Feismo? Destruír un país

Un dos libros dos que máis gustei este ano é Feismo? Destruír un país de Difusora de Letras, Artes e Ideas. Esta edición soberbia e fermosa (oitocentas fotografías), como é adoito en todas as obras da editora de Xavier Paz, propón unha reflexión sobre o feismo (a destrución do territorio humanizado) como fenómeno multipolar. Este libro magnífico e moi traballado (froito dun foro transversal sobre a cuestión, no que participaron case unha vintena de especialistas) amosa que aínda é posible o papel cívico e creador do editor. A edición concibida como conversa coa nosa contemporaneidade. A edición ao servizo dunha reflexión colectiva dun país que nega a resignarse na diletancia de comprobar como se vai estragando diante dos nosos ollos. Os meus parabéns máis entusiastas para o equipo de Difusora de Letras por esta marabilla. Recoméndoo vivamente.

5 comentarios
  1. De la Highway61
    De la Highway61 Dice:

    Coñezo o libro e gustaríame mandar un aviso: é demoledor. Cando o comecei inda me provocou un sorriso que outro, porque hai que recoñecer que as veces a xente temos unhas saídas dignas de mellor fin. Pero son tantas as barbaridades que se lle xea a un o sangue, sobre todo porque o mundo que amosa é absolutamente recoñecible. A mín resultoume deprimente de máis e ademais non teño moi claro que a estas alturas teña algunha utilidade tal exhibición de miseria colectiva. Quizá deberíamos ir buscando outro xeito máis orixinal e construtivo de denunciar esta realidade.
    Unha aperta.

  2. arume dos piñeiros
    arume dos piñeiros Dice:

    Eu creo que o termo “feismo” vai acadar, con tanto uso, unha certa categoría estética (cos indudables réditos intelectuais e económicos derivados das táboas redondas, encontros ou seminarios organizadas sobre o asunto), en troques de ficar como o que é: un horror sen paliativos. Claro que da aldraxe á gloria só hai un paso. E curto.
    Unha afectuosa aperta.

  3. arume dos piñeiros
    arume dos piñeiros Dice:

    E o porto exterior da Coruña, co de Ferrol en frente valeiro, como se chama? En todo caso, a CIDADE da cultura está no MONTE: será tamén feismo aldeán?

Los comentarios están desactivados.