Pedagoxía da convivencia

Xián ten dezaseis anos e repite 3º de ESO. A semana pasada foi expulsado do instituto durante tres días, a máxima corrección que pode impoñer a dirección, por unha falta de respecto a un dos seus profesores e aos seus compañeiros de aula. Foi a clase sen material ningún e interrompeu varias veces coas súas “gracias” o debate sobre a actual situación dos inmigrantes que alí se mantiña. Cando Xavier, o profesor de Xeografía, lle pediu a súa opinión, Xián respondeulle que pouco lle importaba como vivían, que buscasen a vida como puidesen e se non amañaban que se volvesen para o seu país que ninguén os chamara neste. Ademais, replicoulle que estaba farto de tantos debates na clase, que non servían para nada e que eran unha perda de tempo. Xabier tratou de reconducir a situación, preguntando a outros estudantes –xa se perdera a concentración da sesión– e Xián insistiu nos seus comentarios desprezando cada unha das opinións dos seus compañeiros. Xabier, entón, indicoulle que a súa actitude non era a adecuada nunha aula e que debía abandonala. Xián contestoulle, subindo o ton, que el non tiña por qué saír da clase, que tiña dereito a permanecer alí e que non podía expulsalo por expresar a súa opinión. Despois de varios comentarios irados, Xián saíu pero, cando estaba a punto de pechar a porta, encarouse nun ton ameazador con Xabier e díxolle: “isto vasmo pagar moi caro”.

Xián xa fora apercibido de sanción con anterioridade, polas súas expulsións frecuentes, por chegar sistematicamente tarde ao centro ou polas ameazas das que se queixaron as rapazas de 1º da ESO no recreo. A nai de Xián está destrozada. Falou varias veces co titor e coa dirección do Instituto e, agora, recoñece que o rapaz chega tarde porque hai algunhas veces que non consegue erguelo da cama. “Non sei qué facer con el, téñoo intentado todo”, confésalle desacougada ao titor. “Levo varios anos horrosos. Merqueille a moto a ver se aprobaba, déixoo saír todas as fins de semana, dinlle os cartos para que fose ao concerto cos amigos, e, aínda así, non consigo que aprobe”. O titor proponlle que estude a posibilidade de que o vindeiro ano se matricule nun Programa de Garantía Social, xa que polo seu rendemento escolar e pola súa actitude xa non vai ter posibilidades de obter o Graduado de Secundaria. A nai comprométese a discutilo co seu home, pero asegura que o máis complicado será convencer a Xián, “non sabe o difíciles que son os rapaces agora”.

Este caso ficticio pode estar sucedendo en calquera dos nosos centros escolares. Conflitos semellantes, con todos os matices e circunstancias que se lle queiran engadir, son o síntoma do deterioro da convivencia escolar e do malestar docente de tantos centros, públicos ou privados, de Secundaria. O conflito que mantén Xián coa institución escolar e co seu entorno familiar amosa o desaxuste entre os seus desexos (divertirse cos amigos e consumir o que esta á moda) e os valores da sociedade das persoas adultas. A solución a este dilema non é doada.
Non podemos deixarnos vencer polo fatalismo. Existe a posibilidade de promover nos adolescentes hábitos de convivencia democrática, de respecto mutuo, de asunción consciente de dereitos e deberes; en definitiva, dos valores do sacrificio e do esforzo como esenciais para organizar o traballo escolar e a convivencia. Dende as administracións e dende os medios de comunicación, moi influíntes á hora de conformar actitudes e valores na mocidade, hai que apoiar ás familias para que establezan os límites que precisa toda educación democrática.

Esa é a proposta que dende hai anos vén propoñendo nos seus libros o coraxudo profesor Xesús R. Jares, que onte presentou en Vigo, diante de máis de duascentas persoas, a súa obra máis recente, Pedagogía de la convivencia.
Este será outro libro educativo de referencia, froito dunha investigación demorada na pedagoxía do conflito e na educación para a paz. Unha obra que pretende facer fronte a este reto colectivo provocando unha reflexión en profundidade sobre a problemática da convivencia dentro dos centros e propoñendo liñas de actuación educativa, baseadas na participación da comunidade educativa (especialmente das familias), na mediación e na resolución non-violenta dos conflitos.
Comparto con Suso, ademais de mútiples querenzas e soños, que a aprendizaxe dunha convivencia respectuosa e solidaria é responsabilidade de toda a cidadanía e non só do profesorado. A familia e a escola son os obradoiros onde deseñar esa nova convivencia que queremos. Non renunciemos, por custoso que sexa, neste empeño.

