Cartaces de Bruxelas


A viaxe coas peñas celtistas desta fin de semana pasada foi para nós toda unha experiencia (como pode comprobarse na extensa reportaxe de “Celta“, o peñista máis sonado da Guarda) de como funcionan estas cousas do corazón futbolístico máis apaixonado.
Das trescentas fotos que tirei, escollín para non caer nos tópicos belgas (Tintin, Magritte, gaufres e Godiva, que tamén exploramos con teimosía), as destes tres cartaces pillados na rúa: o da editorial de Jacques Brel, o da cervexa Celta e o da estrea da primeira película de Jason Reitman. Nese pequeno país (pareceume moi conservador e ríxido) de comedores de patacas e bebedores de cervexa había moito no que fixarse.
Etiquetas: , , ,

Agardando a Gordon

Eis un regaliño para agardar con acougo a chegada do temible Gordon, o vídeoclip (cinco minutos) do último disco (o número 44) do xenial Bob Dylan, protagonizado pola fermosa Scarlett Johansson. Bob está en boa forma, si señor!

"Libro aberto" de madrugada

Coincidindo co inicio do curso, regresa á grella da TVG Libro aberto, o programa sobre libros e literatura dirixido por Luís Rei. Hoxe xirará arredor da entrevista que Manuel Romón manterá con Suso de Toro con motivo da aparición de Home sen nome. Mágoa que este primeiro programa da nova tempada se emita a partir das 01:40, o que constitúe un auténtico disparate e unha forma de facelo invisible. Semella que os responsables da nosa televisión pública esquecen axiña os seus compromisos de apoiar a visibilidade do libro e da promoción da lectura e volven as andadas arrumbando o seu programa literario (concibido para ser emitido a partir das 12:30) para que compita cos informativos de madrugada.
Libro aberto, un bo espazo, que foi gañando interese en cada novo programa e obtendo unha cota de pantalla máis que digna (faláronme de máis de 24.000 espectadores), merece outra ubicación no horario nocturno, que permita velo aos moitos que entramos a traballar ás oito da mañá ou a tantas outras persoas ás que lles gusta a literatura mais tamén deitarse un pouco máis cedo.
Somos xentes optimistas da vontade e seguimos crendo que outra TVG debería ser posible, aínda que con estas medidas claramente anticulturais (como a supresión do chamado “minuto do libro” ao remate dos informativos, un espazo gañado a pulso á anterior dirección), a verdade, é que o vemos cada vez máis díficil. A dirección da TVG debería retificar canto antes e ubicar Libro aberto no seu horario inicial.
Etiquetas: ,

O futuro do PSOE vigués

Estes douscentos militantes socialistas vigueses, que polo momento parecen non apoiar a candidatura á alcaldía de Abel Caballero, irán en serio ou ao final van amagar? O futuro municipal do PSOE vigués semella previsiblemente o doutra decepción anunciada.
Etiquetas: ,

Galicia en guerra

O Cartafol de libros faise eco da aparición de Galicia en guerra do xornalista Eduardo Rolland, o noso último título da colección Crónica. Alédame moito esta crítica desta obra sobre o papel de Galicia durante a IIª Guerra Mundial pois este é un dos libros máis singulares e desmitificadores (sabemos que contén documentos moi importantes, como por exemplo, a relación de galegos asasinados en Mathaussen) aparecidos neste chamado “Ano da memoria”. Presentáremolo en Vigo nas vindeiras semanas.

Etiquetas:

Entrevista a Suso de Toro

Despois de catro días desconectado por mor dunha intensa viaxe, encontro na caixa de correo o enlace da entrevista de Marcos Taracido con Suso de Toro. Merece unha lectura atenta. Agradécese a seriedade deste magnífico blog. Estes días, se o traballo o permite, iremos aterrando de novo no cotián.

(Foto de Ánxel Iglesias)

Etiquetas:

A menina ponteareana de Velázquez

Cando volvades polo Prado reparade no cadro de Velázquez con outros ollos tratando de indentificar á menina ponteareana. Isto si que é erudición galeguista!
Etiquetas:

As claves do éxito en lectura

Esta mañá nunha reunión de editores galegos con responsables da Dirección Xeral de ordenación Educativa da Consellaría de Educación coincidiamos na importancia que a nova reforma curricular concede á lectura e ao manexo das novas tecnoloxías da información. Establecer a lectura, nos seus diferentes soportes, como procedemento transversal de todas as áreas (o que obrigaría dalgún xeito a deslecturizar a área das linguas e a intensificar a lectura no resto das materias, fosen tanto humanísticas como científico-técnicas) é o grande reto que ten o profesorado e ao que debemos saber responder os editores educativos. Nesta fase de deseño dos materiais, na que estamos non está de máis repasar cales son as claves do éxito deste enfoque, que tantos froitos ten proporcionado, por exemplo, e se nos remitimos ao informe PISA, en Finlandia (Vía Tokland). Outro exercicio pendente de reflexión práctica.

Comercio interior do libro 2005

Ás portas de Liber, aparece o avance de datos do estudo do comercio interior do libro, elaborados pola empresa Precisa para a Federación de Gremios de Editores. Só coñeciamos noticias de prensa, ata que onte puidemos manexar as gráficas de datos básicos, agardando a publicación do informe e extraer os datos referidos á edición privada galega.

Os datos indican que continúan as tendencias de sobreprodución do sector (máis de 69.000 títulos), ao tempo que se produce un estancamento da facturación e mudanzas nas canles de comercialización. Así, a a facturación do conxunto do sector español, a prezos de capa, acadou os case tres mil millóns de euros (o que supuxo apenas un incremento con respecto ao ano anterior do 1,8%, por baixo do crecemento da inflacción); mentres o conxunto do sector editorial privado galego superou os 23 millóns de euros, o que supón un crecemento do 4%, idéntico o da inflacción). Facturación que se obtén cun incremento de títulos do 2,6% e de tirada (314 millóns de exemplares!) do 3,5%, da que se vendeu o 70% (o resto quedou para a exportación e para as devolucións).
Quizais o máis significativo deste avance de datos sexan os referidos aos cambios na comercialización, onde se pode salientar:

  • Diminución da facturación da canle de librarías que, a pesar de contar co 49% das vendas do mercado, perde un 4% que van ás cadeas de librarías (en clara tendencia á alza) e aos hipermercados. A pérdida de vendas das librarías aumenta ao 5,7% nos libros de texto.
  • Baixada de vendas dos clubes do libro e da venda a crédito e aumento das vendas por correo.
  • A facturación en soportes dixitais supón xa o 10% do total.
Actualización (20:15): desde esta mañá pódese descargar en PDF a totalidade do estudo. Empregar este formato dixital é unha boa idea da Federación de Editores. Estudarémolo con vagar para extraer os datos referidos a Galicia e tirar conclusións.
Etiquetas: