Querémoste, Maestro!

Como unha martelada durísima recibimos esta mañá a noticia da morte de Lázaro Enríquez.
Querémoste moitísimo, Maestro!
As fotos de
Villalobos fixéronse hai moi poucos días, cando LER asinaba os seus derradeiros gravados caligráficos que agasallaremos nesta Noiteboa.

Actualización (15-12-05): fermoso o post de Ian e oportuna a información aparecida en Vieiros.
Actualización (18-12-05): recordo no artigo da semana.

"Aquí nos vemos"

Paga a pena o artigo de Juan Cruz anunciado Aquí nos vemos, a nova novela de Berger. Anoto no caderno para a reflexión esta afirmación de Berger:

Non é unha autobiografía. A autobiografía persoalmente non me interesa porque non creo que o ser humano sexa a raíz do ser. Creo que o ser, o que nos chamamos, é o que ocorre no intercambio dun mesmo cos demais. E a raíz do ser é a perplexidade coa vida, mais non ten que ver cun mesmo.

Cortázar, Seoane, Porrúa e Galicia

Juan publica hoxe un post interesante sobre as relacións de Cortázar con Galicia que recomendo vivamente.
Sen entrar a valorar a oportunidade da cesión do legado fotográfico e fílmico cortaziano, semella que Touriño quere marcarse un tanto diferenciador con respecto á política cultural que acomete o seu propio goberno. Non correspondería encabezar esta xestión á Consellaría de Cultura? É imprescindible pretender capitalizar como propia cada iniciativa?

Museos futuros

A partir da noticia do anuncio do traslado do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía á Coruña, no artigo da semana reflexiono sobre a rede museística viguesa e o papel dos museos futuros.

Pisa no Froxán

O sábado de mañanciña subimos amodiño a Froxán, dende a Pobra do Brollón, entre a brétema que orzaba os soutos e as bidueiras, ao pé dunha estradiña moi estreita e virada. Esta entrada vagorosa ao Courel, por Parada dos Montes, permite chegar directamente á fonte do Milagro de Froxán, diante da eiriña na que se celebra a Festa da Pisa e do abandoxado da castaña.
A aldea de Froxán semella hoxe unha das máis dinámicas do Courel -sometida a un proceso de recuperación patrimonial, afortundamente menos museificador co que están padecendo outras, singularmente Seceda– espertando mornamente do seu devalar. Ao mediodía as casiñas arremuiñadas nos socalcos van quecendo ao resol. Evaristo, o animador da Pisa, confésame que non ten dúbida de que o día vai abrir de alí a un pouco.
Chegan Miro e Mar, os amigos nosos da libraría Meendinho, cos que ruamos un pedazo ata o edificio da escoliña, construída en 1925, e hoxe abandonada (no Froxán quedan só dous pequenos). Pouco despois, párame “Foz”, un compañeiro da laboral do que nada sei dende hai vinte e cinco anos. Entre falares e noticias apresuradas da familia e dun tempo pasado, quen o dubida, somos outras persoas, despedímonos moi emocionados.
Dende o pasado ano, no que viñemos por vez primeira a esta festa, estou convencido de que o Courel todo é un espazo nutricio de encontros inagardados. Debe haber algo mítico entre estes soutos espidos que chama a xentes de todo o país a acudir a esta eiriña para continuar intentando abalar a pedra da tradición.
Despois do traballo do abandoxado, comezan as breves intervencións no palquiño. Serxio Pazos, o simpático pregoeiro, anima ao persoal co seu “Rap da Pisa”; logo presentamos a correr a Fonte de Esperante, o desacougante libro de relatos de Xosé Manuel Marcos, o grande escritor caurelao residente en Madrid. Rematan os discursos coas palabras de Emilio López e do retranqueiro Alcalde de Folgoso. Precede ao xantar, tipicamente castañeiro, a “Muiñeira de Froxán”, que interpreta o grande mestre gaiteiro Xosé Luís Foxo, acompañado á caixa polo propio Milucho (deulle con moito xeito o Delegado Provincial).
No xantar falamos moi animados de libros, autores e editores. Marchamos pitando para a presentación de Chantada, prometendo que volveremos á vindeira Pisa. Esta cita no fondo da fraga xa é un compromiso ineludible.

Kalendas

Viaxamos á cidade da brétema para presentar as Kalendas de Xosé Lois García. O acto, que repetimos ao día seguinte en Chantada, tivo grande altura literaria, sobre todo, pola intervención moi meditada de Xosé Manuel Eiré, quen cualificou o libro “como un proxecto poético absolutamente inusitado, froito dun traballo hercúleo que acaba posuíndo ao lector”. “Poesía océano, esixente e esixida”, foron outras das valoracións de Eiré para este libro nacido da convención formal de manuscribir un poema diario nunha axenda cubana dedicada a José Marti. Almanaque ou axenda poética, xornal lírico, enorme poema que narra a existencia ao longo do ano 2003 do noso maior poeta emigrante, Kalendas é unha proposta que pola súa orixinalidade e dimensión merece non pasar desapercibida.

Lennon XXV

Proliferan hoxe as lembranzas de John Lennon. Valadés envía aos amigos esta fotografía realizada a mesma tarde do asasinato e considerada como a mellor portada de Rolling Stone das últimas catro décadas. Lennon lives forever.

O "Oliver Twist" de Polanski

Nunha primeira ollada pode parecer que moi pouco do selo do rabudo Polanski atopamos no seu remake de Oliver Twist. Formalmente maxistral, a narración cinematográfica flúe fiel co texto da novela, ao ritmo marcado por unha fermosa banda sonora e unha ambientación decimonónica moi coidada, deixando só un oquiño final para unha homenaxe polanskiana á ambivalencia moral de Fagin, o mestre dos ladronciños. Porén, o mestre da dor deixa subterránea a súa pegada na aparentemente intrascendente exposición dos padecementos infantís como parte da condición humana e da súa maduración e perda da inocencia (algo moi dickensiano), fuxindo á mantenta do sentimentalismo de bos e malos doutras versións. A crueza arrepiante da xungla urbana londiniense (paradoxicamente unha homenaxe a Praga), amosada en detalles insignificantes, serve para expresar con frialdade a brutalidade da vida coa que aínda hoxe se enfrontan con escasa esperanza milleiros de rapaces das rúas do mundo. Eis, nese escaso doutrinarismo moral da versión de Polanski é onde atopei esas migallas de infinita humanidade que deitan todos os textos do meu admirado Charles Dickens. Creo que Polanski, a pesar do xélido desta mirada, sae ben parado da ousadía de reconstruír tan complexa narración deste mestre indiscutible do corazón humano.