Proxecto Palabras +

Enviáronme información sobre o proxecto Palabras + que promoverá a artista Luz Darriba o 25 de novembro, na praza do Obradoiro, con motivo do Día Internacional pola non violencia contra as mulleres. Reproduzo o texto da proposta de participación na actividade:

Palabras +
A palabra, o poder, o alcance, o contido da palabra, é o concepto que rexe este traballo. Cando todos os camiños bifúrcanse, sen máis sinais que o noso propio desasosego, como diría o poeta: “quédanos a palabra”.
É, precisamente, a través das palabras dende onde foi pensado este proxecto, como un proxecto lúdico, didáctico, pictórico e interactivo, que encerra contidos tendentes a alertar, concienciar, sensibilizar sobre as relacións humanas, e todos aqueles sentimentos que nos achegan, iguálannos e diferencian, e propóñennos relacións entre pares.
Deste xeito, Palabras + volve retomar o problema da inequidade simbólica de xénero como compoñente esencial da violencia física e social contra as mulleres. Con todo, Palabras +, en lugar de postularse como unha denuncia que describe a inxustiza e a situación de negatividade –como xa foi reflectido en Patchwork (Santiago de Compostela 2004) ou Luva Negra, Luva Branca (Lugo, 2005)– afírmase na súa pura positividade.
Deste xeito, Palabras + ten como obxectivo central construír palabras, definicións, significados novos aos xa existentes coa finalidade de aportar un novo sentido concreto e simbólico á realidade. O seu propósito derradeiro será que estas definicións construídas dende a concordancia e o pluralismo cobren importancia e reclamen xustiza e equidade entre homes e mulleres. Para iso, convocamos a figuras representativas de diversas disciplinas, intelectuais e activistas políticos/as que se atopen comprometidos/as coa causa da igualdade de xénero, a participar desta obra monumental en clara oposición e rexeitamento a todo tipo de violencia exercida cara ás mulleres.

Breve descrición do proxecto
Palabras +, “palabras Animadas”, consiste nunha intervención estética de grandes dimensións que se instalará o 25 de Novembro de 2006 na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela.
A devandita intervención consiste na creación dun enorme crucigrama no que as palabras estean representadas por persoas: respecto, amor, empatía, compromiso, autoestima, xenerosidade, tenrura, valoración, paridade, solidariedade, xustiza, liberdade, independencia, sensibilidade, sinceridade, lealdade, compañeirismo, soridade, fraternidade, comprensión, amizade, paixón, estimulación, cooperación, harmonía, saúde, felicidade, unión, desexo, alegría, coñecemento, dignidade, positividade, realización, compartir, educar, coeducar, igualdade, autocoñecemento, paz, confianza, seguridade, diferenza, responsabilidade, corresponsabilidade, amabilidade, feminidade, masculinidade, empoderamento, vontade.
Estas son algunhas das palabras que cremos teñen que ser revisadas, “interiorizadas”, “redefinadas”, en suma habitadas. Estas palabras son as que convidamos a escoller e definir dende distintos puntos de vista, entre eles e o máis fundamental, o “subxectivo”. A idea e a realización está a cargo da artista Luz Darriba e para colaborar con este proxecto é necesario tomar contacto con ela á seguinte dirección: luzdarriba@hotmail.com
Convidámosvos a elexir unha palabra, a que queirades e darnos a vosa definición dela. As definicións que aporte cada persoa serán incorporadas nun catálogo-libro, xunto ás súas respectivas citas de autor/a e formarán parte do material de análise de estudantes de toda Galicia.

Proxecto-Edición

No clima creativo da nosa política cultura pública, un chisco anémico e rutineiro, agradécese moito a aparición de iniciativas como o Proxecto-Edición. Os nosos tres primeiros centros públicos de arte contemporánea (CGAC, Marco e Fundación Luís Seoane) uniron esforzos para remoer moitas inercias e facer agromar mudanzas e transformacións arredor dos modelos expositivos e das novas canles de distribución da creación cultural.
Nese novo contexto, que está comezando a dar os seus primeiros froitos, esta fin de semana celebrarase en Pontevedra a Feira-Encontro do Proxecto-Edición na que se procuran novos vieiros para a edición artística e creativa en todos os soportes. Alí estaremos participando nunha das mesas redondas e gozando deste aire renovado, tan necesario, que se nos propón.

