a cuestión, no que participaron case unha vintena de especialistas) amosa que aínda é posible o papel cívico e creador do editor. A edición concibida como conversa coa nosa contemporaneidade. A edición ao servizo dunha reflexión colectiva dun país que nega a resignarse na diletancia de comprobar como se vai estragando diante dos nosos ollos. Os meus parabéns máis entusiastas para o equipo de Difusora de Letras por esta marabilla. Recoméndoo vivamente.
Botábase en falla
/en Lingua, Publicidade, Vídeos, Xerais/por bretemasNoite da edición de Galicia 2006
/en Edición, Eventos/por bretemasA segunda Noite da edición de Galicia, celebrada onte en Pontevedra, non se centrou só na entrega dos Premios da edición 2006. Serviu , ademais, para homenaxear a Sabino Torres e Isaac Díaz Pardo, os dous editores galegos máis veteranos (moi brillantes foron as laudatios, tanto a de Víctor F. Freixanes ao creador da colección “Benito Soto”, como a de Fran Alonso ao impulsor de Sargadelos e Edicións do Castro) e para dar a coñecer a opinión do gremio sobre o estado actual e os retos de futuro do sector.
O discurso de peche de Alfonso García Sanmartín, o actual presidente da AGE, foi unha peza oratoria espléndida, tan rotunda como chea de matices, que recolle como anel as preocupacións do sector tras a aprobación esta semana no Parlamento galego da Lei do libro e da lectura de Galicia. Recollo, polo que entendo gran interese e por non ter atopado apenas referencias nos medios impresos, boa parte dos contidos desta importante intervención:
O presidente dos editores galegos comezou salientando a satisfacción dos editores galegos pola recente aprobación por unanimidade dos grupos políticos da “Lei do libro e a lectura”. “Desde aquí os nosos parabéns á señora conselleira e a toda a clase política galega, o noso agradecemento por contar co sector na redacción da mesma e parabéns, de xeito especial, por conseguir a súa aprobación por unanimidade. Unanimidade que entendemos como firme decisión de apostar definitivamente polo sector. Unanimidade que compromete a palabra de toda a clase política, máis aló dos avatares que a loita de partidos nos poida deparar”.
A continuación sinalou que “non é momento de facer unha análise polo miúdo do texto da Lei, pero permítanseme salientar algúns aspectos que considero especialmente significativos: recoñécese o libro como elemento identificador de Galicia. Afírmase, en función disto, o carácter estratéxico e prioritario do sector do libro pola súa importancia cultural, social e económica e como instrumento de normalización lingüística; como garante do dereito á creación, á promoción e á divulgación da cultura, a historia e a lingua de Galicia. Recóllense tamén medidas encamiñadas á renovación tecnolóxica e á modernización da industria do libro e das estruturas de distribución. Iso define o novo reto: libro igual a cultura, normalización, industria, comercio, renovación tecnolóxica; libro igual a ben social e dereito cultural de todos os galegos e galegas”.
Continuou o presidente dos editores galegos salientado que o “libro é unha obriga na acción de goberno; libro que transcende o ámbito da acción cultural e educativa e implica transversalmente o resto do goberno: Innovación e Industria, Comercio, Mercado exterior, Benestar social, Normalización… Estamos seguros de que a Consellería de Cultura saberá liderar de forma efectiva o novo marco que a Lei nos ofrece. O sector está ilusionado en que se consiga. Seguro que no encontro do vindeiro ano estaremos xa celebrando unha nova situación”.
As palabras do presidente da AGE abordaron tamén os retos que ten por diante o sector editorial galego: “Ninguén pode poñer en dúbida que as editoriais galegas nacen fundamentalmente como compromiso coa lingua e a cultura galegas, nacen coa conciencia clara de contribuír a facer país. Pero somos xa un sector maduro e asumimos conscientemente o reto de avanzar na mellora e na modernización das nosas estruturas, na diversificación das nosas liñas editoriais, na busca de novos mercados, na edición en novos soportes… En resumo, no fortalecemento das nosas estruturas empresariais. Esa é a nosa mellor garantía de futuro e este é o noso gran compromiso e empeño. Unha sociedade incapaz de soster unha industria cultural é unha sociedade inmatura, non-desenvolvida. Un país incapaz de soster unha industria cultural é un país en perigo, un país sen futuro. Un sector que non acolla a modernización e a profesionalización como paisaxe vital é un sector ameazado, un sector en situación terminal. Velaí o gran reto e velaí o noso empeño, o noso compromiso de colaboración aberta e leal con toda acción institucional. Saberemos defender os intereses do sector e contribuír a buscar solucións para os problemas e posibles desencontros que se poidan producir. Somos conscientes de que do diálogo nace a luz, de que exercendo a crítica, como xuízo e proposta construtiva, estamos colaborando de forma efectiva a crear país”.
Alfonso García non dubidou en expresar as inquedanzas que magoan ao sector: “Hai, nestes momentos, un tema que preocupa especialmente o sector do libro. O modelo de préstamo como sucedáneo da gratuidade. Reiteramos o noso apoio á gratuidade, pero solicitamos o empeño do goberno actual na análise e no estudo das graves consecuencias que o modelo comporta para a totalidade do sector e para o propio sistema educativo. O préstamo é, ao noso ver, un regalo enganoso que se lle fai á sociedade galega. As consecuencias veranse a medio prazo.A decisión que no seu día tomou o PP foi precipitada e electoralista. O tempo dirá se seguirá a pasar factura”.
O presidente da AGE rematou a súa intervención pedindo “unha acción de goberno consecuente e harmónica. Falar de normalización lingüística na escola, de galescolas, do libro como sector estratéxico, propoñer no horizonte unha Galicia inserida na sociedade da información e do coñecemento e ofrecer o libro escolar en préstamo son accións que non se sosteñen. Para demostralo, ofreceremos os datos que se desprendan do Estudo de viabilidade do sector do libro en función do modelo de préstamo. Desde aquí, o noso agradecemento a Cedro, a ANELE, e ao Gremio Nacional de Editores; sen a súa colaboración e axuda económica non sería posible realizalo. Seguro que os resultados serán útiles para que todos tomemos os camiños axeitados e tendo como horizonte o mellor servizo á sociedade galega”.
Actualización (19-12-2006): Nota de prensa da AGE sobre o evento.
Resplandor no abismo
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Autores, Narrativa, Novidades/por bretemasXosé L. Méndez Ferrín, solidariedade traballadores de Astano (1985)
/en Autores, Eventos, Vídeos/por bretemasOs anuncios
/en Dicionarios, Vídeos, Xerais/por bretemasEstes dous espazos, os primeiros que anuncian a aparición de dúas novelas galegas, non son, porén, os primeiros dun libro galego en televisión. Hai xustamente vinte anos foi tamén Xerais a primeira empresa que empregou este medio para anunciar a aparición do Diccionario Xerais da Lingua, un feito, daquela, si verdadeiramente histórico. Somos conscientes da utilidade dos medios audiovisuais para a promoción do libro. O vindeiro ano pretendemos profundizar e mellorar, canto sexa posible, nese vieiro.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- FIl Guadalaxara4 de Decembro de 2024 - 11:03 a.m.
- Museo de Vigo3 de Decembro de 2024 - 11:13 a.m.
- Apiario27 de Novembro de 2024 - 10:20 a.m.
- A fala de Vigo26 de Novembro de 2024 - 10:32 a.m.
- Karnix celta25 de Novembro de 2024 - 9:30 a.m.