Exit

Grazas a Michelena e Comunicación Cultural chego á versión dixital da revista trimestral Exit, dedicada ás artes visuais máis características do século XXI, que ofrece no seu último número un monográfico sobre “Lectura e lectores“. É magnífico todo o material fotográfico publicado arredor do acto de ler, dos espazos para a lectura e do mundo do libro, aínda o que máis me prestou é o texto do editorial de Rosa Olivares apostando máis pola lectura ca polo libro (unha actividade “que nos estigmatiza e introduce nun club cuxo lema é paixón ou insatisfacción).
Etiquetas: , ,

Little children

Julián Gallo di que é o mellor trailer do ano. Unha narración dunha atracción implacable de pouco máis de minuto e medio. Baseada nunha novela de Tom Perrota, os produtores da película de Todd Field afirman que propón unha novidosa relación entre a literatura e o cine. Haberá que comprobalo.
Etiquetas:

Menchu no CGAC

Mañá abre a exposición de Menchu Lamas no CGAC, a que promete ser unha das máis importantes exposicións da tempada. Sempre tiven unha grande querenza e admiración polo traballo desta pintora de trazo rotundo e apaixonado. Gosto da depuración á que ven sometendo as súas características iconas, tanto pola intensidade no tratamento da cor coma pola súa capacidade de enmarcalas nun universo de plurisignificados. Haberá que falar devagariño desta antolóxica do seu traballo da última década.
Etiquetas: , ,

Espazo colaborativo de libreiros

Txetxu, esa fonte inagotable de iniciativas, cumpre unha promesa e ofreceeste wiki sobre o traballo na libraría. Un espazo aberto, colaborativo e moi práctico dirixido aos profesionais da libraría, mais tamén moi interesante para os que traballamos noutros elos da cadea de valor do libro (como os distribuidores, editores e, mesmo, os bibliotecarios). Indispensable para quen estea pensando en montar unha libraría ou para quen queira mellorar a súa actividade. Nestes tempos difíciles de mudanza do sector libreiro, recoméndoo moi vivamente.

Etiquetas:

Desenvolvemento sostible ou ecocidio

(Foto Sangiao, El Correo Gallego)
A catástrofe de Caldas provocou un interesante debate sobre o futuro medioambiental do país. Durante as dúas últimas décadas, ao tempo que se producía unha reconversión no noso sector agrario, sen precedentes na nosa historia, o proceso implacable de urbanización provocou un enorme impacto sobre o territorio que modificou a paisaxe galega e a nosa estrutura demográfica e produtiva. Un modelo de desenvolvemento económico (tan voraz como impaciente) e un desinterese abraiante polas cuestións medioambientais da maioría das administracións (tanto dos gobernos autonómico e central como da maioría dos concellos) e das empresas explican que durante este periodo xermolasen a maioría dos problemas e das catástrofes ecolóxicas que agora tanto nos magoan. Temos diante unha relación deste tipo de problemas, tan abrumadora, que semella vivimos en Galicia no perigoso gume dun ecocidio colectivo inevitable: a vaga anual de incendios, os verquidos contaminantes sobre os ríos, as rías e a atmosfera, a degradación de ecosistemas patrimoniais, a perda de monumentos naturais, a urbanización salvaxe da beiramar… É nese contexto problemático sobre o que se poden entender de forma máis acaída as iniciativas que ven tomando o novo goberno galego no seu primeiro ano sobre a política agroforestal, a reubicación da planta de celulosas de ENCE e das novas peixefactorías, a vixilancia e disciplina urbanística, a política enerxética (dende os canons a pagar polas empresas eléctricas á paralización do plan de minicentrais dos ríos), a protección dos espazos da rede Natura 2000, o abastastecemento de augas (un recurso, tamén en Galicia, escaso), o saneamento integral da ría de Vigo (para facer fronte as sancións das autoridades xudiciais europeas), o tratamento dos residuos urbanos e industriais…
Invertir esa aparente tendencia ecosuicida do noso país non é doado xa que hai moitos intereses, moitos millóns de euros en xogo, e moitas inercias que tratan (ou tratarán) de impedilo. Deseñar as bases dun auténtico desenvolmento sostible, que faga compatible a actividade produtiva e a modernización das infraestruturas (que precisamos para aumentar a nosa competitividade) co respecto ao patrimonio natural, debería constituír un eixo transversal das políticas do bipartito. Levar adiante esta política (unha auténtica revolución entre nós) require coraxe e determinación pola súa banda, mais tamén un pacto de corresponsabilidade coa sociedade toda (dende mudanzas nos comportamentos de cada un dos consumidores, á asunción de actuacións medioambientalmente resposables das empresas e das administracións locais). Escoller entre un modelo de desenvolvemento sostible ou continuar co actual ecocidio é o dilema no que estamos.