Etiquetas:

O mundo do libro

Vía Catuxa sei desta marabilla sobre o mundo do libro.

Etiquetas:

Ler, saber, facer

O Día Internacional da Biblioteca Escolar celébrase este ano baixo o lema “Ler, saber, facer”. Recomendo baixar o documento PDF elaborado pola Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellaría de Educación, no que se dá conta das características da efémeride en Galicia e se suxiren moitas actividades para realizar nas Bibliotecas dos centros educativos, durante o día de hoxe ou durante esta semana, co obxectivo de facer visible a biblioteca escolar na sociedade.

Día Internacional das Bibliotecas Escolares

Mañá, cuarto luns de outubro, celébrase o Día Internacional da Biblioteca Escolar. Esta efeméride, iniciada en 1999 e convocada pola Asociación Internacional de Bibliotecarios Escolares (IASL), pretende sensibilizar á sociedade sobre a importancia da biblioteca escolar como recurso fundamental no proceso de ensino-aprendizaxe e impulsar a súa presenza na institución escolar.
Nesta pasada semana celebrouse o Iº Congreso nacional de Bibliotecas Escolares en Salamanca do que Antonio Tejero ofrece unha magnífica crónica. Quedei con dúas das afirmacións que el recolle sobre a definición da Biblioteca Escolar que ben poderían orientar a celebración da efeméride mañá:

  • Lugar central das aprendizaxes, centro de recursos para todas as áreas (Alejandro Tiana, Secretario Xeral do Ministerio de Educación).
  • Un centro educativo é un conxunto organizado de aulas entorno a unha biblioteca (Lourence H. Das).

Tour irmandiño

Xabier Feixoo achéganos noticias do seu traballo: novas fotografías do concello de Sandiás e o inicio dun Tour Irmandiño, proxecto no que colaborou coa xente de Culturagalega.org. Este percorrido polos espazos da revolta irmandiña pareceume moi interesante e amosa outras posibilidades da rede para ir construíndo coñecemento de forma colaborativa.

Etiquetas: ,

Un "L" con moita miga

Hai dous días publiquei un post sobre A Coruña coa intención de dinamitar os moitos prexuízos que existen sobre a cidade de cristal na que estudei o bacharelato e á que tanto quero. Porén, ese comentario emotivo non impide que agora propoña unha reflexión máis racional sobre o que se agacha tras a estratexia dos que, como o actual conselleiro da Presidencia, pretenden reavivar de forma tan interesada como inoportuna o lume da polémica do “L”.
Unha estratexia, que entendo, moi meditada nas súas intencións políticas arredor tanto do modelo actual de política lingüística, dos contidos sobre a lingua no novo Estatuto de Autonomía e, mesmo, influír sobre o resultado das futuras eleccións municipais.

As raíces do conflito do “L”
A polémica sobre a utilización do “L” é un conflito xurídico, xa moi reseso, provocado pola rebeldía reiterada de Francisco Vázquez e os membros do seus equipos de goberno (dos que Méndez Romeu formou parte en varios mandatos) en negarse a utilizar o único topónimo oficial recoñecido e avalado polas sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (1994), do Tribunal Supremo (2000) e do Tribunal Constitucional (2002). Hai vinte e tres anos que a Lei de Normalización Lingüística (aprobada unanimemente por todos os grupos parlamentarios galegos) estableceu sen ambigüidades que en Galicia os topónimos dos municipios, núcleos de poboación e vías de comunicación interurbanas terán como única forma a galega. Unha competencia que o Estatuto de Autonomía atribúe á Xunta de Galicia de forma exclusiva e que non modificou a Lei de Modernización do Goberno Local (mal chamada “Lei de Grandes Cidades”) xa que unha norma do seu rango non pode modificar a distribución competencial realizada pola Constitución e o Estatuto de Autonomía, que atribúe ao Estado a determinación dos nomes oficiais das provincias (no noso caso, lembremos que “A Coruña” e “Ourense” son as denominacións vixentes) e aos concellos o de fixar os nomes das vías urbanas.
Mal que lles pese aos membros do grupo municipal socialista da Coruña o actual ordenamento xurídico non lles atribúe competencias abondo para modificar o tópónimo da súa cidade, mais si, e se así o quixeren, para mudar os nomes de reseso avoengo franquista que aínda afean Marineda. Avenida del Alférez Provisional, Viaducto del Generalísimo, Avenida del General Sanjurjo (que no seu día reemprazou a do pedagogo Francisco Ferrer i Guardia), Plaza de Millán Astray (con estatua), General Mola (que desprazou ao nome tradicional de Perete), Juan Canalejo son algunhas das denominacións actuais que demostran que o franquismo non desapareceu do actual rueiro coruñés. Algo incomprensible nunha cidade de tradición liberal e republicana como A Coruña e que nos vinte e sete anos de corporacións democráticas nunca coñeceu un goberno municipal que se declarase como “conservador”.

O conflito do “L” e a política lingüística
Seguir cuestionando teimudamente o topónimo “A Coruña”, despois de ter perdida de forma reiterada a batalla xurídica, supón de facto rachar o consenso que os tres partidos parlamentarios acadaron no Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL), o documento fundamental para volver poñer en valor a Lei de Normalización de 1983, texto normativo que establece a forma galega como a única da toponimia da comunidade e que recoñece a autoridade da RAG para cuestións léxicas e ortográficas relacionadas coa nosa lingua. Este disenso, defendido polo conselleiro da Presidencia explica porqué, despois de dezaseis meses, o PXNL non acabe de arrincar nin a nova Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) conte con todos os medios e coa enerxía política precisa para impulsalo.

As consecuencias para o bipartito
Semellante paralización do PXLN ten que provocar importantes tensións no seo do goberno bipartito. O vicepresidente e conselleiros nacionalistas deben aturar tanto a anemia normalizadora dos seus socios (que quedaron coa responsabilidade da SXPL) como as críticas constantes da MNL, feitos que indubidablemente os desgastan na súa credibilidade de compromiso coa lingua e agoiran que, se non lle poñen remedio decontado, esta lexislatura (mesmo coa súa presenza goberno) se estragou para remontar a maltreita política lingúística.

As consecuencias sobre o debate Estatutario
Esta anemia normalizadora non é a máis favorable para propiciar un debate sereno sobre os importantes cambios que debería introducir o novo Estatuto no referido á lingua: especialmente, o deber de coñecemento do galego por parte de todos os cidadáns, alén doutros referidos á toponimia e á redacción dunha carta de dereitos lingüísticos. Aspectos, na miña opinión, tan decisivos como o recoñecemento do carácter de Galicia como nación, para poder acadar un texto aceptable.

Un caneíño curto
Méndez Romeu reavivando a polémica sobre o “L” pretende realizar un caneíño en curto que seduza á bancada conservadora coruñesa (rota en dúas candidaturas e, segundo as enquisas, cunhas expectativas pésimas). Nesa bancada de “voto PP” é onde pode aspirar Losada atopar a maioría absoluta que evite ter que contar cun certo apoio do BNG de Tello.

Coda
Méndez Romeu guindou un intelixente globo sonda consciente de que a súa aparición no escenario desgastaría ao bipartito, especialmente ao BNG (algo que lle interesa), entorpecería o debate estatutario (do que tampouco é moi favorable) e paralizaría o anunciado relanzamento do PXNL. Unha carambola a tres bandas con mínimo custe político para el. Outro éxito para o grupo do PSOE coruñés. Que pensarán o presidente Touriño e o embaixador vaticano?


Etiquetas:

Coroa patrimonial

No artigo da semana, a raíz da aparición de Vigo e comarca camiñando, o novo libro de Xosé Ramón Varela, fago un comentario sobre a importancia da coroa vexetal e arqueolóxica viguesa e sobre a dimensión do sendeirismo como deporte cultural.

Foto: Vista da ría de Vigo dende o miradoiro do Monte Cepudo (J. Albertos).

Etiquetas: , ,

Máis alá

Moi xeitosa a nova canle cultural de Vieiros. A estrutura de seccións, a presenza importante da imaxe e do vídeo e, sobre todo, o tratamento da información cultural presentada nestas primeiras entregas son novidades que anuncian que este novo espazo vai constituír un paso importantísimo para Vieiros e para a ampliación da súa audiencia. Ademais, gústame esa homenaxe sutil que con este nome se lle fai á cultura galega renovadora dos oitenta (Máis alá foi, ademais do manifesto manuelantoniano, o título daquel primeiro programa cultural vangardista dos primeiros anos da TVG que presentaba e dirixía Manuel Rivas, que ben se poderían ir publicando na rede). Beizóns para Lois e o seu equipo por este novo paso adiante.

Etiquetas: ,