A Protestante
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a publicación do libro La Protestante (IEV 2025) de Paco Niebla:
O pleno da corporación do 31 de marzo de 2008, presidida por Abel Caballero, cando no Campo de Granada gobernaban en coalición o PSdeG-PSOE e o BNG, acordou engadir ao nomenclátor das rúas viguesas o nome de seis mulleres represaliadas polo franquismo. Un acordo que, como viña solicitando a Asociación Viguesa pola Recuperación da Memoria Histórica do 36, supoñía a primeira homenaxe institucional para estas viguesas vítimas da violencia franquista, até entón ocultas ou silenciadas nos libros de historia e ausentes nas hemerotecas, esquecidas, pendentes de xustiza e reparación, cuxos relatos vitais comezaban a ser rescatados por investigacións heroicas como as do historiador Xoán Carlos Abad Gallego, recollidas no seu libro piar Héroes o forajidos. «Fuxidos» y guerrilleiros en la comarca de Vigo (Instituto de Estudos Vigueses, 2005), ao que unha década despois engadiría Días negros. Crónica lutuosa dalgúns dos feitos que encheron de dor e morte o sur da provincia de Pontevedra. (Dende 1936 até 1978), (IEV, 2016), Máis días negros (IEV, 2017) e O soño crebado. Da República á Guerra Civil en Vigo (IEV, 2019), ilustrado por Evaristo Pereira, catro libros extraordinarios, indispensables e referenciais, para a recuperación da memoria republicana na rexión urbana de Vigo.
Aquelas viguesas foron todas mulleres novas e comprometidas coas luces da República. Rosario Hernández Diéguez «A Calesa», vendedora de xornais na porta da sociedade o Ximnasio da rúa do Príncipe, hoxe a Sede do Celta, torturada e asasinada nun cuartel de Falanxe o 3 de setembro de 1936, cando contaba apenas vinte anos. Carmen Miguel Agra, ama de casa, suicidouse aos vinte e catro, cando o 23 de abril de 1937 intentaba fugarse co seu home, Anxo Nogueira Nogueira, e outros republicanos, no bou Eva, un dos episodios máis estarrecedores da historia viguesa. Urania Mella Serrano, profesora de piano, pioneira feminista, condenada a morte coma o seu home, Humberto Solleiro, fusilado o 30 de outubro de 1936, á que lle sería conmutada a pena por 30 anos e liberada en 1945, un mes antes do seu pasamento, consumida por un tumor cerebral, xestado no cárcere de mulleres de Santurrarán. Margarita Bilbatúa Zubeldía, costureira, irmá de Antonio e Demetrio, dirixentes socialistas fusilados o 27 de agosto de 1936, conseguiu fuxir a Francia, antes de refuxiarse en México DF onde viviu até o seu pasamento en 1979. Mercedes Núñez Tegra, posuidora do triángulo vermello no campo de concentración de Ravensbrück, liberada en 1945, días antes de que estivese prevista a súa execución.
Foi a sexta destas referentes de memoria Ángela Iglesias Rebollar, costureira, sindicalista, pioneira feminista, comunista, colaboradora da sección viguesa de Socorro Vermello Internacional, asasinada cando estaba grávida, despois de ser violada no monte da Guía por unha manada de fascistas a noite do domingo 11 de abril de 1937, xunto ao seu home José García Niebla, fogueiro da draga portuaria que construía o peirao de transatlánticos, tras ser detidos a mesma noite por un pelotón de falanxistas e membros da Garda Civil que os acusaron de acoller na casa de Sanjurjo Badía a César Rosas, dirixente de CNT e a Antonio Iglesias, os roxos máis buscados da provincia. Terrible historia a de Ángela, nacida o 28 de marzo de 1911 no barrio A Pasaxe, na parroquia de Camposancos, do concello da Guarda, onde abrazou a fe evanxélica, moi coñecida en Teis, onde se trasladou en 1930 cando casou, como a «Angelita, la protestante», novelada polo seu neto, o xornalista Paco Niebla, tras unha longa investigación, publicada co título La Protestante. Ojos azules, corazón rojo (IEV, 2025).
Niebla reconstrúe a infancia e mocidade de Ángela na Guarda, onde sufriu o pasamento prematuro da súa nai e dunha irmanciña, e os días vigueses de entusiasmo da República, nos que naceron os seus fillos Pepe e Chicho, até os meses de terror faccioso. Velaí onde a historia novelada adquire todo o seu sentido, tras o tráxico e perturbador desenlace dos seus avós, vítimas do terror máis atroz e desapiadado, que afectou ao José Ramón Curbera, o conserveiro que negociou as condicións das súas empregadas con Ángela, que sufriu ao día seguinte un infarto repentino. Desgracia que sufriron tamén os tres fuxidos acubillados na casa de Ángela e José, dos que César e Antonio se suicidaron, para evitar ser detidos, e Ernesto tras ser capturado fusilado no Castro o 1 de xullo de 1937. Historia novelada con firme pulso narrativo, completa por Niebla cun epílogo no que reconstrúe as biografías das vítimas e se dá conta dos pormenores dunha investigación que se alongou máis de dúas décadas. Outra excelente publicación do IEV, que contribúe a desvelar a biografía desta muller xenerosa e comprometida, de ollos azuis e corazón vermello.