O incendio de Caldas (II)

(Segundo vídeo de enanomatoon sobre o incendio de Caldas)

Etiquetas:

O inicio do incendio de Caldas

Debémoslle ao enanomatoon este importante testemuño videográfico do inicio do incendio de Caldas.

Etiquetas:

Borja Oubiña

Nas páxinas de deportes de El País aparece hoxe unha reportaxe sobre Borja Oubiña que moito me alegrou. O texto amosa que o mellor futbolista galego da actualidade é tan bo e intelixente rapaz como sólido mediocampista dunha grande proxección internacional. As súas declaracións criteriosas sobre o fútbol actual (adscribíndose ao fútbol de toque e de conxunto), as súas opinións prudentes e retranqueiras (mais contundentes, tamén) sobre a concepción da canteira do Celta e do Coruña son moi ilusionantes para os que soñamos que algún día estes dous conxuntos sexan cen por cen galegos.
Hai dúas tempadas que comprobamos en Balaídos como Borja foi medrando como futbolista de porte elegante, e como foi gañando en seguridade e intensidade (tanto no roubo de balón, onde xa é un mestre, coma na distribución sobre as bandas, onde comeza a coller confianza). Oubiña é o modelo de futbolista moderno: culto, estudoso e paciente, moi traballador dentro e fóra do campo (sei que despois dos adestramentos queda dúas horas castigándose só no ximnasio da Madroa), e moi disciplinado e concienzudo tacticamente sobre o terreo (alí é o home de Fernando). Se é quen de gañar en claridade e precisión atacante (onde, polo momento están as súas maiores carencias), non teño dúbidas de que a presente será a súa grande tempada, tanto no Celta, como nas seleccións nas que participa (como mediocentro defensivo non admite comparación nin con Abelda nin con Senna). Temo que será tamén a derradeira co Celta. Seguindo por este vieiro, o vindeiro ano a Premier League váinolo levar .
Etiquetas: , ,

Libros sobre libros

Leroy Gutiérrez publica hoxe unha completa recompilación da bibliografía en español sobre a edición e os editores. Engado algunha referencia (do apartado de memorias de editores) que pode ser de interese para completala:
  • Giulio Einaudi en diálogo con Severino Cesari, Anaya/Mario Muchnik, Madrid 1993.
  • Memorias, Carlos Barral, Península, Barcelona 2001.
  • Pasando página. Autores y editores en la España democrática, Sergio Vila-Sanjuán, Destino, Barcelona 2003.
  • La guerra de los planetas. Memorias de un editor. Rafael Borrás Betriu, Ediciones B, Barcelona 2005.
  • Una experiencia editorial, Manuel Aguilar Muñoz, Aguilar, Madrid 1963.
No eido do deseño de libros penso que un título importante é El diseño de libros del pasado, del presente, y tal vez del futuro. La huella de Aldo Manuzio de Enric Satué, Fundación Germán Sánchez Ruipérez, Madrid 1998 (a edición orixinal en catalán publicouna Eumo en 1996). Tamén é importante sinalar que existe unha 2ª edición (2005), ampliada sobre a citada de 1994, do extraordinario Manual de edición y autoedición do prolífico galego José Martínez de Sousa (este é o libro que sempre agasallo a aqueles que comezan a traballar comigo como editores). En francés (onde hai unha abondosa bibliografía sobre a cuestión) son moi útiles dous manuais: Les métiers de l’ edition, Bertrand Legendre, Editions du Cercle da la Librairie, Paris 1996 e Traité pratique d’ edition, Philippe Schuwer, Edition du Cercle da la Librarie, Paris, 1994. Mención á parte merecería a bibliografía sobre a historia do libro e da lectura. Un bonito traballo para completar en comunidade.